Ruínas urbanísticas

Urbanismo 1 Comentario

Estes días está saindo na prensa información sobre as ruínas urbanísticas e sobre as ordes de execución de obras que emite o concello para que se rehabiliten vivendas que están en mal estado. Ten todo isto bastante que ver co novo plan xeral, aínda que non o pareza. Este documento prevé a construción de máis de 35.000 novas vivendas, cando vemos como día a día boa parte do patrimonio do concello de Lugo está caendo por falta de atención e de medios económicos.
Hai propietarios que se queixan de trato discriminatorio con respecto a moitos construtores de Lugo que adquiren vivendas que despois se siguen deteriorando sen que se faga nada coa vana promesa de que van edificar alí.
Está claro que ante as ruínas urbanísticas hai que actuar, e que temos a obriga de preservar o noso patrimonio inmobiliario, pero o que non pode é haber distinto trato para uns e para outros, nin poden pasar anos sen que se faga nada.

Sen novas dos orzamentos do concello

Economía, Política municipal Non hai comentarios

A estas alturas do mes de novembro deberíamos estar falando dos orzamentos do concello, pero a 23 de novembro non sabemos nada deles. Ben, hai algo que si sabemos polos medios de comunicación, que ou ben lle aprobamos os orzamentos a Orozco ou que volve a presentar unha cuestión de confianza como o ano pasado. Resultan curisosas as “veladas ameazas” cando aínda non se sabe nada do documento por condutos oficiais. Como se pode xa estar intentando culpar aos demais do que vai pasar cando aínda non se nos entregaron nin as liñas mestras do orzamento do ano que vén?
Orozco sempre esquece que non ten maioría. Déixase levar en exceso por esa característica do seu carácter: a arrogancia. E a arrogancia non é boa conselleira en época de crise.

Informe da Xunta sobre o PXOM

PXOM 1 Comentario

Se hai que clasificalo dalgunha forma, eu diría que o informe que emitíu a Xunta, concretamente a Consellaría de Infraestruturas, é suave nas formas pero contundente no fondo. O informe cuestiona o modelo expansionista aprobado por PSOE e PP para este concello, onde queren construir case 36.000 vivendas en 10 anos cando nos 10 pasados se construiron unhas 17.000!!!
O BNG sempre dixo que este non era un bon plan para Lugo. E o máis grave de todo é que cando se aprobe definitivamente, se é que chega a facerse, os cidadáns non van saber como quedan as súas propiedades, o seu barrio, a súa parroquia,… Nós sempre demandamos outra exposición pública, pero nin PP nin PSOE queren saber nada diso, e moito menos agora. Orozco quere que se aprobe canto antes para que non lle pase factura nas municipais outra vez. E Castiñeira anda tan preocupado por que non haxa manchas na súa canditura no PP que é quen de afirmar como fixo esta semana que total o informe só di que hai qu cambiar unhas cousiñas. Non vaia ser que se di a verdade todo Lugo saiba que o plan que tanto se esforzou por aprobar non é tan bon como el o pinta.
O informe cuestiona absolutamente todo, os urbanizábeis na zona rural, os do extrarradio da cidade, os núcleos rurais, as áreas de expansión, a falta de protección agropecuária, forestal, natural, patrimonial, a ausencia de zonas verdes con condicións óptimas para o seu uso, a protección do Miño,… e podería seguir, pero non quero cansar a ninguén. Ademais vouno colgar para que quen queira poda consultalo.
Nos vindeiros días veremos que siguen dicindo María Novo, Orozco e como non, Castiñeira.

LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 1 de 8
1
ORDE DO 13 DE NOVEMBRO DE 2009 SOBRE APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN XERAL DE
ORDENACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE LUGO (LUGO).
O Concello de Lugo eleva, para a súa Aprobación Definitiva, o expediente do Plan Xeral de
Ordenación Municipal, de conformidade co previsto no artigo 85.5 da LOUG, do 30 de
decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
I. ANTECEDENTES
1.- O planeamento vixente no concello de Lugo é o Plan Xeral de Ordenación Urbana,
Aprobado Definitivamente por Orde da COTOP do 27 de decembro de 1990.
2.- O presente documento foi obxecto de Informe da Consellería de Política Territorial,
Obras Públicas e Vivenda, previo á súa aprobación inicial, en data 15 de abril de 2005.
O Pleno da Corporación municipal aprobou inicialmente o PXOM o 26 de xaneiro de 2006;
someteuno a información pública regulamentaria, e solicitáronse informes sectoriais.
Os técnicos e xurídicos municipais emitiron informes previos á aprobación provisional de
23/01/09: Arquitectura (16/12/09 e 19/01/09), Urbanismo (16/12/08) e Secretaría (15/01/09).
3.- En cumprimento da lexislación sectorial, solicitáronse e emitíronse os seguintes informes:
a) En materia de estradas, a Demarcación de Estradas do Estado emitiu informes favorables
condicionados en datas 15 e 23 de outubro de 2008.
A Dirección Xeral de Obras Públicas desta Consellería, informe favorable condicionado de
data 24 de outubro de 2008.
b) En materia de augas, informe favorable condicionado de data 1 de setembro de 2008
da Confederación Hidrográfica do Norte.
c) En materia de patrimonio cultural, informes desfavorables emitidos en datas 26 de
febreiro de 2007 e 13 de outubro de 2008, respectivamente.
d) En materia de telecomunicacións, informe de data 7 de marzo de 2006 pola Secretaría
de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
e) Resolución de 16 de abril de 2009 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible sobre
a inviabilidade do sometemento do PXOM ós trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006,
condicionada á integración no documento das condicións impostas na citada Resolución.
Consta certificación do Secretario Xeral do Pleno de non recepción dos informes dentro do
prazo legal da Deputación, os Mº de Fomento e Defensa, e a Consellería do Medio Rural.
II. CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTACIÓN
Unha vez analizado o documento, e vista a Proposta literal elevada pola Secretaría Xeral
de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 2 de 8
2
II.1. Tramitación e contido do expediente administrativo.
Nos informes técnicos municipais (artigo 85.4 da LOUG) incluídos na aprobación provisional
plenaria, foron introducidas modificacións referentes á clasificación e cualificación do solo,
para “adaptar á legalidade urbanística vixente” o documento, que cómpre integrar ó
propio contido do PXOM tal e como xa requiriu esta Consellería en data 22/07/2009.
II.2. Cumprimento dos condicionantes dos informes sectoriais:
1. En materia de estradas: Ao abeiro dos informes da Dirección Xeral de Obras Públicas,
deberá clasificarse como Solo Rústico de Protección de Infraestruturas, o comprendido
entre as liñas límite de edificación das estradas, o que resulta vulnerado nos Sectores de
Bocamaos S-1.R, Muxa S-1.AE, Tirimol S-1.R, S-1.I, S-2.I, S-2.R, S-3.R, SUZND-1.R, SUZND-2.R,
SUZND-3.R, SUZND-4.R, SUZND-5.AE, San Lázaro S-2.R, Bosende S-1.R, Carballido S-1.R, Alta S-
1.R, UZPI-6.R; e nas áreas de expansión dalgúns Núcleos Rurais.
Cumprimentarse igualmente o informe da Demarcación de Estradas do Estado, reiterado
nos informes dos Servizos Municipais de Urbanismo e Enxeñería.
2. En materia de augas: Ao abeiro do informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil,
de 01/09/08, a edificación respectará os trazados naturais dos cauces e zonas vulnerables
fronte ás avenidas, nomeadamente S-1.R, UZPI-3.R, UZPI-4.R, SUZND-2.R, S-1RIAE e SUZND-4.R.
Os Núcleos Rurais de Regueiro e Cal de Peón están parcialmente incluídos na zona
