Turismo sen turistas

Política municipal Non hai comentarios

Lugo debería ser unha cidade turística, pero os sucesivos gobernos empéñanse en facer xusto o contrario do que deberían para que os turistas veñan á nosa cidade, desde logo unha das máis fermosas e con máis patrimonio de todo o Estado.
Lugo nada ten que envexarlle a ningunha outra cidade galega, e aínda asía recibe poucas visitas de turistas, tanto galegos como do resto do Estado ou doutros países. E iso débese en boa medida a ausencia dunha boa planificación e dunha boa venda do produto.
Este ano cúmprense 10 anos da declaración da muralla como patrimonio da humanidade e tamén estamos de ano Xacobeo, e a nosa cidade segue vivindo de costas á muralla e ao Camiño primitivo, seguramente as súas maiores xoias en canto a patrimonio. E as dúas están descoidadas e pouco promocionadas. E non se ve ningún interese por parte do goberno de Orozco nin no de Núñez Fijóo para poñer en valor o que temos.
Pasan máis tempo polemizando pola intermodal, que non vai ser unha realidade en moitos, moitos anos, que poñendo en valor o que realmente temos e que é o que pode facer que no futuro ese famoso AVE poida traer xente a Lugo.
As polémicas estériles son iso, estériles, e desde logo a nosa cidade non saca nada delas.
Apostemos de verdade por Lugo e polas súas potencialidades, e deixémonos de escenificacións cara á galería.

Descaro futbolístico

Política municipal Non hai comentarios

A verdade é que eu nunca fun moito de fútbol,.. nin de ningún deporte de masas. Desde logo non comparto ese enfervorizamento sempre creado e sempre artificial que atonta a boa parte da sociedade e que lle fai esquecer “con goles” a situación na que nos atopamos. Sempre foi un sistema moi utilizado polo poder para intentar que pasen desapercibidos certos asuntos que a sociedade non interesa que coñeza en profundidade. Agora tócalle á reforma laboral en plena histeria mundialista e baixando ao máis cercano tócalle a todo aquelo que non interesa difundir que se leva a pleno no verán, época na que a xente quere pensar noutras cousas. Por iso o PSOE de Lugo (axudado polo PP que critica só o que lle convén) quere aprobar o PXOM en xullo, mes moi apropiado para que pase desapercibido un documento amplamente cuestionado e que o BNG non apoia por favorecer a especulación urbanística e beneficiar aos de sempre. Só lles falta que gane España o mundial para que o escenario sexa perfecto. Porque con “goles”… as penas e as aberracións urbanísticas son menos.

Novos verquidos ao Rato

Política municipal Non hai comentarios

A semana pasada producíuse un novo verquido contaminante ao Miño procedente do Río Rato, concretamente dun dos colectores da cidade que verte nel. É o concello de Lugo punteiro no desenvolvemento dunha rede de saneamento que a verdade é que non acaba de funcionar do todo ben, sobre todo os colectores que verten ao Río Rato e Fervedoira.
Seguimos tendo un grave problema no Río Miño, e temos que impedir que se produzan novos verquidos de augas residuais se queremos que siga sendo un organismo vivo e activo, do que todos e todas poidamos disfrutar.

O BNG esixe a reparación do colector de Muxa, estragado polas obras da Rolda este, que verte no Rato

Ver El Progreso

O BNG advirte dun vertido de aguas residuais ao Miño na súa confluencia co Rato

O Camiño Primitivo

Política municipal Non hai comentarios

Resulta penoso ver como está o Camiño Primitivo a seu paso polo Carme. Alí chámase Carreiro dos Hortos, e a herba, as silvas e as ortigas suben por riba da xente. E tamén hai lixo e trastos vellos tirados por todos os lados.
Non me estraña que os peregrinos opten por non baixar por el e seguir a ruta urbana, a pesar de carecer de atractivo, pero é que mete medo meterse por alí.
Este ano, que celebramos Xacobeo e o X Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial, non é de recibo telo así. Tanto o concello como a Xunta deberían actuar de imediato e deixar de culparse uns aos outros, porque xa estamos en xuño e cada vez vén máis xente de visita á cidade.
A Xunta do PP deixou sen limpar a muralla e agora medra a herba por todos os lados. E o concello tampouco fai nada para remediar esta situación nin para ter o Camiño Primitivo ao seu paso pola cidade nun estado presentábel. Por certo, cando o BNG dirixía Cultura ben que se encabritaba Orozco cando algo non lle parecía ben. Semella que agora todo está ben e que é mellor quedar calado ante o que acontece.

O PSOE e as medidas ante a crise

Política Estatal, Política municipal Non hai comentarios

Está claro que o PSOE está totalmente desnortado neste momento, o que lle dá bazas ao PP para poder atacalo, cando as medidas antidéficit (que non anticrise) que eles aplicarían serían exactamente as mesmas. Resulta ben patético o acontecido onte no Senado, onde a Cámara de Representación Territorial do Estado se converteu nunha feira de proporcións dantescas. Así o único que se fai é contribuir ao descrédito da clase política, cado a verdade é que non todas as organizacións somos iguais. Curioso que agora se cargue (sobre todo desde a dereita) contra partidos políticos, sindicatos e todo tipo de asociacións que desenvolven apostas colectivas e non individuais.
E en todo este baile vai o alcalde de Lugo e, tamén fiel ao seu estilo, un día carga contra Zapatero e as súas medidas de cara aos concellos e ao día seguinte xa rectifica e matiza as súas palabras porque o chamaron á orde desde Madrid. Cando un non vai manter as súas palabras, mellor é quedarse calado.

