20 Novembro, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
A Vicepresidencia da Xunta, a através da Dirección Xeral de Mocidade, acaba de abrir na nosa cidade o denominado Centro Lug, nas instalacións do que foron as residencias Irmáns Pedrosa e Eijo Garay. A nova denominación é Lug 1 e Lug 2. O Lug 1 (antes Irmáns Pedrosa) acolle unha residencia de estudantes de carácter público e o Lug 2 un centro de servizos múltiples dirixido á mocidade, pero non do seu uso exclusivo. Conta co centro afectivo sexual Quérote, coa Tradescola (escola de música tradicional), cun salón de actos, unha sala de exposicións, un magnífico albergue internacional, salas de usos múltiples e dentro de moi pouco locais de ensaio e gravación musical e audiovisual.
A verdade é que é unha iniciativa absolutamente novidosa para este país e para esta cidade. O goberno municipal de Lugo con Orozco, Basadre e Rielo á cabeza debería tomar nota deste tipo de iniciativas. Política real para a mocidade e avalada pola mocidade.
Xuventude crea en Lugo un centro multidisciplinar pioneiro
18 Novembro, 2008
Política municipal
1 Comentario
O Goberno municipal acaba de anunciar que está elaborando unha ordenanza que regule o botellón, aínda que máis que regular, falan exclusivamente de sancionar. Vaia por diante que eu creo que non hai que criminalizar o botellón e que tamén non ten discusión o dereito dos veciños e as veciñas de Lugo a poder descansar. Polo tanto, o que toca é intentar regular unha práctica que en ocasións entra en contradición cos dereitos cidadáns. Pero dereito tamén ten a mocidade a reunirse e a gozar do seu tempo ao ar libre sen que iso teña que xerar problemas e conflitos.
O que tamén está claro, é que antes de facer unha ordenanza deste tipo sería ben que o goberno escoitase a todas as partes, aos veciños, aos mozos e mozas, aos grupos da oposición. Pero non, Orozco e o PSOE prefiren facer o de sempre, ir pola vía da imposición, o que por certo nunca dá bos resultados. Agardo con impaciencia ver que propostas fai Orozco sobre este tema…
11 Novembro, 2008
Política municipal
1 Comentario
Pasou o pleno da cuestión de confianza e a vida deste concello segue adiante, aínda que onte algúns catastrofistas afirmasen o contrario. O BNG actuou de maneira coherente e non prolongou por máis tempo a farsa que crearon o PSOE de Orozco e o PP de García Díez e Barreiro. Orozco impuxo os seus orzamentos e fíxoo pola porta de atrás.
Pero como hai máis vida no concello hoxe vou falar doutra cousa, e non vai ser de orzamentos nin de urbanismo. Novembro é o mes contra a violencia de xénero, e todas as institucións celebran actos para favorecer a igualdade entre homes e mulleres e contra a violencia sexista. É tempo de que despois dos plenos do concello non teñamos que gardar nin un minuto de silencio polas mulleres mortas pola violencia machista. É tempo de que as cousas cambien.
10 Novembro, 2008
Política municipal
1 Comentario
Poida que xa esteades cansos de que estes últimos días fale sempre do mesmo, pero é que ás veces as circunstancias políticas obrígannos a aclarar certas cousas. A nosa abstención no pleno de hoxe non é un apoio aos orzamentos de Orozco. Ímonos abster para pechar definitivamente un procedemento imposto polo PSOE, para poder aprobar os seus orzamentos pola porta de atrás. Pero claro, prefire facelo así que negociando con nós melloras evidentes nunhas contas que non convencen a ninguén, e moito menos aos lucenses.
Xa dixemos por activa e por pasiva que non imos presentar unha moción de censura co PP. E non o imos facer porque o noso obxectivo non é gobernar a calquera prezo. Temos moi claro o noso proxecto para Lugo, pero o BNG ten 4 concelleiros na Corporación de Lugo. Por certo, que a política en Lugo, a do PSOE de Orozco e do PP de García Díez, son ben semellantes. Por iso o ano pasado pactaron e votaron a favor da aprobación dos orzamentos. Por iso o PP lle dixo ao alcalde en todas as xuntanzas que contase co seu apoio, se presentaba un recurso contra o Consorcio de Servizos Sociais da Vicepresidencia. Non imos deixar que nos enganen, e tampouco imos permitir que enganen aos cidadáns.
