Somos os grandes produtores de leite do Estado

Medio Rural 1 Comentario

Galiza é a grande produtora de leite do Estado, e dentro de Galiza, Lugo está á cabeza. Vese ben nos datos feitos públicos hoxe nos xornais, onde podemos comprobar que somos os únicos que incrementamos a nosa produción mentres outras comunidades están a reducila. E aínda así temos que seguir aturando que se pretenda facer un reparto da cota láctea igual entre todas as comunidades. Está claro que Galiza e Lugo precisan maiores cotas de produción. Somos os únicos con vocación de futuro e permanencia dentro da produción láctea do Estado. Quen non queira velo así só pode ter detrás intereses económicos, sociais e políticos contrarios aos do noso país.


O PSOE e os nacionalismos

PSOE 2 Comentarios

Curiosa a intervención de onte de Pepe Blanco dicindo que non queren seguir cedendo ante os nacionalistas. Curioso porque cogobernan con nacionalistas en Galiza e Cataluña e porque necesitan dos nacionalistas para poder gobernar no Estado os próximos 4 anos. Os nacionalistas somos necesarios e el ben o sabe. Non quererá dicir que o seu modelo de Estado tamén pretende eliminar aos que non coincidimos con eles, aos que queremos neste caso que Galiza e Lugo conten, aos que queremos pensións máis altas para os nosos xubilados, aos que queremos outro reparto da cota lactea, outra OCM do viño, aos que queremos a apertura ao tráfico comercial do dique norte de Alcoa… Agora é o momento de que nos digan que é o que queren eles. O BNG teno claro: que Galiza pese e decida.

Seguimos tendo as pensións máis baixas do Estado

Sen categorizar Non hai comentarios

Lamentabelmente temos que seguir falando de pensións porque as dos galegos e galegas seguen sendo as máis baixas do Estado, tal como indica o informe do mes de marzo do Ministerio. Concretamente 147 euros máis baixas que en España. E en Lugo seguimos sendo dos que menos cobramos. A media da pensión lucense é de 591,29 euros fronte aos 809,82 euros de media dos españois. Cando na campaña das xerais insistía tanto na necesidade de ter peso no Estado para poder incrementar as pensións era por algo. A realidade diaria dános a razón. Quen pode vivir con estes cartos? Pois os lucenses que se pasaron a vida traballando teñen que facelo.

O PP non acepta o resultado electoral

Sen categorizar 1 Comentario

O PP segue sen aceptar que xa non goberna en Galiza e que o BNG representa a un cada día máis amplo sector da sociedade que non quere que se manteñan prácticas do pasado. Púxoo de manifesto onte no Parlamento galego ao non asumir o reparto de senadores que nos dá un a cada forza política, un ao BNG, outro ao PSOE e outro ao PP. Pois xa vai sendo hora de que asuman o resultado das urnas e que actuen en consecuencia, respetando o mandato dos cidadáns.

Pasaron as eleccións e seguimos sen Plan Xeral

Sen categorizar 1 Comentario

A pesar de que xa fai 15 días que foron as eleccións seguimos sen ter novas do Plan Xeral de Lugo. Non contábamos con que as houbese antes do 9 de marzo, pero a verdade é que a desidia do goberno municipal de Orozco está superando os seus propios límites. O BNG segue sen saber nada das modificacións que queremos introducir no PXOM e os veciños e veciñas seguen sen ter resposta as 6.500 alegacións que presentaron. E a nosa paciencia comeza a esgotarse. Nós fixemos o noso traballo, e agora é o PSOE quen ten que facer o seu.

Ver nota La Voz de Galicia

Ver nota El Progreso

A cota láctea

Sen categorizar Non hai comentarios

De novo temos que falar da cota lactea e da OCM do viño, que nos veñen impostas desde Europa e sobre as que o Goberno estatal ten unha postura que non favorece ao noso país e moito menos a esta provincia. No reparto de cota láctea, a España tócalle, igual que ao resto dos paises europeos, un 2%. Tócanos o mesmo que lle toca a paises excedentarios, cando nós non somos quen de producir o leite e derivados que consumimos. E ao Goberno español parécelle ben este reparto. Pois ao BNG non. Non nos parece ben e por iso xa estamos traballando desde a Consellería de Medio Rural, que dirixe o nacionalista Alfredo Suárez Canal, para que non nos prexudique e para que os nosos gandeiros e gandeiras poidan incrementar a súa produción sen temor a sobrepasar a súa taxa. Este vai ser outro dos cabalos de batalla desta lexislatura. Queremos incrementar a cota láctea para a provincia que máis leite produce de todo o Estado español.

O AVE a Lugo

Sen categorizar Non hai comentarios

Onte publicaban na prensa que se retoman os estudos, parados desde hai 4 anos, do AVE a Lugo. Pero xa non se fala de Alta Velocidade, senón de Velocidade Alta. Fálase de lanzadeiras e dunha nova via. Fálase de velocidades nalgúns tramos de 80 a 120 km/h. E seguen sen indicar se valen ou non a ponte da Chanca e a actual estación. Parece que imos ter que estar enriba do goberno (por outro lado como sempre facemos) para que Lugo non quede sen AVE. pero non nos esquecemos do ferrocarril de cercanías e da creación da Compañía Ferroviaria Galega que tanta falta nos fan. Como levamos meses dicindo, esta vai ser unha lexislatura moi importante para Lugo, e o BNG vai estar aí, facendo seguimento de cada tema importante e mellorando os proxectos que se poñan en marcha.

O grupo mixto

Sen categorizar Non hai comentarios

Andan todos os partidos con representación no Congreso buscando a mellor maneira de ter espazo propio. No caso dos do grupo mixto, no que se integraría o BNG, é normal que sexa así dado o número de partidos que en principio o van conformar e as diferencias ideolóxicas e de estratexia existentes entre os deputados e deputadas eleitos. Agardo que os compañeiros do BNG, Jorquera e Olaia, poidan artellar a maneira de quedar en boa posición para traballar por Galiza e tamén por Lugo. Xa hai un par de cousas que queremos que presenten en Madrid unha vez que tomen posesión.

Xa temos Senador

Sen categorizar Non hai comentarios

O BNG xa fixo público o nome da persoa que vai ocupar o cargo de senador. É Xosé Manuel Pérez Bouza, Portavoz do BNG na Deputación provincial de Ourense. Quédalle moito traballo por diante, e de seguro que o vai facer tan ben como xa o fixeron Anxo Quintana e Francisco Jorquera. Vaian desde aquí as miñas felicitacións para este compañeiro de Ourense que vai representar a toda Galiza no Senado, tamén a Lugo.

A parálise do PXOM

Sen categorizar 1 Comentario

Agora que pasaron as eleccións na cidade de Lugo deberíamos estar falando de aprobar o Plan Xeral. Pero parece que o concelleiro delegado está máis interesado en marchar para Ourense para o seu previsíbel cargo na nova Confederación Hidrográfica do Miño que de traballar no que tén entre mans. E agora xa non ten a escusa de que estamos de eleccións, nin de campaña electoral,… E mentres tanto seguimos esperando.  

« Entradas anteriores