inundable para distintos períodos de retorno. E xenericamente, nos afectados pola zona de
policía, as obras quedarán suxeitas á preceptiva autorización do Organismo de cunca.
3. Compete á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pronunciarse sobre a
cumprimentación das deficiencias observadas no seu Informe de data 13/10/08.
4. A Resolución de 16/04/09 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, declara a
inviabilidade dos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, baixo a condición da
integración no documento do PXOM que se aprobe definitivamente das súas
consideracións (algunhas sobre clasificación a cualificación). Non consta cumprimentada.
II.3. Capacidade residencial do PXOM:
Da estimación de demanda de auga, dedúcese que o número de novas vivendas previsto
no PXOM para os 10 anos que se declaran na estratexia de actuación é de 35.817,
semellando excesiva en relación coa dinámica do mesmo período anterior (unhas 17.000).
II.4. Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas:
1. Deberase indicar de forma gráfica e escrita, a denominación, localización, titularidade,
superficie (e o modo de obtención e execución no caso dos propostos) dos sistemas
xerais e dotacións locais, para verificar o cumprimento do artigo 47.1 e 2 da LOUG,
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 3 de 8
3
considerando a capacidade residencial dos núcleos rurais e áreas de expansión, non
podendo ser computadas superficies destinadas a espazos libres que pola súa reducida
dimensión en relación ao Regulamento de Planeamento, a súa topografía (terreos con
fortes pendentes ó Norte e Leste da N-VI), as súas dificultades de acceso (zona verde
delimitada entre A Chanca e a vía férrea) ou por tratarse de dotacións de carácter
local, non cumpren axeitadamente a función de Sistema Xeral de Espazo Libre.
2. Deberán quedar cualificados nos planos de ordenación e nos cadros da Memoria os
elementos do Sistema Xeral de Infraestruturas de Servizos Técnicos: abastecemento,
saneamento, enerxía eléctrica, gasoducto, a ecoplanta e os puntos limpos sen prexuízo
do establecemento da clasificación de solo que lles corresponde.
3. Clarexarase a depuración das augas residuais das industrias do polígono do Ceao; e
dos solos industriais exteriores e parroquiais.
II.5. Clasificación do Solo:
1. Clasificación do Solo Urbano:
En relación ao artigo 11 da LOUG, cómpre completar a documentación acreditativa da
concorrencia das condicións esixidas, nomeadamente:
A. Sen servizos ou sen malla: PA-1.1, PA-1.2; estrada á Coruña dende Industrias Raoly ata o
S-2.I; PA-3.1; PA-4.3, PA-4.5; PA-5.1; PA-7.1, PA-7.6; PA-10.4, PA-10.5; PA-20.1; PA-21.1; PERI
3, PERI 8, PERI 10, PERI 11, PERI 12, PERI 13; URPI 3, URPI 4.
B. Rodeados de terreos con valores naturais: PA-4.1, PA-4.2, PA-4.4; PERI 7, PERI 14, PERI 15.
O PXOM deberá incorporar as determinacións dos distritos 22, 23 e 24: cualificación, usos,
tipoloxías, intensidades e demais aspectos necesarios para regular a súa execución.
2. Clasificación do Solo Urbanizable:
Non consta xustificación de que determinados terreos sexan precisos para un
desenvolvemento urbanístico racional e sostible (artigo 15. e da LOUG). Á máis, e conforme
ao artigo 14 da LOUG, non se poden clasificar como Urbanizables terreos que polas súas
características deban ser clasificados como Solo Rústico (agás xustificación das
excepcionalidades que prevén os puntos a) e b) do artigo 32.2 da LOUG) caso de:
− Segundo a situación actual contrastada coa delimitación de Clase II dos Planos de
Clases Agrolóxicas do Ministerio de Agricultura, os terreos ocupados polos S-2.R, S-3.R, S-
11.R, S-12.R, Alto S-1.R, Santa Comba S-1.R, Bosende S-1.R, Bocamaos S-1.R, Fixós S-1.R,
Fixós S-2.R, Muxa S-1.AE-R, S-4.R, SUZND-1.R, SUZND-2.R, SUZND-3.R, SUZND-4.R, S-I.1, S-I.2, SI.
3, S-I.6, SUZND-5.AE, S-1.E, Coeses Cuiña S-1.I, Mazoi S-1.I, Pena S-1.I, semellan
merecentes de protección agropecuaria.
− Parte dos S-1.R, Fixós S-1.R, Fixós S-2.R, San Lázaro S-1.R, Santa Comba S-1.R, Tirimol S-1.R,
Tirimol S-2.R, Carballido S-2.R, Alta S-1.R, Alto S-1.R, SUZND-2.R, SUZND-3.R, SUZND-4.R, S-
