Non hai autogoberno real sen autonomía e suficiencia financeira

Sen categorizar 4 Comentarios

“Galiza é pobre”, “Precisamos da solidariedade do Estado ad aeternum”. Estes son algúns dos tópicos cos que nos bombardea o discurso dominante para perpetuar a imaxe dunha Galiza pedichona e esmolante. No BNG cremos firmemente que Galiza é un país rico, que podemos facernos plenamente responsábeis da nosa fiscalidade se existen unha regras claras e iguais para todos.

O mito de que Galiza vive da solidariedade do Estado non se sustenta en datos reais: os galegos e galegas pagamos máis de 9.000 millóns euros en concepto de distintos impostos, mentres o Estado cede a Galiza 6.100 millóns euros. O que o Estado recada en Galiza é superior ao gasto da Comunidade Autónoma. E isto sen pensar nas grandes empresas que detraen os seus recursos do noso país (Iberdrola, Fenosa, Endesa, Citroen, Navantia….) pero que pagan os seus impostos e teñen a súa sé social en Madrid.

O BNG aposta pola responsabilidade fiscal plena do país, pola territorialización dos tributos e a creación dunha axencia tributaria propia, en definitiva, polo modelo de concerto económico, plenamente compatíbel coa solidariedadade interterritorial e o sostimento do Estado. Porén, mentres non se poida chegar a este modelo de máximos, é fundamental que a refoma asegure a cobertura das necesidades financieiras da Comunidade Autónoma.

O sistema de transición que propón o BNG pasaría por unha cesta de impostos propios e de porcentaxes cedidos sobre os tributos estatais que asegure a suficiencia financieira da administración galega. O modelo debe ter en conta as necesidades e especificidades dos distintos territorios, permitindo que se ofrezan servizos públicos de calidade a toda a poboación. Polo tanto haberá que ponderar os custos que teñen factores como o avellentamento e a dispersión da poboación.

Galiza debe camiñar cara á autorresponsabilización fiscal porque non hai autogoberno real sen autonomía e suficiencia financeira.

Goberno continuista e con sombras para o agro e a pesca

Sen categorizar Non hai comentarios

O Gabinete que presentou esta fin de semana o presidente do Goberno non ofrece grandes novidades respeito da última lexislatura nas grandes liñas económicas -Solbes segue á fronte do Ministerio de Economía e Facenda e da Vicepresidencia Segunda-, como en materia autonómica, onde Elena Salgado mantén a carteira de Administracións Públicas.

Pero o aspecto máis preocupante para os intereses económicos de Galiza é a creación do macroministerio  de Medio Rural, Medio Ambiente e Merio Mariño. Penso que cada un destes sectores son abondo importantes como para seren individualizaos en cadanseu ministerio.

Reunir nun mesmo ministerio ao agro, á pesca e ao medio ambiente pode ser sintomático da pouca importancia que lle vai dar o PSOE ás políticas agrarias e pesqueiras, marxinais na España mediterránea e mesetaria, pero de enorme importancia para Galiza. O noso país xógase moitísimo nos próximos anos -supresión do sistema de cotas lácteas, baixada de prezos aos agricultores e gandeiros- como para que dende o Goberno Central non se preste a atención que merecen estes sectores.

Tampouco considero que teña ningún sentido manter un Ministerio de Vivenda que se mostrou incapaz de poñer en práctica políticas estruturais para reducir o prezo da vivenda  e que, ademais, invade as competencias das Comunidades Autónomas. Iso sí, puxo en marcha medidas populistas antes das eleccións que no único que repercutiron foi nunha suba xeralizada no prezo dos alugueres

O mesmo sucede co Ministerio de Cultura no que, por certo, a pesar de estar comandado por un galego a cultura galega fica totalmente excluída.

O BNG tivo que tomar a iniciativa ante a intransixencia do PSOE

Sen categorizar Non hai comentarios

Non entendo a obstinacion do PSOE por dificultar que o Grupo Mixto se poida desdobrar e por impedir que forzas políticas que suman máis dun millón de votos e que están a só tres centésimas do 5% a nivel se estado, poidan constituir grupo parlamentar, como xa ocorreu en lexislaturas pasadas.