Orozco e o PSOE, con esta saída legal, impoñen os seus orzamentos. E fixérono porque o alcalde é incapaz de negociar e chegar a acordos, acordos que de seguro serían beneficiosos para Lugo. Xa o foron no pasado. Alá cada quen coas súas actitudes.
6 Novembro, 2008
Política municipal
2 Comentarios
Onte Barreiro, o presidente provincial do PP, recoñeceu publicamente que estaban dispostos a “liderar un goberno alternativo” ao do PSOE. É dicir, estaba falando dunha moción de censura a Orozco. Pero curiosamente, García Díez, o portavoz municipal o día antes dixera exactamente o contrario. Ante esta situación asáltame unha importante dúbida, quen manda no PP de Lugo? Porque no PP mandan.
No BNG, son os organismos de dirección e a militancia quen definen a política a desenvolver en todos os estamentos, tamén no municipal. No noso caso, é a Asemblea Local de Lugo, o Consello Local e o Grupo Municipal quen contrastan opinións e pareceres, e despois de analizarmos alternativas, tomamos decisións conxuntas. No PP non, e no PSOE tampouco. Aí un manda e os demais obedecen. Por iso estou intrigada, porque non se sabe o que van facer e a quen quere propoñer como alcalde o PP, a García Díez ou a Barreiro.
Para min a política é algo importante. Tómome as miñas responsabilidades institucionais con seriedade e fago o meu traballo con rigor. Por iso e por todo o que escribín onte sobre as enormes diferencias que temos co PP en todos os ámbitos políticos e sociais, xa deixamos claro que nin sequera imos entrar a valorar esa proposta.
O BNG presentou unha alternativa razoada aos orzamentos, deulle a oportunidade ao PSOE e a Orozco de contrastala, dialógala e de aprobar unhas boas contas para Lugo. E ao comezo desta lexislatura, e co pacto nacional suscrito entre as dúas forzas na man, o BNG facilitou que Orozco asumise a alcaldía. Nós somos xente de palabra, membros dunha organización nacionalista que sabe moi ben o que quere para Lugo e para Galiza. Que os demais digan cales son as súas alternativas para esta cidade. Nós xa o fixemos.
5 Novembro, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Orozco pensa que xa nos ganou a batalla porque sacou un as da manga e acolleuse a unha artimaña legal que lle permite aprobar os seus orzamentos, a cuestión de confianza. O luns temos un novo pleno e grazas a el vai sacar adiante os orzamentos do PSOE, que non os dos lucenses. Serían dos lucenses se aceitasen negocialos e introducisen melloras das que lles propuxemos. Pero non, o que quere Orozco e o PSOE son os seus orzamentos, unhas contas que en época de crise non lle van resolver os problemas aos veciños.
Botarse un farol e dicir que presentemos unha moción de censura non deixa de ser iso, un farol. O BNG non vai presentar unha moción co PP. A actuación política do BNG é clara. Desde logo non imos sumarnos á ceremonia da confusión do PSOE. A nosa aposta en Galiza e en Lugo é unha aposta polo futuro, un futuro galego e de igualdade. Un futuro economicamente solvente, no que os nosos sectores produtivos estén protexidos e no que os cidadáns que o precisen conten cunha ampla rede de servizos sociais. En definitiva, un futuro no que o que conten sexan as persoas, no que este país e este concello teñan futuro. E desde logo o PP non quere isto para Galiza nin para Lugo, porque senón non se oporía ás normas do hábitat, ao banco de terras, ao decreto eólico, ás galescolas, aos centros de día,… a todo o que de positivo está facendo o BNG na Xunta e nos concellos.
Repito, non imos caer na trampa do PSOE e converter a Orozco nun martir.
4 Novembro, 2008
Política municipal
1 Comentario
Lugo conta desde hoxe cuns orzamentos prorrogados. E este feito é por obra e graza de Orozco e do PSOE que non aceitaron mellorar a proposta que nos fixeron aos grupos políticos e que o BNG xa anunciara que así non ia aprobar. Agora que ninguén se rasgue as vestiduras nin minta, nin engane, nin sexa demagóxico…. Agora o que toca é someter ao Pleno o que a Lei de Grandes Cidades lle retirou (apróbase todo en Xunta de Goberno Local): a aprobación das obras a realizar, o cambio de fins de determinadas partidas (por exemplo, ter cartos para plantar árbores e usalos para facer un programa de televisión,…). Pero que non digan que non se pode facer. Que non digan que non lle van poder pagar o seu salario aos funcionarios ou que non van poder cumprir co acordo da policía local porque non teñen cartos. Canta mentira poden chegar a contar. Ou é que os cidadáns imos deixar de pagar os nosos impostos porque o orzamento se prorrogue? Ou é que as outras administracións van deixar de facer as súas transferencias porque o orzamento se prorrogue? Non, non, nós imos ter que seguir pagando os nosos impostos, e polo tanto o concello vai ter eses cartos e outros que lle chegan por outras vias. Ou é que queren escondelos e seguilos gastando en propaganda e publicidades, en xantares innecesarios, en viaxes a China e Santo Domingo…? Para facer iso si que van ter dificultades.
