Os problemas de Lugo
Febreiro 2, 2010 1:58 pm Política municipalO novo portavoz municipal do PP, Jaime Castiñeira, andou falando de que o BNG leva a pleno propostas que non lle preocupan aos lucenses. Referíase o sr. Castiñeira ás nosas iniciativas para reclamar a retirada das bases do decreto do ensino e o arranxo na estrada N-640 que vai de Lugo a Ribadeo pasando por Meira. A verdade é que a min, como veciña desta cidade, si que me preocupan estes temas, os dous. Un porque ante todo son galega e lucense, galego-falante e defensora de que o idioma propio de Galiza (dino a Constitución e o Estatuto) goce de prestixio e de defensa por parte de quen goberna este país. O da N-640 porque son moitos os cidadáns, de Lugo e de fora de Lugo, que a diario teñen que facer uso desta via de comunicación que se atopa en mal estado, digan o que digan o PSOE de Lugo e de Madrid. Como non me fio do superministro, quero que o concello se preocupe pola miña cidade, e que se poida chegar a ela con comodidade e sobre todo, con seguridade, desde toda a provincia.
E finalmente no pleno de onte elexíronse os representantes do Concello de Lugo nas Xuntas Xerais de Accionistas de Caixa Galicia e Caixa Nova. A Lei de Caixas recén aprobada e que o goberno estatal quere recurrir busca, ante todo, que as caixas non se transformen en bancos e que os nosos aforros non se vaian para fóra.
Non sei se Castiñeira segue considerando importantes ou non estes temas, pero desde logo o BNG si.









