Non ao peche do parque Rosalía de Castro
Xaneiro 19, 2010 1:19 pm Política municipalO Goberno municipal ven de anunicar que as obras de recuperación do parque Rosalía de Castro van incluir o seu peche ao público en determinarios horarios.
Parece ser que ao PSOE lle entrou unha vea prohibicionista que quere levar até as últimas consecuencias. Ordenanza de represión cidadá – perdón, de civismo- peche ao público do parque máis emblemático da cidade… E que vai vir despois, o peche do adarve da muralla con instalación de avisador acústico para que os paseantes busquen as escaleiras máis cercanas como se dun toque de queda se tratase?
Está claro que o PSOE e Orozco están absolutamente perdidos, e un día afirman que Lugo é a cidade máis tranquila do mundo (eu creo que é así) e ao día seguinte din sen enrubiar que hai que aplicar medidas prohibicionistas e sancionadoras porque nesta cidade o descontrol en certos lugares e por certas persoas (mocidade, prostitutas, mendigos, nenos perigosos, bandas organizadas,… todo isto non é invención miña, figura na ordenanza de civismo) é tal que obrigan a pechar o parque Rosalía de Castro.
A verdade é que non comparto este tipo de medidas porque as prohibicións xerais o único que fan é perxudicar a quen fan bon uso das instalacións e non impiden en ningún caso outro tipo de actitudes.
O parque é de todos os lucenses, é dos nenos e nenas, é dos pais e das nais, e dos avós e das avoas, é dos mozos e mozas, das parellas (sexan estas como sexan, claro) e o seu peche só vai facer que, co paso do tempo, deixe de ser de todos e todas nos.






