Turismo sen turistas
Xullo 27, 2010 9:18 am Política municipalLugo debería ser unha cidade turística, pero os sucesivos gobernos empéñanse en facer xusto o contrario do que deberían para que os turistas veñan á nosa cidade, desde logo unha das máis fermosas e con máis patrimonio de todo o Estado.
Lugo nada ten que envexarlle a ningunha outra cidade galega, e aínda asía recibe poucas visitas de turistas, tanto galegos como do resto do Estado ou doutros países. E iso débese en boa medida a ausencia dunha boa planificación e dunha boa venda do produto.
Este ano cúmprense 10 anos da declaración da muralla como patrimonio da humanidade e tamén estamos de ano Xacobeo, e a nosa cidade segue vivindo de costas á muralla e ao Camiño primitivo, seguramente as súas maiores xoias en canto a patrimonio. E as dúas están descoidadas e pouco promocionadas. E non se ve ningún interese por parte do goberno de Orozco nin no de Núñez Fijóo para poñer en valor o que temos.
Pasan máis tempo polemizando pola intermodal, que non vai ser unha realidade en moitos, moitos anos, que poñendo en valor o que realmente temos e que é o que pode facer que no futuro ese famoso AVE poida traer xente a Lugo.
As polémicas estériles son iso, estériles, e desde logo a nosa cidade non saca nada delas.
Apostemos de verdade por Lugo e polas súas potencialidades, e deixémonos de escenificacións cara á galería.








