31 Xullo, 2009
Política nacional
3 Comentarios
Ultimamente o PP fala moito de liberdade, da súa liberdade. Da liberdade que lles dá a maioría para impoñer as súas normas, as súas prácticas e para retirarlles dereitos básicos a todos os cidadáns.
Acaban de facer público o resultado da enquisa do galego, e cando parece ser que maioritariamente os pais/nais queren un ensino nas dúas línguas, vai o sr. Anxo Lorenzo e interpreta que iso significa que o que queren é un ensino en español. Está claro que non poden caer máis baixo. E por iso fan públicos os resultados hoxe, venres 31 de xullo, cando todo o mundo está pensando en marchar de vacacións.
Pois que non conten con iso, porque este país non se vai de vacacións e ten claro que o galego, o noso idioma, é unha grande riqueza, e non imos permitir que ninguén nola arrebate e aras das chamadas “liberdades individuais”. Porque como pobo temos unha liberdade colectiva, común a todos e todas nós, que non van poder enterrar, por moito que o intenten.
28 Xullo, 2009
Política nacional
1 Comentario
Xa está, xa pasaron os primeiros 100 días de goberno do PP. Seica hai que esperar sempre ese tempo para empezar a facer valoracións, pero neste caso a miña é a mesma hoxe que fai 100 días: negativa. É negativa porque non pode ser doutra maneira. Que nos deixaron estes 100 días? Pois deixáronnos ataques mortais ao galego, acordos fraudulentos para restrasar aínda máis a chegada do AVE, un novo financiamento autonómico que nos deixa en peor situación da que estabamos antes, un acordo para o sector lácteo que non resolve os graves problemas que teñen os nosos produtores de leite,…
E agora por riba PP e PSOE falan de aprobar un novo estatuto que non sexa de nación porque seica esa é unha aspiración pasada de moda. Menos mal que no BNG temos ben claro o que queremos con respecto a este tema, porque senón cando cheguemos aos 1000 días de goberno do PP non vai quedar nada do que é este País.
22 Xullo, 2009
Infraestruturas
Non hai comentarios
Xa sei que resulta un pouco monótono estar falando sempre do mesmo, pero é que non queda outra. Onte asinouse ese seica “fantástico pacto” polo cal o AVE vai chegar a galiza en 2015. Antes xa tiñamos outro acordo”seica non tan fantástico” polo cal ía chegar no 2012. A verdade é que eu case me quedo co anterior porque gañamos 3 anos, que non é pouco. E iso se se cumpren os prazos, cousa pouco habitual neste país.
Onde andan agora aqueles que clamaban polos atrasos? A quen queren enganar? Ou pensan que sen orzamento fixo van ir máis rápidas as obras?
Xa o dixo Guillerme Vázquez, este é un acordo-trampa, un acordo político que relega outra vez o noso país. E coma sempre nestes casos PP e PSOE están de acordo. Pois o BNG non.
17 Xullo, 2009
Política nacional
Non hai comentarios
Xa hai acordo sobre financiación, e non é bon para Galiza. E o chamativo de todo isto é que os alcaldes, tan dados eles a reclamar máis fondos para os concellos, agora están calados. Onde vai ese Orozco que sempre clamaba por máis cartos para poder atender ás necesidades de Lugo? Por que está agora tan calado? Non será que como esta financiación a impón o PSOE desde Madrid hai que dicir amén?
Pero é que o PP de García Díez tamén está calado. E por que será neste caso? Ao mellor porque coa boca grande din unha cousa e coa pequena outra. Coa boca grande din que este modelo de financiamento non é bon, pero coa pequena abstéñense e falan baixo porque realmente se eles estivesen gobernando no Estado, Galiza non sairía mellor parada, porque quen manda é Madrid e a nosa considérana unha Comunidade de segunda.
O BNG dixo desde o primeiro momento que non podíamos perder posicións con respecto ao que tiñamos, que era o 7,8% do total dos fondos que se reparten. E non é por capricho. É porque desta maneira non imos poder prestarlle aos nosos cidadáns uns servizos públicos de calidade, e iso non se pode permitir. Como poden primar máis á poboación de menos de 17 anos que á de máis de 65? Quen consume máis recursos, un neno ou un ancián?
Pero volverán os tempos nos que os concellos clamen de novo por un financiamento local máis axeitado ás necesidades reais de cada un. Pero tristemente, agora están calados, e despois poucos fondos haberá para repartir. O momento de reclamar era este. Oportunidade perdida!!!
15 Xullo, 2009
Medio Rural
Non hai comentarios

Como filla de labregos que son non podo deixar de sentir emoción cada vez que vexo os tractores entrar en Lugo. A imaxe de toda esa ringleira de múltiples cores (a cada cal máis intensa) é digna de ver e permanece fixada na retina.
O luns resultaba curioso ver as retencións de tráfico que había pola tarde e a tranquilidade aparente dos condutores dos vehículos que non podían circular. Supoño que se debe a que o que máis ou o que menos quen vivimos en Lugo procedemos do rural e somos irmáns, fillos ou netos (se non as tres cousas) de homes e mulleres que viven directa ou indirectamente das distintas producións agrarias e gandeiras.
Cando contan o que lles costa producir un litro de leite e o que lles pagan por el todos pensamos no mesmo, que así non se pode vivir. Cando se di que non se pode fixar un prezo mínimo para o leite pensamos no gasoil e na gasolina, no butano,… e dámonos conta do distinto que é o libremercado para uns e para outros.
