9 Xuño, 2009
Eleccións
1 Comentario
Non é por nada, pero creo que todos os cidadáns galegos agradecemos os dous anos que temos por diante sen eleccións.Vennos ben a todos un descanso antes do vindeiro proceso electoral que vai ser na primavera do 2011, as eleccións municipais.
As eleccións europeas demostraron que esa Europa da que se fala cando non se está de eleccións pouco interesa e que a sociedade se está dereitizando. A mocidade criada ao abeiro dos cartos fáciles e da falta de esforzo apúntase á política do PP sen ter en conta que esta só beneficia aos que máis teñen e que todos os demais van quedar polo camiño cunha vida ben dura que enfrontar. Agardemos que estes dous anos lles fagan analisar a situación e ver a realidade tal e como é. Desde logo eu sigo apostando por unha sociedade sen desigualdades, onde os ricos non sexan cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres.
6 Marzo, 2009
Eleccións
2 Comentarios
É tempo de traballar e non só de andarse lamentando. É tempo de sumar esforzos e non de restalos. É tempo de pechar filas e non de atacar desde fóra á organización.
Veñen tempos difíciles e quen queira traballar vai poder facelo. Pero claro, traballar con algún medio menos, traballar sen tantas liberacións, sen tanto cargo público. Traballar moito e como sempre fixemos, defendendo un proxecto nacionalista claro, que nos diferencie do PP e do PSOE e co que se identifiquen primeiro e antes de nada as nosas bases e tamén a nosa militancia.
O BNG segue en pe e aínda nos quedan ilusión e ganas de traballar por este país.
5 Marzo, 2009
Eleccións
2 Comentarios
Que ninguén pense que nos van destruir, nin desde dentro nin desde fóra, porque moitos e moitas de nós seguimos sendo BNG. Por moi duro que poida resultar agora, este é o momento de facer crítica, pero crítica construtiva e non destrutiva. Que agora veñan de salvadores quen durante case 4 anos non fixeron nada e só actuaron contra o BNG porque non tiñan un cargo de poder a min o que fai é poñerme as pilas e cargarme de enerxía para seguir traballando por este país e por un proxecto colectivo. Un proxecto que é nacionalista, identificado co pobo, pero non co pobo de señoritos finos de cafés senón co pobo de verdade, ese que ten problemas serios coa crise e que segue crendo en nós.
Grazas por afianzar aínda máis os meus principios ideolóxicos.
4 Marzo, 2009
Eleccións
5 Comentarios
Eu non creo na política do todo vale. Tampouco son desas ás que lles gusta “reflexionar”. Eu son moito máis de estudar os temas, analisalos, tomar decisións e actuar. Sempre me guiei por esta práctica e non penso renunciar a ela. O BNG segue tendo moitos apoios. Son moitos os galegos e as galegas que confían en nós e non podemos defraudalos. O país segue estando aí e agora máis ca nunca, necesita de todos os nosos esforzos.
Flaco favor lle fan a Galiza e ao BNG os que se adican a falar para fóra e non a traballar en todos os ámbitos. Flaco favor os que se adican a sair aos medios de comunicación e non participan nas reunións dos organismos. Alá cada quen coa súa coherencia.
3 Marzo, 2009
Eleccións
5 Comentarios
Se algo teño claro despois dos resultados do domingo é que eu son nacionalista: seguramente a moitos non lles guste, pero sono. A miña actuación política e tamén a persoal guíanse sempre por esta premisa, para min fundamental. Temos un país que aínda non é consciente de que o é, e o noso traballo é facelo visíbel. Temos idioma e cultura propios, temos capacidade produtiva e xente capaz, por moito que lle pese a moitos nacidos aquí que renuncian aos seus sinais de identidade.
Non vai ser un mal resultado electoral o que me faga replantexarme os meus principios ideolóxicos. En todo caso farame replantexarme determinadas actuacións, farame analisar os erros cometidos e plantexar alternativas de futuro, pero NUNCA me vai facer renunciar a aquelo no que creo, e eu creo neste país, no nacionalismo e no BNG, a pesar de todo e a pesar dos resultados electorais.
