Plan Impulsa Lugo

Política nacional 1 Comentario

Benvido sexa este plan e todos aqueles que apoien a Lugo. E agardemos que non se quede no de sempre, publicidade e pouco máis.
A estas alturas falar de que se vai facer un novo plan estratéxico no que se vai gastar máis de medio millón de euros aumenta o meu excepticismo. E digo isto porque xa sei para que serviron o plan estratéxico do concello de Lugo e da Deputación: para entreter á xente, dicir obviedades e non avanzar en nada.
Se algo temos ben claro en Lugo é o que nos fai falta: impulso económico, impulso ás infraestruturas e máis e mellores servizos públicos (entre os que están os servizos sociais).
Poñer a funcionar o polígono industrial das Gándaras sen permitir a especulación do do CEAO e de moitos outros dos arredores, investir en i+D+I, rebaixas impositivas, apoio fiscal decidido ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos, creación e posta en marcha de centros de día, residencias, gardarías,…
Espero que este novo plan signifique unha aposta clara por todo isto e que non se quede en pura palabrería.

As costas do parque

Política municipal 1 Comentario

Esta semana coñeceuse a sentenza xudicial que indica que a urbanización das Costas do Parque se fixo incumprindo a tramitación administrativa que lle correspondía. A sentenza di que é preceptivo e vinculante o informe de Patrimonio, quen debeu informar o expediente antes de que aprobasen a urbanización.
Esta sentenza é un triunfo da Asociación en Defensa das Costas do Parque, que desde o primeiro momento defendeu a legalidade urbanística e tamén a ambiental e social, pois a construción deses edificios nesa zona é unha verdade aberración da que son culpables o PP pro aprobar no ano 91 un Plan Xeral que lle deba á parcela unha edificabilidade totalmente excesiva e o PSOE, con Orozco á cabeza, por aprobar un PERI que só beneficia ao promotor.
Non se pode dicir que os edificios tiñan que estar “por lei” na parte alta da parcela. Iso non é verdade e o PSOE sábeo.
E agora queren culpar desta situación a quen denuncia as irregularidades. Pretender responsabilizar aos veciños das irregularidades urbanísticas do concello xa é o colmo da desfachatez e da soberbia. Se o expediente non está ben tramitado non será culpa da lataforma, será culpa de quen o aprobou desoindo todas as voces que avisaban sobre este tema.
Agora tanto PP coma PSOE van ter que aclarar que queren facer, uns desde a Xunta e outros desde o Concello.

Politizar o San Froilán

Política municipal 1 Comentario

Este ano van facer a apertura das portas no San Froilán os políticos, despois de que así o decidiran PSOE e PP. E pola súa parte van ser políticos en activo e que ocupan cargos institucionais. O BNG propuxo na Comisión de Festas que non se politizase o San Froilán e que non se deturpase o sentido co que se creou a apertura das portas, que non foi outro que o de darlle a oportunidade á socidade de Lugo, a través dos seus colectivos máis representativos, de facerse visíbel, ter presenza pública e mediática durante unhas celebracións que son de todos e de todas.
Quen ocupamos cargos de representación institucional ou de goberno temos xa unha presenza pública e mediática pola nosa actuación política. Neste caso o noso papel nas festas é o de acompañar a quen abren as portas. Non é a clase política en activo a que debe ter protagonismo nestes actos. Son os veciños e veciñas de Lugo quen deben falar e facerse presentes na apertura das portas.
Por iso o BNG propuxo a Branca Rodríguez Pazos e Ignacio Rodríguez Eguíbar para cumplir con este labor. Porque a súa vinculación coas festas foi sempre moi forte e porque foron eles quen institucionalizaron a apertura das portas. Porque a súa introdución social é coñecida por todos e, sobre todo, porque non ocupan ningún cargo institucional neste momento. Porque o protagonismo das festas ten que ser da sociedade lucense, non da clase política.

Apertura do curso escolar

Política nacional 2 Comentarios

Este curso escolar comeza cargado do problemas e de polémicas. A decisión do PP de eliminar a gratuidade dos libros de texto, de suprimir a presenza do galego nas aulas, de non crear comedores, de retirar profesorado de apoio aos cativos con discapacidades, de eliminar profesorado no rural (Concello de Cervantes) deixa ben clara cal é a intención deste PP que goberna a Xunta.
Imos ver como nos orzamentos da Xunta para os vindeiros anos se van asignar boa parte dos cartos destinados ao ensino ao ensino privado e privado-concertado, onde incluso chegan a segregar aos cativos por xénero.
E despois quéixanse de que haxa protestas. Oxalá haxa moitas máis nas que os galegos e as galegas se neguen a dar por boa unha política que o único que fai é recortarlles dereitos individuais e colectivos.

