31 Outubro, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Estase debatindo no concello de Lugo un novo regulamento de participación cidadá. Nel o meu compañeiro Xosé Chorén puxo sobre a mesa as nosas alternativas, alternativas encamiñadas a que os cidadáns participen realmente no deseño da política municipal, para que as súas propostas se escoiten e se debatan.
Pero coma sempre, o PSOE e Orozco non están contentos. E non están contentos porque o BNG pon como condición para apoiar ese regulamento que os pedaneos/pedaneas da zona rural se elixan de forma democrática e se incorporen a xuntas parroquiais nas que os veciños teñan voz e voto.
Que medo lle ten Orozco a un proceso democrático no que cada veciño decide co seu voto? Non será que non que dá xuntado os que necesita para ter maioría absoluta, para aprobar os orzamentos,….
30 Outubro, 2008
Política Estatal
4 Comentarios
Hoxe o senador do BNG, o compañeiro Bouza, leva ao Senado unha iniciativa na que reclama outra vez que en Lugo, Ourense e Ferrol se creen xulgados específicos de violencia de xénero. É este un tema, o da violencia de xénero, do que se fala e se escribe arreo, constantemente, en todos os medios e en todos os sectores. Mágoa que á hora da verdade, cando toca aplicar medidas concretas, cando toca destinar fondos ao seu combate e erradicación, non se faga. E sempre nos toca perder aos de sempre, aos do interior, aos que menos temos. Pero como creo que lamentándonos non solucionamos nada, no BNG optamos por actuar e por iso volvemos presentar esta iniciativa, porque sabemos da importancia de insistirlles a aqueles que teñen a responsabilidade de crear estes xulgados.
A batalla que libramos as mulleres pola igualdade está lonxe de rematar. Eu son das que penso que nos queda moito camiño por andar. Non chega con dictar leis se despois non se cumpren, se despois se ignoran ou non se destinan cartos a súa aplicación. Aínda teñen que mudar moitas cousas…
[O Senado aproba unha moción do BNG instando ao Goberno a crear xulgados de violencia de xénero en Lugo, Ourense e Ferrol ..]
29 Outubro, 2008
Actos
Non hai comentarios
| 3 Novembro 03Europe/Berlin 2008 |
| 5:00 pm | to | 8:00 pm |
29 Outubro, 2008
PXOM
Non hai comentarios
Onte non puiden escribir nada que tivemos un día moi completo. Empezamos a mañá coa Comisión de Planeamento na que se nos deu conta dos informes emitidos polas distintas administracións sobre o Plan Xeral. Maioritariamente aceitáronse as consideracións feitas por todos os organismos, incluidas as Consellerías de Cultura, agás aquelas que entendíamos que invadían competencias municipais. Pero o gran conflito non veu por aí, senón polo Plan Sectorial de Vivenda que acaba de presentar a Consellaría e que establece como ámbitos para a construción de vivenda protexida en Lugo O Carme, Pousadela e os terreos que hai detrás do Colexio Médico dentro do casco histórico.
Como non podía ser menos o PP púxose bravo dicindo que o BNG quere mediatizar o urbanismo de Lugo e que é un despropósito construir tanta vivenda protexida. Na propia reunión xa lle aclarei un par de cousas ao sr. Castiñeira. Primeiro: a vivenda protexida é vivenda pública de prezo tasado á que pode ter acceso cerca do 75% da poboación do concello de Lugo, pois é para ingresos moi variados, pero sempre garantiza os dereitos de quen menos teñen e polo tanto de quen máis dificulatdes teñen para acceder a unha vivenda. Segundo: créase vivenda protexida no centro de Lugo e non só no extrarradio. Non lle preocupa ao PP que haxa dous sectores de solo urbanizábel entre Albeiros e As Gándaras que van destinados a vivenda protexida ao 100%. Aí non lles importa porque non lles afecta aos contratistas, aos especuladores,…, en definitiva, aos que levaron o prezo da vivenda a onde está actualmente. Terceiro: Delimítanse ámbitos de elevado valor arqueolóxio que deben ser protexidos, polo que a intervención pública é unha garantía de que vai ser así.
Non entendo por que está tan alporizado o PP. Non será que está máis interesado en defender os intereses de certas persoas que os de todos os cidadáns de Lugo?
27 Outubro, 2008
PXOM
1 Comentario
Esta fin de semana un medio de comunicación publicaba unha entrevista co Presidente dos construtores lucenses na que afirmaba que a vivenda non vai baixar de prezo, senón que vai subir un 30%. El achaca esa hipotética subida ás Normas do Hábitat. Por suposto non fala da especulación do solo e do enriquecemento do sector. Non fala de que o módulo polo que se construe vivenda protexida permite facer vivendas de máis calidade que a vivenda libre e a menos prezo.
Na entrevista tamén di que Orozco asumiu o compromiso de aprobar o Plan Xeral en novembro e que el confía na súa palabra. Pois que confíe, que confíe… Debe ser a única persoa que o fai. Desde logo no BNG non confiamos nin nel, nin no seu grupo. Mañá temos outra vez Comisión de Planeamento, e nela vannos falar dos informes das distintas administracións. Xa sabemos o que nos van dicir. Que eles queren aprobar o Plan Xeral pero que claro, que o informe de Cultura o único que fai é poñerlles trabas e que eles xa non poden facer máis.
Como a reunión é a primeira hora da mañá escribirei sobre como foi. Espero estar equivocada, pero non o creo.