Aínda lles quedan tres días de movilizacións, e seguro que desde a muralla moitos e moitas van seguir mirando para eles con simpatía. Anímoos a sumarse á manifestación que van facer mañá a pé por Lugo. Eu tamén teño intención de facelo.

13 Xullo, 2009
Política nacional
Non hai comentarios
Estase debatindo estes días sobre financiamento autonómico. Fálase moito pero concrétase pouco. O BNG xa dixo que non podíamos aceptar ningunha cantidade que ande por debaixo do 7,8% do total estatal. E iso partindo dun reparto de 15.000 millóns de euros, non dos 9.000 (todo máis 11.000) dos que falan desde Madrid.
Pero Feijóo non se dá aclarado, e Pachi xa o ten moi claro. Un non di nin que si nin que non (estará agardando a ver que di Rajoy) e o outro di que si sen matices, que os cartos que nos tocan son moitos e moi necesarios (xa lle dixo Zapatero – ou foi Blanco?- que non hai máis).
Coma sempre Galiza non anda nin para adiante nin para atrás, sempre agardando polo que digan os partidos estatais. Se tivésemos un Estatuto de Nación como ten Cataluña as cousas serían ben diferentes. Pero claro, o PP diso non quere nin oir falar, non vaia ser que Madrid deixe de cobrar os impostos das empresas que ganan milleiros de millóns de euros á conta dos nosos recursos naturais.
10 Xullo, 2009
Política municipal
Non hai comentarios
A nosa cidade vai pasar un verán máis sen praia fluvial. A verdade é que miras para Ourense e non podes deixar de sentir envexa do ben que integran eles o Miño na cidade. Contan con máis dunha praia fluvial, por suposto de carácter público. E en Lugo temos que seguir pagando se queremos desfrutar con seguridade dun entorno de baño absolutamente privilexiado.
É unha demanda social que se pon de manifesto primavera tras primavera, e por iso presentamos unha proposta no pleno no mes de abril, para que dese tempo antes do verán a facer todas as xestións necesarias. Porque é a Xunta de Galiza a que tén que dar autorización xa que a zona situada entre Os Robles e o caneiro da fábrica da luz forma parte dun LIC (Lugar de Interese Comunitario) e ademais nela vive unha especie vexetal protexida. Pero a megaestrutura da Xunta na porvincia segue adormecida e non é capaz nin de contestar a algo tan básico. Xa non pensemos no que vai pasar cando teñan que dar respostas políticas de maior calado. Parece que a megadelegada non dá feito. Ou é que o seu é só un papel de control político e non de actuación administrativa?
Como o PP do concello anda moi preocupado porque non lle responden a unhas pregunats que fixo, eu recoméndolles que falen cos seus compañeiros da Xunta para que lle respondan neste caso a todos os lucenses que queremos ter unha praia fluvial pública.
7 Xullo, 2009
Política nacional
Non hai comentarios
Seica hai a quen non lle gusta que nos nosos blogs critiquemos a política do PP. Eu non teño intención de darlle os parabéns a quen está atacando os sinais de identidade do meus país. Xa sei que haberá quen non comparta isto como eu non comparto a política do PP.
Que nos veñan agora con que son galeguistas cando están eliminando o galego das escolas e da administración pública; que nos digan que apoian o ensino público cando eliminan a gratuidade total e universal dos libros de texto no ensino obrigatorio; que nos digan que non van aceptar un financiamento autonómico que prexudique a Galiza cando seguimos sen saber cales son os seus mínimos desde logo o que pón en evidencia son as súas moitas mentiras.
Mañá debátese no Congreso o FROB, o novo Decreto que regula o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria. No BNG opoñémonos porque o decreto viola as competencias do Goberno galego en materia de caixas, porque abre a porta á absorción das caixas galegas por entidades foráneas, o que viola as competencias autonómicas en materia de caixas. Ademais vai supor unha perda de peso relativa das caixas en relación á banca comercial, ao permitir que os bancos se fagan co control das caixas.
Desta maneira o Goberno vai favorecer que se produza unha maior concentración do poder financeiro no Estado en poucas mans, o que vai resultar moi negativo para o noso País.
E Feijóo, Presidente da Xunta e do PP galego non tén nada que dicir a isto. É máis, o seu partido a nivel estatal negociou este Decreto e vaino votar favorabelmente mañá.
Está claro que é o que lle pesa máis ao Sr. Feijóo: a obediencia ao PP estatal que ignora e despreza os intereses dos galegos e das galegas a todos os niveis.
Por iso eu vou seguir escribindo no meu blog contra a política do Partido Popular
3 Xullo, 2009
Política nacional
1 Comentario
Anda o PP dicindo que elimina a gratuidade universal dos libros de texto para aforrar cartos en tempo de crise!!! Como se lle pode dar a volta a algo tan inxusto? Como poden presentar como unha medida progresista o que non é máis que o comezo do desmantelamento do ensino público? En época de crise hai que axudar ás familias e non poñerlles dificultades. Co recorte de axudas do PP practicamente ningunha familia lucense desas que chaman mileuristasvai recibir o 100% das axudas. Como moito vanlles dar 180€, o que desde logo non cubre nin de lonxe o que costan.
Eu aposto polo ensino público e de calidade, e por iso todo o material escolar e non só os libros deben ser gratuitos para os nenos e nenas. A sanidade e a educación son os dous peares do estado de benestar, e non podemos permitir que o PP os ataque sen máis. Hai que facerlle fronte tanto desde as institucións como desde a sociedade.