22 Xaneiro, 2010
Idioma
Non hai comentarios
O de onte en Compostela foi moito máis ca unha manifestación en defensa do galego. Foi o clamor dun pobo reclamando o seu dereito a ser e a existir. Porque ese é o dereito que nos negan, e non outro.
O PP e todos os seus adláteres pretenden facerlle crer á xente que o galego é un idioma imposto no noso país, cando o que é, é o noso idioma propio. O galego é o noso maior sinal de identidade, e como tal o defendemos.
Os que onte saimos á rúa para reclamar os nosos dereitos non facemos como fan outros, eliminarllelos aos demais. Xa o di a Real Academia Galega no seu informe: o decremto debe ter como punto de chegada a igualdade. Non pode tela como punto de partida porque as linguas son desiguais. Non se pode fomentar a ignorancia e o descoñecemento do que é noso. Ningún goberno pode facelo. Só seremos libres de escoller se previamente temos coñecementos. Apostemos polo coñecemento, apostemos polo galego.
4 Xaneiro, 2010
Idioma
1 Comentario
Chegou o 2010 e con el un novo decreto do galego. Vai ser este un ano decisivo para o galego, e seguro que imos ter que sair á rúa moitas veces para facernos escoitar porque está claro o que quere o PP: que o galego sexa residual, que non se aprenda na escola, que non poidamos utilizalo cando nos diriximos a un funcionario nunha administración pública. En definitiva, se puidesen farían que o galego desaparecese do mapa, borrarríano como borraron a historia do noso país, enterrarríano como enterraron tantas outras cousas nos últimos anos.
Pero non imos permitir que sexa así. Somos moitos e moitas os que nos imos opoñer aos ataques sistemáticos ao noso idioma, ao noso futuro. Xa se veu o día 30 en Compostela, porque “aínda que chova, o galego non se encolle” .
Traballemos para que o 2010 sexa o ano do galego, traballemos pola súa defensa e sobre todo fagamos unha cousa, tanto colectiva como individualmente: USÉMOLO sempre e en todas as circunstancias, porque é a mellor maneira de mantelo vivo para nós e para as vindeiras xeracións de galegos e galegas.
20 Outubro, 2009
Idioma
1 Comentario
Impresionante manifestación a de onte en Compostela. Impresionante pola cantidade de xente, e polo ambiente, e por ver xuntas tantas e tantas persoas que só reclamabamos unha cousa, poder vivir en galego. Tivo razón un dos intervintes cando dixo que esta si que foi a verdadeira manifestación Pro Vida. Unha manifestación pola vida do noso idioma e do noso pobo. Unha manifestación ben tranquila na que reclamamos aquelo ao que nos dá dereito á súa sacrosanta Constitución (a española) e o Estatuto de Autonomía (o galego), así como a Lei de Normalización Lingüística, APROBADA polo goberno de Fraga coa unanimidade dos grupos 3 da Cámara galega . Porque temos dereito a vivir en galego, e iso é o que reclamamos.
E imos seguir saíndo á rúa para denunciar a política de exterminio do galego que quere impoñer o goberno do PP, dirixido por Núñez Feijóo. Porque non van facer que calemos, aínda que usen todo tipo de medidas para intentalo. Porque temos a razón e esa é a arma máis poderosa que existe en democracia, pese a quen lle pese.
16 Outubro, 2009
Idioma
2 Comentarios
Este domingo é necesario que todos e todas acudamos á manifestación que a plataforma Queremos Galego tén convocada en Compostela. O PP quere eliminar o noso idioma e por riba pretende que nos quedemos calados e que aceptemos como normal o exterminio do galego. É o momento de que nos poñamos de pé e nos enfrontemos a quen pretende a desaparición do noso país e dos seus principais sinais de identidade.
Esta vez non pode quedar ninguén na casa, temos que estar todos e todas os que sentimos que o galego é o noso maior patrimonio, incluso quen libremente deciden non falalo pero que nunca lle negarían o seu valor. Porque o noso idioma foi sempre fonte de unión, é o momento de sair á rúa e berrar con forza que queremos vivir en galego, gústelle ou non aos representantes do Partido Popular.