28 Novembro, 2008
Política municipal
3 Comentarios
Hoxe tivemos Comisión de muller e benestar social e nela o goberno municipal do Sr. Orozco tivo que recoñecer a gravidade dos feitos denunciados polo BNG. Son feitos probados que unha empresa radicada no viveiro municipal de empresas de Garabolos deseñou unha páxina web para un anunciante que a dedica á prostitución.
A Comisión, unanimemente, rexeitou este tipo de prácticas e considerou necesario que se estableza unha regulación específica no viveiro de empresas con normas claras para a uitlización das instalacións e para o desenvolvemento das actividades empresariais que se realicen desde alí.
Polo tanto, vaise facer o que o BNG demandaba no momento de realizar a denuncia pública, investigar os feitos e elaborar un regulamento que impida que se repitan feitos coma este.
Numerosas empresas e viveiros de empresas dependentes doutras institucións contan xa con regulamentacións específicas que establecen cláusulas que impiden a difusión de mensaxes de contido racista, xenófobo ou pornográfico.

Ver artigo de Xosé Manuel González
27 Novembro, 2008
Actos
Non hai comentarios
| 1 Decembro 01Europe/Berlin 2008 |
| 5:00 pm |
27 Novembro, 2008
Quen son
1 Comentario

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, celebra os seus 20 anos de existencia. E se ben é certo que 20 anos non son nada, son moitos para unha organización xuvenil como a nosa.
Eu formeime politicamente en Galiza Nova. Participei na súa constitución naquel 23 e 24 de xullo en Compostela e fun a súa primiera responsábel de Ensino Medio e despois fun Responsábel Comarcal en Lugo. De Galiza Nova recordo as campañas a favor da insubmisión e da obxeción de conciencia e en contra do servizo militar obrigatorio. Tamén as tratoradas en defensa do sector agrario (tratores pola ronda, unha imaxe realmente impresionante). Campañas en defensa do idioma, dun ensino en galego e de calidade.
En Galiza Nova aprendín a importancia de ser nacionalista, a importancia de ser de esquerdas, monolingüe en galego, a importancia de ser feminista, a importancia de utilizar a palabra sempre e en todo momento para defender os meus argumentos, a importancia de ser coherente, a importancia de ser galega e só galega.
De Galiza Nova gardo moi bos recordos. Desa etapa de fai 20 anos gardo boa parte dos meus mellores amigos e amigas. Ana, Sinda e Duarte forman parte do meu pasado e tamén do meu presente e desde logo iso é unha satisfacción.


26 Novembro, 2008
Política municipal
5 Comentarios
Vaia por diante que o BNG non cuestiona os dereitos de ningunha empresa dedicada ao deseño de páxinas web, e por suposto, tampouco as facemos responsábeis dos contidos que os anunciantes colgan nelas. O que o BNG denunciou onte é que desde unha páxina web na que se anuncia pornografía exista un enlace coa empresa que a realiza, unha empresa que está instalada no viveiro de empresas (CEI) de Garabolos, -unha instalación municipal-, do Concello de Lugo. Penso que unha “publicidade” deste tipo non é a máis acaída para unha administración municipal como o Concello de Lugo e por extensión para a nosa cidade.
O que o BNG criticou é que o concello careza por completo dunha regulación que determine que tipo de actividades poden realizar as empresas que se instalen no CEI. E esa é a responsabilidade do goberno municipal, dado que é unha empresa que fai uso de instalacións municipais.
25 Novembro, 2008
Política municipal
8 Comentarios

