Xa estou no Congreso

Sen categorizar 2 Comentarios

Boas a todos e todas. Este foi un mes de agardar a que se constituiran as Cortes Xerais. Un periodo no que mantivemos xuntas co grupo parlamentar do PSOE de cara a constitución da Cámara Baixa e despois, de cara a sesión de investidura. Como saberedes polos medios de comunicación, decantámonos pola abstención tanto á hora de votar ao Presidente do Congreso, José Bono, como á hora de votar a investidura de Zapatero, que por certo houbo que votala dúas veces. Ficou claro que o partido no Goberno prefería que Bono saise en segunda votación, e tamén prefería que Zapatero saise en segunda votación antes de chegar a acordos coas diferentes forzas parlamentares, entre elas nós. En fin, foi a primeira vez que un Presidente eleito sae investido en segunda volta e só co apoio da súa forza política. Así o quixeron a pesar de que a sensación non é moi boa, dá imaxe de certa debilidade. Desde logo por nós non foi, que tivemos a mán tendida até o último momento e continuamos deixando claro que estamos abertos ao diálogo, pero só podíamos apoiar a investidura do actual Presidente do Goberno se Galiza estaba enriba da mesa, se ían atender as cuestións sobre Galiza que lle plantexamos ao PSOE: avanzar no autogoberno de Galiza (tema transferencias), reformar o voto emigrante, a volta de Navantia Fene á construción naval civil, entre outra serie de requerimentos. Non quixeron acadar acordos con ninguén, preferiron ir en solitario e pasar por segundas votacións. É unha opción, é unha estratexia, máis coido que errada. De todos os xeitos, agardo a que comece a súa andaina a lexislatura, a que cheguen á Cámara os proxectos de lei e demáis, para lembrar que o PSOE non ten maioría absoluta. Haberá que ver como pensa sacar adiante os proxectos de lei. Desde logo en solitario non vai poder, iso está claro.

Paseniño

Sen categorizar 1 Comentario

Boas, primeiro quero dicervos que non puiden respostar aos vosos emails de post-campaña debido a que algo lle acontece ó meu computador que non permite acceder a miralos. En fin, coas cousas da informática unha debe ser paciente porque como os humanos tamén fallan. Así que agardo a unha miragre técnica para resolver o problema e poder así respostarvos.

Estes días tómoos con moita calma e noto como a tensión acumulada durante a campaña vai baixando. Todo ese nervo, esa presión mantida sobre mín na pre-campaña e na mesma campaña agora vai saíndo. Mira ti que mentras estaba no allo non notaba nen cansanzo, nen tensión nen nada. Funcionaba como un reloxio, para arriba, para abaixo, dun lado ó outro e así durante moitas horas. Cando por fin todo se resolve e remata é cando percibo que tiña todo aí acumulado, non é que non estivera é que estaba agochado e agardando a que finalizara o que tiña que face para facer acto de presenza. De todos os xeitos, xa visto o cómputo do voto no exterior que era do que estabamos pendentes esta semán, a cousa pode dicerse que está finiquitada. Están aí á volta da esquina uns días de ferias e de descanso que veñen como un bálsamo para enfrontar a lexislatura que comeza o 1 de Abril coa Constitución das Cortes. Adiantaban hoxe algúns medios que o Goberno estaba pensando en celebrar a sesión de investidura os días 7 e 8 de Abril. Así que vai ir todo seguido, unha cousa detrás da outra, dentro de nada comeza a ación no Congreso dos Deputados.  

Preparándome para o 1 de Abril

Sen categorizar Non hai comentarios

Como andades? Espero que ninguén dos que ledes isto acabárades salpicados pola tremenda onda que inundou o paseo marítimo de A Coruña. Segundo as imaxes foi de impresión. Que medo estar baixo tal masa de auga! O mar é así de tolo

Eu estou xa preparándome para dentro de nada coller a miña acta de deputada e xa acudir o vindeiro 1 de abril ao Congreso porque é o día da constitución das Cortes. Un pequeno descansiño non me ben nada mal, está aí á volta da esquina a Semana Santa e así aterrar en Madrid con forzas renovadas. Aínda que os pasos son dilatados porque logo aínda virá a sesión de investidura uns quince días despois da Constitución das Cortes. No BNG temos que prepararnos para todos estes procesos. Primeiro abordar o estado do Grupo Mixto no que estaremos integrados e que conta nada máis e nada menos que con 11 deputados/as. Un xigante de pes de plomo, a ver que se pode facer para lograr algo que teña sentido e sexa operativo porque as dinámicas parlamentares son escuetas, xa volo iréi contando. Supoño que haberá que analisar na Cámara como organizar tal Grupo Mixto. En fin, xa vos diréi como queda a cousa.