2 Marzo, 2009
Eleccións
10 Comentarios
Chegou o día despois e os galegos decidiron que sexa o PP quen goberne Galiza. Non é este para min o resultado que Galiza necesita. O meu máximo temor é que se paralicen moitos dos avances que se iniciaron nestes tres anos e medio, avances que son necesarios para que Galiza, tal e como a coñecemos, siga existindo.
O PP xa anunciou que vai derogar decretos e normas. Acabouse o de poder estudar en galego, acabouse o de que os galegos recibamos cartos do noso vento, acabouse a rede pública de servizos sociais.
Pero os galegos decidiron e o resultado foi o que foi.
20 Febreiro, 2009
Eleccións
Non hai comentarios
O PP negouse a asistir ao debate da TVG entre os tres candidatos á presidencia da Xunta. Un político nunca pode negarse a debatir con representantes das outras forzas políticas que forman parte da mesma institución ca el e que aspiran a ocupar o mesmo posto. O candidato do PP demostra pouca cintura ao desmarcarse deste debate. Pouca cintura porque a cobardía en política, e sobre todo en época de crise non vale. Non andan debatindo polas provincias os cabezas de lista dos 3 principais partidos? Entón por que Feijóo non quere debatir con Quintana? Non debate Arias con Fernando Blanco e con Varela? Ou é que lles fai aceptar aos seus cabezas de lista o que el non quere aceptar?
En política é moi importante ser consecuente. Hai que dar a cara e defender as propostas con honestidade e con claridade. Cando menos esa é a práctica do BNG. O contraste de opinións é sempre vital e por certo, moi positivo para quen aspira a dirixir o futuro dun país. Aquí non cabe a cobardía.
9 Febreiro, 2009
Eleccións
Non hai comentarios
Este é un inverno de temporais. Témolos de todos os tipo: climatolóxicos, sociais, políticos. Debe ser pola cercanía das eleccións. O 1 de marzo está aí e cada quen analisa as cousas en función do que se fixo e do que queda por facer. Eu son das convencidas de que se fixo moito, pero que máis queda aínda por facer.
No BNG temos claro que é necesario seguir cos avances iniciados, e así nolo fan ver en todos os actos que estamos celebrando. Onte fomos a Pías, unha parroquia que está por detrás do CEAO, e alí Fernando Blanco falou de presente e de futuro. Porque queremos poñer en valor o que fixemos pero tamén explicarlle á xente o que queremos seguir facendo. Foi un acto no que os veciños lle puideron facer preguntas ao Conselleiro de Industria, e iso non pasa todos os días. Gústanos o contacto coa xente, porque é o único que che permite non perder a perspectiva do que pasa no país, do que pasa en Lugo. Todos os encontros que estamos celebrando van nese camiño, e estamos moi satisfeitos.
12 Xaneiro, 2009
Eleccións
Non hai comentarios
Esta fin de semana xa viñeron a Galiza Rajoi e Zapatero. Abríuse a veda e os representantes dos partidos estatais xa veñen coas súas promesas de sempre. Andan agora moi preocupados porque ao coincidir as eleccións galegas coas vascas van ter que repartirse e andar de campaña nos dous lados, e claro, iso sempre é problemático.
Pero como van facer o de sempre non temos que estrañarnos de nada. Rajoi veunos contar o mal que lles vai en Madrid coa neve e que claro, teñen as rúas que non se pode andar por elas, que non podían circular polas súas autovías,…Eu síntoo moito polos de Madrid, pero máis o sinto polos de Albeiros que o outro día tiñan a rúa Illas Canarias como se fose unha pista de patinaxe. Pero claro, iso a Rajoi non lle importa, o que lle importa é que lle chegue ben o avión.
E Zapatero, veunos vender as excelencias do seu goberno. Non se debeu acordar de falar do noso financiamento. Xa nos podía dicir canto van contar o envellecemento e a dispersión da poboación no montante final, porque se non é tanto, polo menos como a insularidade, de pouco lle vai valer a Galiza.
Pero non vos preocupedes que diso non nos van vir falar PP e PSOE. Dos nosos problemas e das nosas alternativas quen vai falar é o BNG. Do que lle importa aos galegos e ás galegas.