O esperpento do PXOM feito realidade

PXOM Non hai comentarios

Non teño outro calificativo para o que está pasando co Plan Xeral que non sexa o de esperpento. É un esperpento porque só nunha análise moi superficial da documentación que lle mandaron aos distintos organismos xa detectei erros, planos que non coinciden, propostas que non figuran, urbanizábeis que amplían a súa superficie,…. E isto só nunha visual rápida!!! Xa me dá medo pensar o que vou atopar cando baixe máis ao miudo.
Está claro que o PSOE e Orozco o único que queren é aprobalo canto antes e que o futuro de Lugo e dos seus veciños tanto lle ten. Por iso no BNG temos tan claro que é necesaria unha nova exposición pública do Plan Xeral. Transparencia. Mellor un novo retraso que un Plan negativo para Lugo, para os seus barrios e para as súas parroquias.
Desde logo este non é o Plan que quero para o meu concello.

Liña de alta tensión pola Fonsagrada

Infraestruturas, Política Estatal 2 Comentarios

Onte estiven na Fonsagrada. Imos prensentar unha iniciativa no Cogreso dos deputados demandando a retirada do Estudo de Impacto Ambiental da liña de alta tensión Boimente (Viveiro)-Pesoz (Oscos). Esta liña atravesa toda a cornisa marítima da provincia de Lugo e introdúcese en Asturias a través do concello da Fonsagrada.
Na Fonsagrada atravesa por unha das zonas de maior riqueza económica, social e paisaxística do Concello, a que limita cos Oscos, con elevado potencial turísitico que comeza a explotarse.
No BNG queremos que se retire ese Estudo de Impacto Ambiental por pouco adecuado, pois das diversas opcións de trazado só estuda a que lle interesa ao Ministerio e a Rede Eléctrica Española, negando incluso que lle afecta a 22 núcleos de poboación da Pontenova e da Fonsagrada.
Evacuar a enerxía producida nos parques eólicos é moi importante, pero preservar unha das mellores zonas da Fonsagrada, tamén. E poden facerse as dúas cousas, só tén que haber vontade pólítica.

O BNG pide en Madrid o cambio da liña a Pesoz

Por fin podemos ver o Plan Xeral

PXOM Non hai comentarios

Por fin, a partir de hoxe, podemos ver no Concello unha copia da proposta definitiva do Plan Xeral. Xa ía sendo hora, pois mandáronllo aos distintos organismos o 4 de xullo e nós non o puidemos consultar até hoxe mesmo. E agora, pois velo si, pero nada de copias. O Sr. Orozco eo PSOE seica non queren que os veciños de Lugo saiban como van quedar as cousas!
Como vedes do único que se volve falar é do Plan Xeral. Está claro que nesta cidade o urbanismo é moi importante.

Hoxe hai que falar de urbanismo

PXOM Non hai comentarios

Non sei o que dará de si a xuntanza de hoxe coa nova “delegada” de urbanismo. Espero polo ben de Lugo que non sexa máis do mesmo, aínda que son bastante excéptica. E digo isto porque está empeñada en dicir que a convoca por iniciativa propia e non porque a pedise o BNG o día 18 de xuño.
Non entendo ese afán seu en defender algo que non se sostén. A petición do BNG estaba xa aí antes de que ela asumise a súa nova responsabilidade. Mala maneira de empezar, non recoñecendo a razón dos demais. Vese claramente que o seu mestre é Orozco, moi dado á soberbia. Non debería aprender del.
Xa vos contarei mañá como foron as cousas e que deu de si esta xuntanza.

E convocaron a comisión de planeamento

Política municipal 1 Comentario

Non lles quedou máis remedio e o goberno do PSOE tivo que convocar a comisión de planeamento para o luns 28. Vai ser unha reunión interesante. Por fin imos ver en acción a nova responsabel de urbanismo. Debería irse preparando, pois o seu papel agora é distinto, é un papel loxicamente político.
Eu o único que quero que me conten o luns é o xa hai copia do Plan Xeral no concello e que os grupos políticos podemos consultala. Todo o demais é pura palabrería que non serve de nada.
Pero xa volo contarei o luns, que mañá é o Día da Patria Galega e vou estar en Santiago celebrando con milleiros e milleiros de persoas que somos unha Nación que quere ter un Estatuto de Nación.


Un plan xeral que non existe

PXOM Non hai comentarios

Rolda de prensa sobre o Plan Xeral

Falar do Plan Xeral é como falar do ceo ou do inferno. Nunha cidade como a nosa na que practicamente nos coñecemos todos, o PXOM é fonte de moitas conversas nos bares, nas casas e nos postos de traballo. E fálase del porque lle vai ao peto á xente. O Plan Xeral decide se tes un predio no que podes construir pola túa conta ou tes que poñerte de acordo cos veciños porque estás nun polígono de actuación. Ou o que é aínda peor, se estás nun solo urbanizábel e dependes do construtor de turno para poder facer algo. Tamén pode ser que a túa parcela quede en solo rústico e que non podas construir nela nin hoxe nin mañá nin pasado…
Xa vedes que o Plan Xeral é moi importante, aínda que o goberno non o vexa así. Liñares marchou sen dar conta de como queda, a nova “concelleira” non abre a boca e Orozco anuncia que vai conxelar o salario dos políticos (que nos parece acaido en tempo de crise, pero insuficiente) para ocultar outras cousas de interese coma esta.
Xa sei que é un tema recurrente, pero mentres non saiba que foi o que se lle enviou ás distintas administracións para que emitan informe, vou seguir insistindo.

