13 Maio, 2010
Economía, Política nacional
Non hai comentarios
Hoxe todos fomos coñecedores das medidas que o presidente do Goberno vai aplicar para que España se recupere. As medidas van encamiñadas exclusivamente a reducir o défice público e non a potenciar a economía e producir emprego.
Mete medo escoitar falar a tantos e tantos políticos de medidas represivas e regresivas sen que lles treme a voz. Mete medo que o neoliberalismo económico se introducise de tal maneira nas nosas actuacións que non somos quen de darnos conta de que o problema non é só que se lle recurte o salario a unha parte dos traballadores ou aos pensionistas. O problema é que estas medidas só teñen un obxectivo: beneficiar ás grandes empresas, á banca e aos especuladores e prexudicar moi gravemente á clase traballadora.
Levamos moitos anos tendo medo a falar de clase traballadora. Temos medo a encher a boca con este termo e a poñernos do lado de quen menos teñen porque seica agora somos todos/as “clase media”.
Cando antes se dicía que procedías dunha familia humilde o que querías dicir é que procedías dunha familia pobre. Eu procedo dunha familia pobre onde sempre houbo máis fillos que vacas, o que indica claramente cal era a nosa situación. E a miña familia non é tan diferente doutras que actualmente viven e padecen a grave cirse económica que nos afecta e que seican son “clase media”.
Levo meses escoitando, incluso nos ámbitos nacionalistas, que non hai tanta crise como se di porque a xente sigue estando nos bares. Quen sabe, igual agora si que ven a crise como algo máis real e cercano, porque a crise está aí e desde logo non creo que a maior parte da sociedade nos vaiamos librar dela. E moito menos polo camiño que van PP e PSOE. Defenden exactamente as mesmas medidas, medidas fixadas desde fora e que só buscan o recorte dese famoso défice público. Nada, absolutamente nada, para reforzar os servizos públicos. Nada, absolutamente nada, para incrementar a produción e o consumo, tan ligados entre si. Nada, absolutamente nada, en definitiva, para a clase traballadora.
Recomendo ler as propostas nacionalistas (BNG e CIG) para atallar esta situación. Están nas repectivas páxinas web.
23 Novembro, 2009
Economía, Política municipal
Non hai comentarios
A estas alturas do mes de novembro deberíamos estar falando dos orzamentos do concello, pero a 23 de novembro non sabemos nada deles. Ben, hai algo que si sabemos polos medios de comunicación, que ou ben lle aprobamos os orzamentos a Orozco ou que volve a presentar unha cuestión de confianza como o ano pasado. Resultan curisosas as “veladas ameazas” cando aínda non se sabe nada do documento por condutos oficiais. Como se pode xa estar intentando culpar aos demais do que vai pasar cando aínda non se nos entregaron nin as liñas mestras do orzamento do ano que vén?
Orozco sempre esquece que non ten maioría. Déixase levar en exceso por esa característica do seu carácter: a arrogancia. E a arrogancia non é boa conselleira en época de crise.
15 Maio, 2009
Economía, Política municipal
Non hai comentarios
Hoxe reunímonos cos representantes dos traballadores da fábrica que Pascual tén en Outeiro de Rei e que quere pechar coa trampa dun ERE. Agora todas as empresas presentan expedientes de regulación de emprego (ERE) aínda que a crise non lles afecte como eles din. Estamos falando dunha empresa punteira, que recibíu axudas das administracións, que tén a produción á porta da factoría (todo o leite que se produce na Galiza) e que produce según a súa propia publicidade o mellor leite do Estado. E agora queren botar á rúa (e pagándolles moito menos do que lles corresponde) a máis de 150 traballadores directos e todos os indirectos que se verán afectados polo peche da factoría.
O BNG vailles prestar todo o seu apoio en todas as institucións porque non é normal que pretendan pechar este centro de transformación do leite.
19 Decembro, 2008
Economía, PXOM
Non hai comentarios
O do plan xeral de Lugo é un verdadeiro esperpento. Orozco esconde a cabeza, María Novo titubea e non sabe que dicir e o PP carga contra o BNG porque lles desvelamos aos lucenses os graves erros que segue tendo o documento.
Xa o dixen en máis ocasións. O BNG non se vai amordazar e vai seguir denunciando todas as barbaridades que quere facer o PSOE.


17-12-2008 // O BNG di que o PXOM só responde ao 20,6% das alegacións
Aprazado ‘sine die’ o pleno para aprobar o PXOM de Lugo
15 Decembro, 2008
Economía, PXOM
Non hai comentarios
Lugo ten 54 parroquias e 355 núcleos rurais sen servizos, e o Plan Xeral que o PSOE de Orozco quere aprobar provisionalmente o día 23 de decembro (xa non é o día 19) agranda aínda máis a fenda existente con respecto á zona urbana. Pero o que é aínda máis grave, vai crear cidadáns de primeira e de segunda na zona rural, pois os que vivan nos núcleos rurais tradicionais van seguir sen servizos de abastecemento e saneamento pero os que vivan nas novas urbanizacións rurais si que van telos, e con fondos en boa medida municipais. Desde logo os cambios introducidos no documento non van facer que o BNG se amordace e deixe de facer públicas as carencias que aínda ten, entre elas a dotación de servizos á zona rural. O BNG ten claro que o mellor para Lugo é someter o documento a unha nova exposición pública, o que permitiría que os veciños o coñecesen antes da súa aprobación e lle daría seguridade xurídica ao concello antes posíbeis reclamacións.
12 Decembro, 2008
Economía, PXOM
Non hai comentarios
Teño serias dúbidas de que o plan xeral vaia finalmente a pleno o día 19 de decembro tal e como anunciou o alcalde a semana pasada. E digo isto porque, por exemplo, onte houbo Consello Económico e Social e non dixo nada da data plenaria.
