22 Xaneiro, 2010
Idioma
Non hai comentarios
O de onte en Compostela foi moito máis ca unha manifestación en defensa do galego. Foi o clamor dun pobo reclamando o seu dereito a ser e a existir. Porque ese é o dereito que nos negan, e non outro.
O PP e todos os seus adláteres pretenden facerlle crer á xente que o galego é un idioma imposto no noso país, cando o que é, é o noso idioma propio. O galego é o noso maior sinal de identidade, e como tal o defendemos.
Os que onte saimos á rúa para reclamar os nosos dereitos non facemos como fan outros, eliminarllelos aos demais. Xa o di a Real Academia Galega no seu informe: o decremto debe ter como punto de chegada a igualdade. Non pode tela como punto de partida porque as linguas son desiguais. Non se pode fomentar a ignorancia e o descoñecemento do que é noso. Ningún goberno pode facelo. Só seremos libres de escoller se previamente temos coñecementos. Apostemos polo coñecemento, apostemos polo galego.
4 Xaneiro, 2010
Idioma
1 Comentario
Chegou o 2010 e con el un novo decreto do galego. Vai ser este un ano decisivo para o galego, e seguro que imos ter que sair á rúa moitas veces para facernos escoitar porque está claro o que quere o PP: que o galego sexa residual, que non se aprenda na escola, que non poidamos utilizalo cando nos diriximos a un funcionario nunha administración pública. En definitiva, se puidesen farían que o galego desaparecese do mapa, borrarríano como borraron a historia do noso país, enterrarríano como enterraron tantas outras cousas nos últimos anos.
Pero non imos permitir que sexa así. Somos moitos e moitas os que nos imos opoñer aos ataques sistemáticos ao noso idioma, ao noso futuro. Xa se veu o día 30 en Compostela, porque “aínda que chova, o galego non se encolle” .
Traballemos para que o 2010 sexa o ano do galego, traballemos pola súa defensa e sobre todo fagamos unha cousa, tanto colectiva como individualmente: USÉMOLO sempre e en todas as circunstancias, porque é a mellor maneira de mantelo vivo para nós e para as vindeiras xeracións de galegos e galegas.
20 Outubro, 2009
Idioma
1 Comentario
Impresionante manifestación a de onte en Compostela. Impresionante pola cantidade de xente, e polo ambiente, e por ver xuntas tantas e tantas persoas que só reclamabamos unha cousa, poder vivir en galego. Tivo razón un dos intervintes cando dixo que esta si que foi a verdadeira manifestación Pro Vida. Unha manifestación pola vida do noso idioma e do noso pobo. Unha manifestación ben tranquila na que reclamamos aquelo ao que nos dá dereito á súa sacrosanta Constitución (a española) e o Estatuto de Autonomía (o galego), así como a Lei de Normalización Lingüística, APROBADA polo goberno de Fraga coa unanimidade dos grupos 3 da Cámara galega . Porque temos dereito a vivir en galego, e iso é o que reclamamos.
E imos seguir saíndo á rúa para denunciar a política de exterminio do galego que quere impoñer o goberno do PP, dirixido por Núñez Feijóo. Porque non van facer que calemos, aínda que usen todo tipo de medidas para intentalo. Porque temos a razón e esa é a arma máis poderosa que existe en democracia, pese a quen lle pese.
16 Outubro, 2009
Idioma
3 Comentarios
Este domingo é necesario que todos e todas acudamos á manifestación que a plataforma Queremos Galego tén convocada en Compostela. O PP quere eliminar o noso idioma e por riba pretende que nos quedemos calados e que aceptemos como normal o exterminio do galego. É o momento de que nos poñamos de pé e nos enfrontemos a quen pretende a desaparición do noso país e dos seus principais sinais de identidade.
Esta vez non pode quedar ninguén na casa, temos que estar todos e todas os que sentimos que o galego é o noso maior patrimonio, incluso quen libremente deciden non falalo pero que nunca lle negarían o seu valor. Porque o noso idioma foi sempre fonte de unión, é o momento de sair á rúa e berrar con forza que queremos vivir en galego, gústelle ou non aos representantes do Partido Popular.
