16 Xuño, 2010
Política Estatal, Política nacional
1 Comentario
Xa está aí. Xa é unha realidade. O PSOE facendo a política máis dura do PP, aplicando as medidas máis antisociais que se recordan no Estado, eliminando dereitos conseguidos despois de anos e anos de esforzos.
Quen pense que despois desta reforma laboral todo vai seguir igual está moi equivocado/a. Quen pense que a partir deste momento a relación que as empresas van manter cos traballadores/as vai ser a mesma ca antes, non sabe o que se nos vén enriba. Non é só que reduzan o número de días por ano traballado que nos teñen que pagar cando nos despiden, o que xa é moi grave. É moito peor. É que lles van permitir (tal e como pedía a patronal) desligarse da negocación colectiva, polo que os convenios colectivos que servían de colchón mínimo para moitos sectores van desaparecer ou van ser “legalmente” ignorados, co que a nosa provincia, con menos industria, con menores salarios, vai baixar un paso máis nese camiño descendente que se iniciou co recorte salarial e das pensións, coa redución da obra pública e cos recortes das infraestruturas.
Como non nos movamos, como non actuemos ante as políticas antisociais europeas, estatais e galegas, os tempos que están por vir si que van ser duros.
26 Maio, 2010
Política Estatal, Política municipal
Non hai comentarios
Está claro que o PSOE está totalmente desnortado neste momento, o que lle dá bazas ao PP para poder atacalo, cando as medidas antidéficit (que non anticrise) que eles aplicarían serían exactamente as mesmas. Resulta ben patético o acontecido onte no Senado, onde a Cámara de Representación Territorial do Estado se converteu nunha feira de proporcións dantescas. Así o único que se fai é contribuir ao descrédito da clase política, cado a verdade é que non todas as organizacións somos iguais. Curioso que agora se cargue (sobre todo desde a dereita) contra partidos políticos, sindicatos e todo tipo de asociacións que desenvolven apostas colectivas e non individuais.
E en todo este baile vai o alcalde de Lugo e, tamén fiel ao seu estilo, un día carga contra Zapatero e as súas medidas de cara aos concellos e ao día seguinte xa rectifica e matiza as súas palabras porque o chamaron á orde desde Madrid. Cando un non vai manter as súas palabras, mellor é quedarse calado.
1 Outubro, 2009
Política Estatal
Non hai comentarios
Despois de tantas promesas e de tanto falar, temos diante de nós o0s orzamentos do Estado e neles non figura un euro para a Estación Intermodal de Pepe Blanco e Orozco. Pero como tampouco figuran cartos para o AVE e como ferrocarril de cercanías non temos, pois que máis ten!
O papel terma do que lle poñen, e no papel dos orzamentos a nova estación non existe.
E outras obras que deberían estar rematadas reciben menos cartos ca este ano, entre elas a nova ponte e a autovía Lugo-Santiago. Da de Lugo-Ourense mellor non falar. E o desdobramento da Ronda Norte para garantir os accesos aos novo polítgono industrial das Gándaras tampouco figura, a pesar de que non se gastaron os cartos que había para este ano. E por riba o PSOE vai e súbenos o IVE e di que é para poder facer as obras, entre elas as do AVE galego.
O debate dos orzamentos é un debate real, non virtual, e o que non está no papel, non existe, diga o que diga o PSOE.
7 Maio, 2009
Política Estatal, Política nacional
Non hai comentarios
Mañá vanse celebrar por todo o País concentracións en defensa do sector lácteo, que está atravesando unha das peores crises da súa historia. A importación masiva de leite francés a baixo prezo está obrigando aos gandeiros/as galegos a pechar as súas explotacións. E a política das empresas (Leche Pascual) pechando as plantas de transformación e envasado galegas axuda a apiorar esta situación.
Agora que estamos de novo ante unhas eleccións europeas, os partidos estatais deberían dar explicacións de por que estamos nesta situación. A tan cacarexada política europea, avalada por PP e PSOE cando gobernan no Estado é a maior responsábel desta situación de crise do sector lácteo galego.
16 Decembro, 2008
Infraestruturas, Política Estatal, Política municipal, Xeral
Non hai comentarios
O PP acaba de anunciar que vai presentar unha moción no pleno do día 23 para demandar da Xunta a retirada do Plan Sectorial de Vivenda de Galiza.
Está claro cal é o obxectivo do PP, atacar a política de vivenda que o BNG está facendo desde esta Consellaría. Pero non o fai só por opoñerse ao BNG, faino tamén por unha cuestión claramente ideolóxica. O PP non cre na política social, non cre na vivenda protexida. O PP, como partido de dereitas, apoia ás clases sociais máis pudentes, con máis poder adquisitivo. O respaldo ás clases populares, aos que menos teñen, nunca formou parte da súa política, nin nos concellos, nin na Xunta nin no Estado.
Pero o BNG tén unha política ben diferente. Este plan sectorial de vivenda vaille permitir a moitos e moitas lucenses con poucos recursos adquirir unha vivenda de calidade igual que a que poden adquirir os desas clases sociais que defende o PP e que desde logo non andan faltos de medios.
Que pode ter de malo que no Carme, na Cheda ou dentro de murallas haxa vivenda protexida? Ou é que esta sempre tén que estar no extrarradio das cidades e das vilas? A nosa aposta é outra, e imos intentar que conte co apoio dos veciños e veciñas que necesitan esa vivenda protexida.



