29 Abril, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
O luns día 4 de maio temos pleno e imos levar unha iniciativa para que o concello de Lugo inicie canto antes un programa de compostaxe caseira.
O compost é un abono que se obtén da descomposición da materia orgánica. A proposta que levamos tén como obxectivo reducir a fracción de materia orgánica presente no lixo, que representa entre o 60 e o 80% do total e ampliar a conciencia ambiental.
A incineración do lixo en Sogama está incrementando a produción de gases que contribuen ao efecto invernadoiro e polo tanto que aceleran o cambio climático, polo que entendemos que os concellos deben fomentar prácticas tendentes á redución da produción de lixo, e á reutilización e reciclaxe (3Rs).
Unha boa maneira de empezar é repartindo composteiros caseiros na zona rural e nas vivendas urbanas que teñan horta e/ou xardín para que traten a súa propia materia orgánica.
Agardamos que o goberno municipal do PSOE aprobe esta iniciativa do BNG e desenvolva canto antes este programa.


28 Abril, 2009
Nova ponte
Non hai comentarios
O Portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, solicitou unha copia do proxecto da nova ponte sobre o río xa fai máis de 3 meses e a día de hoxe seguimos sen ter ningunha resposta. Para que os cidadáns poidan facerse unha composición exacta de como vai quedar e a que terreos vai afectar a copia dese proxecto é unha necesidade. Resulta curioso que sendo o novo Ministro de Fomento e o alcalde de Lugo tan amigos non haxa xa unha copia no concello a disposición dos grupos políticos e dos veciños que queiran consultala.
Que haxa tanto escurantismo sobre este tema non é nada bon para Lugo. Esta obra, como a das costas do parque, conta cun amplo rexeitamento social no que á afectación sobre o parque Marcos Cela se refire, polo que o concello debe insistir na necesidade de preservar esta zona verde. Agora ademais non hai escusa posíbel, pois á parte de haber relación partidaria polo medio, seica tamén a hai de amizade, con liña directa diaria entre as partes.
27 Abril, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Hai predios na cidade, construidos ou non, que acumulan no seu interior grande cantidade de lixo. E parece que neles só se actua cando os veciños ou os grupos políticos o denunciamos. E non é que non se vexan e que polo tanto a patrulla verde non poida facer denuncias para que o concello actue directamente. Temos un caso ben chamativo nun edificio ruinoso no comezo da rúa San Lourenzo, xusto ao lado dese “exótico” xardín de palmeiras que fixeron na Avda. da Coruña, na entrada do barrio Feixóo. A vista é ben lamentábel: un televisor, un colchón e demais lixo alí amoreado. E xa leva ben tempo sen que o Concello fixese nada, malia que a casa coa que colinda teña aberto un expediente de ruína. Polo tanto non se pode dicir que os técnicos municipais non pasaron por alí.
Pero como xa presentamos un rogo para o pleno, seguro que agora xa se soluciona.


24 Abril, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Neste concello permítense actuacións urbanísticas ben discutíbeis. Así puidemos comprobar como nas obras das costas do parque permiten a instalación de guindastres sen autorización, aínda que iso si, despois concedéronlla por decreto do Sr. alcalde.
Parece haber un trato diferenciado entre unhas e outras obras ou persoas, e non debería ser así. Por iso presentamos unhas preguntas para a comisión de urbanismo do martes que vén. Xa vos contarei que me responden.
22 Abril, 2009
Política municipal
2 Comentarios
Onte saia na prensa que a Asociación en defensa das costas do parque impedíu o acceso de distinta maquinaria ás obras que están facendo no entorno do parque Rosalía de Castro.