Foi esa inxustificable falta de vontade do PSOE o que fixo que o BNG tivese que tomar a iniciativa e propiciar coa nosa axuda que Iniciativa per Catalunya, Izquierda Unida e Esquerra Republicana poidan contar cun grupo parlamentar, ao tempo que, deste xeito, facilitamos que as forzas integradas no Grupo Mixto esteamos en mellores condicións de desenvolver o seu traballo na Cámara.

Espero que estes signos non sexan premonitarios dun xiro negativo desta lexislatura. A sociedade non entendería que, malia que foi o PSOE quen gañou as eleccións, teña sido o PP o que conseguiu impor as súas ideas excluíntes.

Primeiros pasos

Sen categorizar Non hai comentarios

Con Paco Rodríguez na Carrera de San JerónimoAsinando a acta de deputado

Saúdos e todos e todas de novo e desculpade pola miña ausencia das últimas semanas. Despois da campaña tomei un pequeno respiro duns días coa familia para empezar con novos azos unha lexislatura que se presenta ilusionante para Galiza e para o BNG.

Como xa vos enteraríades, pola prensa este mércores tiven o primeiro encontro formal con José Blanco en Madrid para abordar, nunha primeira fase das negociacións co PSOE, a representación nos órganos de goberno do Congreso e a organización do Grupo Mixto.

Foi unha conversa longa e fructífera da que espero que poidamos ver resultados tanxíbeis a próxima semana. Por suposto, realizouse en galego.

Aínda quedan flocos por pechar pero agardamos que para o próximo martes, cando terá lugar a sesión de constitución das Cortes e a votación da Mesa e do presidente do Congreso, poidamos ter chegado a un acordo.

A postura do BNG é clara: os órganos de goberno das Cortes deben reflectir a pluralidade política do Estado Español, máis rica que o bipartidismo PP-PSOE. E débeselle permitir ao Grupo Mixto organizarse de xeito funcional para que os seus 11 deputados e deputados poidan desempeñar o seu traballo.

As próximas semanas van ser moi intensas. Iniciamos unha lexislatura na que tanto eu como Olalla imos traballar arreo ao servizo da sociedade galega. É unha labor ilusionante e unha honra.

Grazas

Sen categorizar 2 Comentarios

Grazas de corazón polo voso apoio. Logramos que Galiza siga tendo voz propia en Madrid con máis apoio social aínda,  a pesares nun contexto totalmente adverso de bipartidismo mediático abafante. Tede por seguro que o voso apoio permitirá que Galiza sexa decisiva, que Galiza conte, nunha situación na que o PSOE vai precisar do noso apoio no Congreso dos Deputados.

Os/as militantes sodes o mellor do BNG; sempre o tiven moi presente pero esta campaña serviume para reafirmalo. Grazas en especial a vós pola vosa entrega e ilusión.

Unha forte aperta: Francisco Jorquera.

Votemos pensando en Galiza

Sen categorizar 4 Comentarios

20080306_quintanaco_051.JPGOnte foi o gran día da campaña. Centos de amigos e amigas reunímonos no Palexco para manifestar claramente que o vindeiro día 9 votaremos pensando en Galiza, exercendo de galegos e galegas tamén á hora de votar. A sociedade galega está cansa de ver pasar a deputados/as do PSOE e do PP que se din galegos pero que á hora de votar en Madrid traizoan aos eleitores da súa circunscripción votando a favor de cousas que son totalmente perxudiciais para Galiza.

O 9 de marzo o PP vai perder as eleccións, afortunadamente non vai haber maiorías absolutas e o pobo galego non pode deixar pasar esta oportunidade histórica de que os seus intereses, os seus problemas sexan tidos en conta en Madrid a través dun BNG forte e decisivo. Adiante co BNG! Co voso apoio o domingo lograremos un fito histórico: que Galiza decida e sexa tida en conta en Madrid!

ENTREVISTA NA TVG

Sen categorizar 3 Comentarios

Entrevista a Jorquera

4 días para que Galiza poida decidir no Estado

Sen categorizar 1 Comentario

A catro días de que se celebren as eleccións hai tres cousas claras: o PP non vai gañar as eleccións, non vai haber maiorías absolutas e, polo tanto, os partidos nacionalistas volverán  ser decisivos para a conformación de maiorías parlamentares. Así se reflicte, mal que lles pese a moitos, nos inquéritos publicados este domingo tanto por La Voz de Galicia
como o de El País.