Debate social

Infraestruturas, Política municipal Non hai comentarios

É bon que haxa debate social. É bon porque son os veciños e as veciñas de Lugo os que teñen que dicir que cidade queren. A súa participación é vital para poder avanzar. Pero para avanzar Lugo tamén necesita feitos e non só palabras: feitos e non só promesas. Os lucenses queren que se fagan realidade propostas que levan anos rondando o debate político e social pero que seguen sen rematarse e, en moitos casos, sen iniciarse.
E agora tócalle á estación intermodal. Facela no barrio da Estación, onde está a de Renfe, pode ter cousas boas, sobre todo a proximidade co centro. Iso é indiscutíbel. Pero a proposta tamén ten problemas e importantes impedimentos construtivos.
Lugo ten que mirar de frente e ver o seu futuro aberto. E para que iso sexa así non podemos seguir alimentando a barreira física que supón a vía para os barrios do norte e do este da cidade. Ou por que as Gándaras, Albeiros, Paradai, o Sagrado Corazón, Galegos,… non se desenvolveron ao mesmo ritmo cos outros barrios? Está ben claro que as vias limitaron ese crecemento e a día de hoxe impiden mellorar a entrada á cidade por Carlos Azcárraga e as comunicacións coa Ronda das Fontiñas, unhas das zonas máis poboadas de Lugo.
O BNG propón construir a nova estación intermodal no CEAO, ao lado da de mercadurías. Porque Lugo e os lucenses ganarían con esta proposta
1º) Espazos públicos no centro e nas súas imediacións. Case 50.000 metros cadrados entre a estación de autobuses e a de ferrocarril.
2º) Resolver o grave problema de tráfico existente na zona da Estación, habilitando unha nova entrada á ronda das Fontiñas. É necesario lembrar que este problema se vai agravar coa entrada en funcionamento do novo hospital e do novo polígono industrial.
3º) Rematar coa barreira física que supoñen na actualidade as vías do ferrocarril, devolvéndolle a esta zona da cidade e aos seus residentes o que lles corresponde: os mesmos dereitos que aos veciños doutrous barrios.
Pensen agora en como van ser as cousas na zona da estación se alí se crea a Intermodal. Vai chegar o ferrocarril normal, o AVE e todos os autobuses. A iso súmenlle todo o tráfico da zona, pero antes desdobren as vías (promesa do Ministro!!!). E xa saben o que teñen: unha nova promesa de Pepe Blanco e de Orozco, unha “nova ponte” que vai tardar non se sabe cantos anos en ser un simple boceto.
A aposta do BNG é outra, porque Lugo ten futuro, porque Lugo merece ter futuro. E para iso hai que falar, hai que ser reivindicativos e non sumisos. E hai que ter propostas, seguramente para moitos atrevidas, pero que son positivas para a cidade.

presentacion-estacion-intermodal4

presentacion-estacion-intermodal1

Pleno municipal

Política municipal Non hai comentarios

Esta tarde hai pleno, e vaise emitir en directo pola páxina web do concello. Vai ser longo porque hai moitas iniciativas, tanto do goberno como da oposición. Como non podía ser menos levamos unha moción de urxencia para falar sobre a estación intermodal de ferrocarril e autobuses, porque non queremos que se sigan tomando decisións que lle afectan a Lugo sen contar coa opinión dos lucenses.
Pero levamos máis asuntos, e do máis variados. Unha proposta reclamando a gratuidade dos libros de texto. Xa estamos vendo os problemas que teñen as nais e os pais con cativos en idade escolar aos que o PP lles eliminou o sistema de préstamo de libros.
Tamén queremos que se aplique dunha vez o bono social na tarifa eléctrica, porque co da liberalización do servizo eléctrico o único que fixeron foi aumentarnos o recibo da luz sen que os usuarios teñamos ningún beneficio.
E finalmente pedimos que os ingresos das sancións impostas co fotovermello e os radares da Ronda se destinen, entre outras cousas, a dotar a policía local dun sistema informático para que non se lle poidan sacar as multas aos amigos de ninguén e para que quen cometa unha infracción, pague por ela.
Arrancamos setembro con ganas de traballar e con propostas positivas para Lugo e os lucenses, e imos seguir así.

A Estación Intermodal de Lugo

Infraestruturas Non hai comentarios

Seguramente se alguén le a prensa destes días pensará que Lugo conta xa cun proxecto para unha estación intermodal na actual ubicación da de Renfe. E é lóxico que o pense cando o anuncio o fixo nada máis e nada menos ca un Ministro, neste caso o superministro, alabado por PSOE e PP, José Blanco. E detrás, claro, o alcalde de Lugo asegurando que xa está todo feito e que este proxecto é a continuidade do da ponte, do das autovías,… Calquera pode pensar que esas obras xa están executadas ou cando menos a punto de rematarse. Lástima que a realidade sexa tan obstinada e de momento siga sendo todo fume sen realizar.
Quen ocupa cargos de goberno tan relevantes debería falar con rigor e seriedade. Non hai nada da estación intermodal nin o vai haber en moito tempo, como non hai nada da chegada do AVE a Lugo. Como lle van poñer doble via á ponte da Chanca? Que lle van facer, un engadido metálico como ten a romana? Pepe Blanco xa nos ten acostumados a este tipo de disparates, non sei eu onde lle ven a seriedade o PSOE e tamén o PP. E de Orozco non se pode esperar outra cousa. Agora que non pode falar da ponte porque se pon en ridículo, ten que desviar a atención con outras cousas e pouco lle importa que sexan certas ou non, o caso é seguir falando.

Un novo curso político

Política nacional 1 Comentario

Xa comezou setembro e con el arranca un novo curso político que vai estar marcado pola crise, a gripe A, a reforma estatutaria, o idioma,… Feijóo déixase querer pola prensa e disfruta como se fose un neno cando lle din que pode ser o sustituto de Rajoi. Porque el realmente o que quere é ser Ministro ou Presidente de España, non de Galiza. Para el o noso país é un paso intermedio necesario para facerse coñecido en Madrid, que é onde realmente quere residir. A súa actuación na Xunta está marcada polas directrices do PP máis reaccionario e máis dereitoso, pero iso si, adubiado todo de liberdade individual e de respeto á legalidade.
Tivemos un verán moi fresquiño pero seguro que o outono vai ser máis quente, cando menos politicamente. Quen queremos a este país, quen non renegamos do que somos e estamos orgullosos de ser galegos e de actuar coma galegos de ben, imos ter moito que dicir nos vindeiros meses.