E ademais sempre poden traer de novo outros orzamentos a pleno. E se teñen en conta as propostas de redución de gasto, se eliminan aos dous Directores Xerais, se aforran cartos en servizos sociais entrando no Consorcio, o BNG estará aí.
3 Novembro, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Esta tarde ás 5 temos pleno, e vai ser un pleno importante. Vai ser importante porque van os orzamentos. Uns orzamentos que o BNG xa anunciou que, se se manteñen como están, non imos aprobar porque seguen incidindo en gastos absolutamente innecesarios en época de crise. Queremos que se recorte o gasto en publicidade, en viaxes institucionais, en comidas sen ningún rendemento social, en actividades absurdas como cursos con videntes. Temos moi claro que todos eses gastos deben eliminarse do orzamento do concello, como tamén temos moi claro que o concello pode aforrar 900.000 euros se entra no Consorcio Galego de Servizos Sociais, porque desta maneira Vicepresidencia faise cargo de dous terzos do custe total dos servizos sociais (gardarías, centros de día, residencias,…). Tamén pensamos que o Concello debe precindir dos dous Directores Xerais (Policía e Novas Tecnoloxías) que ten actualmente (por certo, algúen sabe que funcións cumpren?) por ser excesivamente custoso o seu mantemento (120.000 euros).
Pero Orozco e o PSOE mantéñense nas súas e xa andan acusándonos de que os do BNG paralizamos o Concello e que somos os culpábeis de que non se poidan facer obras o ano que vén. Nada novo no concello de Lugo, a estratexia de sempre do PSOE: dicimos que non facemos máis porque non nos deixan. Se cadra tamén nos queren convencer de que por iso non hai ponte, nin ferrocarril, nin autovías,…
31 Outubro, 2008
Política municipal
Non hai comentarios
Estase debatindo no concello de Lugo un novo regulamento de participación cidadá. Nel o meu compañeiro Xosé Chorén puxo sobre a mesa as nosas alternativas, alternativas encamiñadas a que os cidadáns participen realmente no deseño da política municipal, para que as súas propostas se escoiten e se debatan.
Pero coma sempre, o PSOE e Orozco non están contentos. E non están contentos porque o BNG pon como condición para apoiar ese regulamento que os pedaneos/pedaneas da zona rural se elixan de forma democrática e se incorporen a xuntas parroquiais nas que os veciños teñan voz e voto.
Que medo lle ten Orozco a un proceso democrático no que cada veciño decide co seu voto? Non será que non que dá xuntado os que necesita para ter maioría absoluta, para aprobar os orzamentos,….
23 Outubro, 2008
Política municipal
1 Comentario
Orozco non está disposto a aceitar cambios no seu orzamento e vai ter que prorrograr o deste ano. E o PSOE vaillo permitir. O BNG fíxolle catro propostas concretas para incrementar o orzamento e aumentar os investimentos. Pero non quere aceitar nada que veña de nós, e agora o que vai facer é buscar escusas porque vai sumir a Lugo no caos económico. Xa anda por aí dicindo que o ano que vén non vai poder facer nada porque non lle aprobamos as contas.
O que non conta é que iso non é certo. O que non conta é que o BNG propón reducir os gastos superfluos deste concello (viaxes a Montmello, cursos con videntes, publicidade, material que non serve para nada,…), que queremos que Lugo entre no Consorcio da Vicepresidencia porque desa maneira a prestación dos servizos sociais (centros de día, galescolas,…) custaríanos aos lucenses 2/3 menos do que nos costa agora, e que eses cartos poderían ir para investimentos reais. Tampouco di que en época de crise o BNG o que quere é pagarlle menos aos bancos e gastar máis nas persoas,…
Pero en todo caso a responsabilidade final tamén a tén o PSOE, que lle permite actuar desta maneira e ir en contra dos intereses de todos os lucenses.
►O BNG quere aumentar en 2 millóns o investimento local
« Entradas anteriores