O BNG intenta que María Novo explique como está a tramitación do PXOM

A política económica de Orozco

Política municipal Non hai comentarios

O alcalde acaba de anunciar un recorte dos gastos do concello para paliar a crise. E como non pode ser menos en calquera goberno, polo que empeza é por conxelar os salarios dos cargos políticos e dos directores xerais que tén. Vai aforrar a asombrosa cantidade de…. 40.000 €. Non vos riades, a cantidade está ben, son 40.000 €. Xa sei que non parece moito, pero para algo lle dará. Quen sabe, unha nova viaxe oficial a un país estranxeiro, para pagarlle aos mozos de Lugo unha excursión á EXPO, para impartir novos cursos dirixidos á mocidade tan formativos como o que deu Carmen de Foz…
Xa se nota que se acaba o mes e que se quere ir de vacacións. Este goberno non ten nin unha soa idea positiva. Sabedes como podía recortar realmente gastos: cesando aos dous directores xerais que tén, ao de polícia e ao de novas tecnoloxías. Ou nomeando para dirixir o urbanismo a un dos seus concelleiros e non a unha persoa de fóra da corporación. Ou reducindo os chamados gastos improdutivos (os das comidas, viaxes, excursións a Montmelo,…) Se maneiras de facelo hainas, só hai que ter vontade política.

O actual goberno «é ou máis caro dá historia de Lugo», di Abraira /

A batalla do financiamento

Política Estatal Non hai comentarios

Esta semana vaise seguir falando moito de financiamento. Vannos seguir acusando aos nacionalistas de ser insolidarios e pedichóns. Xa o facían antes cos cataláns e vascos e agora tamén con nós.

Desde logo no BNG temos moi claro que non imos aceptar sen máis a proposta do Ministro Solbes, e o PSOE galego se ten dignidade tampouco pode facelo. Non pode facelo porque non se teñen en conta factores determinantes para este país como son a dispersión e o avellentamento da poboación. Que nos veñan dicir que é o mesmo prestar servizos en Lugo que en Sevilla o que fai é provocarnos un profundo cabreo. Fainos pensar que, coma sempre, en Madrid esperan que este goberno, do que forma parte o nacionalismo, siga calado e non é así. Pasaron os tempos da procesión dos caladiños. Galiza reclama o que lle corresponde e non precisa da “caridade” de ninguén para sair adiante. Somos capaces de vivir do que producimos e estámolo demostrando cada día.

As balanzas fiscais: mentiras repetidas

Política Estatal Non hai comentarios

Esta semana falouse moito de crise, de Fadesa e tamén das balanzas fiscais. O BNG leva anos e anos denunciando que a información que sempre nos dan os partidos estatais sobre o que achega Galiza ao Estado e o que recibe del está falseada. Está falseada porque está claro que se as grandes empresas que expolian os nosos recursos naturais pagasen aquí os seus impostos o resultado sería moi diferente. Falamos claro está das electricas, de ALCOA, de Citroën,…
O Estado recada en Galiza por distintos conceptos tributairos 11.000 millóns de euros ao ano e só nos transfire 7.000 millóns. Polo tanto esa mensaxe de que somos un país subsidiado, de que dependemos de Madrid para poder sobrevivir é totalmente falsa.
É falsa pero moi útil para os dous partidos estatais. Tanto PP como PSOE enchen a boca falando de solidariedade pero en ningún caso din que, por exemplo Madrid ten unha balanza fiscal e incluso superávit grazas aos impostos dos galegos e grazas aos nosos recursos naturais. Ou é que Madrid produce electricidade? Porque se o pensamos ben, que é o que produce Madrid?
A verdade é que este é un tema realmente interesante e do que seguramente volverei a escribir no futuro. Xa o dixen durante a campaña das Eleccións Xerais, e díxeno porque o penso: queremos que as empresas radicadas en Galiza coticen aquí, que paguen aquí os seus impostos para que Esperanza Aguirre non poida seguir presumindo de superávit fiscal á conta dos impostos dos galegos.

O saneamento das parroquias

Política municipal Non hai comentarios

Lugo ten 54 parroquias e 318 núcleos de poboación. Actualmente teñen saneamento 3 e están en obras 2. Por certo que dous dos tres núcleos que teñen saneamento son da época na que o meu ben querido compañeiro Marcos Cela foi concelleiro de Medio Ambiente (cantas veces nos lembramos del. É forte a pegada que deixan algunhas persoas en quen as coñecemos e gozamos da súa amizade)
Nas súas declaracións o novo concelleiro da zona rural xa di que non é posíbel falar de prazos nin aproximados para o saneamento, e a necesidade do abastecemento para el é algo relativo. Non sei se será igual de relativo para os 8000 veciños da zona rural. Supoño que non. E como supoño que para os veciños non o é, acabo de anunciar que imos levar a pleno no mes de setembro, unha proposición para que se planifiquen adecuadamente o saneamento e o abastecemento na zona rural. Creo que todos os veciños e veciñas teñen dereito a saber cando lles vai tocar a eles e non seguir con esta indefinición.

O BNG demanda máis investimento e un calendario de obras para dotar de saneamento a zona rural


« Entradas anteriores