30 Abril, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Poderíamos falar de novo das galescolas porque xa se sumaron ao Consorcio Galego de Servizos Sociais 14 concellos máis e cada vez quedan menos fóra (entre eles o de Lugo) pero hoxe vou falar das obras.
O Plan Paradai, a Ronda Leste, o novo Hospital, o desdobramento da N-VI até Nadela, (…) Todas obras comezadas e ningunha rematada. É máis, empezamos as obras ao revés. O novo hospital xa está case feito pero non ten accesos (a ronda leste aínda é unha entelequia), e nin ten a enerxía eléctrica que necesita. O Plan Paradai leva aí 10 anos e agora os veciños da rúa Via Lactea quédanse practicamente sen accesos, sen que ningúen os informase. Está claro que neste concello todo se fai tarde, mal e arrastro… Démoslle as grazas por todo ao alcalde.
29 Abril, 2008
Política municipal
1 Comentario
Hoxe non imos falar do plan Xeral, entre outras cousas porque levamos 15 días sen saber nada oficial del. Iso si, extraoficialmente (é dicir, pola prensa) enterámonos de que a entrada a Lugo polas Gándaras se desbotou porque está previsto desdoblar Carlos Azcárraga até a zona na que comezan os edificios novos. Non sei onde se falou diso. Dende logo co BNG presente non se fixo.
Pero iamos falar das galescolas. Lugo é xa a única das grandes cidades galegas que non se sumou ao Consorcio de Servizos Sociais da Vicepresidencia, pola teima antigalega de Orozco, disfrazada de autonomía municipal. Ou é que Ourense perdeu esa autonomía ao asinar un convenio que lle vai permitir aos seus veciños percibir melloras como a creación de galescolas, centros de día e residencias. Ourense contará con 5 galescolas e 4 centros de dependentes. E Lugo? Con que vai contar Lugo? Está claro que cun alcalde que se nega a aceptar que esta cidade teña galescolas e centros de día subvencionados pola Xunta, que se posiciona claramente contra as melloras na calidade de vida dos seus veciños ao non aceptar as Normas do Hábitat pouco podemos ter.
28 Abril, 2008
PSOE
1 Comentario
Parece que o PSOE ultimamente está moi interesado en atacar ao rural galego e ao BNG. Digo isto porque acabamos de enterarnos de que desde a Consellería de Educación lle retiran a achega económica que lle facían ao programa “Preescolar na Casa”, centrado na atención aos nenos de 0 a 6 anos do rural galego e tamén eliminan o primeiro ciclo da ESO de 7 concellos (rurais por suposto) da provincia de Lugo. En canto ao BNG, dígoo polo das Normas do Hábitat, polos ataques contra Medio Rural polos prezos do leite ou pola nova xestión dos Plans Leader (alcaldes socialistas dos Ancares). Está claro que o PSOE está máis interesado nas vindeiras contendas electorais que no traballo en beneficio do País. E se non que lle pregunten a Orozco onde está o Plan Xeral de Lugo.
25 Abril, 2008
PXOM
1 Comentario
Esta mañá o primeiro que vin na prensa foi que o Tribunla Superior de Xustiza de Galiza anulou o PXOM de Ourense por irregularidades na súa exposición. Non digo que vaia pasar o mesmo en Lugo, pero se eu fose a responsábel de urbanismo do noso concello xa estaría mirando esa sentenza e as similitudes que pode ter co proceso de tramitación do de Lugo. Estamos a tempo de evitar que os veciños e veciñas afectados se vexan obrigados a ter que presentar recursos contra a aprobación definitiva. Agora é o momento de ter todo isto en conta para despois non ter que lamentarnos como en Ourense.
24 Abril, 2008
Nova ponte
Non hai comentarios
Hoxe toca falar da ponte sobre o río Miño. Onte saíu publicado no BOE a aprobación definitiva do Estudo informativo para a súa redacción, e ponse como condición que se estuden alternativas de trazado distintas á prevista na opción 2 que é a que atravesa o parque Marcos Cela. Agardamos que o Goberno municipal de Orozco lle transmitise ao Ministerio de Fomento o acordo plenario que demandaba un novo trazado para o enlace da ponte coa cidade e o desacougo veciñal polo trazado inicial elexido. Como non confiamos no alcalde, nós imos presentar unha nova iniciativa no Congreso para dar a coñecer o acordo municipal en Madrid.
