30 Marzo, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
A semana pasada fomos á inauguración que o concello fixo dos novos xardíns da Rúa Gallego Tato. Nun primeiro momento todo parece perfecto: herba impecábel, mobiliário novo, nenos xogando, vellos sentados,… E digo nun primeiro momento porque observando en detalle esta nova zona verde atopámonos de novo con esa proverbial capacidade deste goberno municipal para facer as cousas minimamente ben. Como é posíbel que este novo xardín non teña acceso á zona de descanso, na que están os bancos, se non é pisando a herba e salvando o borde de cemento que rodea a zona? Agora que tanto se fala de igualdade e de eliminar barreiras arquitectónicas resulta ben grave que se fagan obras destas características, sen a máis mínima sensibilidade para as persoas que teñen reducida a súa movilidade.
Pero aínda hai máis. A zona limita con predios particulares nos que o cerramento non é o máis adecuado para o entorno dunha zona de xogos infantís como é esta. As pelotas acaban caendo sempre fóra do sitio asignado para facelo.
E aínda non acaba aquí a cousa. De noite a zona non ten iluminación directa. As farolas que hai son as da rúa Gallego Tato, polo que non aluman para o espazo de xogos.
Xa ven, o concello esqueceuse dalgunha que outra cousa elemental no século XXI, e por iso imos levar un rogo ao pleno do día 13 de abril.
27 Marzo, 2009
Política municipal
1 Comentario
No BNG acabamos de iniciar unha rolda de visitas aos barrios de Lugo. Esta semana empezamos no barrio da Cheda, onde os veciños e as veciñas nos espuxeron as necesidades da zona e as melloras básicas que eles consideran necesarias.
A verdade é que non piden moito, polo que agardo que o Goberno municipal sexa sensíbel a estas demandas. Pedir que se cambie de rúa a parada do bus, pedir que se repinten os pasos de peóns que case non se ven, non é moito epdir.
Outra das demandas que nos fixeron e que a min me parece moi importante é que se arranxe o pavimento da zona de xogos infantís que non fai tanto tempo que se instalou e que ten un enorme burato xusto onde está a zona de randeas, co conseguinte perigo para os nenos eque xogan alí. As nais dixéronnos que xa leva cerca dun ano neses estado e que ninguén se preocupou por ilo arranxar, polo que presentamos un rogo para o vindeiro pleno do 13 de abril para que o goberno non diga que descoñecía a situación.

26 Marzo, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Andan a igrexa e o PP revolucionados con isto da modificación da lei do aborto. A verdade é que a súa especialidade é mentir e engañar porque no Estado español a lei do aborto xa existe e esta práctica é perfectamente legal. O único que se pretende agora é ampliar os supostos e os prazos legais para a interrupción voluntaria do embarazo.
Eu defendo o dereito das mulleres (de todas as mulleres) a poder decidir sobre o noso propio corpo. Ninguén pode ter dereito a dicirme se eu podo ou non interrumpir o meu embarazo dentro dos prazos legais establecidos. Tampouco entendo que teña que andar contándolle a miña vida a ninguén para tomar unha decisión que, en último caso, só a min me corresponde tomar.
Non se pode mentir e engañar como fai a igrexa. Non se pode dicir que se vai abortar até os 9 meses. Non se pode manipular á opinión pública desa maneira. Pero aínda hai máis, non se pode permitir que a igrexa, coa súa falsa moral, nos pretenda impoñer a súa hipocresía a todos. As leis recoñecen dereitos, pero non obrigan a ninguén a asumir determinadas prácticas. Os avances sociais en materias como o aborto, os dereitos dos homosexuais, os dereitos das mulleres, etc., dannos o dereito a elexir e non nos impoñen nada. A lei do aborto dame dereito a decidir sobre o meu corpo pero non hai nada que me obrigue a facelo. Pero claro, a igrexa non entende de igualdade e de dereitos, sobre todo dos dereitos das mulleres.
25 Marzo, 2009
Política nacional
1 Comentario
Que terá pensado facer agora o PP coa súa política antigalego? Onte o Parlamento Europeo rexeitou a a súa proposta de utilización manipuladora da escolla do idioma de escolarización dos fillos. Quere o Parlamento europeo garantir o plurinlingüísmo naqueles Estados que teñan máis dunha língua oficial.
No caso galego isto era o que pretendía o famoso Decreto que Feijóo quere erradicar. Que as dúas linguas manteñan o mesmo estatus a nivel educativo e que o alunado sexa competente no seu uso cando remate o seu período educativo.
E así é como di a Unión Europea que ten que ser. E así é como di o sentido común que tén que ser. E así é como di o BNG que ten que ser. E así é como din os galegos e as galegas que ten que ser. Agardemos a ver como di o partido Pupular que ten que ser.
24 Marzo, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Ano tras ano cando chega o bon tempo somos moitos os que nos damos conta do importante que sería para a nosa cidade contar cunha praia fluvial pública. Até fai uns 20 anos sempre viviron de cara ao río, disfrutando del, pasando nel o seu tempo de lecer. Hoxe, a pesar de existir extensas zonas públicas no entorno do río, non temos unha zona de baño adaptada para tal fin.