10.R, S-12.R, S-6.I, Alto S-1.I, Coeses Cuiña S-1.I, S-1.E, S-10.R, S-12.R, sustentan masas
arboradas susceptibles de protección forestal como as zonas limítrofes semellantes.
− A protección do artigo 32.2.c) da LOUG, dos terreos de infraestruturas e as súas zonas de
afección entre as liñas límite de edificación, afecta a: SUZND-3.R (A-6); Tirimol S.2-R,
Sectores S-1.I y S-2.I. (N-VI); S-2.R, S-3.R, SUZND-2.R. (Ronda Norte); SUZND-1.R, SUZND-5.AE,
SUZND-4.R, San Lázaro S-2.R, SUZND-2.R, Muxa S-1.AE (N-640); Muxa S-1.AE, SUND-3.R,
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 4 de 8
4
Bosende S-1.R (Ronda Este); San Lázaro S-2.R. (LU-612); SUZND-3.R, Carballido S-1.R. (LU-
530); e Alta S-1.R (LU-232).
− Afección derivada da existencia de liñas eléctricas de alta tensión, nos sectores de
Pedreda S-1.R, Alto S-2.R, San Lázaro S-1.R, S-6.R, S-6.R.; e a do gasoducto, sobre os
sectores S-1.E, Muxa S-1.AE, SUZND-3.R.
− Non consta xustificación para que os ámbitos de Bocamaos S-1.R, Pedreda S-1.R,
Carballido S-1.R, Alta S-1.R, San Lázaro S-1.R, Bosende S-1.R, Fixós S1-R, Fixós S2-R, SUZND-
4.R, SUZND-2.R, San Lázaro S-1.AE, Muxa S-1.AE, UZPI 3-R, Alto S-1.I e Alto S-2.R, abrangan
terreos dentro da zona de policía de augas (artigo 32.2.d) da LOUG.
− Nos sectores de Bocamaos S.1-R, S.3-R, S-4.R, Albeiros, S-6.R; SUZND-3.R; S-7.R, S-11.R e
SUZND-4.R, as áreas ocupadas polos elementos de interese deben clasificarse como
Solo Rústico de Protección do Patrimonio de acordo co artigo 32.2.h) da LOUG.
− Segundo os datos do Estudio Medioambiental do PXOM, os sectores de S-1.E en As
Gándaras e Carballido S-1.R abranguen hábitats de interese (artª 32.2.f da LOUG).
− De conformidade co artigo 13 da LOUG, o crecemento dos núcleos rurais, de resultar
xustificadamente necesario, farase con áreas de expansión.
3. Clasificación do Solo de Núcleo Rural:
As áreas de expansión dalgúns núcleos non se axustan ó disposto no artigo 13 da LOUG, por
afectar a terreos merecentes de especial protección (artigo 32.2):
A falla de xustificación que fundamente a exclusión do artigo 32.2 a) da LOUG, obsérvanse
nas áreas de expansión terreos merecentes de protección agropecuaria: Núcleos de
Albarello-Corneda-Torre, Ruade, Labio-Airexe-O Seixo, Bandelo-Trasnales-Riazon-Regueiro-
Cristimil, Seivane-Pedrouzon-Curutelo, Fontesnovas-Outeiro de Laxe, Roxas-Arxemil, Ruade,
Vila de Abaixo-Vila de Arriba-Rubiás, Vilacha-Vilariño, Gonda, Daquelcabo-Carrretera,
Barbaín, A Torre-Orbazai, Penarrubia, Matelo-Carballido, Riobo, Fontela Sur-Fontela Norte, A
Gramela-Linar, Vigo-Casa, Airexe-Lameiro-Vilar, Ribidás, Cedeiro-Lamas-Curral de Abaixo-
Perelas, Santa Efemia-Carballido Norte-A Travesa-Esperante-Airexe-Campo da Barra-Soñar-
Tabernas-Sandiño, Mula, Vilaestevez, Raña-Castro Alfonsín-Faxilde, San Roman-Illar de
Amigo, Belesar-Area-Vilacha-Pacios-Piñeiro, Portanova, Vilamance-Santa Comba-Corvelle-
Recimil-San Mamede, San Amaro-Conturiz-Rosende, Abeledo, Barbain, Luxilde, Laxe-Torre-
Dorneda-Albarello; A Barreira-Camoira, A Torre de Aez; Vilar e Recimil.
De acordo co apartado b) do artigo 32.2. da LOUG, deben clasificarse como solo rústico de
protección forestal as áreas de expansión dos seguintes núcleos que abranguen terreos que
sustentan masas arbóreas, montes públicos e en montes veciñais en man común (Cal de
Peón, Astrar, Cima de Vila, Abuin, Muxa de Arriba, Louzaneta): Segundo o Terceiro
Inventario Forestal Nacional: Distriz, Regueiro, Calzada, Cedeiro, Regueiro-Paderne, Nadela,
Eirexe, Carballosa, Cal de Peón, Gonda, Tellado.
Deben clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas (artigo 32.2.c) da
LOUG) os terreos das áreas de expansión entre as liñas límite de edificación de estradas de
carácter supramunicipal que carecen dun acceso alternativo: Cruceiro (A-6); Ramil,
Barxelas-Mouto-Anguieiro, Conturiz-O Chao-Castro-San Amaro, O Cuco, Nadela-Viador (NVI);
O Picato-Fonte de San Andres, O Cedeiro-Teicelle-O Cainzo-Curral de Abaixo-Lamas-A
Portela-A Casilla, Penelas-Curral de Arriba-Curral de Abaixo, Santa Eufemia, Casas Vellas-
