24 Febreiro, 2010
PXOM
Non hai comentarios
Onte dixen que o PSOE ten secuestrado o Plan Xeral. Pode parecer unha acusación moi grave, pero é absolutamente certa. Na comisión de urbanismo e por escrito a delegada, María Novo, confirmoume que o Goberno municipal non vai convocar ningunha reunión para analizar os cambios que están introducindo no documento. Cando o traian á Comisión de Planeamento, vai ser coa intención de que digamos “amén” sen máis, pois xa non imos poder participar en ningún proceso negociador nin imos poder introducir cambio ningún. Se isto non é telo secuestrado, xa me diredes que é!
Desde logo que non conten con nós para entregarlle Lugo aos especuladores, aos que sempre se enriqueceron á conta dos demais, aos que destrozan o patrimonio, o medio ambiente…
PP e PSOE están negociando unha modificación da Lei do Solo que só busca entregarlle o rural a quen practican un urbanismo salvaxe. E xa sabemos o que dá de si este urbanismo. O exemplo témolo na costa.
No caso de Lugo cociñan en segredo un documento que os dous votaron favorabelmente e que, se antes era negativo, agora pode resultar realmente prexudicial para os intereses de Lugo.
17 Febreiro, 2010
PXOM
Non hai comentarios
Está claro que o PSOE e o PP están cociñando en Compostela o Plan Xeral de Lugo. Levamos dous meses sen ter ningunha reunión da Comisión de Planeamento e a Sra. María Novo só sabe dicir que “as negociacións van ben” e que “todo avanza por bon camiño”. E cando esta señora di isto, a min póñensemme os pelos de punta porque xa sei cal é o “bon camiño” tanto para PSOE como para PP en materia de urbanismo.
Cando votamos en contra do PXOM fixémolo convencidos de que é un mal Plan para Lugo, un Plan que deixa de novo a cidade en mans dos especuladores urbanísticos que só queren sacar tallada económica e para iso son capaces de pasar por riba de quen faga falta. E lamentabelmente nesta ocasión contan co apoio do PSOE lucense, e tamén do PP. Que calado está o novo portavoz do PP ante este tema! Que pouco lle preocupa que non haxa reunións! E non será porque o seu partido tamén está cociñando desde a Xunta o Plan Xeral que el aprobou no concello?
Desde logo no BNG non imos aceptar que se nos siga dicindo que todo vai ben. Queremos información e queremos transparencia. Primeiro negáronse a facer unha nova exposición pública do Plan Xeral, e agora acaban de cociñalo en Compostela entre os dous grupos que lle deron o si no concello. Que mal cheira este asunto!!!
11 Febreiro, 2010
Política municipal
1 Comentario
Onte os cidadáns de Lugo asistimos atónitos ao descontrol máis absoluto por parte deste concello. Pola mañá cando abrimos as billas comprobamos como a auga saía “turbia”. A verdade é que houbo zonas da cidade onde a palabra turbia non se axusta á realidade, e o que saía era loda de todo!!! E así, grazas a unha arroutada do Sr. Piñeiro, ínclito concelleiro de infraestruturas, case 100.000 persoas non podemos consumir a auga do grifo.
Pero agora a este señor o único que lle preocupa é que me retracte das miñas acusacións de desgoberno e descontrol do PSOE. Non lle preocupa que sigamos sen poder beber a auga, porque desde logo ningunha autoridade municipal dixo que podíamos facelo.
Desde logo non me vou retractar do dito, é máis, mantéñoo e vou máis aló: É inaudito que unha actuación municipal sen control nos deixe sen poder beber a auga dous días, digan o que digan Orozco, Piñeiro e Dopeso. Alguén terá que asumir responsabilidades ante estes feitos e deixarse de culparnos aos demais do que está pasando.
E remato dicindo que o Sr. Piñeiro, que se alzou en máximo enxeñeiro do concello de Lugo, é moi dado a este tipo de actuacións. Cando fai algo xa se ve o resultado. Aínda que le tamén é un esperto e deixar facer aos demais, sobre todo ás empresas que traballan nas rúas do concello de Lugo sen ningún tipo de control. E exemplos hai do que digo: Carlos Azcárraga, Estrada de Santiago,…
2 Febreiro, 2010
Política municipal
Non hai comentarios
O novo portavoz municipal do PP, Jaime Castiñeira, andou falando de que o BNG leva a pleno propostas que non lle preocupan aos lucenses. Referíase o sr. Castiñeira ás nosas iniciativas para reclamar a retirada das bases do decreto do ensino e o arranxo na estrada N-640 que vai de Lugo a Ribadeo pasando por Meira. A verdade é que a min, como veciña desta cidade, si que me preocupan estes temas, os dous. Un porque ante todo son galega e lucense, galego-falante e defensora de que o idioma propio de Galiza (dino a Constitución e o Estatuto) goce de prestixio e de defensa por parte de quen goberna este país. O da N-640 porque son moitos os cidadáns, de Lugo e de fora de Lugo, que a diario teñen que facer uso desta via de comunicación que se atopa en mal estado, digan o que digan o PSOE de Lugo e de Madrid. Como non me fio do superministro, quero que o concello se preocupe pola miña cidade, e que se poida chegar a ela con comodidade e sobre todo, con seguridade, desde toda a provincia.
E finalmente no pleno de onte elexíronse os representantes do Concello de Lugo nas Xuntas Xerais de Accionistas de Caixa Galicia e Caixa Nova. A Lei de Caixas recén aprobada e que o goberno estatal quere recurrir busca, ante todo, que as caixas non se transformen en bancos e que os nosos aforros non se vaian para fóra.
Non sei se Castiñeira segue considerando importantes ou non estes temas, pero desde logo o BNG si.