30 Outubro, 2008
Política Estatal
4 Comentarios
Hoxe o senador do BNG, o compañeiro Bouza, leva ao Senado unha iniciativa na que reclama outra vez que en Lugo, Ourense e Ferrol se creen xulgados específicos de violencia de xénero. É este un tema, o da violencia de xénero, do que se fala e se escribe arreo, constantemente, en todos os medios e en todos os sectores. Mágoa que á hora da verdade, cando toca aplicar medidas concretas, cando toca destinar fondos ao seu combate e erradicación, non se faga. E sempre nos toca perder aos de sempre, aos do interior, aos que menos temos. Pero como creo que lamentándonos non solucionamos nada, no BNG optamos por actuar e por iso volvemos presentar esta iniciativa, porque sabemos da importancia de insistirlles a aqueles que teñen a responsabilidade de crear estes xulgados.
A batalla que libramos as mulleres pola igualdade está lonxe de rematar. Eu son das que penso que nos queda moito camiño por andar. Non chega con dictar leis se despois non se cumpren, se despois se ignoran ou non se destinan cartos a súa aplicación. Aínda teñen que mudar moitas cousas…
[O Senado aproba unha moción do BNG instando ao Goberno a crear xulgados de violencia de xénero en Lugo, Ourense e Ferrol ..]
20 Outubro, 2008
Política Estatal
Non hai comentarios
Finalmente e despois dunha dura negociación o BNG vai apoiar os orzamentos do Estado. E ímolos apoiar a cambio de cousas concretas. E esas cousas concretas non é só que supoñan un incremento dos cartos que se destinan a Galiza, senón acordos políticos que nos van permitir actuar como País e incrementar as nosas competencias e a nosa capacidade de decisión.
Porque de capacidade de decisión é do que estamos faltos, faltos como país e faltos como goberno. O PSOE está moi cómodo nesta situación. A fin de contas son un partido estatal que non considera a Galiza unha nación e polo tanto pensa que o noso autogoberno é suficiente. Pero no BNG non estamos satisfeitos, e por iso nas negociacións antepoñemos estes aspectos a outros que poden ser moi apetecíbeis pero menos prácticos.
1 Outubro, 2008
Nova ponte, Política Estatal
Non hai comentarios
Cadro dos Orzamentos do Estado: 151.000 € para a Nova Ponte de Lugo

Unha cifra: 151.000 €. Esta é a consignación orzamentaria que ten a nova ponte de Lugo nos orzamentos do Estado para o ano que vén. Claro que os 5 millóns de € que tiña para este ano seguen sen gastar. Pero que máis tén, Orozco está feliz e contento e con iso todo solucionado! Que non hai ponte? Non pasa nada, o goberno do PSOE felicítase igual. Que a autovía a Santiago non vai estar rematada antes de 2015? Que máis tén, igualmente o goberno de Orozco segue contento. Que do noso ferrocarril o goberno de Madrid nin fala? Que pasa, Orozco segue sendo un home satisfeito.
Supoño que estará moi agradecido porque os investimentos do Estado fanse públicos coincidindo co San Froilán e agardará que os lucenses non se decaten de nada durante estas festas. Pero a realidade é moi obstinada, e despois do día 12 de outubro a cidade recupera outra vez a súa marcha e teno que facer sen ponte, sen autovías, sen ferrocarril…
29 Setembro, 2008
Política Estatal
Non hai comentarios
Esta fin de semana o Portavoz Nacional do BNG, Anxo Quintana e o Portavoz no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, indicaron que de non haber modificacións nos orzamentos do Estado, o BNG non os vai apoiar.
Non podemos prestarlle o noso apoio a unhas contas que non garantizan o investimento no noso País, pois aínda que se manteña ese 8% comprometido, se o montante total dos orzamentos baixa, tamén baixa esa porcentaxe. Por iso xa aclaramos que a achega a Galiza en infraestruturas ten que ser do 8% do total do orzamento e que a cantidade final non pode ser inferior á deste ano. Queremos máis investimento en aspectos de política social para que non haxa rebaixas na posta en marcha da atención á dependencia, que nos permita desenvolver o Servizo Galego de Benestar. E queremos que se poña en marcha a comisión de seguimento das obras do AVE. Non nos vale con que estén presentes Touriño e Magdalena a fantástica. Non é que desconfiemos, pero…
O BNG considera “un erro” que o PSOE leve ao Consello de Ministros os Orzamentos 2009 “sen ter asegurado os apoios parlamentares”
O BNG urxe ao Goberno a que marque coas CC.AA. todos os detalles da Lei de Dependencia
30 Xullo, 2008
Infraestruturas, Política Estatal
2 Comentarios

Onte estiven na Fonsagrada. Imos prensentar unha iniciativa no Cogreso dos deputados demandando a retirada do Estudo de Impacto Ambiental da liña de alta tensión Boimente (Viveiro)-Pesoz (Oscos). Esta liña atravesa toda a cornisa marítima da provincia de Lugo e introdúcese en Asturias a través do concello da Fonsagrada.
Na Fonsagrada atravesa por unha das zonas de maior riqueza económica, social e paisaxística do Concello, a que limita cos Oscos, con elevado potencial turísitico que comeza a explotarse.
No BNG queremos que se retire ese Estudo de Impacto Ambiental por pouco adecuado, pois das diversas opcións de trazado só estuda a que lle interesa ao Ministerio e a Rede Eléctrica Española, negando incluso que lle afecta a 22 núcleos de poboación da Pontenova e da Fonsagrada.
Evacuar a enerxía producida nos parques eólicos é moi importante, pero preservar unha das mellores zonas da Fonsagrada, tamén. E poden facerse as dúas cousas, só tén que haber vontade pólítica.
« Entradas anteriores