9 Setembro, 2009
Infraestruturas, Política municipal
Non hai comentarios
É bon que haxa debate social. É bon porque son os veciños e as veciñas de Lugo os que teñen que dicir que cidade queren. A súa participación é vital para poder avanzar. Pero para avanzar Lugo tamén necesita feitos e non só palabras: feitos e non só promesas. Os lucenses queren que se fagan realidade propostas que levan anos rondando o debate político e social pero que seguen sen rematarse e, en moitos casos, sen iniciarse.
E agora tócalle á estación intermodal. Facela no barrio da Estación, onde está a de Renfe, pode ter cousas boas, sobre todo a proximidade co centro. Iso é indiscutíbel. Pero a proposta tamén ten problemas e importantes impedimentos construtivos.
Lugo ten que mirar de frente e ver o seu futuro aberto. E para que iso sexa así non podemos seguir alimentando a barreira física que supón a vía para os barrios do norte e do este da cidade. Ou por que as Gándaras, Albeiros, Paradai, o Sagrado Corazón, Galegos,… non se desenvolveron ao mesmo ritmo cos outros barrios? Está ben claro que as vias limitaron ese crecemento e a día de hoxe impiden mellorar a entrada á cidade por Carlos Azcárraga e as comunicacións coa Ronda das Fontiñas, unhas das zonas máis poboadas de Lugo.
O BNG propón construir a nova estación intermodal no CEAO, ao lado da de mercadurías. Porque Lugo e os lucenses ganarían con esta proposta
1º) Espazos públicos no centro e nas súas imediacións. Case 50.000 metros cadrados entre a estación de autobuses e a de ferrocarril.
2º) Resolver o grave problema de tráfico existente na zona da Estación, habilitando unha nova entrada á ronda das Fontiñas. É necesario lembrar que este problema se vai agravar coa entrada en funcionamento do novo hospital e do novo polígono industrial.
3º) Rematar coa barreira física que supoñen na actualidade as vías do ferrocarril, devolvéndolle a esta zona da cidade e aos seus residentes o que lles corresponde: os mesmos dereitos que aos veciños doutrous barrios.
Pensen agora en como van ser as cousas na zona da estación se alí se crea a Intermodal. Vai chegar o ferrocarril normal, o AVE e todos os autobuses. A iso súmenlle todo o tráfico da zona, pero antes desdobren as vías (promesa do Ministro!!!). E xa saben o que teñen: unha nova promesa de Pepe Blanco e de Orozco, unha “nova ponte” que vai tardar non se sabe cantos anos en ser un simple boceto.
A aposta do BNG é outra, porque Lugo ten futuro, porque Lugo merece ter futuro. E para iso hai que falar, hai que ser reivindicativos e non sumisos. E hai que ter propostas, seguramente para moitos atrevidas, pero que son positivas para a cidade.


3 Setembro, 2009
Infraestruturas
Non hai comentarios
Seguramente se alguén le a prensa destes días pensará que Lugo conta xa cun proxecto para unha estación intermodal na actual ubicación da de Renfe. E é lóxico que o pense cando o anuncio o fixo nada máis e nada menos ca un Ministro, neste caso o superministro, alabado por PSOE e PP, José Blanco. E detrás, claro, o alcalde de Lugo asegurando que xa está todo feito e que este proxecto é a continuidade do da ponte, do das autovías,… Calquera pode pensar que esas obras xa están executadas ou cando menos a punto de rematarse. Lástima que a realidade sexa tan obstinada e de momento siga sendo todo fume sen realizar.
Quen ocupa cargos de goberno tan relevantes debería falar con rigor e seriedade. Non hai nada da estación intermodal nin o vai haber en moito tempo, como non hai nada da chegada do AVE a Lugo. Como lle van poñer doble via á ponte da Chanca? Que lle van facer, un engadido metálico como ten a romana? Pepe Blanco xa nos ten acostumados a este tipo de disparates, non sei eu onde lle ven a seriedade o PSOE e tamén o PP. E de Orozco non se pode esperar outra cousa. Agora que non pode falar da ponte porque se pon en ridículo, ten que desviar a atención con outras cousas e pouco lle importa que sexan certas ou non, o caso é seguir falando.
