30 Xuño, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Hoxe ás 5 da tarde temos o último pleno antes do verán. É o do mes de xullo, que se celebra cunha semana de antelación. Nel imos tratar unha serie de temas que son importantes para os veciños e veciñas de Lugo. Nós levamos dúas mocións a pleno de marcado carácter social. Unha para reclamarlle ao Goberno do Estado que manteña a chamada tarifa eléctrica social, unha tarifa que lle afecta a máis de 16.000 persoas da provincia. Tócame defendela a min e vou pedir que se manteña esta tarifa porque beneficia aos usuarios. Desde logo o Goberno socialista do estado estase lucindo con medidas deste tipo. En época de crise sobe o recibo da luz até un 11% e quédanse tan tranquilos.
Pero non é esta a única moción deste tipo que levamos. Outra das iniciativas é sobre a directiva europea xornada laboral de 65 horas semanais. Xornada fronte á que o goberno de Zapatero non votou en contra no Consello de ministros europeo e que vai en contra dos dereitos máis básicos dos traballadores. E aínda se atreven a falarnos de conciliar a vida laboral e familiar. Desde logo, se se traballan 65 horas á semana é imposíbel conciliar absolutamente nada. Estes empezan a ser os “beneficios” que nos trae o tratado de Lisboa, ratificado no Congreso por PSOE e PP e que o BNG rexeita.

Na campaña das Xerais xa denunciamos as consecuencias da eliminación da tarifa nocturna
27 Xuño, 2008
PXOM
Non hai comentarios
Hoxe rexistramos unha solicitude na que pedimos que se convoque unha Comisión de Pleneamento para que o alcalde e o PSOE nos expliquen porque se sigue atrasando o Plan Xeral. Os 3 grupos políticos acordamos no seu momento un calendario que determinaba que xa o día 18 de xuño, -é dicir, fai máis dunha semana-, tiña que estar no Concello toda a documentación do PXOM para enviárllela aos organismos que teñen que emitir informe antes da súa aprobación provisional polo pleno.
Pois mañá e día 28. Está claro que a Orozco non lle interesa o Plan Xeral, senón non andaría de paseo pola China. Agardo que se poña as pilas e reclamo que convoque a Comisión de Planeamento para a semana que vén e que lles diga aos veciños e veciñas de Lugo que vai pasar co PXOM.

26 Xuño, 2008
Política municipal
1 Comentario
Hoxe sae na Voz que empresarios do Ceao protestan polas obras de acceso ao núcleo de Mazoi. Antes estes veciños accedían ás súas vivendas atravesando a vía ferrea, e estáselles habilitando un novo paso con ponte incluida para salvar o ferrocarril. Pero para facelo resulta que un vial do CEAO que tiña 16 metros agora pasa a ter 3 metros!!! Como vedes o recorte é absolutamente inasumíbel por quen compraron parcelas cunhas caraterísticas determinadas.
Pasa o de sempre, que o Sr. Piñeiro, Concelleiro de Obras, deixa que as outras administración fagan o que lles dá a gana sen ter en conta aos veciños. Pasou na Ponte, en Carlos Azcárraga,… e agora no CEAO.
Debería preocuparse un pouco máis polo seu traballo e un pouco menos por disfrazarse de emperador no Arde Lucus… sobre todo este ano en que o Alcalde anda “perdido” por China.

25 Xuño, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Neste concello todo é unha desorde, un descontrol. Onte saía publicado na Voz de Galicia que os expedientes urbanísticos non collen no arquivo e que andan ciscados por debaixo das escaleiras da planta alta do concello e hoxe o goberno sae dicindo que xa van resolver o problema cuns novos andeis, pero xa recoñecen que hai un problema de espazo.
Está ben iso de recoñecer os problemas, lástima que nunca fagan nada para resolvelos. Non chega con que se demostre que os demais teñen razón, hai que actuar para correxir as eivas existentes.
O arquivo municipal é moi necesario. Ten que estar ben organizado, ten que ter persoal e medios suficientes para que sexa útil á institución e tamén aos cidadáns.
Sempre nos pode facer falta un informe, unha certificación dunha licencia, dun imposto,…. Cousas do día a día que teñen importancia. Xa veremos en que acaba todo isto. Espero que Orozco, cando volva do seu periplo por China, se poña a traballar dunha vez…. aínda que claro, vén o verán que é tempo de descanso….

