O polígono industrial das Gándaras
11 Xullo, 2008 Infraestruturas, Política municipal Non hai comentariosEsta mañá estivemos no novo polígono industrial das Gándaras co Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a Conselleira de Vivenda, Teresa Taboas e o Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. As máquinas xa están explanando o terreo do que vai ser un dos maiores e máis modernos polígonos industriais de Galiza. Son moitas hectareas cedidas no seu momento polo concello de Lugo para uso militar, para o polvorín das Gándaras, que agora por fin volven ter uso público. Ademais van conservar as casetas de vixilancia existentes nos límites do terreo como recordo do que foi e como mostra dun tipo de arquitectura.
No acto había un bon número de representantes dos sectores económicos e sociais da cidade. Quen non estaba era o alcalde. Orozco, como neno caprichoso, preferíu irse de paseo con Ricardo Varela e facerlle un novo desprezo á nosa cidade. Porque o desprezo non llo fai aos representantes da Xunta, faillo a todos e cada un dos veciños e veciñas de Lugo que saben perfectamente que boa parte do futuro do noso concello depende de que este polígono industrial se poña en marcha. Un alcalde non debería deixarse levar polos seus caprichos. Lugo non o merece.







