30 Maio, 2008
PXOM
1 Comentario
Se algo teño claro despois dun ano de concelleira é que en Lugo hai que ter paciencia para todo. Hai que ter paciencia para aguantar os rollos que solta o alcalde nos plenos, nos que fala o tempo que lle dá a gana. Hai que ter paciencia nas reunións do plan xeral, onde hoxe se nos di unha cousa e mañá outra. Hai que ter paciencia coas obras, que nunca se sabe cando acaban (e agora tampouco cando empezan). Hai que ter paciencia cos atrasos nos servizos municipais (unha licencia de obra menor non se tramita en menos de 3 meses). Por ter, temos que ter paciencia até co tempo, que non acaba de entrar na primavera.
Pero a paciencia tamén tén un límite, e a nosa xa está chegando a el. Hoxe, según o calendario acordado por todos os grupos políticos, tocaba reunión do plan xeral. Aínda seguimos esperando pola do venres pasado. O martes e o mércores que vén terían que vir a Lugo as redactoras… Lugo non se merece este trato do goberno municipal. Se non queren traballar que o digan e que nos deixen aos demais facelo.
29 Maio, 2008
Actos
Non hai comentarios
| 12 Maio 12Europe/Berlin 2008 |
| 8:00 pm | to | 9:31 pm |
Para expoñerlles as razóns que levan ao BNG a demandar unha nova exposición pública do PXOM
29 Maio, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
O día 27 de maio do ano 2007, hai agora un ano, celebráronse eleccións municipais e nelas o PSOE perdeu a maioría absoluta en Lugo. Por iso esta foi unha semana de balances municipais e desde logo non podían ser máis diferentes. Orozco di que a cidade avanza e que todo está ben, que os únicos que non traballamos somos os do BNG. E García Díez recoñece que teñen un pacto co PSOE e que de momento lle van serguir prestando o seu apoio.
No BNG temos unha visión ben diferente do que supuxo este ano. Representou atrasos, parálise municipal, desinterese do goberno polos temas máis importantes da cidade e enfrontamente coas áreas nacionalistas da Xunta.
Desde logo o noso balance coincide co dos veciños e veciñas de Lugo. Este ano foi máis do mesmo. Máis problemas e falta de rigor no traballo de Orozco e do seu grupo. E mentres tanto Lugo segue parado.
27 Maio, 2008
Política Estatal
Non hai comentarios
A nosa economía atravesa por unha situación realmente delicada. Hoxe sae publicado nun xornal que ir de Lugo a A Coruña nun vehículo diesel, custa de 40 a 84 € máis co ano pasado por estas datas. Tal incremento afecta directamente á economía de moitas familias lucenses que ven como os seus ingresos non lles permiten chegar a fin de mes con normalidade.
E a pesar desta situación e cos problemas que hai polo custe da vivenda, a Conselleira do ramo, a nacionalista Tereixa Táboas, ten que ir negociar a Madrid que as actuacións de rehabilitación que acometan as familias galegas subvencionadas pola Consellaria de Vivenda, gocen da mesma desgravación fiscal que as axudas estatais.
Parece incríbel que estas cousas aínda haxa que negocialas. Medidas que axudan á economía familiar de moitos lucences que queren restaurar a súa residencia non poden ser discutidas por ningún goberno.
26 Maio, 2008
PXOM
Non hai comentarios
Non se pode esperar nada de quen non ten seriedade. O pasado venres, día 23, tiñamos que ter unha reunión dos tres grupos políticos para fixar os cambios definitivos do Plan Xeral e a día de hoxe seguimos sen saber nada.
Se pedimos unha nova exposición pública é precisamente porque o traballo feito polo goberno é pouco serio e carente de todo rigor. Non se nos pode dicir hoxe a, mañá b e pasado c, en función dos intereses de Orozco.
Para o BNG está claro que o urbanismo é un tema moi delicado e por iso desde as primeiras reunións (xuño de 2007) puxemos sobre a mesa as nosas reclamacións para lograr un Plan Xeral de consenso.
23 Maio, 2008
PXOM
Non hai comentarios
O PP o e PSOE van ter que aclararse. Que digan dunha vez que queren aprobar o Plan Xeral, sexa como sexa, e que deixen de enganar aos cidadáns. O BNG teno moi claro: por transparencia e rigor queremos que se volva expoñer publicamente antes de aprobalo de maneira definitiva.
É certo que houbo moitos cambios, pero aínda non son os suficientes e ademais, por suposto, os que se fixeron deben coñecelos os veciños e as veciñas afectados.
Despois de 8 anos de tramitación, 10 meses máis non representan nada. Temos nas nosas mans a oportunidade de deseñar o Lugo que queremos, e desde o BNG non imos renunciar a ela.
21 Maio, 2008
PXOM
Non hai comentarios
Hoxe, ás 12 temos reunión do Plan Xeral. Nela imos participar todos os grupos políticos, o Goberno municipal, as redactoras do Plan e os técnicos municipais.
O BNG xa aclarou que queremos unha nova exposición pública do Plan, que garanta o dereito de todos os veciños e veciñas a coñecer os cambios introducidos antes da súa aprobación definitiva. Agora tócalle a outros dicir o que queren.

O BNG pediu unha nova exposición pública do Plan Xeral
20 Maio, 2008
PXOM
1 Comentario
Mañá vaise celebrar a última xuntanza na que se van poder introducir modificacións no Plan Xeral. Hoxe o BNG fixo pública a necesidade de que o PXOM se someta a unha nova exposición ao público que garanta que todos os veciños e veciñas do concello coñezan as modificacións introducidas no documento, antes da súa aprobación definitiva.
O BNG non pode aprobar un plan xeral de costas aos cidadáns. Queremos rigor e transparencia. Non imos renunciar a introducir cambios que melloren o documento, que consideramos necesarios e positivos, aínda que eses cambios impliquen unha nova exposición ao público.
Estamos falando dun período de 10 a 12 meses, perfectamente asumíbel despois de 10 anos. Queremos un Plan Xeral positivo para este concello, e non imos renunciar a el.