Rego do Espiño-Casas Novas, Muxa de Abaixo, Vila de Abaixo-Vila de Arriba, O Cotillon-
Teixeiro, Arxemil (N-640); Belesar, Raña, Vilamoure de arriba-O Carballal, Campo da Barca-
Soñariño, As Campiñas, Cima de Vila-Tabernas-Sandiño-Toiriz, Piugos de Pena-Pena da Mula
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 5 de 8
5
(LU-612); Daquelcabo-Carretera,Carballido, Fazai, O Carqueixo, San Eufrasio, Pravia (LU-
530); Logai, Marcoi, Alta-Matelo, Carballido, Regueiro, Astariz-Santo Matias (LU-232).
Así como os terreos comprendidos entre as liñas de edificación da rede ferroviaria situados
na área de expansión do núcleo de Ponte do Bao; e dos de Mazoi, Distriz, Curral de Abaixo-
Bocamaos (10.2), Vilamaior-Porto Meilán, na zona de influencia das liñas eléctricas que
semellan ser de alta tensión.
A falla de xustificación que fundamente a redución do artigo 32.2 d) da LOUG, deberán ser
clasificados como Solo Rústico de Protección de Augas, os terreos situados na zona de
policía dos cursos fluviais, nas áreas de expansión de: Arxemil, Vilachá, Viladónega, Rubiás,
Porto de Lugo, Vilar, Bandelo, Riazón, Ceide, A Camoira, Barreira, A Ponte, Outeiro,
Vilarvente, Marcoi, Torible de Arriba, Riobo, Alta-Matelo, San Láraro, Lagoas-Regueiro,
Piugos de Pena, O Cuco, Cima de Vila, O Chao, Conturiz, Airexe, Ponte do Castro,
Corvazal-Vigo, As Campiñas, Burgo-Infesta, Portafontao, O Canedo, Andrade, Bacurín,
Hospital, Recimil, San Pedro de Arriba, A Pena, Portoganoi, Allariz, Laxe-Daquelcabo-
Carretera, Maira, Esperante, Mazoi, Distriz-A Devesa, Quintián, Trasnales e Seivane.
As áreas de expansión dos núcleos de Vilar Ponte, Lagoas e Bocamaos-Curral de Abaixo,
deberán ser revisadas en relación ao espazo natural das beiras do Miño.
Deberán recortarse as áreas de expansión de núcleo obxecto de especial protección de
interese patrimonial por xacementos arqueolóxicos: Camoira-A Barreira, Ferreiros, Cardelle-
Grisín-Bagueixos, Corral de Abaixo-San Vicente, Vilar, Astrar, Laxe-Daquelcabo, Matelo,
Pena-Linar, O Cabalo-Taboelle, Astariz-Santo Matías, San Amaro, Farxocos-Castro, Airexe,
Ceza, Satro Alfonsín e Piñeiro.
4. Clasificación do Solo Rústico:
Nas propostas de ordenación dedúcese unha consideración errónea do trazado de varios
cursos fluviais, nomeadamente no tramo medio/alto do río Rato e dos seus afluentes.
Segundo a Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible de 16/04/09, algúns
ámbitos resultan inadecuados para o desenvolvemento (artº 15 LOUG): Carballido S-1.R,
Fixós S-1RD, Santa Comba S-1, Benade S-1R, S-5R, S-10.R, UZPI-1.R, UZPI-3.R, SUZND-2, SUZND-3,
SUZND-4 (incidencia visual e calidade da paisaxe); Tirimol S-1R, Santa Comba S-1, Benade
S.1.R. (produtividade e aproveitamento intensivo); Pedreda S-1.R, San Lázaro S-2.R, Muxa S-
1.AE, Lugo S-4R, UZPI-4R, Lugo S-2R, Lugo S-3R, UZPI-1.R, SUZND-4 (risco de inundación).
Deben clasificarse como solo rústico de protección de espazos naturais a totalidade dos
terreos da delimitación do espazo natural do LIC Parga-Ladra-Támoga (Decreto 72/2004)
así como dos nove Humedais catalogados no termo municipal.
O trazado do Camiño de Santiago axustarase ao contido do DOG do 27/11/1997.
Cómpre acreditar a delimitación de ámbitos de Solo Rústico de Protección Ordinaria sobre
terreos lindantes con outros clasificados como solo rústico especialmente protexido.
Obsérvanse desaxustes na delimitación do PEPRIM do río Miño: entre o Ángel Carro e o
Colexio da Ponte; ó sur do sector Coeses-Cuiña S-I.1; no parque dos Paxariños e o seu
entorno; nas inmediacións da ponte do Miño en Ombreiro; en Curral de Abaixo; nos núcleos
de Ferreiros, Vilar, San Lázaro, Xuíz Norte, Ribeira, albares ; UZPI-1.R; marxe este da LU-530.
Xustificarase a clasificación de protección de infraestruturas ao oeste de Coese-Cuiña S-1.I.
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 6 de 8
6
II.6. Determinacións no Solo Urbano:
No Solo Urbano Consolidado propóñense aperturas de novo viario ou execución de
procesos de urbanización, que conformidade co artigo 12.b) da LOUG deberían
cualificarse Non Consolidado: terreos situados na parte sur do PA-1.3; apertura de novas
