27 Maio, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Está claro que o goberno socialista de Lugo está en descomposición. Orozco, o seu sumo sacerdote, ve perigar o seu futuro político e xa fala de cambios, de modificacións, de axustes,… Cando un alcalde di sen dicir que tén que facer modificacións na metade dun mandato está admitindo que as cousas non van ben e que hai que darlle un xiro ao timón. Do que non se dá conta é de que o seu timón xa non xira porque deu tantas voltas que non sabe onde está. Son os riscos dun goberno en minoría cun equipo incapaz de enfrontarse aos problemas que tén hoxe a nosa cidade.
En época de crise non chega con dar golpes de efecto, hai que actuar de maneira clara e contundente e aplicar medidas que favorezan aos que menos teñen, aínda que a algúns “empresarios” e a algúns grupos políticos non lles resulten cómodas.
O PP e a gran patronal están de acordo en culpabilizar aos traballadores do que pasa. A banca tamén… O BNG non. Por iso apoiamos aos traballadores de Pascual, de Ingemarga, que ven perigar o seu posto de traballo mentres o PP lle fai o caldo gordo aos que máis teñen.
20 Maio, 2009
Política nacional
1 Comentario
O PP quere impoñer o apartheid lingüístico na Galiza. Quere separar aos cativos en función da língua que falen. Queren, polo tanto, segregar, diferenciar, excluir a uns para poñer a outros. Queren, en definitiva, que os poucos nenos e nenas que falan galego cando comezan a súa escolarización (despois xa deixan de facelo porque a docencia impártese maioriatiramente en castelán) se sintan coma bichos raros, se sintan os anormais por falar a língua dos seus pais e dos seus avós.
Temos que aturar que se nos acuse de imposición aos que realmente defendemos o uso das dúas línguas en igualdade de condicións, non a imposición de unha sobre a outra que é o que acontece agora. Na nosa cidade non temos máis que preguntarnos en que nos atenden cando imos a calquera administración (Xunta, Deputación, Concello, Facenda,…), a calquera entidade bancaria, a calquera comercio, a calquera centro de saúde,…. A realidade é obstinada e empéñase en darnos a razón aos que dicimos que aquí o que está en perigo é o galego. Que aquí só hai un idioma no que non podemos desenvolver a nosa vida con normalidade: o galego. Teño problemas se quero unha escritura notarial en galego, se quero a documentación dun crédito ou dunha hipoteca en galego, se quero que a miña xinecóloga (da seguridade social) me atenda en galego, se quero presentar unha reclamación no SERGAS en galego, se quero que os meus sobriños reciban o 50% das materias en galego, se quero que non os separen dos seus amigos por falar en galego,…
A pesar das moitas dificultades que temos, o galego está vivo na xente, incluso na que fala case sempre en castelán pero entende que o galego é un valor, unha riqueza, un sinal de identidade do noso, do que somos. Porque xa dicían os vellos que “o saber non ocupa lugar”.
18 Maio, 2009
Política nacional
1 Comentario
Mira que teño participado en infinidade de manifestacións, concentracións e demais actos reivindicativos, pero a de onte en Compostela foi unha das que máis satisfación me producíu. Ver a tantos milleiros de persoas de todas as idades reclamando o seu dereito a vivir en galego foi do máis emocionante que me pasou nos últimos anos. Porque é a demostración clara de que hai País, de que hai futuro e de que o PP (e en moitos casos o PSOE) non poden acabar con Galiza.
Onte pasoume como naquela de Nunca Máis, que tanto choveu e que case non me puiden mover. Onte tamén choveu e tamén se fixo case imposíbel camiñar. Porque o galego é un dereito e nunca imos renunciar a el.

15 Maio, 2009
Economía, Política municipal
Non hai comentarios
Hoxe reunímonos cos representantes dos traballadores da fábrica que Pascual tén en Outeiro de Rei e que quere pechar coa trampa dun ERE. Agora todas as empresas presentan expedientes de regulación de emprego (ERE) aínda que a crise non lles afecte como eles din. Estamos falando dunha empresa punteira, que recibíu axudas das administracións, que tén a produción á porta da factoría (todo o leite que se produce na Galiza) e que produce según a súa propia publicidade o mellor leite do Estado. E agora queren botar á rúa (e pagándolles moito menos do que lles corresponde) a máis de 150 traballadores directos e todos os indirectos que se verán afectados polo peche da factoría.
O BNG vailles prestar todo o seu apoio en todas as institucións porque non é normal que pretendan pechar este centro de transformación do leite.
11 Maio, 2009
BNG
1 Comentario
Xa temos novo Portavoz nacional, Guillerme Vázquez. A Asemblea de onte demostrou a madurez do BNG e da súa militancia. Distintas listas, distintas propostas e resultados democráticos.
Deséxolle moitos éxitos a Guillerme á fronte desta portavocía nacional. Deséxollos porque os seus éxitos serán os éxitos do BNG e porque os éxitos do BNG son os éxitos deste país.
Agora toca traballar nas eleccións europeas. Toca facerlle fronte a unha grave situación de crise económica que lle está afectando gravemente a Galiza. Somos nacionalistas e de esquerdas e queremos outro modelo económico e social, e imos traballar para logralo.
7 Maio, 2009
Política Estatal, Política nacional
Non hai comentarios
Mañá vanse celebrar por todo o País concentracións en defensa do sector lácteo, que está atravesando unha das peores crises da súa historia. A importación masiva de leite francés a baixo prezo está obrigando aos gandeiros/as galegos a pechar as súas explotacións. E a política das empresas (Leche Pascual) pechando as plantas de transformación e envasado galegas axuda a apiorar esta situación.
Agora que estamos de novo ante unhas eleccións europeas, os partidos estatais deberían dar explicacións de por que estamos nesta situación. A tan cacarexada política europea, avalada por PP e PSOE cando gobernan no Estado é a maior responsábel desta situación de crise do sector lácteo galego.
5 Maio, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
Onte tivemos plenos e levamos unha iniciativa da que xa vos falei para que o concello poña en marcha un programa piloto de compostaxe caseiro. E no pleno aconteceu o que me esperaba, que PP e PSOE deixaron ben claro que non apostan pola compostaxe. O PP, por boca de Castiñeira, vendeunos a política ambiental do seu partido representada en Barreiro, quen foi Conselleiro de Medio Ambiente e non fixo nada por deixar de incinerar a materia orgánica en Sogama. E o PSOe, por boca de Dopeso, Concelleiro de Medio Ambiente, dixo que primeiro hai que saber que vai facer a Xunta no futuro.
Uns polos outros e as cousas seguen igual. Non son quen nin de darlle para diante a un programa piloto que tería un custe ridículo para o Concello e que podía ter un efecto social de promoción de medidas ambientais e de aposta pola compostaxe como modelo alternativo á incineración (que axuda a incrementar o cambio climático) realmente positivo.
Máis e máis excusas para non aplicar ningunha medida que aposte polas 3Rs:
Reducir-Reutilizar-Reciclar



4 Maio, 2009
Sen categorizar
Non hai comentarios
Hoxe é un día ben triste para Lugo, pois a morte en accidente de dúas das rapazas do EMEVE transformou en escura unha mañá soleada. En lugar de satisfacción polos trunfos deportivos obtidos a fin de semana o que temos é dor polo gravísimo accidente sufrido polo autobús que as traía para a casa.
Vaia por diante o meu pesar para as familias das falecidas e o desexo de pronta recuperación para as que aínda seguen hospitalizadas. E o apoio para todas aquelas persoas que compoñen o equipo.