A política social do PP

Política nacional Non hai comentarios

Xa se ve cal é a política social do PP: retirarlle o complemento de 200 € ás pensións non contributivas, eliminar a gratuidade dos libros de texto, ampliar os concertos coa sanidade privada,… E pretenden facernos crer que o fan para que teñamos máis e mellores servizos!!!
Temos unha poboación fortemente envellecida, cobramos as pensións máis baixas do estado, vivimos dispersos e no rural hai poucos servizos públicos, e agora o PP vennos dicir que todas estas medidas son para beneficiar a quen menos teñen!. Que llelo vaian dicir ás familias numerosas, á infinidade de parellas con fillos que non chegan a ser mileuristas, ás mulleres que non puideron pagar as súas cotizacións á seguridade social e que malviven cunha pensión non contributiva, a quen padeza unha enfermidade e vexa como os recursos da sanidade pública van parar aos petos de quen lles dan un trato despectivo nas consultas do SERGAS,.. Esta e non outra é a política social do Partido Pupular de Feijóo.

As costas do parque

Política municipal 1 Comentario

O xoves pasado tivemos a primeira xuntanza para renegociar as construcións que se van facer nas costas do parque. A verdade é que non podo calificala máis que de esperpéntica. Esperpéntica porque quen creou o problema e ten polo tanto a obriga de buscar solucións (o PSOE) chegou á xuntanza con todas as partes (grupos políticos, asociación en defensa do parque e propietario) sen nada. Ou non, o correcto é dicir que chegou cunha bomba de fume para enmascarar a súa incapacidade e o seu desinterese pola cidade.
A grandiosa proposta do PSOE, plantexada por María Novo e defendida por Orozco é a declaración imediata de BIC (Ben de Interese Cultural) para o parque Rosalía de Castro. Por certo que o BNG xa apoiou esa solicitude fai dous anos, cando dirixíamos a Consellería de Cultura, e o PSOE foi a única forza política que non o fixo. E agora sáenos con estas, atrevéndose ademais a afirmar na páxina web do concello (que é a de todos os lucenses) que con iso xa se elimina o problema pois impide construir e paraliza todo o que se poida facer aí. Non sei de onde sacan esa teoría, pero desde logo o BNG vai seguir esixindo un novo PERI que sexa respectuoso co entorno e coa legalidade.

O galego vivo

Idioma 1 Comentario

Impresionante manifestación a de onte en Compostela. Impresionante pola cantidade de xente, e polo ambiente, e por ver xuntas tantas e tantas persoas que só reclamabamos unha cousa, poder vivir en galego. Tivo razón un dos intervintes cando dixo que esta si que foi a verdadeira manifestación Pro Vida. Unha manifestación pola vida do noso idioma e do noso pobo. Unha manifestación ben tranquila na que reclamamos aquelo ao que nos dá dereito á súa sacrosanta Constitución (a española) e o Estatuto de Autonomía (o galego), así como a Lei de Normalización Lingüística, APROBADA polo goberno de Fraga coa unanimidade dos grupos 3 da Cámara galega . Porque temos dereito a vivir en galego, e iso é o que reclamamos.
E imos seguir saíndo á rúa para denunciar a política de exterminio do galego que quere impoñer o goberno do PP, dirixido por Núñez Feijóo. Porque non van facer que calemos, aínda que usen todo tipo de medidas para intentalo. Porque temos a razón e esa é a arma máis poderosa que existe en democracia, pese a quen lle pese.

Queremos galego

Idioma 2 Comentarios

Este domingo é necesario que todos e todas acudamos á manifestación que a plataforma Queremos Galego tén convocada en Compostela. O PP quere eliminar o noso idioma e por riba pretende que nos quedemos calados e que aceptemos como normal o exterminio do galego. É o momento de que nos poñamos de pé e nos enfrontemos a quen pretende a desaparición do noso país e dos seus principais sinais de identidade.
Esta vez non pode quedar ninguén na casa, temos que estar todos e todas os que sentimos que o galego é o noso maior patrimonio, incluso quen libremente deciden non falalo pero que nunca lle negarían o seu valor. Porque o noso idioma foi sempre fonte de unión, é o momento de sair á rúa e berrar con forza que queremos vivir en galego, gústelle ou non aos representantes do Partido Popular.