rúas na avenida de Benigno Ribera, Camiño do Tronzo; parcelas situadas ó norte e noroeste
do PERI 6, na beira sur de todo a lonxitude da rúa Noriega Varela; PERI-14; Rúa Sabugo.
Estarase á Disposición Transitoria Primeira, punto 1.c) da LOUG ó respecto dos ámbitos de
solo urbano non consolidado ordenados por un planeamento non adaptado.
Nos planos da serie 7 grafarase o fondo máximo admisible nas plantas baixas,
diferenciándoo ds altas. Eliminaranse as contradicións existentes na formación de chafráns.
II.7. Determinacións no Solo de Núcleo Rural:
O Estudio do Medio Rural xustificará as dimensións das áreas de expansión, observándose
crecementos a modo de medusa, que infrinxen o artigo 13.3 da LOUG, nomeadamente en
Trasnales-Riazón-Cristimil-Ponte-Amedín-Lagoas-Regueiro, Orbazai-Xuxaos-A Torre-O
Tendeiro, Casas Vellas-Rego do Espiño-Casas Novas-Puigos de Pena-Pena da Mulla, Cima
de Vila-Toiriz-Tabernas-Santuiño, , Barxelas-Mouto-Anguieiro, Castro Conturiz-San Amaro-O
Chao, Nadela-Seoane-Eirexe-Pena-Viador, Santa Comba-Santa Engracia-Vila Marce.
Cómpre revisar a identificación das vivendas tradicionais das fichas de información das
entidades tradicionais, por detectarse edificacións agropecuarias que semellan ser
vivendas, e vivendas sinaladas como tradicionais que semellan ser pendellos ou cuadras.
En atención ó artigo 13.3 da LOUG, a ordenación proposta dos núcleos adaptarase ao
parcelario e ás trazas do territorio. Se superan as distancias máximas establecidas sen que
conste xustificación, concretamente os 50 metros: Porto-Meilán, Souto, Locai, Marcoi,
Matelo-Alta, Viador, Carricova, Portafontao, San Miguel, Bascuas, Brea, Laxe-Dalquelcabo-
Carretera, Bazar-Tuixe, Paderne-O Regueiro, A Eirexe, A Fontenova-Outeiro de Laxe, Gundín,
Mouriz, Vilar, Valín-Vilar, Barbaín-O Carqueixo, Buratai, Castro-Farxocos-Luxilde-Bóveda,
Poutomillos, Andrade, Curral de Arriba-Curral de Abaixo-Penelas, Santa Eufemia, Torre,
Lamaboa, Piqueira, Verín-Pacios-A Rea-Argonde, Fazai-A Viña, Castelo de Abaixo-Castelo
de Arriba-San Eufrasio-Pravia, Galegos de Abaixo-Xuiz, Castro-Conturiz-San Amaro, Coeo,
Vilalvite, Carballido Norte-Carballido Sur-A Travesa, Castelo (Cerracín-Cacabelos), A
Rubiana, Distriz-A Devesa, Tolda de Meilán, Barxelas-Mouto, Rosende de Arriba, A Portela-
Muxa de Abaixo, A Ponte-Amedín-Lagoas-Regueiro, Trasnales-Riazón-Cristimil, Vilar Ponte,
OC abalo-Taboelle, Orbazai-Xuxaos-A Torre-O tendeiro, Lavandeira, Corral de Abaixo-Corral
de Arriba-Fafián-San Vicente-Os Campos, Porto de Lugo, Piñeiro, Casas Vellas-Rego de
Espiño-Casas Novas, A Eirexe-Golmar-Lameiro-Vila, Recimil-Vilar, Alongar-Ribadelo-San
Mamede, Ribas de Miño, Vilachá. Gude, Outeiro-Saboleiro-Tellado, Vila de Abaixo-Vila de
Arriba, San Lázaro, San Román-Allariz, As Campiñas, Fonte do Mouro, Arxemil, Ruade,
Segade, O Cotillón, Bagueirxos-Grisin-Cardelle, Ramil, Rebordes e A Lagoa-Caldo correlo-
Vigo-Fontela sur-Albazoi-Toande-Fontela norte.
E os 200 metros: Marcoi, Barxelas-Mouto, Muxa de Arriba-Eirexe, A Ponte-Amedín-Lagoas-
Regueiro, Trasnales-Riazón-Cristimil, Casas Vellas-Rego de Espiño-Casas Novas, Tedín-Illar de
Amigo-As Penas-O Val e Ruade.
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 7 de 8
7
II.8. Determinacións no Solo Urbanizable:
As Fichas de polígonos e sectores deberán recoller as medidas preventivas necesarias para
garantir a seguridade ante riscos de anegamento.
Garantirase a eficacia e eficiencia do sistema de depuración urbano, nas fichas de xestión
dos sectores de Alta S-1.R, Fixós S-1.R, Fixós S-2.R e Coeses-Cuiña S-1.I.
II.9. Normativa Urbanística:
Os baixo-cubertas deben incluírse, ós efectos de cómputo de edificabilidade e de número
máximo de plantas, nas determinacións propias de cada ordenanza de aplicación.
Deberá corrixirse o artigo 185 da Normativa e as Fichas correspondentes, cánto a que o
feito de incorporar ó Plan Xeral as determinacións dos planeamentos que desenvolveron os
URPI e UZPI non permite a alteración de ningunha das súas determinacións.
Incluírase un listado do planeamento subsistente tras a entrada en vigor deste Plan, para os
