28 Xaneiro, 2010
PXOM
Non hai comentarios
Seguimos ás voltas co Plan Xeral e eu creo que aínda vai para lonxe a súa aprobación. Estes días soubemos que o fiscal lle reclama ao concello información sobre determinados urbanizábeis e sobre a transformación de solos rústicos en urbanos consolidados. Para quen non saiba de que falo, estoume referindo aos terreos do anterior concelleiro de Urbanismo no barrio da Ponte (información que saíu en todos os xornais fai xa dous anos).
Este é un novo revés xudicial para un goberno do PSOE que ten enriba xa moitas denuncias por asuntos urbanísticos, e que está claramente salpicado por actuacións que os veciños e tamén o BNG consideramos claramente irregulares.
No BNG temos moi claro que este modelo urbanístico prexudica gravemente aos veciños de Lugo e que, se eles saen mal parados, sempre hai quen recolle froitos. PSOE e PP fixeron un plan á medida do sector da construción, pero só dese que se enriqueceu no pasado á conta de todos nós e que agora di que está en crise.
O Sr. Castiñeira, a Sra. Novo e o Sr. Orozco van ter que dar moitas explicacións nos vindeiros meses.
22 Xaneiro, 2010
Idioma
Non hai comentarios
O de onte en Compostela foi moito máis ca unha manifestación en defensa do galego. Foi o clamor dun pobo reclamando o seu dereito a ser e a existir. Porque ese é o dereito que nos negan, e non outro.
O PP e todos os seus adláteres pretenden facerlle crer á xente que o galego é un idioma imposto no noso país, cando o que é, é o noso idioma propio. O galego é o noso maior sinal de identidade, e como tal o defendemos.
Os que onte saimos á rúa para reclamar os nosos dereitos non facemos como fan outros, eliminarllelos aos demais. Xa o di a Real Academia Galega no seu informe: o decremto debe ter como punto de chegada a igualdade. Non pode tela como punto de partida porque as linguas son desiguais. Non se pode fomentar a ignorancia e o descoñecemento do que é noso. Ningún goberno pode facelo. Só seremos libres de escoller se previamente temos coñecementos. Apostemos polo coñecemento, apostemos polo galego.
19 Xaneiro, 2010
Política municipal
Non hai comentarios
O Goberno municipal ven de anunicar que as obras de recuperación do parque Rosalía de Castro van incluir o seu peche ao público en determinarios horarios.
Parece ser que ao PSOE lle entrou unha vea prohibicionista que quere levar até as últimas consecuencias. Ordenanza de represión cidadá – perdón, de civismo- peche ao público do parque máis emblemático da cidade… E que vai vir despois, o peche do adarve da muralla con instalación de avisador acústico para que os paseantes busquen as escaleiras máis cercanas como se dun toque de queda se tratase?
Está claro que o PSOE e Orozco están absolutamente perdidos, e un día afirman que Lugo é a cidade máis tranquila do mundo (eu creo que é así) e ao día seguinte din sen enrubiar que hai que aplicar medidas prohibicionistas e sancionadoras porque nesta cidade o descontrol en certos lugares e por certas persoas (mocidade, prostitutas, mendigos, nenos perigosos, bandas organizadas,… todo isto non é invención miña, figura na ordenanza de civismo) é tal que obrigan a pechar o parque Rosalía de Castro.
A verdade é que non comparto este tipo de medidas porque as prohibicións xerais o único que fan é perxudicar a quen fan bon uso das instalacións e non impiden en ningún caso outro tipo de actitudes.
O parque é de todos os lucenses, é dos nenos e nenas, é dos pais e das nais, e dos avós e das avoas, é dos mozos e mozas, das parellas (sexan estas como sexan, claro) e o seu peche só vai facer que, co paso do tempo, deixe de ser de todos e todas nos.
11 Xaneiro, 2010
Urbanismo
Non hai comentarios
O PP acaba de sacar adiante reformas urbanísticas de importante calado que teñen como finalidade que o territorio volva ás mans de quen levan anos e anos destrozándoo: os concellos e os construtores. A reforma da Lei do Solo e ás novas normas para o litoral poñen de manifesto unha vez máis quen quere o PP que manexe o urbanismo no noso país, que non son outros que os que seica agora están padecendo gravemente a crise.
Seguir destrozando a arquitectura, a paisaxe, a sociedade,… do rural galego parece ser un dos divertimentos do PP e dos seus adláteres. E para iso contan en moitos casos coa encomiábel axuda do PSOE. Vese ben en Lugo. Empezaron coas costas do parque, seguiron co Plan Xeral e agora celebran que o Carme e o casco histórico sigan sendo destino de vivendas para quen máis teñen porque xa se ocuparon de eliminar o plan de vivenda protexida que elaborara o BNG desde a Xunta para que as vivendas de quen menos teñen non sigan formando guetos nos barrios periféricos das cidades.
Veñen tempos difíciles, e non o digo pola climatoloxía…
4 Xaneiro, 2010
Idioma
1 Comentario
Chegou o 2010 e con el un novo decreto do galego. Vai ser este un ano decisivo para o galego, e seguro que imos ter que sair á rúa moitas veces para facernos escoitar porque está claro o que quere o PP: que o galego sexa residual, que non se aprenda na escola, que non poidamos utilizalo cando nos diriximos a un funcionario nunha administración pública. En definitiva, se puidesen farían que o galego desaparecese do mapa, borrarríano como borraron a historia do noso país, enterrarríano como enterraron tantas outras cousas nos últimos anos.
Pero non imos permitir que sexa así. Somos moitos e moitas os que nos imos opoñer aos ataques sistemáticos ao noso idioma, ao noso futuro. Xa se veu o día 30 en Compostela, porque “aínda que chova, o galego non se encolle” .
Traballemos para que o 2010 sexa o ano do galego, traballemos pola súa defensa e sobre todo fagamos unha cousa, tanto colectiva como individualmente: USÉMOLO sempre e en todas as circunstancias, porque é a mellor maneira de mantelo vivo para nós e para as vindeiras xeracións de galegos e galegas.