30 Xaneiro, 2009
PXOM
Non hai comentarios

Onte tivemos a nosa primeira xuntanza informativa sobre o PXOM. Fomos ao barrio Feixóo e alí constatamos algo que levamos máis dun ano dicindo: que o PXOM que aprobaron o PP e o PSOE sigue contendo erros moi importantes, erros que lle afectan aos veciños e que lles provocan indefensión.
Cando comezamos a analisar as espropiacións previstas, puidemos comprobar como non se fixo un traballo sobre o barrio e así, aparecen clasificados como ruínas edificios de 3 plantas que están rehabilitados e que contan con todas as licencias municipais.
Xa sei que o PP e o PSOE a isto non lle van dar importancia e van dicir que todo se pode correxir, pero a verdade é que as súas presas por aprobar un mal plan a quen prexudican é, neste caso, aos veciños dun barrio degradado que están facendo un esforozo por recuperalo.

28 Xaneiro, 2009
Infraestruturas
1 Comentario
O certo é que sempre temos que falar dos mesmos temas. Levamos anos falando das infraestruturas e hoxe temos que volvelo facer. E temos que facelo porque onte fíxose público que por fin se desbloqueou o Estudo ambiental do AVE Ourense-Lugo. E as novas non son todo o boas que deberían ser. Non son boas porque outra vez Lugo, que xa parte cun atraso moi importante con respecto ao resto de Galiza e do Estado, cando o teña, vai ter un tren con menores prestacións. E iso non é bo para Lugo. Non é bo para o seu desenvolvemento económico e social.
Pero claro, iso ao PSOE e ao PP non lles importa. Nin PP nin PSOE, goberne un ou goberne o outro no Estado, apostan por Lugo. Iso si, PSOE e PP, para que Lugo despegue economicamente aprobaron xuntos un Plan Xeral que por certo, xa non “contaba” co tren de alta velocidade.




27 Xaneiro, 2009
PXOM
Non hai comentarios
En vistas de que PP e PSOE se negaron a facer unha nova exposición pública do Plan Xeral, o BNG vai ir polos barrios e as parroquias, tal e como xa fixo hai 3 anos, explicándolles aos veciños o plan xeral que estes dous partidos aprobaron no pleno.
Para o BNG este plan non é o que Lugo necesita. A corrección de erros que se fixo nos barrios é insuficinente e os cambios das parroquias non están xustificados, polo que se vai ver afectada moita xente que aínda non sabe se lle aceitaron ou non a súa alegación.
23 Xaneiro, 2009
PXOM
Non hai comentarios
O final deste proceso estaba cantado. PP e PSOE-PSOE e PP aprobaron xuntos o plan xeral, un plan xeral ben parecido na súa estrutura xeral ao que se someteu a exposición pública e que recibíu case 7.000 alegacións.
Estamos falando dun mal documento, un documento que non resolve os graves problemas que tén este concello e que ademais deixa de novo o urbanismo nas mans dos que sempre se beneficiaron del. E todos sabemos que non estou falando dos veciños e das veciñas de Lugo.
Pero agora xa está. Xa teñen o seu plan xeral. Xa lograron o que querían, sacarse este tema de enriba canto antes. Agora o BNG vai facer o que sempre fai, seguir traballando, ir aos barrios e ás parroquias e informar de que plan foi o que aprobaron o PP e o PSOE e de que plan queríamos nós para este Lugo.
Intervencións de Paz Abraira e X. Anxo Laxe no pleno do PXOM
- Eis un exemplo das deficiencias deste Plan: o financiamento do saneamento