22 Xullo, 2009
Infraestruturas
Non hai comentarios
Xa sei que resulta un pouco monótono estar falando sempre do mesmo, pero é que non queda outra. Onte asinouse ese seica “fantástico pacto” polo cal o AVE vai chegar a galiza en 2015. Antes xa tiñamos outro acordo”seica non tan fantástico” polo cal ía chegar no 2012. A verdade é que eu case me quedo co anterior porque gañamos 3 anos, que non é pouco. E iso se se cumpren os prazos, cousa pouco habitual neste país.
Onde andan agora aqueles que clamaban polos atrasos? A quen queren enganar? Ou pensan que sen orzamento fixo van ir máis rápidas as obras?
Xa o dixo Guillerme Vázquez, este é un acordo-trampa, un acordo político que relega outra vez o noso país. E coma sempre nestes casos PP e PSOE están de acordo. Pois o BNG non.
30 Xuño, 2009
Infraestruturas
1 Comentario
Andan PP e PSOE moi contentos con ese acordo asinado entre Feijoo e Blanco para o AVE galego. Adíano outra vez no tempo e xa nos falan de 2015. A data de 2012 da que o PP facía bandeira na precampaña e campaña de marzo xa está esquecida.
Onte no pleno do Concello, Orozco falóunos de “acordo de Estado” para xustificar o atraso que asumen sen crítica nin oposición por quen dirixe a Xunta. E é certo, houbo un acordo de Estado entre PP e PSOE para que Galiza volva quedar relegada nas infraestruturas. Véndennos como un logro, o que segue sendo o de sempre, máis do mesmo para o noso país.
Pensan que desa maneira deixan descolgado ao BNG do debate político, e están ben equivocados. O BNG tén moi claro cal é o seu sitio. O seu lugar está sempre ao lado dos galegos e das galegas. Por iso non aceptamos sen máis un acordo que volve atrasar a chegada do AVE e que implica medidas “sorprendentes” que non se adoptan en ningunha outra parte do Estado. Para Galiza falan da financiación privada (e de onde vai saír ese finanzamento privado en época de crise?) e a Xunta vai adiantar cartos (por certo, elimina a gratuidade dos libros de texto porque seica se gastaba moito neles?). Xa está ben de farsas e de mentiras.
25 Xuño, 2009
Infraestruturas, Política municipal, Xeral
Non hai comentarios
O luns temos pleno, o último antes do verán, e levamos unha iniciativa novedosa nunha cidade coma Lugo. O compañeiro Antón Bao, que é Vicepresidente da Deputación, vai defender a creación de itinerarios escolares seguros para que os cativos acudan ao colexio a pé ou en bicicleta sen ter que arriscar a súa integridade física.
Onte presentamos a iniciativa publicamente, e puidemos comprobar como nos transformamos cando conducimos un coche. Deixámolo “un momento” no paso de peóns, na beira da rúa, sen darnos conta de que por alí pasan nenos e que o único que facemos é poñelos en perigo.
Queremos que eses itinerarios, que xa existen noutras cidades do Estado, se delimiten con sinais claros e inequívocos para que os meniños andes seguros. Espero que o luns non nos digan que non. Os nosos nenos e as nosas nenas non merecen unha negativa.




10 Febreiro, 2009
Infraestruturas
1 Comentario
Está claro que o PSOE quere ocultar o que está pasando con ferrocarril en Lugo. No ano 2003 constituiuse a Comisión de Seguimento do Ave con representación de todos os grupos políticos presentes no concello (BNG, PP e PSOE), con representantes da Xunta e tamén do Estado. Pois ben, onte celebraron unha reunión desa comisión e nela só estivo presente o PSOE. Isto seguro que lle resulta clarificador a todo o mundo. Non me faría falta escribir nada máis, pero non podo resistirme. Onte viñeron a Lugo a contarnos unha nova película sobre o AVE. Que se un novo estudo, que se cambios, que se nada de enterrar a via… Pero a realidade é que a semana pasada se fixo público que de Lugo a Ourense non vai haber doble via e que non se vai rectificar a actual, polo que vai manter as curvas que xa tén.
Orozco quere estar só nesas xuntanzas porque así pode plegarse aos intereses de Madrid sen que ninguén lle chame a atención. É un esperto en facelo. Na nova ponte, no AVE, nas autovías,… en todas as infraestruturas polas que Lugo segue esperando.
« Entradas anteriores