O PSOE e as medidas ante a crise

Política Estatal, Política municipal Non hai comentarios

Está claro que o PSOE está totalmente desnortado neste momento, o que lle dá bazas ao PP para poder atacalo, cando as medidas antidéficit (que non anticrise) que eles aplicarían serían exactamente as mesmas. Resulta ben patético o acontecido onte no Senado, onde a Cámara de Representación Territorial do Estado se converteu nunha feira de proporcións dantescas. Así o único que se fai é contribuir ao descrédito da clase política, cado a verdade é que non todas as organizacións somos iguais. Curioso que agora se cargue (sobre todo desde a dereita) contra partidos políticos, sindicatos e todo tipo de asociacións que desenvolven apostas colectivas e non individuais.
E en todo este baile vai o alcalde de Lugo e, tamén fiel ao seu estilo, un día carga contra Zapatero e as súas medidas de cara aos concellos e ao día seguinte xa rectifica e matiza as súas palabras porque o chamaron á orde desde Madrid. Cando un non vai manter as súas palabras, mellor é quedarse calado.

O servizo municipal de bicicletas

Política municipal Non hai comentarios

O servizo municipal de bicicletas naceu con 5 bases e 100 bicis (para cubrir as de uso diario e repoñer as estropeadas). A semana pasada fixemos un reconto a distintas horas (hora de peche do servizo de préstamo) e en distintos días e só puidemos atopar 10 bicicletas nas 5 bases. Eu mesma esta mañá tiven dificultades para poder devolver a que collín porque non funcionaba ningún enganche da base que hai ao lado da policía local. Despois de numerosos intentos deixeina por fin amarrada no seu sitio.
A verdade é que é unha lástima que o PSOE se desentenda deste servizo, no que se investiron cerca de 130.00 € desta maneira, porque o único que se logra é obter o efecto contrario ao que se quere provocar: que cada día sexan menos os usuarios deste servizo e que, polo tanto, cada día haxa menos persoas que utilizan a bici para desprazarse deixando o seu coche na casa.
Se queremos que Lugo avance temos que postar por outros modelos de transporte, e dado que xa fixemos o investimento, manter en bon estado o que temos, non deixando que se deteriore e que cada día haxa menos bicis. Apostemos por outros modelos de transporte e fagámolo con políticas claras e non erráticas.

As obras do parque de Frigsa

Política municipal Non hai comentarios

Hai obras do Plan E do ano pasado que aínda están sen rematar, a pesar de ser realmente necesarias para a nosa cidade. Estou falando por exemplo da peonalización do parque de Frigsa ou do novo vaso da piscina climatizada, tamén de Frigsa.
No caso do parque dá verdadeira pena ver o parque pechado e a xente maior e aos nenos sen poder xogar nun recinto no que, polo menos aparentemente, as obras están rematadas. O novo pavimento instalado, o mobiliario e a iluminación tamén… A xente pregúntase que falta e a resposta é axilidade e control por parte de quen goberna, o PSOE, incapaz de conseguir que obras coma estas rematen nos seus prazos e sobre todo que o parque se abra de novo ao público agora que vén o bon tempo.
Se non apretan á empresa, a obra non ten por que rematar antes do 30 de xuño, porque esa é a prórroga que lles concedeu o Estado, a pesar de que tiña que estar feita en 6 meses.
Lugo non ten moitas zonas verdes como a de Frigsa. E nesa zona da cidade é o único parque de verdade que temos, por iso é tan urxente que se abra canto antes.

Crise económica e crise social

Economía, Política nacional Non hai comentarios

Hoxe todos fomos coñecedores das medidas que o presidente do Goberno vai aplicar para que España se recupere. As medidas van encamiñadas exclusivamente a reducir o défice público e non a potenciar a economía e producir emprego.
Mete medo escoitar falar a tantos e tantos políticos de medidas represivas e regresivas sen que lles treme a voz. Mete medo que o neoliberalismo económico se introducise de tal maneira nas nosas actuacións que non somos quen de darnos conta de que o problema non é só que se lle recurte o salario a unha parte dos traballadores ou aos pensionistas. O problema é que estas medidas só teñen un obxectivo: beneficiar ás grandes empresas, á banca e aos especuladores e prexudicar moi gravemente á clase traballadora.
Levamos moitos anos tendo medo a falar de clase traballadora. Temos medo a encher a boca con este termo e a poñernos do lado de quen menos teñen porque seica agora somos todos/as “clase media”.
Cando antes se dicía que procedías dunha familia humilde o que querías dicir é que procedías dunha familia pobre. Eu procedo dunha familia pobre onde sempre houbo máis fillos que vacas, o que indica claramente cal era a nosa situación. E a miña familia non é tan diferente doutras que actualmente viven e padecen a grave cirse económica que nos afecta e que seican son “clase media”.
Levo meses escoitando, incluso nos ámbitos nacionalistas, que non hai tanta crise como se di porque a xente sigue estando nos bares. Quen sabe, igual agora si que ven a crise como algo máis real e cercano, porque a crise está aí e desde logo non creo que a maior parte da sociedade nos vaiamos librar dela. E moito menos polo camiño que van PP e PSOE. Defenden exactamente as mesmas medidas, medidas fixadas desde fora e que só buscan o recorte dese famoso défice público. Nada, absolutamente nada, para reforzar os servizos públicos. Nada, absolutamente nada, para incrementar a produción e o consumo, tan ligados entre si. Nada, absolutamente nada, en definitiva, para a clase traballadora.
Recomendo ler as propostas nacionalistas (BNG e CIG) para atallar esta situación. Están nas repectivas páxinas web.

Os cartos son de todos e todas

Política municipal Non hai comentarios

Onte asistimos á inauguración da rehabilitada escola de Santa Comba, unha obra na que se investiron case 250.000 € do Plan E e que quedou realmente ben.
Que nos convidou como BNG ao acto de inauguración foi a Asociación de Veciños existente na parroquia, e non o fixo só con nós senón con todos os grupos políticos, feito que os honra pois estou ben segura de que entre os máis de 100 asistentes ao acto había votantes do BNG, do PP e do PSOE.
Lástima que Orozco, como alcalde de Lugo, non soubese estar á altura das circunstancias. Primeiro el e o Subdelegado do Goberno fixéronlle esperar aos veciños 45 minutos e despois Orozco estivo totalmente desafortunado na súa intervención. Non se pode actuar cos cartos de todas e todos como se fosen del ou do PSOE. Non se pode chegar a un acto deste tipo e dar un mitin de máis de 10 minutos utilizando o seu posto de alcalde para atacar a quen alí estabamos.
Menos mal que os veciños e veciñas de Santa Comba teñen moito máis nivel persoal do que ten el e que a asociación de veciños estivo á altura das circunstancias convidando a todos os representantes políticos a este acto social. Moitas grazas por facelo.

E a Delegada de Urbanismo compareceu…

PXOM 1 Comentario

Compareceu, e non dixo nada: falou do inxente traballo feito, de correccións, de matices, de adaptacións,… e non falou do que realmente nos interesa aos lucenses: dos cambios que está a sufrir o Plan Xeral da man de PSOE e PP.
Se algo quedou claro no pleno deste luns é que a nivel urbanístico en Lugo é o mesmo o PSOE co PP. Dá o mesmo Orozco que Jaime. Defenderon exactamente o mesmo e non se sabe moi ben quen ten máis presa en aprobar definitivamente o PXOM.
A verdade é que a nosa cidade vai perder unha oportunidade única para definir outro urbanismo, de máis calidade, centrado nas persoas en non nos edificios nin nos coches. Un urbanismo para a xente e non para os construtores.