efectos de establecer o réxime aplicable (artigo 19.2 do Regulamento de Planeamento).
As áreas de expansión dos Núcleos Rurais con ordenación detallada deberán incluír todas
as determinacións para a súa transformación urbanística, adaptadas ás esixencias da
LOUG. E as que non a inclúan detallarán o ámbito de cada Plan Especial.
II.10. Estratexia de Actuación e Estudo Económico:
A proposta de expropiación para diversas rúas de nova apertura deberá quedar reflectida
no estudio económico do PXOM, coa superficie, e custes de obtención e de execución.
II.11. Outras Observacións:
- Presentarase un listado ou inventario de equipamentos e espazos libres cualificados
polo plan xeral, distinguindo entre existentes e previstos (incluíndo a forma de
obtención destes últimos), dotacións locais e sistemas xerais, coas correspondentes
denominacións e superficies. Con base no antedito inventario, se acreditará o
cumprimento dos estándares mínimos establecidos no artigo 47 apartados 1 e 2 da
LOUG e das disposicións do artigo 53.1 da mesma Lei.
- Deberanse coordinar as tramas e as letras da lenda do plano clasificación do solo e
estrutura xeral e orgánica da serie 2, que eviten contradicións.
- Nos planos de Núcleos Rurais, Tomo IX, deberá identificarse o seu carácter de planos
de ordenación, separado da documentación de carácter informativo.
- Recollerase a delimitación completa do núcleo de San Román-Allariz, no que
actualmente falta parte da súa área de expansión.
- Deberase substituír a mención do solo rústico común pola de protección ordinaria,
nas lendas dos planos de clasificación e estrutura xeral e orgánica 1/10.000.
- Actualizarase a base cartográfica representando as intervencións que se teñen
realizado nos últimos anos no territorio deste concello.
LU 04025
LUGO (LUGO)
P.X.O.M.-INF.TÉCNICO
Trámite: Orde A.D.
Páxina 8 de 8
8
- Presentaranse os planos de información de redes de servizos existentes en todos os
ámbitos que se clasifiquen como solo urbano (distritos 22, 23 e 24) xustificativos do
carácter consolidado das zonas que se delimiten como tales.
- Nos planos de ordenación, mellorarase a diferenciación entre solos por clasificación
e cualificación, evitando a ocultación da realidade física actual na cartografía.
- Presentaranse planos de ordenación do conxunto do termo municipal a escala
1/5000 (art. 39.2 do Regulamento de Planeamento Urbanístico).
- O plano de sistemas xerais a escala 1/7.500, non comprende a totalidade do
concello e carece de elementos tales como a rede íntegra de estradas
(denominación, tipo e titularidade), rede íntegra de liñas eléctricas, gasoduto,
estacións de tratamento de auga potable, de depuración de augas residuais, novas
subestacións eléctricas, e diversos solos de equipamento e espazos libres menos
próximos ó núcleo urbano, como o Hospital de Calde (denominación).
- O PXOM debe incorporar planos de ordenación nos que se reflictan as redes de
novas infraestruturas previstas (abastecemento, saneamento, gas, electricidade).
- Representaranse en planos de ordenación a escala 1/1000 ou 1/2000 todos os
ámbitos clasificados como solo urbano.
De conformidade co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño,
polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos Plans Xerais
de Ordenación Municipal lle corresponde ó Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas.
RESOLUCIÓN:
Visto o que antecede, RESOLVO,
1º.- Non outorgar a Aprobación Definitiva, de acordo co punto 5.b) do artigo 85 da Lei
9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de
Galicia, ao Plan xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lugo.
2º.- O Concello deberá elaborar os documentos corrixidos precisos para emendar as
deficiencias sinaladas no corpo desta Orde, e os elevará, logo dos trámites oportunos, a
esta Consellería para a súa Aprobación Definitiva, remitindo ao efecto o expediente
administrativo debidamente dilixenciado.
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2009
O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Agustín Hernández Fernández de Rojas