Parabéns BNG

Sen categorizar 6 Comentarios

Estamos de noraboa, así que a celebralo. Iso foi o que fixen eu onte á noite cando a partir das 24 horas nos trasladamos ao bar das Travesas, “De catro a catro”, e estivemos até altas horas da madrugada de festa. Hoxe aínda que non durmin moito estou vital, estou como se me sobrasen as enerxías. Esa sensación que tedes cando a pesar do cansanzo, do traballo descomunal, da tensión acumulada e da presión, as cousas saen ben e a alegría te pode. Pois así estou, feliz. Mira que a campaña foi agresivamente bipartidista, moi polarizada, con PP e PSOE até na sopa, e o BNG non só mantén os seus dous escanos en Madrid senón que aumentamos os votos. Non me digades que non é para estar contenta. Creo que imos polo bón camiño e desde logo, e sen ánimo de ser pesada porque o dixen até a saciedade nesta campaña eleitoral, agárdannos catros anos de lexislatura nos que os nacionalistas galegos imos ser decisivos, van ter que contar con nós. É evidente cunha simple ollada aos resultados estatais. E nós estamos dispostos a que conten con nós, desde logo, pero sempre poñendo a Galiza enriba da mesa, non teñades a menor dúbida.

Oes, aínda que xa o fixen onte á noite na sede de Vigo, quero agradecer a toda á militancia do BNG o traballo realizado, o labor incomiábel e as gañas postas nesta difícil campaña eleitoral. Quero das as grazas aos traballadores do BNG polo seu enorme esforzo, e quero agradecer o respaldo que nos déstedes os que votástedes onte BNG.  Grazas de verdade porque foi unha noite fermosa.

Déixovos porque creo que xa preciso un café cargadiño e ben quente porque está caendo unha choiva!. 

Fin de campaña

Sen categorizar 2 Comentarios

Aquí está, o que parecía que nunca chegaría, chegou por fin. Oes, ao final xa tiña gañas de que rematar a campaña porque a medida que se aproximaba a data do 9 de Marzo medraba o nervosismo porque todo remate xa. Esta noite é o último mitin. Na miña cidade, en Vigo, o cal engade nervos á cousa final. Non é o mesmo falar na cidade onde vives e naceches, na casa todo ten que ir á perfeción. Queres facelo mellor que nunca, queres que o pavillón vibre de xente, queres un día bonito e soleado (iso de momento parece que o temos  garantido porque luce un sol espléndido), queres que a voz non falle, queres que todo estea coidado e co mínimo detalle. En fin, queres a perfeción. Ben, voume relaxar e poñerme a facer outras cousas a ver se despexo da mente a obsesión polo mitin desta noite no pavillón das Travesas. 

Onte á noite o acto público foi en Arcade, nun vistoso edificio multiusos. Digo vistoso porque as paredes eran grandes fiestras de arriba a abaixo do edificio, parecía un centro de cristal desde o que vías todo o exterior. Curioso. Estivemos moi a gosto aínda que non puidemos evitar a lembranza ao amigo Lois Obelleiro recentemente falecido. As bágoas corrían soas porque todo está moi vivo aínda e custa crer que non está. Pero así é a vida, non hai outra.

Por certo, por fin finiquitei o tema dos debates. Onte á tarde despois de facer un chat con internautas na Voz de Galicia, moi interesante, debatimos por última vez nesta campaña Antón Louro, Javier Guerra e eu en Televigo. Xa somos uns clásicos do debate. En fin, déixovos, até a noite, supoño que nos veremos.  

Pontevedra a tope

Sen categorizar 1 Comentario

Como vos dicía, vanme sair os debates polas orellas. Hoxe teño os últimos. Polo menos esta mañá a Señora Ana Pastor dignouse a participar no debate de Radio Pontevedra, xa fixo un esforzo porque nos cinco ou séis anteriores nin se presentou. Parece que non gosta moito de moverse fóra da cidade pontevedresa. Xa o veredes hoxe, emítese pola tarde na radio e de noite ás 22 horas en Localia TV de Pontevedra. Veu co dossier ese que lles fan en Génova coas cifras, porcentaxes e dados que se inventan e logo amosan como se fose palabra de Deus. En fin, cada un que saque as súas conclusións porque eu estou espantada.