O BNG acaba da facer público que unha empresa radicada no CEI (centro de empresas) de Garabolos ten, entre as súas actividades, a realización do deseño de páxinas web, que son usadas por anunciantes de pornografía. Entrando en sexolugo.com vemos claramente como é unha páxina pornográfica e que nela aparece un enlace coa empresa, que nos leva á súa páxina web, na que se indica a súa localización no CEI de Lugo.
Para o BNG este é un feito realmente grave, pois son cartos públicos e instalacións municipais as que se utilizan para o deseño de páxinas web, neste caso de anunciantes de contidos que promoven unha actividade como a pornografía que desde logo ningún ben lle fai á igualdade entre homes e mulleres.
Hoxe celébrase o día internacional en contra da violencia de xénero e coincidindo con esta celebración feitos coma este demostran que nunca se pode baixar a garda e que os plans de igualde poden converterse en papel mollado se detrás non hai actuacións coherentes. Esixímoslle ao goberno do PSOE, liderado por Orozco, que lle poña fin de imediato a esta situación.
24 Novembro, 2008
Nova ponte
Non hai comentarios

Hoxe volveu a Lugo Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos deputados. Deu conta das negociacións mantidas co PSOE para os orzamentos do Estado para 2009, das que xa falei algunha vez o mes pasado. Finalmente logramos 125 millóns de euros máis para Galiza, parte deles para Lugo (por exemplo, 1,5 millóns para a nova Ponte en Lugo).
Pero do que vos quero falar hoxe é da foto na prensa desta fin de semana na que aparece Orozco falando con Zapatero. Na información que se inclúe afírmase que Zapatero lle dixo a Orozco que estaba “enriba do tema da nova ponte”. Polo visto, Orozco debeu ir a Madrid co seu propio fotografo para obter esa foto. Non fai falla que o diga eu, nótase perfectamente que está “buscada”.
Deben pensar que os lucenses somos parvos ou senón non se entende. Non se entende que pretendan que creamos que realmente esa conversa existíu neses termos. Resulta lamentábel ver a un alcalde adoptando tal posición de sumisión ante alguén do seu propio partido. Así lle vai a Lugo cun alcalde que só lle esixe aos dos demais partidos e nada aos do seu. Que non nos vendan máis fume e que fagan a ponte dunha vez, e que respeten o parque Marcos Cela.