O servizo municipal de bicicletas

Política municipal Non hai comentarios

O servizo municipal de bicicletas naceu con 5 bases e 100 bicis (para cubrir as de uso diario e repoñer as estropeadas). A semana pasada fixemos un reconto a distintas horas (hora de peche do servizo de préstamo) e en distintos días e só puidemos atopar 10 bicicletas nas 5 bases. Eu mesma esta mañá tiven dificultades para poder devolver a que collín porque non funcionaba ningún enganche da base que hai ao lado da policía local. Despois de numerosos intentos deixeina por fin amarrada no seu sitio.
A verdade é que é unha lástima que o PSOE se desentenda deste servizo, no que se investiron cerca de 130.00 € desta maneira, porque o único que se logra é obter o efecto contrario ao que se quere provocar: que cada día sexan menos os usuarios deste servizo e que, polo tanto, cada día haxa menos persoas que utilizan a bici para desprazarse deixando o seu coche na casa.
Se queremos que Lugo avance temos que postar por outros modelos de transporte, e dado que xa fixemos o investimento, manter en bon estado o que temos, non deixando que se deteriore e que cada día haxa menos bicis. Apostemos por outros modelos de transporte e fagámolo con políticas claras e non erráticas.

As obras do parque de Frigsa

Política municipal Non hai comentarios

Hai obras do Plan E do ano pasado que aínda están sen rematar, a pesar de ser realmente necesarias para a nosa cidade. Estou falando por exemplo da peonalización do parque de Frigsa ou do novo vaso da piscina climatizada, tamén de Frigsa.
No caso do parque dá verdadeira pena ver o parque pechado e a xente maior e aos nenos sen poder xogar nun recinto no que, polo menos aparentemente, as obras están rematadas. O novo pavimento instalado, o mobiliario e a iluminación tamén… A xente pregúntase que falta e a resposta é axilidade e control por parte de quen goberna, o PSOE, incapaz de conseguir que obras coma estas rematen nos seus prazos e sobre todo que o parque se abra de novo ao público agora que vén o bon tempo.
Se non apretan á empresa, a obra non ten por que rematar antes do 30 de xuño, porque esa é a prórroga que lles concedeu o Estado, a pesar de que tiña que estar feita en 6 meses.
Lugo non ten moitas zonas verdes como a de Frigsa. E nesa zona da cidade é o único parque de verdade que temos, por iso é tan urxente que se abra canto antes.

Os cartos son de todos e todas

Política municipal Non hai comentarios

Onte asistimos á inauguración da rehabilitada escola de Santa Comba, unha obra na que se investiron case 250.000 € do Plan E e que quedou realmente ben.
Que nos convidou como BNG ao acto de inauguración foi a Asociación de Veciños existente na parroquia, e non o fixo só con nós senón con todos os grupos políticos, feito que os honra pois estou ben segura de que entre os máis de 100 asistentes ao acto había votantes do BNG, do PP e do PSOE.
Lástima que Orozco, como alcalde de Lugo, non soubese estar á altura das circunstancias. Primeiro el e o Subdelegado do Goberno fixéronlle esperar aos veciños 45 minutos e despois Orozco estivo totalmente desafortunado na súa intervención. Non se pode actuar cos cartos de todas e todos como se fosen del ou do PSOE. Non se pode chegar a un acto deste tipo e dar un mitin de máis de 10 minutos utilizando o seu posto de alcalde para atacar a quen alí estabamos.
Menos mal que os veciños e veciñas de Santa Comba teñen moito máis nivel persoal do que ten el e que a asociación de veciños estivo á altura das circunstancias convidando a todos os representantes políticos a este acto social. Moitas grazas por facelo.

Perigo de incendio

Medio Rural, Política municipal 1 Comentario

Comeza o verán e no concello de Lugo tamén hai perigo de incendio. Por este motivo imos presentar unha iniciativa en pleno para demandar que o concello elebore un mapa de riscos forestais no noso concello, tanto na zona urbana como na rural.
Este mapa debe conter información sobre os predios non edificados na zona urbana, que en ocasións acumulan lixo e maleza, pero tamén e sobre todo daquelas zonas rurais onde as casas están rodeadas polas plantacións forestais (por certo, incumprindo a normativa vixente posta en marcha polo BNG no anterior goberno da Xunta).
O obxectivo que perseguimos é que sexa a propia patrulla verde, en colaboración cos servizos municipais de urbanismo e zona rural, as que elaboren ese mapa de zonas perigosas para obrigar aos propietarios a actuar nas súas fincas e manter estas limpas. Agardamos que o goberno municipal sexa receptivo a esta proposta porque, nunha cidade como Lugo con 54 parroquias rurais e máis de 300 núcleos de poboación, é moi importante controlar o perigo dos lumes agora que se achega o bon tempo.

A voltas co peche do parque

Política municipal 1 Comentario

O goberno de Orozco está empeñado en pechar o parque Rosalía de Castro, e para iso vai gastar unha partida de máis de 459.000 €!!! Estamos falando, polo tanto, de investir moitos cartos de todos os lucenses para limitar o acceso a un parque que tamén é de todos os lucenses. Ultimamente esta é a moda do PSOE, poñer restriccións a todo o mundo para non ter que abordar realmente os problemas. Que hai quen ten unha actitude incívica, pois pechamos o parque para que non entre ningúen e xa está. Ou facemos unha ordenanza de civismo da que xa teño falado que o único que fai é convertir a rúa nunha cadea na que só os “ben vestidos” están libres de que vaia a policía facerlles unha visita.
Máis lle valía ao PSOE de Lugo pensar en gastar eses cartos do peche en mellorar as instalacións do parque, deixando que todos o todas poidamos seguir disfrutando delas. O Orozco máis retrógrado está actuando estes días por Lugo, e xa veremos que máis ideas deste tipo ten aínda.

« Entradas anteriores