Son moitas as polémicas que perseguen a esta obra e á empresa construtora. Partimos do Plan Xeral do 91, aínda vixente, aprobado polo PP, que lle asigna unha edificabilidade totalmente excesiva para o contorno. Seguimos coa aprobación dun Estudo de Detalle, aprobado polo PSOE, que lle permite construir tres moles de edificios na zona máis alta da parcela e eliminando toda a riqueza visual e paisaxística da zona. E chegamos ao inicio dunhas obras que bordean en máis dunha ocasión a legalidade urbanística co silencio cómplice do goberno municipal. E todo isto cun recurso presentado no xulgado e cun amplo movemento social en defensa do parque.
Está claro que o urbanismo de Lugo tén que cambiar. Mágoa que o novo Plan Xeral sexa ben parecido ao anterior. Por certo, foron o PSOE e o PP quen o aprobaron, porque o BNG votou en contra.
21 Abril, 2009
Política nacional
Non hai comentarios
Xa tomaron posesión todos os conselleiros da nova Xunta do PP. Son maioritariamente homes e seica todos teñen un perfil técnico máis ca político. Por certo, isto dito polos propios membros do PP. Seica só 2 teñen ese “perfil político”, Rueda e Hernández (o incumpridor das normas). Levar unha triconsellería ten que ser, cando menos, ben estresante, a non ser que non fagas nada.
O califa do Partido Popular (perdón, o Sr. Núñez Feixóo) xa nomeou ao seu goberno e nel non hai ninguén que lle poda facer sombra. Non vaia ser que haxa outros (outras xa non as hai no goberno) que destaquen máis ca el.
20 Abril, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Xa se celebraron as asembleas comarcais para a elección de delegados/as para asistir á Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de maio. Foron asembleas nas que se deu un profundo debate centrado no novo cenario político e na situación do nacionalismo galego.
Hai que felicitar a todo o BNG pola celebración dun proceso interno no que cada quen puido expoñer o seu punto de vista sobre a actual situación.
16 Abril, 2009
Medio Rural
Non hai comentarios
Hoxe hai manifestación en Madrid en defensa do sector lácteo. Os nosos gandeiros e gandeiras están atravesando unha das peores crises da súa historia e desde o Estado non fan nada para paliala. Como é posíbel que quede leite galego sen recoller cando só producimos o 70% do que consumimos? Como é posíbel que as empresas recollan leite para transformalo en leite en po (polo que pagan moito menos) e que despois non podan demostrar que realmente o transformaron neste produto? Non será que o poñen no mercado como leite normal baixo outros nomes?
A manifestación de hoxe é totalmente lóxica e necesaria. Ou corriximos esta situación ou o noso sector agrario verá agravada a súa situación.
14 Abril, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
É unha verdadeira mágoa que non veña máis xente aos plenos, porque ás veces son ben interesantes. Onte tivemos unha sesión na que, malia termos unha orde do día con distintas propostas, o debate estivo centrado na policía local.
Levamos xa varios meses (anos) de polémica con este corpo funcionarial do Concello de Lugo. Un corpo funcionarial que non actúa como o resto do persoal do Concello, que parece ter dereitos diferentes aos dos demais traballadores da administración municipal.
Xa sei que insisto moito neste tema, pero é que no BNG témolo claro. Queremos unha policía operativa e ao servizo dos cidadáns. Ese é o noso modelo e ningún outro.
8 Abril, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
O luns que vén, o día 13, temos pleno no concello. E van un par de temas ben interesantes. Imos falar da praia fluvial, e tamén da policía local. E tamén dos enfermos celíacos e do Plan Urban.
Lástima que os acordos que se toman despois non se apliquen. O PSOE, con Orozco á cabeza, ten o antidemocrático costume de incumprir os acordos plenarios e non pasa nada.
Como se os demais cidadáns puidésemos facer o mesmo cando nos dá a gana. Non nos gusta o que nos sae a pagar da declaración de Facenda, pois nada, non a pagamos. Non nos gustan as normas de circulación, pois nada, non as cumprimos…
Está claro que esta maneira de actuar non é a correcta, nin para nós como cidadáns nin para Orozco como alcalde de Lugo.
« Entradas anteriores