A voltas co peche do parque

Política municipal 1 Comentario

O goberno de Orozco está empeñado en pechar o parque Rosalía de Castro, e para iso vai gastar unha partida de máis de 459.000 €!!! Estamos falando, polo tanto, de investir moitos cartos de todos os lucenses para limitar o acceso a un parque que tamén é de todos os lucenses. Ultimamente esta é a moda do PSOE, poñer restriccións a todo o mundo para non ter que abordar realmente os problemas. Que hai quen ten unha actitude incívica, pois pechamos o parque para que non entre ningúen e xa está. Ou facemos unha ordenanza de civismo da que xa teño falado que o único que fai é convertir a rúa nunha cadea na que só os “ben vestidos” están libres de que vaia a policía facerlles unha visita.
Máis lle valía ao PSOE de Lugo pensar en gastar eses cartos do peche en mellorar as instalacións do parque, deixando que todos o todas poidamos seguir disfrutando delas. O Orozco máis retrógrado está actuando estes días por Lugo, e xa veremos que máis ideas deste tipo ten aínda.

Desprezo por Lugo

PXOM Non hai comentarios

As declaracións de onte do alcalde de Lugo despois de reunirse co Conselleiro de Medio Ambiente e Territorio nas que indica que este mesmo mes lle vai enviar o plan xeral adaptado ao informe da Xunta é unha absoluta falta de respeito aos cidadáns de Lugo.
O BNG leva dous meses reclamando que se celebre unha xuntanza para analisar os cambios que o PSOE e o PP lle están introducindo ao documento. O PSOE ten secuestrado o PXOM coa connivencia do PP. Uns e outros teñen moita presa por sacarse de diante un documento que é moi negativo para os veciños e veciñas de Lugo. E agora por riba estano cociñando de costas a todos nós. E o alcalde presume de que llo vai mandar este mes e comete un grave lapsus: antes ten que pasar polo pleno e desde logo o BNG non vai deixar que se lle mande de novo á Xunta sen que os lucenses saiban que é o que se lle cambiou ao PXOM e como lle vai afectar isto aos veciños e veciñas das rúas e parroquias de Lugo.

Costas do Parque: o cinismo de Orozco

Urbanismo 1 Comentario

A postura do PSOE na reunión de onte sobre as costas do parque foi totalmente cínica. E digo isto porque Orozco pretendeu cargarnos a todos coas culpas que só eles teñen. Pretenderon que lle désemos un aval á súa política urbanística neste concello e que apoiásemos a legalidade dun proxecto urbanístico que está custionado nos tribunais.
Pois non vai ser o BNG quen o faga. Non vai ser o BNG quen acepte facer pequenos retoques nun proxecto que é claramente negativo para Lugo e, por riba, de dubidosa legalidade.
Os datos que aportou onte na reunión o representante do promotor poñen sobre a mesa o que son os grandes negocios urbanísticos en Lugo. Que un edificio que costa construilo menos de 2 millóns de euros poida venderse en máis de 8, ten un nome.
A especulación urbanística e a banca foron quen nos levaron ao actual estado de crise, e agora aínda pretenden que os lucenses lles paguemos 5 millóns de euros para retocar o inaceptábel! repito, co BNG que non conten para iso.

O descontrol da auga

Política municipal Non hai comentarios

No último pleno trataronse dúas mocións nas que se abordaba o estado da auga na cidade, unha do BNG e outra do PP. No caso da do BNG pedíamos que se trasladasen a unha única delegación, a de medio ambiente, todas as competencias neste tema. Estamos falando polo tanto de que a depuradora e a potabilizadora, os depósitos, a rede de subministración e o servizo de cobro se agrupen baixo a responsabilidade dunha única persoa para evitar despropósitos como os vividos fai 15 días cando tivemos que estar 2 días sen poder usar a auga da billa por unha cafrada do Sr. Piñeiro.
A verdade é que xa me esperaba a actuación do Sr. Orozco que, no seu papel de alcalde ofendido, nos acusou de querer espallar merda sobre a xestión do seu goberno neste asunto. E claro, tivemos que aclararlle que quen provocou esa situación foron os seus concelleiros. Eles foron os que tomaron unha decisión non contrastada tecnicamente e os que non avisaron con tempo aos veciños para poder facerlle fronte a unha situación absolutamente insólita, que o goberno municipal boicotee a propia rede de abastecemento de auga.
O alcalde debe ter algo máis de humildade e recoñer que, neste asunto, erraron de principio a fin. E que, coa súa actuación irrespondábel, deixaron sen auga apta para o consumo a 100.000 persoas. Se isto non é para criticar, xa me diredes que temos que facer!