Lois Diéguez, masivamente homenaxeado en Lugo

Xeral Non hai comentarios

Este sábado Lugo rendíulle un sentido homenaxe a Lois Diéguez. Neste acto de recoñemento social foron moitas as persoas que queixeron(mos) manifestarlle o noso afecto e o noso profundo respeto polo traballo de toda a súa vida, tanto no ámbito social como no político, no cultural, no literario,…
Foi un acto moi emotivo e tamén moi reivindicativo. Falouse de pasado, de presente e tamén de futuro. E neste presente e nese futuro Lois Diéguez ten aínda un papel moi importante que cumplir. Porque as súas achegas en todos os ámbitos nos que el actúa son sempre precisas e acertadas, co obxectivo claro de obter un beneficio colectivo. Porque a palabra “colectivo” guia sempre a actuación de Lois. E isto, que é unha virtude, non lle fai esquecer o valor do indivicual. Porque sempre ten a palabra oportuna, o xesto preciso para que, cando na vida persoal algo non anda ben, te sintas apoiado por el.
Lois vive agora nun barrio de Lugo que se chama A Coruña. Foron moitos e moitas os que utilizaron esta expresión que pon de manifesto que sigue aquí, traballando con nós no día a día, como sempre fixo.

Acto de recoñecemento a Lois Diéguez

Xeral Non hai comentarios

Este sábado ás 5 da tarde no salón de actos da Deputación de Lugo vaise celebrar un acto público de recoñecemento ao traballo que o escritor Lois Diéguez realizou durante os 40 anos que vivíu en Lugo, xa que recentemente mudou a súa residencia á cidade da Coruña.
Como sempre me di, pasou de ver a muralla que é patrimonio da humanidade, a ver a Torre de Hércurles, quen tamén o é.
E polo patrimonio da humanidade que son a nosa cultura, o noso idioma e todos os nosos sinais de identidade loitou sempre, e vai seguir loitando mentres viva, este magnífico escritor e político.
Convídovos a todos e a todas a participar nesta xornada que leva por título “A historia que fixemos” porque estou ben segura de que vai resultar sumamente interesante e tamén emotiva para todos.

O novo FEIL (PLan E, 2ª parte)

Política municipal Non hai comentarios

O Goberno do estado acaba de aprobar un novo Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). É a 2ª parte do famoso Plan E de xigantescos carteis que vemos por todos os lados, en obras importantes e noutras non tanto. Neste caso ao concello de Lugo correspóndenlle algo máis de 10 millóns de euros, e grazas a unha iniciativa que o BNG levou a pleno, as obras vanse consensuar entre as 3 forzas políticas con presenza no concello.
No BNG temos claro a que ten que destinarse este novo Plan E, dentro dos límites que estableceron para facelo. Obras e gastos de carácter social, obras ambientais, creación de emprego,… Queremos que o 20% do total se destine a políticas sociais, pois en época de crise isto é sempre o máis necesario, cubrir necesidades básicas. Tamén queremos que se invista na zona rural, en saneamentos e en mellora das infraestruturas viárias. E na zona urbana hai que gastar os cartos en sustituir abastecemento e saneamento naquelas zonas que aínda teñen practicamente o primeiro que se lles puxo (xa sabemos o que pasa cada dous días na rúa Mestre Soutullo coa traida de auga). E tamén queremos que se mellore o alumeado alí onde sexa necesario.
Pero tamén queremos melloras globais para toda a cidade, e por iso apostamos por instalar un sistema de GPS nos autobuses urbanos, de maneira que cando estamos na parada poidamos saber onde está o bus que queremos coller.
Propostas de futuro que non van poder acometerse cos orzamentos do concello. Esa é a aposta do BNG, unha aposta por e para Lugo.

Hipocresía do goberno

Política municipal 1 Comentario

Esta semana en pleno aprobouse por unanimidade demandar da Xunta a delcaración do Parque Rosalía de Castro como BIC, e pouco despois enterámosnos de que o gobrno está asfaltando a explanada do pavillón municipal dos deportes sen pedirlle previamente informe a Cultura.
Cando se fixo pública a sentenza que di que a ubanización da CS-5 non é legal porque non ten informe de Patrimonio, Orozco e María Novo afirmaron que se ian enviar a Cultura todas as solicitudes de licencia, incluso aquelas que eran para pintar unha parede ou cambiar unha fiestra se estaban dentro do ámbito dalgún ben catalogado. Agora queda ben claro que iso van facelo só cando a obra a fan os lucences, se a fan eles non. Curiosa maneira de entender a lei, aplícoa cando lle afecta aos demais e ignóroa cando me afecta a min.
A intención do PSOE neste tema está cada día máis clara. Escurrir o bulto, deixar que pase o tempo e que todo corra en contra da cidade, porque a fin de contas quen perdemos somos todos, quen perde é Lugo.