Volvemos á realidade

Política municipal 1 Comentario

Pasou o San Froilán e volvemos á realidade. A verdade é que durante esta semana non se pode falar de nada que non sexan festas. Teño que dicir que non me gustou a apertura das portas porque creo que boa parte dos políticos en activo que interviron deron un mitin político e esqueceron a que viñan a Lugo, excluindo nas súas intervencións a boa parte dos lucenses. Pero houbo honrosas excepcións dentro de todos os partidos. Quero aproveitar para felicitar a Ignacio Rodríguez Eguíbar e sobre todo a Branca Rodríguez Pazos pola súa magnífica intervención de apertura simbólica da porta de San Fernando, cargada de sentimento e xenerosidade. Tamén disfrutei co pregón de Lois Diéguez, onde lobiño baixou a Lugo para ver cos seus ollos a cidade de onte e a de hoxe, quen sabe se tamén a de mañá.
E para que non me acusen de barrer para a casa, teño que dicir en honor á verdade que, aínda sen coincidir con algunhas das cousas que dixo, Xosé Manuel Barreiro tivo tamén unha moi boa intervención na Porta do Carme, correcta e entretida, presentado neste caso por unha emocionada Cristina Ares, quen fixo un sentido repaso pola súa vida persoal e política.
Dos do PSOE quédome con Ricardo Varela, quen cando menos falou da súa ligazón coa muralla e non aproveitou para transformalo nun acto partidario e partidista como fixeron outros.
Pero as festas xa remataron e agora toca volver á realidade. E a realidade nos vindeiros días vainos obrigar a falar de orzamentos. Dos do Estado, dos da Xunta e dos do Concello. Seguro que vai ser un fin de ano ben interesante.

Guillerme Vázquez visitou Lugo

BNG Non hai comentarios

Onte visitou Lugo Guillerme Vázquez, o portavoz nacional do BNG. Compartimos con el unha xornada de traballo que tamén contou coa súa parte lúdica como non podía ser menos no San Froilán.
Veu a Lugo Guillerme sen a parafernalia doutros políticos. Na súa intervención pública tocou todos aqueles aspectos que teñen interese neste momento para a nosa comarca e para a nosa cidade. Falou do sector lácteo, da factoría de Pascual en Outeiro de Rei, pero tamén das autovías, do AVE, do ferrocarril de cercanías e de outros asuntos de interese. Falou da trama Gurtel que salpica ao PP galego e na que o propio presidente Feijóo vai ter moito que dicir e que explicar no futuro….
Pero como no San Froilán non todo pode ser traballar, tamén aproveitamos para dar unha volta polo casco histórico e tomar unhos viños acompañados polo tempo, para acabar xantando nas casetas como manda a tradición.

DSCF8770

DSCF8802

Orzamentos do Estado

Política Estatal Non hai comentarios

Despois de tantas promesas e de tanto falar, temos diante de nós o0s orzamentos do Estado e neles non figura un euro para a Estación Intermodal de Pepe Blanco e Orozco. Pero como tampouco figuran cartos para o AVE e como ferrocarril de cercanías non temos, pois que máis ten!
O papel terma do que lle poñen, e no papel dos orzamentos a nova estación non existe.
E outras obras que deberían estar rematadas reciben menos cartos ca este ano, entre elas a nova ponte e a autovía Lugo-Santiago. Da de Lugo-Ourense mellor non falar. E o desdobramento da Ronda Norte para garantir os accesos aos novo polítgono industrial das Gándaras tampouco figura, a pesar de que non se gastaron os cartos que había para este ano. E por riba o PSOE vai e súbenos o IVE e di que é para poder facer as obras, entre elas as do AVE galego.
O debate dos orzamentos é un debate real, non virtual, e o que non está no papel, non existe, diga o que diga o PSOE.