23 Abril, 2008
PXOM
Non hai comentarios
O BNG acaba de denunciar as contratacións irregulares do goberno de Orozco. Queremos que interveña a inspección de traballo e que se aclare quen traballa no concello de Lugo e en que condicións. Orozco xa ten unha razón para non falar do PXOM. E aínda pretende que lle digamos que si, sen máis, as súas propostas, unhas propostas que por certo non nos quere entregar. Na última xuntanza que tivemos insinuou que o retraso era culpa nosa por querer estudalo todo!!! Parece que o alcalde perde a noción da realidade por momentos. Desde logo o BNG non vai aprobar nada que non teña previamente analizado. Por iso seguimos agardando por unha copia da documentación, para poder facer o noso traballo. Non sabemos a que está agardando el.
22 Abril, 2008
PSOE, Sen categorizar
Non hai comentarios
Moi calados están os alcaldes do PSOE ante a supresión do 1º ciclo da ESO de 7 concellos da provincia de Lugo. Moi calados están ante unha decisión da Consellería de Educación (do PSOE) que, sen diálogo nin contraste previo cos afectados, decide unilateralmente seguir adiante cun proxecto iniciado polo PP hai case 10 anos que determina que os cativos do rural galego non poden ter os mesmos servizos educativos que os da zona urbana e deben pasar máis de unha hora no autobús para ir a clase. Curioso tamén o silencio da FEGAMP (esa plataforma tan belixerante con outras actuacións seica non consensuadas) que non dixo nada deste feito. O BNG opúxose cando estaba na oposición a retirada do 1º ciclo da ESO deses concellos, e ségueo facendo agora que é goberno. Outros deberían explicar a súa dobre moral.
21 Abril, 2008
PXOM, Sen categorizar
Non hai comentarios
Imos empezar unha semana na que, supostamente, non se vai falar nin do Plan Xeral nin da viaxe a China de Orozco, o que me leva a preguntarme, de que se vai falar no concello? O alcalde seica está moi preocupado por todo o que pasa en Lugo (supostamente), pero a realidade empéñase en darnos a razón a quen dicimos que o único que lle preocupa é a súa imaxe e afianzar ese goberno anti-Xunta-apoiado polo PP que ultimamente esgrime alí onde pode. O venres pasado cargou contra as galescolas (uníndose así á demagoxia desa asociación recén creada que di que en Galiza o galego é un idioma imposto!!!), contra as normas do hábitat (que pretenden que as nosas vivendas sexan exteriores, que nelas entre unha cadeira de rodas, que se poda instalar un ascensor, que teñamos unha hora como mínimo de sol no mes de decembro…) Que toleada a nosa! Como podemos esixir melloras na construción, se así quen van perder cartos son os “pobres construtores e promotores” que sempre pensan nos intereses dos compradores e nunca nos seus propios… A técnica do PSOE é ben clara: que os galegos e as galegas sigamos pensando que non podemos avanzar se outros non nos tutelan (enténdase goberno do Estado). Véxanse senón as últimas declaracións do Presidente sobre o modelo de financiamento, ou as de Espinosa sobre a transferencia das compentencias de salvamento marítimo… Quen sabe, esta semana aínda pode dar moito de si, supostamente.
18 Abril, 2008
PXOM, Sen categorizar
Non hai comentarios
Esta semana só se falou de dúas cousas no concello, do Plan Xeral e da viaxe do alcalde a China. Como podedes ver dous temas realmente relevantes para o futuro dos nosos cidadáns. Que se vai poder facer a nivel urbanístico no noso “territorio” e como imos expandirnos economicamente ao “territorio” dos chineses. A importancia destes dous asuntos capitais para o futuro de Lugo segue camiños diferentes. Por un lado a viaxe a China, onde o alcalde avanza e xa case está aló. E por outro lado o Plan xeral, onde o alcalde tropeza cada día máis, pretende enganar aos veciños e á oposición e pensa que imos tragar con calquera cousa. Se cadra, se lle dedicase o mesmo tempo aos dous temas irían un pouco máis parellos.
17 Abril, 2008
PXOM, Sen categorizar
1 Comentario
O Plan Xeral de Lugo é o conto de nunca acabar. Esta semana tivemos reunións coas redactoras nas que tamén estiveron os técnicos municipais e nelas o único que me quedou claro foi que non houbo un traballo previo entre eles e que a tramitación deste PXOM está collendo visos de transformarse nun disparate. E digo isto porque os cidadáns de Lugo non creo que saiban o que realmente está pasando. Se escoitan a Orozco pensarán que as súas alegacións xa teñen resposta e que todo está consensuado e solucionado. E nada disto é verdade. Non pode haber acordo sobre algo que descoñecemos. Polo menos o BNG non actua así. Antes de posicionarnos estudamos as propostas que se nos fan e despois dicimos o que nos parecen, nunca á inversa. Non pode haber acordo cando non sabemos o que vai pasar coas alegacións dos veciños e das veciñas de Lugo… Ao Plan Xeral hai que poñerlle un punto e final, pero con seriedade.
« Entradas anteriores