21 Novembro, 2008
Galescolas, PSOE
Non hai comentarios
Imaxe moi rechamante a de hoxe nos xornais. Sonia Méndez e Loli Vieiro despois da xuntanza con representantes de Vicepresidencia e do Consorcio acusándonos de querer adoutrinar aos traballadores dos centros concertados coa Vicepresidencia. U-lo respecto por eses traballadores e traballadoras? Agora xa non se atreven a facer as afirmacións que facían sobre a aposta polo uso do galego nas galescolas, como se iso fose un delito. Claro, teñen que variar o discurso porque estamos ás portas dun proceso electoral fundamental para este país e o PSOE non as tén todas consigo.
Ídesme permitir que faga unha pequena reflexión escrita sobre a representación que mandou o concello de Lugo: Sonia Méndez, concelleira de Economía e Loli Vierio, concelleira de Educación. Xa as vexo entrando na reunión e á concelleira Loli Vierio toda alporizada e dicindo que o Consorcio é anticonstitucional!!!
O meu compañeiro Xosé Chorén xa dixo que a Orozco non lle sirve o funcionamento do Consorcio, aceptado polos alcaldes dos 263 concellos de toda Galiza adheridos, de todas as cores políticas, entre eles os alcaldes de todas as demais cidades galegas, porque non pode vender a súa xestión como actuación política propia.
Orozco e o PSOE deberían ter claro a estas alturas que os termos do Consorcio son os mesmos para todos os concellos adheridos. Non pode haber un Consorcio especial para o Concello de Lugo porque a Xunta non pode facer excepcións con ninguén.
Ademais o Concello de Lugo ten a posibilidade de deixar fóra do Consorcio aquelas gardarías que queira xestionar directamente, como fixo por exemplo o Concello de Santiago, polo que non se entende que o Goberno municipal do PSOE de Lugo siga decindo que non ao Consorcio.
Tamén é ben saber que o Concello de Lugo recibíu no ano 2005 da Xunta do Partido Popular 471.000 euros de axudas para as garderías, centros de día e axuda no fogar e neste ano 2008, da Vicepresidencia da Xunta que dirixe o BNG 815.000 euros para os mesmos conceptos. O BNG practicamente duplicou en tres anos os fondos que lle transfire ao Concello de Lugo!!!
Esta actitude de Orozco é lamentábel porque a quen prexudica realmente é aos cidadáns de Lugo, que vemos como a gardaría de San Xillao segue pechada polos caprichos deste señor.
20 Novembro, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
A Vicepresidencia da Xunta, a através da Dirección Xeral de Mocidade, acaba de abrir na nosa cidade o denominado Centro Lug, nas instalacións do que foron as residencias Irmáns Pedrosa e Eijo Garay. A nova denominación é Lug 1 e Lug 2. O Lug 1 (antes Irmáns Pedrosa) acolle unha residencia de estudantes de carácter público e o Lug 2 un centro de servizos múltiples dirixido á mocidade, pero non do seu uso exclusivo. Conta co centro afectivo sexual Quérote, coa Tradescola (escola de música tradicional), cun salón de actos, unha sala de exposicións, un magnífico albergue internacional, salas de usos múltiples e dentro de moi pouco locais de ensaio e gravación musical e audiovisual.
A verdade é que é unha iniciativa absolutamente novidosa para este país e para esta cidade. O goberno municipal de Lugo con Orozco, Basadre e Rielo á cabeza debería tomar nota deste tipo de iniciativas. Política real para a mocidade e avalada pola mocidade.
Xuventude crea en Lugo un centro multidisciplinar pioneiro
19 Novembro, 2008
PXOM
Non hai comentarios
Teoricamente o día 3 de decembro íase celebrar o pleno extraordinario para aprobar o Plan Xeral. Pero xa non vai ser así. Non vai ser así porque para poder facelo, este luns 17 teríannos que ter dado copia de toda a documentación e a nós non nos chegou nada… nin unha explicación. Será que como o PSOE xa tén ese semiacordo co PP para que llo aprobe sen máis, para que se van preocupar porque o BNG teña información e coñeza o plan. Todo o contrario, canto menos saibamos mellor, que así non podemos cuestionalos.
Cando dixemos que queríamos unha nova exposición pública era precisamente para que PP e PSOE non poidan actuar de costas aos cidadáns, para que dean contan das decisións que toman. O PSOE tivo que modificar o Plan porque Orozco perdeu a maioría absoluta, e o PP renuncia a introducir melloras, que seica para eles nas municipais eran irrenunciábeis, para que non haxa unha nova exposición pública. Vaia coherencia a súa!
No BNG témolo claro, o urbanismo de Lugo tén que cambiar e tén que beneficiar ás maiorías e non a unha única minoría.

18 Novembro, 2008
Política municipal
1 Comentario
O Goberno municipal acaba de anunciar que está elaborando unha ordenanza que regule o botellón, aínda que máis que regular, falan exclusivamente de sancionar. Vaia por diante que eu creo que non hai que criminalizar o botellón e que tamén non ten discusión o dereito dos veciños e as veciñas de Lugo a poder descansar. Polo tanto, o que toca é intentar regular unha práctica que en ocasións entra en contradición cos dereitos cidadáns. Pero dereito tamén ten a mocidade a reunirse e a gozar do seu tempo ao ar libre sen que iso teña que xerar problemas e conflitos.
O que tamén está claro, é que antes de facer unha ordenanza deste tipo sería ben que o goberno escoitase a todas as partes, aos veciños, aos mozos e mozas, aos grupos da oposición. Pero non, Orozco e o PSOE prefiren facer o de sempre, ir pola vía da imposición, o que por certo nunca dá bos resultados. Agardo con impaciencia ver que propostas fai Orozco sobre este tema…
« Entradas anteriores