-
O concello de Lugo aproba de forma provisional o novo PXOM co apoio do PP
21 Xaneiro, 2009
PXOM
1 Comentario
Pasado mañá, venres 23 de xaneiro, o PSOE e Orozco levan a pleno o Plan Xeral. Onte tivemos comisión de urbanismo e puidemos comprobar como se siguen detectando erros nun documento que vai definir o futuro urbanístico de Lugo.
No documento de plan xeral que nos presentan corrixíronse unha parte dos gravísimos erros que contiña o primeiro documento, salvando casas que estaban afectadas innecesariamente e moitas veces case ilegalmente, redución de alturas e desfacer a barbaridade dos entrecháns,… Modificación de erros, pero a verdade é que o plan non mellorou todo o que precisaba a cidade e as parroquias de Lugo. A pesar do esforzo que fixo o BNG durante todos estes meses para introducir melloras de calado que reconvertesen un mal documento. Pero non foi posíbel porque PSOE e PP teñen moita presa por aprobalo e dálles o mesmo que non se teña en conta o ferrocarril, que non contemple a mellora da entrada a Lugo por Carlos Azcárraga, que se faga unha nova autovía que vai custar 40 millóns de euros que se sacan do saneamento e abastecemento dos núcleos rurais, que se siga estendendo o solo urbanizábel ocupando cada vez máis territorio, que non se valoren acaidamente as expropiacións,…que a xente non poida ter información das modificacións que se produciron…
Todo iso, xunto coa corrección de erros era o que quería lograr o BNG, pero non foi posíbel. Por coherencia e por responsabilidade, porque non hai ningunha garantía de que este novo Plan non permita aberracións como a das Costas do Parque, porque non corrixe as graves carencias que ten este concello, o BNG vai votar en contra no pleno do venres.
19 Xaneiro, 2009
PXOM
Non hai comentarios
Desta vez parece que si. O PSOE convocou de novo pleno para a aprobación provisional do plan xeral. Vai ser este venres ás 10 da mañá e agardamos que desta vez non haxa sorpresas. Esperemos que sexa a definitiva e que Orozco por fin presente toda a documentación e se poida debatir con coñecemento de causa sobre un documento de suma importancia para Lugo.
O BNG xa dixo que quería cambios no Plan Xeral, cambios que polo menos de momento non se fixeron. E a nós non nos vale a escusa de que para facelos hai que ir a unha nova exposición pública, xa que é algo que defendemos desde o primeiro momento.
Lugo necesita un bon plan de urbanismo e o que se nos entregou non responde ás necesidades deste concello e dos seus veciños e veciñas. Responde máis á presa do PSOE e aos intereses dos que sempre se beneficiaron do urbanismo en Lugo. Veremos que fai o PP o venres.
15 Xaneiro, 2009
Política nacional
Non hai comentarios
Hoxe vén o Conselleiro de Industria, Fernando Blanco, inaugurar a nova oficina de turismo de Lugo. Está ubicada nunha casa que se rehabilitou en pleno casco histórico. Por fin a nosa cidade vai contar cunha oficina de turismo en condicións. Os turistas xa non terán que perderse naquelas galerías da Praza Maior para chegar a unha porta que case sempre estaba pechada. Porque este foi o legado “turístico” que nos deixou a Xunta do PP en Lugo: nada. Nin plans de promoción turística, nin oficina de turismo, nin nada que puxese en valor o noso grande potencial.
Hoxe é un bon día para Lugo, porque por fin comezan a verse actuacións, que sendo pequenas, teñen moita importancia para o noso futuro económico e social. Fomentamos o turismo e rehabilitamos edificios do casco histórico, unha boa combinación.
13 Xaneiro, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Hoxe sae publicado que só 4 concellos presentaron a memoria para as obras do fondo estatal. Cando sairon publicadas as bases, desde o BNG xa criticamos o apretado dos prazos. Non se pode pretender que concellos que practicamente carecen de estrutura funcionarial sexan capaces de presentar propostas de proxectos nun período de tempo tan corto. Agardemos que todo isto non quede en nada e que finalmente os concellos reciban os fondos prometidos.
Por certo, que Orozco fala no seu blog dos proxectos estrela para Lugo para esta lexislatura e resultan algo repetitivos. Parece que ben pouco avanzamos nos últimos anos cando seguimos falando de ponte, autovías, AVE, auditorio…. e segue todo sen facer.
Agardemos tamén que eses 16 millóns de euros do fondo estatal sirvan para que Lugo avance, aínda que sexa en obras menores.
12 Xaneiro, 2009
Eleccións
Non hai comentarios
Esta fin de semana xa viñeron a Galiza Rajoi e Zapatero. Abríuse a veda e os representantes dos partidos estatais xa veñen coas súas promesas de sempre. Andan agora moi preocupados porque ao coincidir as eleccións galegas coas vascas van ter que repartirse e andar de campaña nos dous lados, e claro, iso sempre é problemático.
Pero como van facer o de sempre non temos que estrañarnos de nada. Rajoi veunos contar o mal que lles vai en Madrid coa neve e que claro, teñen as rúas que non se pode andar por elas, que non podían circular polas súas autovías,…Eu síntoo moito polos de Madrid, pero máis o sinto polos de Albeiros que o outro día tiñan a rúa Illas Canarias como se fose unha pista de patinaxe. Pero claro, iso a Rajoi non lle importa, o que lle importa é que lle chegue ben o avión.
E Zapatero, veunos vender as excelencias do seu goberno. Non se debeu acordar de falar do noso financiamento. Xa nos podía dicir canto van contar o envellecemento e a dispersión da poboación no montante final, porque se non é tanto, polo menos como a insularidade, de pouco lle vai valer a Galiza.
Pero non vos preocupedes que diso non nos van vir falar PP e PSOE. Dos nosos problemas e das nosas alternativas quen vai falar é o BNG. Do que lle importa aos galegos e ás galegas.
8 Xaneiro, 2009
Política nacional
1 Comentario

Onte tivemos asemblea comarcal e nela ratificamos a candidatura que vai ser aprobada definitivamente este sábado no Consello Nacional. Nela figuran nomes coñecidos e outros menos coñecidos pero igual de importantes. Todos os candidatos e as candidatas do BNG teñen unha función decisiva nos próximos meses e tamén unha vez que saian eleitos deputados/as, defender os intereses do noso país e de Lugo, de todos e cada un dos seus concellos.
No BNG témolo claro, Lugo e Galiza ben merecen os nosos esforzos. Merecen o noso traballo, a nosa aposta decidida polo seu futuro. O proceso iniciado hai preto de 4 anos tén que continuar. Tén que continuar porque quedan moitas cousas por facer, moitos proxectos por desenvolver.
Os 15 homes e mulleres que forman parte da candidatura do BNG por Lugo téñeno moi claro: Galiza necesita unha maior presenza nacionalista no Parlamento e tamén no Goberno galego.

« Entradas anteriores