Foto da Voz de Galicia do amoreamento de expedientes
24 Xuño, 2008
Política Estatal
Non hai comentarios
Anda Quintana negociando transferencias pendentes por Madrid. Onte logrou varias transferencias necesarias para este país, para avanzar no noso autogoberno e para mellorar as condicións de vida de galegos e galegas. E coma sempre no Estado poñen trabas. Que se as cousas son difíciles, que se hai temas en conflito, que se non están dacordo nalgúns asuntos…Escusas dun goberno central que non quere que Galiza teña o que lle corresponde.
Estamos ante unha situación de crise económica que lle afecta a todos os cidadáns. En Lugo de maneira directa a moitas e moitas persoas. Ter máis competencias vainos permitir actuar con iniciativa propia, cando outros tomen decisións contrarias aos nosos intereses, como pode ser, por exemplo, a eliminación da tarifa eléctrica nocturna ou a suba da luz nun 11%.
23 Xuño, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Xa remata o mes de xuño e en Lugo seguen paradas moitas cousas. Seguimos sen Plan Xeral (e non sabemos cando o imos ter), seguimos sen autovías, seguimos sen AVE e sen ferrocarril de cercanías, seguimos sen galescolas polos caprichos deste alcalde, Lugo segue sen nova ponte, sen auditorio,…
Pero, iso si, a cambio temos accidentes de tráfico (mortais e non mortais) na Ronda da Muralla, un tráfico impresionante para unha cidade pequena coma a nosa… Importantes carencias en prazas de gardarías infantís e centros de día públicos,pola negativa do Sr. Orozco a colaborar con Vicepresidencia…
E sobre todo temos un alcalde viaxeiro moi preocupado polos negocios en China…
20 Xuño, 2008
Infraestruturas, Política municipal
Non hai comentarios
Acaba a semana igual que a empezamos, sen grandes acontecementos no Concello. As únicas novidades importantes son negativas: non chegou a documentación do Plan Xeral, cousa xa que non sorprende a ninguén.
Aínda que tamén chegou o anuncio de que o Concello non quere poñer os cartos que lle corresponden para poder soterrar a liña de alta tensión do hospital, a pesar de que a Consellaría de Industria incrementa a súa achega económica de maneira sustancial para poder facelo.
Pero seguro que do que máis se falou na rúa é da suba que nos propón Zapatero para o recibo da luz (a finais de ano, en total, pode superar o 11%), de que o AVE de momento non vai chegar a Galiza e polo tanto tampouco a Lugo, de que a autovía a Santiago xa está creando algún problema nas parroquias de Esperante e Soñar…
A semana pasou…. e Orozco en China…
19 Xuño, 2008
PXOM
1 Comentario
Teño que volver falar do Plan Xeral. Teño que facelo porque onte tiña que chegar ao Concello o documento definitivo que lle hai que enviar á Consellería de Cultura, a Estradas de Galiza e do Estado e a Confederación Hidrográfica do Norte, para que emitan os seus informes. Uns informes que son obrigatorios e que se teñen que facer antes de que o documento vaia a pleno.
Estamos ante un novo incumprimento do goberno municipal do PSOE, un incumprimento que ademais non sabemos o atraso que vai significar. Pero este atraso asúmeno con absoluta normalidade e pola contra néganse a aceptar unha nova exposición pública do Plan porque atrasaría a aprobación final do documento. Non sería máis asumíbel por todos os lugueses que ese atraso se producise para poder informar aos veciños do plan que finalmente se vai aprobar e non pola incapacidade do equipo redactor (e polo tanto deste goberno) para ter preparada toda a documentación no día marcado polos tres grupos? O sentido común di que si.
18 Xuño, 2008
PXOM, Política municipal
1 Comentario
Lucíuse o concelleiro de urbanismo, o Sr. Liñares na resposta que me deu a unha solicitude de información. Pedinlle que se me indicasen as licencias que se presentaron desde o 11 de febreiro, data na que se levantou a suspensión pola tramitación do Plan Xeral. Pedín esta información porque é necesaria para saber como lle pode afectar ás novas propostas urbanísticas que se pidan licencias en zonas, digamos complexas, como poden ser unha nova rúa ou un polígono de actuación.
E o concelleiro responsábel da área de Urbanismo contéstame que antes co BNG están os veciños. Curiosa maneira de poñer por diante aos veciños cando recoñece que a tramitación de licencias acumula un atraso de 6 meses e que polo tanto o que se debe resolver en 3 hai que resolvelo en moito máis. Di que non teñen personal cualificado suficiente para facerlle fronte a tanta solicitude de licencia!!! E logo por que non gastan algún cartiño (dises que din que teñen de superávit) en contratar a quen poida facer este traballo para que os veciños e as veciñas non teñan que seguir agardando polas súas licencias? Será que lle resulta máis fácil dicir que o BNG quere retrasar o traballo do servizo e que el, tan preocupado sempre pola xente, o único que fai é pensar sempre nela.
17 Xuño, 2008
Actos
Non hai comentarios
| 3 Setembro 03UTC 2010 |
| 2:51 am |
| 30 Xuño 30UTC 2008 |
| 5:00 pm | to | 7:30 pm |
« Entradas anteriores