Onte á noite foi o mitin de Pontevedra, un luxo. O teatro Principal quedouse pequeno, estaba absolutamente repleto, moita xente. Imos ter que ir cambiando de lugar porque está claro que quedou cativo. É moi emocionante falar nun acto así, con tantas persoas e con tantas caras animando ó BNG. Fóra, había persoas manifestándose polo tema de O Vao e tamén polo paso do tren AVE por Portas. É un dereito democrático que sempre defenderéi, e máis coa miña traxectoria sindical. Todo o mundo ten dereito a expresarse e manifestarse, sen dúbida.

Continúo debatindo

Sen categorizar 1 Comentario

Hola, como vos vai? Eu xa empecéi a mañá con entrevistas nas radios. Hai que dicer que nesta campaña estou decote nos medios do eido audiovisual e o radiofónico. Onte por exemplo, paséi o día metidas nas instalacións de Radio Galega e Televisión de Galiza. Que se unha entrevista, que se un debate na radio sobre infraestruturas e hoxe volvo a outro debate televisivo provincial. Vexo máis a Antón Louro e a Javier Guerra que á miña familia, perdin a conta de cantos do debates que levamos os tres xuntos. Menos o de onte na radio que debatín con Ceferino Díaz e Conde Roa, nos demáis e nos que aínda nos quedan repetimos os tres. Suponse que son os debates provinciais dos cabezas de lista pero a Señora Ana Pastor brila pola súa ausencia. Non acudiu a ningún debate provincial agás o celebrado no Casino de Pontevedra porque xogaba na casa. Logo sempre veu o seu número dous ou incluso nunha ocasión a número tres. Á cabeza de lista do PP por Pontevedra non lle debe gostar debatir ou será que ten certa inseguridade porque desde logo moito non fixo pola terra, por non dicer que non fixo nada pola nosa provincia. Non hai máis que mirar para o seu expediente de traballo no Congreso dos Deputados e resulta bastante escaso e nada pródigo en iniciativas parlamentares sobre Pontevedra. Hai que entendela, con ese currículo como vai ir a debates.

O mitin de onte á noite foi en Pontecesures nun lugar curioso, era unha discoteca, non fixera nunca un acto público nunha discoteca, é algo orixinal. Estamos no bón camiño porque a cousa vai ben.

Estamos xa na recta final

Sen categorizar Non hai comentarios

Boas, que tal vos vai? A min vaime ben, médranme as ilusións nesta recta final de campaña. Igual ás veces me traiciona a voz porque de tanto falar a gorxa se resinte a estas alturas. Ademáis, ao final todo se acelera, as entrevistas e os debates multiplícanse como as setas. A  todas horas hai algo diso. Pero a medida que se aproxima o final, e contrariamente ao que pensaba, non me atopo cansa fisicamente, e iso que o de durmir non é o que se estila en campaña. Estou como en tensión e cando estás en tensión non notas o cansanzo, pódenche as gañas. Así que vou ben, queda pouco para rematar a semán e poder votar o 9 de Marzo que xa é o que me apetece. Non me tildedes de “smiling” como dicides os mozos e mozas, pero eu son das que me fai ilusión votar, vívoo como un acontecemento. Supoño que os que estades a ler isto xa probaríades o de votar. Votade, dígovolo en serio, que nos xogamos moito. Pensade desde e para o pais, mirade que votades aos representantes que ides ter no Congreso e no Senado por Pontevedra, por A Coruña, por Lugo e Ourense. Pensade que forza política leva ao Parlamento do Estado as cousas máis cotiáns do noso territorio, as pequenas cousas que van desde a inseguranza vial nunha estrada de competencia estatal até a rexeneración dunha praia, dun río ou a execución dunha depuradora. Sen esquecer as cousas máis chamativas, as que máis saen nos medios, o famoso AVE. Enriba de todo iso, do máis cativo ao máis grande está o BNG. Podedes comprobalo con mirar o noso expediente de traballo destes últimos catro anos. Atoparedes de todo. Atoparades moita Galiza, moita Pontevedra, moito pais nas nosas iniciativas. Atoparedes tamén a un BNG que incidiu coa súas propostas en leis sociais de calado porque houbo un goberno en minoría que nos necesitou. Atoparedes a uns nacionalistas galegos que traballaron sen descanso por lograr melloras para Galiza como foron os aumentos nas partidas que o Estado destina ao pais nos Orzamentos Xerais do Estado. Atoparedes a un BNG que dignificou o papel de Galiza no Estado, que lle deu voz ao pais que estaba ausente do Congreso até que nós chegamos a Madrid. Atoparedes a Galiza en Madrid pero nos queda moito por facer, precisamos medrar para acadar un estatus similar ao que gozan Euskadi e Catalunya. Temos que ser determinantes, ser ben visíbeis, que se nos escoite coas orellas ben abertas. A Galiza teñen que facerlle caso na capital do Estado. E non é un farol, é a verdade porque os feitos así o demostran, só nós, só os nacionalistas galegos podemos facer realidade ese soño.  

