20 Febreiro, 2009
Eleccións
Non hai comentarios
O PP negouse a asistir ao debate da TVG entre os tres candidatos á presidencia da Xunta. Un político nunca pode negarse a debatir con representantes das outras forzas políticas que forman parte da mesma institución ca el e que aspiran a ocupar o mesmo posto. O candidato do PP demostra pouca cintura ao desmarcarse deste debate. Pouca cintura porque a cobardía en política, e sobre todo en época de crise non vale. Non andan debatindo polas provincias os cabezas de lista dos 3 principais partidos? Entón por que Feijóo non quere debatir con Quintana? Non debate Arias con Fernando Blanco e con Varela? Ou é que lles fai aceptar aos seus cabezas de lista o que el non quere aceptar?
En política é moi importante ser consecuente. Hai que dar a cara e defender as propostas con honestidade e con claridade. Cando menos esa é a práctica do BNG. O contraste de opinións é sempre vital e por certo, moi positivo para quen aspira a dirixir o futuro dun país. Aquí non cabe a cobardía.
16 Febreiro, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
No pasado ano a Comisión de Participación Cidadán do Concello mantivo numerosas reunións nas que no nome do BNG participou o meu compañeiro Xosé Chorén. Nelas Chorén defendeu as alternativas do BNG relativas ao fomento da participación vinculadas aos novos cambios normativos dos últimos tempos. Pero o curioso é que o PSOE, que se acolle á Lei de Grandes Cidades sempre que o beneficia, aquí non quere poñela en marcha porque implica que os veciños poidan participar máis activamente no concello. Xa sabemos o que é a participación para o PSOE no concello de Lugo. Só a defende cando o beneficia, pero á hora da verdade non creen nela. Non creen nela porque lles gusta mandar pero non escoitar e chegar a acordos. O exemplo máis claro é o dos pedaneos. Non queren elexilos democraticamente como se fixo cando o BNG formaba parte do goberno, de maneira libre e democrático. Porque aos representantes dos veciños teñen que elexilos os veciños, non poden ser meros executores das ordes do PSOE no rural.
O BNG rexistrou unha proposta de regulamento de participación na que se recollen as propostas do BNG e as dos colectivos veciñais máis representativos, así como o sentir dos veciños e veciñas da zona rural. E esta proposta tén que ir a pleno e alí o PSOE vai ter que dicir que si ou que non. Xa veremos o que pasa.
10 Febreiro, 2009
Infraestruturas
1 Comentario
Está claro que o PSOE quere ocultar o que está pasando con ferrocarril en Lugo. No ano 2003 constituiuse a Comisión de Seguimento do Ave con representación de todos os grupos políticos presentes no concello (BNG, PP e PSOE), con representantes da Xunta e tamén do Estado. Pois ben, onte celebraron unha reunión desa comisión e nela só estivo presente o PSOE. Isto seguro que lle resulta clarificador a todo o mundo. Non me faría falta escribir nada máis, pero non podo resistirme. Onte viñeron a Lugo a contarnos unha nova película sobre o AVE. Que se un novo estudo, que se cambios, que se nada de enterrar a via… Pero a realidade é que a semana pasada se fixo público que de Lugo a Ourense non vai haber doble via e que non se vai rectificar a actual, polo que vai manter as curvas que xa tén.
Orozco quere estar só nesas xuntanzas porque así pode plegarse aos intereses de Madrid sen que ninguén lle chame a atención. É un esperto en facelo. Na nova ponte, no AVE, nas autovías,… en todas as infraestruturas polas que Lugo segue esperando.
9 Febreiro, 2009
Eleccións
Non hai comentarios
Este é un inverno de temporais. Témolos de todos os tipo: climatolóxicos, sociais, políticos. Debe ser pola cercanía das eleccións. O 1 de marzo está aí e cada quen analisa as cousas en función do que se fixo e do que queda por facer. Eu son das convencidas de que se fixo moito, pero que máis queda aínda por facer.
No BNG temos claro que é necesario seguir cos avances iniciados, e así nolo fan ver en todos os actos que estamos celebrando. Onte fomos a Pías, unha parroquia que está por detrás do CEAO, e alí Fernando Blanco falou de presente e de futuro. Porque queremos poñer en valor o que fixemos pero tamén explicarlle á xente o que queremos seguir facendo. Foi un acto no que os veciños lle puideron facer preguntas ao Conselleiro de Industria, e iso non pasa todos os días. Gústanos o contacto coa xente, porque é o único que che permite non perder a perspectiva do que pasa no país, do que pasa en Lugo. Todos os encontros que estamos celebrando van nese camiño, e estamos moi satisfeitos.
6 Febreiro, 2009
Infraestruturas
Non hai comentarios
O Consello da Xunta aprobou onte a segunda fase das obras do Plan paradai. Neste caso inclúese a nova ponte de Paradai, a que vai sustituir á vella e que enlaza unha e outra parte da cidade, dividida pola via do ferrocarril. Non vou insistir outra vez en algo que todos sabemos:que a via é unha barreira. Hoxe vou falar de esperas e prazos. Esperas e prazos aos que os lucenses xa estamos afeitos: nova ponte, AVE, autovías, saneamento rural, auditorio, Plan Paradai.
No caso do Plan Paradai os veciños levaban moito tempo esperando polas obras. e agora levan moito tempo padecéndoas. Tiveron que agardar por unha escaleira para poder pasar dun lado a outro (onde antes estaba a vella ponte) a que a Conselleira de Política Territorial viñera inaugurar as obras. E mentres tiñan que esperar, os nenos víanse na obriga de cruzaren a via do tren para ir ao colexio. Agardemos que non haxa máis atrasos e que a ponte Romai non se faga esperar 10 anos como a 1ª fase destas obras.
4 Febreiro, 2009
Nova ponte
3 Comentarios
Onte veu a Ministra de Fomento presentar o proxecto da nova ponte sobre o Miño. Xa sabedes de que ponte estamos falando, desa que xa tiña que levar feita 4 anos e que sigue sendo virtual.
Onte viñéronnos contar que vai estar feita en 30 meses (case 3 anos!!!) e que o enlace coa avenida de Magoi que se apraza de momento porque se vai facer con outro proxecto. A conclusión que saco eu de todo isto é que de momento non hai ponte e que cando a haxa vai desfacer o parque de Marcos Cela. Pero claro, vir unha Ministra a Lugo dicir iso antes dunhas eleccións non queda nada ben, e incluso pode cabrear a máis de un e de dous, e claro, agora non convén.
3 Febreiro, 2009
PXOM
1 Comentario

Esta semana seguimos coas xuntanzas informativas sobre o Plan Xeral. Onte fomos á Cheda e mañá e pasado a Albeiros e As Gándaras. Estamos facendo un traballo que lle correspondería facer ao goberno municipal, unha vez aprobado provisionalmente polo PSOE e polo PP en pleno, pero no Concello non dan cita até o 26 de febreiro. Xa vedes que non teñen presa.
Tamén podían colgar o documento da páxina web do concello como fixeron en Compostela, pero iso tampouco vai co PSOE de Lugo. Eles prefiren manter a xente na ignorancia. Por iso é tan importante o traballo que estamos facendo, porque os veciños e as veciñas teñen dereito a saber canto antes como lles vai afectar este Plan, un PLan Xeral ao que o BNG dixo non.