24 Outubro, 2008
Economía
1 Comentario
Xa falei esta semana dos cartos que o Estado lle vai entregar á banca para que superen a súa situación de crise. E xa dixen tamén que o BNG se opuxo porque non lles poñen condicións para aplicar eses fondos que son de todos os cidadáns, que veñen dos nosos impostos. Pero estes días aínda se agrandou máis a miña preocupación cando vin na prensa que o Goberno está analisando as pensións e xa comezan a sementar a dúbida de que se poidan manter tal e como están, como se o que cobra un pensionista galego da agraria fose un dispendio para as arcas públicas!!! Nin que non tivesen contribuido co seu traballo, cos seus impostos e co seu pago á seguridade social a que o Estado teña agora eses cartos!!! Pero claro, en época de crise os máis prexudicados son sempre os que menos teñen, neste caso os pensionistas galegos. Quen fose banca para que lle reflotasen a súa ”mermada” (?) economía…
23 Outubro, 2008
Política municipal
1 Comentario
Orozco non está disposto a aceitar cambios no seu orzamento e vai ter que prorrograr o deste ano. E o PSOE vaillo permitir. O BNG fíxolle catro propostas concretas para incrementar o orzamento e aumentar os investimentos. Pero non quere aceitar nada que veña de nós, e agora o que vai facer é buscar escusas porque vai sumir a Lugo no caos económico. Xa anda por aí dicindo que o ano que vén non vai poder facer nada porque non lle aprobamos as contas.
O que non conta é que iso non é certo. O que non conta é que o BNG propón reducir os gastos superfluos deste concello (viaxes a Montmello, cursos con videntes, publicidade, material que non serve para nada,…), que queremos que Lugo entre no Consorcio da Vicepresidencia porque desa maneira a prestación dos servizos sociais (centros de día, galescolas,…) custaríanos aos lucenses 2/3 menos do que nos costa agora, e que eses cartos poderían ir para investimentos reais. Tampouco di que en época de crise o BNG o que quere é pagarlle menos aos bancos e gastar máis nas persoas,…
Pero en todo caso a responsabilidade final tamén a tén o PSOE, que lle permite actuar desta maneira e ir en contra dos intereses de todos os lucenses.
►O BNG quere aumentar en 2 millóns o investimento local
21 Outubro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Toca falar dos orzamentos da Xunta. Presentáronos onte e, aínda que con matices, son uns orzamentos positivos para esta provincia e tamén para o concello de Lugo. E digo isto non só polo investimento comprometido en gasto social, polo apoio ao medio rural e ao sector primario e ás políticas de I+D, e por esas grandes infraestruturas ás que se lles dá un empuxón, senón tamén por outras que aparecen consignadas e que son moi, moi importantes para esta provincia. Hai unha en especial que me parece fundamental para o futuro económico e social desta provincia: o vial Becerreá-Navia. Paréceme vital porque a única maneira de conectar os 3 grandes eixos turísticos desta provincia, é mellorando as súas comunicacións. Trascantábrica para o acceso a Lugo desde a costa e este vial para conectar Lugo cos Ancares. Agora hai que gastar os 5 millóns de euros destinados a esta obra.
Pero hoxe tampouco quero deixar de falar do acordo parlamentario para inxectar fondos públicos na banca a cambio de nada. Contou co apoio de case todos os partidos e grupos, pero, por suposto co voto en contra do BNG. Porque os nacionalistas galegos temos moi claro que non podemos destinar os fondos do Estado (que son os fondos de todos os cidadáns) a salvar aos bancos dunha crise provocada por eles e cambio de nada. Porque non hai ningunha garantía de control sobre eses fondos, porque o estado non adquire activos (participacións) nesas entidades e porque non se garantiza que eses cartos van ir ás familias e ás pequenas empresas a través de créditos e hipotecas. O mundo ao revés: os cidadáns prestándolle cartos á banca para que a banca despois nos denegue as hipotecas e os préstamos persoais. Que mo explique quen o entenda…

20 Outubro, 2008
Política Estatal
Non hai comentarios
Finalmente e despois dunha dura negociación o BNG vai apoiar os orzamentos do Estado. E ímolos apoiar a cambio de cousas concretas. E esas cousas concretas non é só que supoñan un incremento dos cartos que se destinan a Galiza, senón acordos políticos que nos van permitir actuar como País e incrementar as nosas competencias e a nosa capacidade de decisión.
Porque de capacidade de decisión é do que estamos faltos, faltos como país e faltos como goberno. O PSOE está moi cómodo nesta situación. A fin de contas son un partido estatal que non considera a Galiza unha nación e polo tanto pensa que o noso autogoberno é suficiente. Pero no BNG non estamos satisfeitos, e por iso nas negociacións antepoñemos estes aspectos a outros que poden ser moi apetecíbeis pero menos prácticos.
17 Outubro, 2008
Infraestruturas
Non hai comentarios
Onte veu a Conselleira de Política Territorial contarnos que o Plan Paradai avanza con rapidez e que o ano que vén imos ter nova ponte en Paradai, esa que cortaron e que unía As Gándaras e Paradai. Hoxe os cativos de Paradai cruzan a via do ferrocarril para ir á parada do bus que se atopa do outro lado, e iso non lles preocupa. Non aclararon se mentres non se fai a nova ponte van crear un acceso alternativo onde estaba a vella para, polo menos, poder cruzar a pé dun lado ao outro. A Conselleira dixo que meteron cartos no orzamento do ano que vén para facer esa obra. Como de momento non hai proxecto non teño moi claro que para o ano 2009 teñamos nova ponte en Paradai. É que as promesas socialistas nunca se cumpren e temos antecedentes abondo. A nova ponte sobre o Miño, a ronda leste que ten que dar acceso ao novo hospital, a autovía a Santiago e a Ourense… Imos estar ben atentos ao que pasa nos vindeiros meses.
« Entradas anteriores