Non sería de estrañar que volvese pasar. O goberno do PSOE de Lugo se por algo destaca é polos seus reiterados incumprimentos, tamén en materia urbanística.
Poida que quen salte a protestar sexa o PP, porque polo visto son uns dos que máis ansia teñen por aprobar este plan xeral. Nin que fose seu!
Onte nun debate, ao que non foi o PSOE, o gran defensor dun documento -e que polo visto aínda non estudaron en profundidade-, foi Jaime Castiñeira. As malas linguas din que tamén pode ser que lle queira facer o traballo suxo a García Díez antes de marchar definitivamente para o Parlamento Galego, como xa apuntaban algúns medios de comunicación.
Quen sabe, á parte da súa importancia, o pleno aínda pode resultar ben entretido, sexa cando sexa.
11 Decembro, 2008
Economía, PXOM
Non hai comentarios
Variante Oeste: autovía que o faraón Orozco quere construir cos cartos de todos os lucenses. Esta variante vai ir paralela pero polo outro lado do río á actual A-6 e á futura A-54 (Lugo-Santiago). Vai arrasar o val do miño e incomunicar parroquias como orbazai, Adai ou Bocamaos.
Lamentabelmente esta é a gran proposta do Plan Xeral que o PSOE quere levar a pleno o venres 19 de decembro. Renuncian ao ferrocarril, renuncian ao AVE, renuncian a un novo acceso por Carlos Azcárraga que saque aos barrios do Sagrado Corazón e das Gándaras do seu atraso, para facer esta autovía nacida da megalomanía de Orozco e que vai costar 49 millóns de euros.
Anda que non se poden facer cousas con eses cartos. Cantas rúas poden mellorarse, cantas zonas verdes, garderías, cantos pavillóns deportivos se poden facer…
No novo PXOM prevese máis expansión urbanística, di o BNG
5 Decembro, 2008
Economía, Xeral
Non hai comentarios

Onte celebramos en Lugo un acto para falar das medidas que porpón o BNG para enfrontar a crise económica. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, analisou as alternativas que o BNG está a defender para paliar as súas consecuencias na sociedade galega.
Como nacionalistas galegos temos claro que a crise económica, que a crise do modelo capitalista, non pode implicar un recorte nos servizos públicos. O BNG ten claro que non debemos permitir que a situación de crise se use para recortar as prestacións sociais básicas, as prestacións por desemprego e os dereitos dos traballadores.
Como nacionalistas, temos claro, moi claro, que a actual situación económica non pode representar un paso atrás nos avances sociais conseguidos con esforzo e coa loita de anos da sociedade galega.
Os responsábeis desta crise son todos aqueles que viviron do beneficio e para o beneficio. Os que durante todos estes anos se enriqueceron á conta do esforzo do noso traballo. Eses mesmos que hoxe pretenden que sexan os poderes públicos, é dicir, que sexamos todos os cidadáns, os que lle fagamos fronte ás súas perdas e ás súas débedas. Aqueles que viviron exclusivamente para si mesmos os bos momentos e que agora queren colectivizar, socializar os malos.
O BNG fala moito de autogoberno porque moitas veces, as nosas actuacións vense limitadas ou impedidas polas reducidas competencias do Estatuot actual. Falamos moito da necesidade dun Estatuto de Nación porque estamos convencidos de que a mellor maneira de afrontar unha crise como a que vivimos, é incrementar a nosa capacidade de actuación, o noso poder de decisión. En definitiva, o que o BNG sempre defendeu: máis autogoberno.
2 Decembro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Onte o BNG presentou no pleno unha moción de urxencia na que pedíamos que se crease unha comisión con representación de todos os grupos municipais para establecer as obras que se poden acometer cos case 16 millóns de
euros que lle van corresponder a Lugo polo decreto do goberno estatal para paliar a crise e que implica que todos os concellos do Estado se van repartir 8.000 millóns de euros para facer obras.
A nosa proposta, aprobada por 13 votos a favor e 12 en contra (os do PSOE) o único que buscaba era o acordo dos tres grupos para propoñer as obras que Lugo realmente necesita. Pero, coma sempre, Orozco negouse e outra vez vai incumprir un acordo plenario.
Orozco e o PSOE de Lugo están máis interesados en eludir o control político e democrático das institucións que en traballar por Lugo e polos seus veciños.
Eses 16 millóns de euros que veñen do Estado non son un regalo, van sair dos impostos dos cidadáns, tamén dos de Lugo, e por iso as propostas de obras que se fagan deben contar co aval de toda a corporación.
Artigo de Camilo Friol en
17 Novembro, 2008
Economía
Non hai comentarios
Xa pasou a famosa xuntanza do G-20 e tal e como dicía o venres pasado, poucas cousas novas nos trouxo. Trouxo unha imaxe clásica de homes con traxe e gravata e unha presenza absolutamente reducida de mulleres. Que pouco cambian as cousas!
E de que falaron? Falaron de ECONOMÍA. Falaron de economía con letras maiúsculas. Porque eran xente importante, dirixentes de paises importantes, de potencias mundiais. E que concluiron? Que hai que controlar máis os mercados e reactivar a economía!!! Pois para chegaren a esa conclusión non facía falta montar este número, nin andar a correr durante 3 semanas. Se imos a calquera tertulia de café as conclusións que se obteñen son máis prácticas e máis interesantes…
Mágoa que os do G-20 ese non escoiten algo máis o que os pobos, o que a xente e outros gobernos están dicindo e aplicando dentro das súas posibilidades. Máis control público, máis regulación dos mercados, mellores salarios e mellores condicións laborais,… Pero claro, diso non interesa falar.
« Entradas anteriores