Por iso acabamos de presentar unha iniciativa que vai a pleno o día 13 de abril na que pedimos que se inicien os trámites para crear unha praia fluvial pública entre o caneiro da luz e a área recreativa “Os Robles”. Esta zona, coñecida como As Ínsuas, sempre foi empregada como lugar de baño polos lucenses, e xa conta cunha insfraestrutura da que é titular a Deputación Provincial con cafetería, vestiários e piscinas, polo que non sería necesario urbanizar máis as beiras do río.
Esta é unha demanda absolutamente razonábel e que pode ser viábel a corto prazo se se chega a un acordo coa Deputación e coa Confederación Hidrográfica. Agardo que esta proposta conte co apoio dos outros grupos no pleno.

18 Marzo, 2009
Política nacional
2 Comentarios
Está claro que a defensa dos servizos públicos non vai co Partido Popular e por iso se opoñen ao Consorcio. O deles sempre foi a privatización, o dicir que as empresas privadas sempre funcionan mellor cas públicas. O deles sempre foi apostar polo de fóra e nunca polo de dentro. O deles sempre foi España e nunca Galiza. Por iso din que non temos capacidade económica e social para sair adiante sen a “subvención” estatal.
O BNG tén por diante un labor de oposición na Xunta e en moitos concellos que vai ter que desenmascarar a actitude e a política do PP, unha política tremendamente lesiva para os intereses dos galegos e das galegas. Antes tocou gobernar e agora toca defender o feito, que foi moito e bon a pesar dos erros cometidos e do resultado electoral.
17 Marzo, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Non fai moitos meses que o BNG presentou unha proposición en Pleno na que pedíamos a reforma do sistema ORA. Entendendo que é necesario regular o aparcamento de vehículos no entorno doc asco histórico, tamén entendemos que este sistema non debe ser exclusivamente recaudatorio.
Na nosa iniciativa pedíamos que se establecese a gratuidade da primeira media hora para así facilitar a mobilidade dos coches e permitir que os usuarios de moitos servizos poidan acceder a eles nese tempo sen ter que pagar por aparcar. É necesario tamén revisar onde e porque se instala este sistema, pois non todas as rúas son iguais.
Lástima que o goberno non tivese nada disto en conta e que o único que fagan sexa cambiar de empresa. Outra oportunidade perdida para mellorar o tráfico nesta cidade.
16 Marzo, 2009
Política nacional
Non hai comentarios
Para min o futuro do País e o do BNG van sempre unidos. Non pode ser doutra maneira ao ser a nosa unha organización (que non un partido) nacionalista. Este fin de semana tivemos Consello Nacional e saimos del coa convocatoria dunha Asemblea Nacional Extraordinaria para o 10 de maio. Temos moito que debatir, moito que correxir e sobre todo, temos moito traballo por diante, moito traballo que necesitamos facer cun BNG forte e unido, no que todos e todas temos cabida.
Teño claro que necesitamos máis participación da militancia e organismos de dirección máis áxiles. E neses organismos de dirección é bon que haxa diferencias porque o BNG é unha organización moi plural e aberta. Pero o que non pode haber é xente que non asista, que non traballe e que non asuma responsabilidades.
13 Marzo, 2009
Política municipal, Política nacional
2 Comentarios
Nestes meses vaise definir en boa medida o futuro do noso País. Houbo quen se queixou porque falo moito do País e pouco de Lugo. Grave erro pensar que Lugo non forma parte dese País que eu defendo. Defender intereses colectivos é tamén defender os intereses de Lugo como cidade. Se o BNG aposta por crear unha compañía ferroviaria galega que para dar servizo de cercanías co tren, loxicamente ese servizo tamén será para Lugo. Cando o BNG apostou por crear galescolas, centros de día e centros de alzheimer é tamén para que Lugo se beneficie delas (que teñen carácter público e non privado). Así hoxe temos un centro de alzheimer en Lamas de Prado e non temos galescolas porque o PSOE e Orozco non as queixeron. Cando o BNG aposta por crear franxas de protección forestal no entorno das vivendas e dos núcleos de poboación é tamén para que nas 54 parroquias rurais de Lugo os veciños non teñan os eucaliptos e os piñeiros á porta da casa.
As apostas do BNG son apostas nacinais e locais. Gobernamos e aplicamos medidas transformadoras que o PP xa dixo que ia botar abaixo. Por iso digo que nos próximos meses se vai definir parte do noso futuro, do galego e do de Lugo.
12 Marzo, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Debe andar medio Lugo preocupado polo tema das multas. Parece ser que hai funcionarios e políticos implicados. É un tema preocupante porque un cargo público debe ser estremadamente cuidadoso co uso que fai do posto que ocupa. Non podemos estar por encima do resto dos cidadáns. Temos que dar exemplo e actuar correctamente.
Agora son as multas pero poden ser outras cousas. E os funcionarios públicos tamén deben dar exemplo e non poden obter beneficios económicos máis aló do seu salario.
O caso da policía local de Lugo está chegando a uns niveis asombrosos, e os cidadáns xa están fartos de ver como actuan como lles dá a gana. A reestruturación era unha necesidade, e agora o goberno ten a obriga de aplicala.
« Entradas anteriores