17 Novembro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Xa pasou a famosa xuntanza do G-20 e tal e como dicía o venres pasado, poucas cousas novas nos trouxo. Trouxo unha imaxe clásica de homes con traxe e gravata e unha presenza absolutamente reducida de mulleres. Que pouco cambian as cousas!
E de que falaron? Falaron de ECONOMÍA. Falaron de economía con letras maiúsculas. Porque eran xente importante, dirixentes de paises importantes, de potencias mundiais. E que concluiron? Que hai que controlar máis os mercados e reactivar a economía!!! Pois para chegaren a esa conclusión non facía falta montar este número, nin andar a correr durante 3 semanas. Se imos a calquera tertulia de café as conclusións que se obteñen son máis prácticas e máis interesantes…
Mágoa que os do G-20 ese non escoiten algo máis o que os pobos, o que a xente e outros gobernos están dicindo e aplicando dentro das súas posibilidades. Máis control público, máis regulación dos mercados, mellores salarios e mellores condicións laborais,… Pero claro, diso non interesa falar.
14 Novembro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Hoxe e mañá vaise celebrar a xuntanza do G-20 en Washington. Supoño que ninguén esperará que as receitas que aporten alí Zapatero vaian resolver os graves problemas que está a xerar a crise económica. Cando falan de refundar o capitalismo hai que botarse a tremer, porque o capitalismo salvaxe na súa versión actual, o neoliberalismo, é o responsábel da miseria de milleiros e milleiros de persoas. Cando falan de refundar o capitalismo realmente de que están falando, de reformar o sistema de pensións, de reformar o mercado de traballo,… están falando de medidas positivas para a economía ou de medidas encamiñadas claramente a quen quen máis teñen sigan tendo máis e quen menos teñen aínda teñan menos?
Por iso que non hai que esperanzarse moito co que vaia pasar no G-20. Desde o momento en que o Estado español lle entrega aos bancos miles de millóns sen ningún control sobre o seu futuro uso, como podemos crer que realmente hoxe e mañá van cambiar algo?
24 Outubro, 2008
Economía
1 Comentario
Xa falei esta semana dos cartos que o Estado lle vai entregar á banca para que superen a súa situación de crise. E xa dixen tamén que o BNG se opuxo porque non lles poñen condicións para aplicar eses fondos que son de todos os cidadáns, que veñen dos nosos impostos. Pero estes días aínda se agrandou máis a miña preocupación cando vin na prensa que o Goberno está analisando as pensións e xa comezan a sementar a dúbida de que se poidan manter tal e como están, como se o que cobra un pensionista galego da agraria fose un dispendio para as arcas públicas!!! Nin que non tivesen contribuido co seu traballo, cos seus impostos e co seu pago á seguridade social a que o Estado teña agora eses cartos!!! Pero claro, en época de crise os máis prexudicados son sempre os que menos teñen, neste caso os pensionistas galegos. Quen fose banca para que lle reflotasen a súa ”mermada” (?) economía…
21 Outubro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Toca falar dos orzamentos da Xunta. Presentáronos onte e, aínda que con matices, son uns orzamentos positivos para esta provincia e tamén para o concello de Lugo. E digo isto non só polo investimento comprometido en gasto social, polo apoio ao medio rural e ao sector primario e ás políticas de I+D, e por esas grandes infraestruturas ás que se lles dá un empuxón, senón tamén por outras que aparecen consignadas e que son moi, moi importantes para esta provincia. Hai unha en especial que me parece fundamental para o futuro económico e social desta provincia: o vial Becerreá-Navia. Paréceme vital porque a única maneira de conectar os 3 grandes eixos turísticos desta provincia, é mellorando as súas comunicacións. Trascantábrica para o acceso a Lugo desde a costa e este vial para conectar Lugo cos Ancares. Agora hai que gastar os 5 millóns de euros destinados a esta obra.
Pero hoxe tampouco quero deixar de falar do acordo parlamentario para inxectar fondos públicos na banca a cambio de nada. Contou co apoio de case todos os partidos e grupos, pero, por suposto co voto en contra do BNG. Porque os nacionalistas galegos temos moi claro que non podemos destinar os fondos do Estado (que son os fondos de todos os cidadáns) a salvar aos bancos dunha crise provocada por eles e cambio de nada. Porque non hai ningunha garantía de control sobre eses fondos, porque o estado non adquire activos (participacións) nesas entidades e porque non se garantiza que eses cartos van ir ás familias e ás pequenas empresas a través de créditos e hipotecas. O mundo ao revés: os cidadáns prestándolle cartos á banca para que a banca despois nos denegue as hipotecas e os préstamos persoais. Que mo explique quen o entenda…

9 Outubro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Estamos en época de crise, iso está ben claro. Chamémoslle como lle chamemos é iso, unha crise que nos está afectando a todos e a todas, pero non por igual. A verdade é que a min non me preocupa da mesma maneira o que lle pode pasar a unha entidade bancaria ou a unha empresa que tivo beneficios multimillonarios durante anos á conta do noso traballo que o que lle pode pasar a un oitocentoseurista (aquí mileuristas hai poucos) se o despiden, non pode pagar a hipoteca, non pode pagar a letra do coche, nin os recibos do piso, nin en definitiva vivir coa mínima calidade de vida que todos queremos ter.
Pero esta preocupación non é só miña, é a preocupación do BNG. Por iso se non hai cambios non imos darlle o noso apoio os orzamentos do Estado. Porque non cubren as necesidades básicas deste país e polo tanto non garantizan esa calidade de vida da que xa falei.
Imos deixar que avancen as negociacións e xa veremos que pasa ao final de todo este proceso.
16 Setembro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Xa se achega outubro e nesta época sempre toca falar de orzamentos. Orzamentos do concello, orzamentos da Xunta e orzamentos do Estado. No caso do concello empezouse co debate das taxas e impostos. Orozco quere facernos crer que algunha das súas propostas de conxelación impositiva van ser a solución para a crise que tamén nos afecta aos lucenses. Pero xa lle dixo o meu compañeiro e portavoz municipal, Xosé Anxo laxe, que esa medida só nos vai aforrar a cada un de nós 10 euros ao ano!!! Como se ve non é unha cantidade moi significativa que digamos. Máis significativo sería o aforro se fixesen o que o BNG xa lles demandou o ano pasado: por exemplo, cobrarnos a auga en función do consumo de cada casa e familia e non en base a un mínimo ao que moitas vivendas non chegan, pero que teñen que pagar igual. Pero iso non queren facelo. Van ter que explicar o porqué.
Tamén se fala moito dos orzamentos do Estado. O PSOE tampouco ten maioría no Congreso e necesita apoio para sacalos adiante. E para facilitar ese apoio o BNG, quere compromisos de Zapatero e do goberno do PSOE: que o investimento en infraestruturas sexa como mínimo do 8% do total estatal (e que sexa superior ao do ano en curso) e que se cree a comisión de seguimento do AVE. Xa saben o que teñen que facer se queren contar con nós. E se teñen que contar co BNG, Galiza sairá gañando.
1 Abril, 2008
Economía
1 Comentario
Está claro que as cousas na economía non van ben. E non falo de macroeconomía, senón de economía familiar. Porque o problema da inflación aféctanos a todos os veciños e veciñas que temos que pagar máis por todos os produtos que adquirimos, tamén os de primeira necesidade. As subas son elevadas e importantes. Véxase a da bombona de butano, que xa chega aos 15 euros. Todas as administracións teñen que tomar medidas para evitar que todo isto prexudique gravemente aos nosos petos.