A sociedade galega non pode desaproveitar esta oportunidade histórica de ter peso político en Madrid para que as súas problemáticas sexan tidas en conta. O BNG é o mellor instrumento ao servizo do pobo galego para ser determinante e decisivo no próximo Congreso dos Deputados.  Nestes últimos días temos que convencer aos nosos amigos e amigas, aos nosos veciños e veciñas de que o BNG é a mellor elección para que Galiza conte no Estado e para que se avance na democracia e nas políticas sociais. Co voso apoio podemos conseguilo. Ánimo.

Desde logo que non aspiro a ser ministro

Sen categorizar 2 Comentarios

Aínda que esta afirmación resulte obvia e mesmo grandilocuente, penso que é necesaria facela á vista das declaracións de onte do Ministro de Cultura e cabeza de lista do PSOE pola provincia da Coruña, o señor César Antonio Molina, nas subliñaba que nin o que lles escreve nin o candidato do PP, Antonio Erias, “séran nunca ministros”.

A humildade en política, como na vida, é fundamental para evitar os delirios de grandeza. Efectivamente, os candidatos e candidatas do BNG ao único que aspiramos é a representar dignamente a Galiza no Congreso dos Deputados, a traballar arreo polos eleitores que nos deron a súa confianza, e a non defraudalos. Este é o noso humilde obxectivo. Dende logo que o que nunca faremos é utilizar Galiza como plataforma política para facer carreira política en Madrid.

Hai moitos deputados galegos e galegas de carné nas Cortes. É certo. Pero non vin a ningún senador socialista erguer a voz para protestar pola demora na chegada do AVE á nosa cidade ou pola necesidade de dotar de accesos ao Porto Exterior. Foron os deputados do BNG os que conseguiron 10 millóns de euros para acelerar as obras da Terceira Ronda, e non o señor Molina; foron Francisco Rodríguez e Olaia Fernández Davila os que loitaron para desbloquear o traspaso de competencias a Galiza e os que conseguiron incrementar en máis de 200 millóns de euros os investimentos do Estado no noso país durante a última lexislatura. Obras son amores….

Por certo, recoméndovos este interesantísimo editorial do xornal El Pais do ano 1982 : pola súa certeira análise que fai dos deputados “cuneros” e do obsoleto das circunscripcións provinciais e porque, non nos enganemos, hoxe sería moi difícil que aparecese no mesmo xornal. 

Saúdos e moitas grazas polo voso apoio.

O voto emigrante: a lei do embudo para Galiza

Sen categorizar 6 Comentarios

Olá de novo! En primeiro lugar quería pedirvos desculpas por estar ausente estes días da miña bitácora: fun respondendo os correos, que agradezo sinceramente, pero a intensa actividade de campaña impediume engadir novos comentarios.

Aproveito un momento de respiro para facer unha reflexión sobre un tema que preocupa non só ao BNG, senón coido que a toda a sociedade galega e a calquera demócrata: a absoluta falta de control sobre o voto emigrante e cómo a Galiza se lle está aplicando a lei do funil.

Resulta que ademais de que desta volta os emigrantes tampouco volverán a votar en urna, incumprindo o PSOE as súas promesas eleitorais, senón que tampouco computan á hora de asignar escanos a Galiza. É dicir, por unha parte PSOE e PP seguen sendo culpables de non facer nada para que o voto no exterior se efectúe coas mesmas garantías que o voto interior senón que os máis de 350.000 galegos ou descendentes de galegos inscritos nos CERA non computan á hora de asignar escanos, é dicir á hora de decidir o peso de Galiza nas Cortes.

Atopámonos así con que se tivesen en conta aos emigrantes con dereito a voto Galiza contaría con 5 deputados/as máis no Congreso: 28 fronte aos 23 que imos elixir o 9 de marzo. A sociedade galega merece máis respeto, non hai dereito a esta fraude democrática.

« Entradas anteriores