19 Abril, 2010
Medio Rural, Política municipal
1 Comentario
Comeza o verán e no concello de Lugo tamén hai perigo de incendio. Por este motivo imos presentar unha iniciativa en pleno para demandar que o concello elebore un mapa de riscos forestais no noso concello, tanto na zona urbana como na rural.
Este mapa debe conter información sobre os predios non edificados na zona urbana, que en ocasións acumulan lixo e maleza, pero tamén e sobre todo daquelas zonas rurais onde as casas están rodeadas polas plantacións forestais (por certo, incumprindo a normativa vixente posta en marcha polo BNG no anterior goberno da Xunta).
O obxectivo que perseguimos é que sexa a propia patrulla verde, en colaboración cos servizos municipais de urbanismo e zona rural, as que elaboren ese mapa de zonas perigosas para obrigar aos propietarios a actuar nas súas fincas e manter estas limpas. Agardamos que o goberno municipal sexa receptivo a esta proposta porque, nunha cidade como Lugo con 54 parroquias rurais e máis de 300 núcleos de poboación, é moi importante controlar o perigo dos lumes agora que se achega o bon tempo.
15 Xullo, 2009
Medio Rural
Non hai comentarios

Como filla de labregos que son non podo deixar de sentir emoción cada vez que vexo os tractores entrar en Lugo. A imaxe de toda esa ringleira de múltiples cores (a cada cal máis intensa) é digna de ver e permanece fixada na retina.
O luns resultaba curioso ver as retencións de tráfico que había pola tarde e a tranquilidade aparente dos condutores dos vehículos que non podían circular. Supoño que se debe a que o que máis ou o que menos quen vivimos en Lugo procedemos do rural e somos irmáns, fillos ou netos (se non as tres cousas) de homes e mulleres que viven directa ou indirectamente das distintas producións agrarias e gandeiras.
Cando contan o que lles costa producir un litro de leite e o que lles pagan por el todos pensamos no mesmo, que así non se pode vivir. Cando se di que non se pode fixar un prezo mínimo para o leite pensamos no gasoil e na gasolina, no butano,… e dámonos conta do distinto que é o libremercado para uns e para outros.
Aínda lles quedan tres días de movilizacións, e seguro que desde a muralla moitos e moitas van seguir mirando para eles con simpatía. Anímoos a sumarse á manifestación que van facer mañá a pé por Lugo. Eu tamén teño intención de facelo.

16 Abril, 2009
Medio Rural
Non hai comentarios
Hoxe hai manifestación en Madrid en defensa do sector lácteo. Os nosos gandeiros e gandeiras están atravesando unha das peores crises da súa historia e desde o Estado non fan nada para paliala. Como é posíbel que quede leite galego sen recoller cando só producimos o 70% do que consumimos? Como é posíbel que as empresas recollan leite para transformalo en leite en po (polo que pagan moito menos) e que despois non podan demostrar que realmente o transformaron neste produto? Non será que o poñen no mercado como leite normal baixo outros nomes?
A manifestación de hoxe é totalmente lóxica e necesaria. Ou corriximos esta situación ou o noso sector agrario verá agravada a súa situación.
14 Abril, 2008
Medio Rural
1 Comentario
Este fin de semana saía nun medio de comunicación unha comparación entre o novo goberno de Zapatero (por certo, que pouco temos avanzado en igualdade cando a gran nova é que hai máis ministras que ministros) e o que vai ter que montar Orozco cando se lle marche Liñares para a Confederación Hidrográfica do Miño con sede en Ourense. Falan de que vai ter difícil facer cambios, do pouco perfil político dos que quedan e sobre todo de quen vai asumir a xestión do urbanismo. A verdade é que non sei por que están tan preocupados. Para facelo como o fixeron primeiro Besteiro (actual Presidente da Deputación) e agora Liñares non hai que ter nin moita capacidade política nin moitas ganas de traballar. Chega con facer oportunas declaracións aos medios de comunicación culpando aos demais de que o Plan Xeral non estea xa aprobado. Chega con dicir que os dereitos dos veciños non son os mesmos cos de Renfe. Chega con dicir que as alegacións aínda non se puideron contestar polas constantes modificacións introducidas pola oposición, etc. etc. Para facer así as cousas poden poñer a calquera de Concelleiro/a de Urbanismo.
31 Marzo, 2008
Medio Rural
1 Comentario
Galiza é a grande produtora de leite do Estado, e dentro de Galiza, Lugo está á cabeza. Vese ben nos datos feitos públicos hoxe nos xornais, onde podemos comprobar que somos os únicos que incrementamos a nosa produción mentres outras comunidades están a reducila. E aínda así temos que seguir aturando que se pretenda facer un reparto da cota láctea igual entre todas as comunidades. Está claro que Galiza e Lugo precisan maiores cotas de produción. Somos os únicos con vocación de futuro e permanencia dentro da produción láctea do Estado. Quen non queira velo así só pode ter detrás intereses económicos, sociais e políticos contrarios aos do noso país.