Vai ben

Sen categorizar Non hai comentarios

Paso do lío de enquisas publicadas nesta fin de semán. Tremendo lío, unhas din unha cousa, outra outra e ningunha coincide con ningunha, así é complicado sacar unhas conclusións. Eu tranquila, sempre tiven claro que a dúbida se despexa na noite eleitoral. Por tanto, a agardar á noite do 9 de Marzo porque senón é que  te volves tola.  Eu teño o pálpito de que o resultado eleitoral se vai semellar ao do 2004, así que o BNG pode voltar a ser determinante en moitos momentos de vida parlamentar nas Cortes. Quen queira contar co noso respaldo na sesión de investidura xa sabe de que falamos os nacionalistas galegos, o noso cantar: Galiza, iso será o que poremos enriba da mesa. Somos así de claros, será que temos moito apego á terra, será que somos nacionalistas galegos e miramos polo noso.

Esta mañá demos unha volta pola praia do Lourido, desde alí tes unhas vistas demoledoras do que connota a papeleira de Ence. Con mirar para aquelo xa te decatas das consecuencias medioambientais e do destrozo para a Ría de Pontevedra. Ten que trasladarse, non hai outro, levamos anos con esa batalla, Ence debe estar fóra da Ría e levarse a un lugar máis idóneo. Claro que me diredes, pero levas a contaminación para outro sitio. As cousas poden facerse doutro xeito, hoxe en día existen factorías de pasta de papel que empregan moderna tecnoloxía, unha infraestrutura á altura da época na que viviemos moito menos contaminante. Hai que pensar que Ence é dos anos 60, está xa obsoleta e polo tanto se debe dotar dunha tecnoloxía máis avanzada. Os tempos evolucionan, e sobre todo a  tecnoloxía, hai que se adaptar, o esforzo debe ser de todos e unha industria moderna que queira estar na vangarda produtiva ten que utilizar tecnoloxías actuais e desfacerse das antigas.

Moitos debates

Sen categorizar 2 Comentarios

Boas, quero dicer que eu tamén vou a debates, a ver se aquí resulta que só debaten os líderes. Pois non, aquí a menda tamén vai de debate en debate e onte, certamente, rematéi esgotada. Quedas coa boca seca porque desde que me ergo até que marcho para a cama non paro de falar. Téñolle medo á gorxa, espero que non me falle porque o ritmo de parloteo vai a máis. Sen ir máis lonxe, onte á mañá fun ao debate de Radio Vigo, con Antón Louro do PSOE e Javier Guerra do PP. Mira que comezamos ás 12.30 horas e rematamos ás 14.00 horas. Non, non me entrou ningunha obsesión pola exactitude horaria británica, é que o digo para que vos fagades unha idea. En realidade son discusións cordiais ás que o PP acude co discurso pepero ben aprendido porque mira que son de estribillo. Din todos o mesmo sexa o tema que sexa e a pregunta que sexa. Acabéi polemizando con Javier Guerra porque estou farta de escoitalos mentar o seu famoso Plan Galiza. Pero, que Plan Galiza se non había cartos por ningures e non tiñan proxectos!. Non tiñan nada, nunca existiu tal Plan e veña a dar a matraca co planiño ditoso.  Aquí o único Plan que ten vida é o que fixo o BNG, o que nós tivemos que traballar nesta lexislatura para que houbera cartos nos Orzamentos do Estado, para que se poñan prazos e se concreten os proxectos. Ese é o Plan e desde logo non se fan dun día para outro. Até que non chegamos ao Parlamento do Estado ningún deles, nen PP nen PSOE, tiñan na cabeza a Galiza. Galiza converteuse en visíbel porque nós nos empeñamos. Esa é a verdade e que non me conten máis historias fantásticas. En fin, que despois dese debate marchamos correndo para outro en Telesalnés de case dúas horas. Eramos os mesmos así que penso que nos vemos máis que ás nosas propias familias. Rematéi o día nun mitin en Redondela onde enchemos a Casa da Cultura. Na porta había unhas poucas persoas defendendo os furanchos. E tamén persoas de protestas pola autovía. Todo moi normal, non pasa nada, a cidadanía pode expresarse libre e democraticamente, eu son a primeira que defendo ese dereito. Os que protestaban pola autovía pasaron ao mitin sen ningún problema, estiveron sentados escoitando as intervencións e ao final, moi educadamente, agardaron para falar comigo e entregarme un sobre. Falamos moi cordialmente e intercambiamos opinións e pareceres. Para iso estamos.

« Entradas anteriores