Novo atraso no Plan Xeral

PXOM Non hai comentarios

Teoricamente o día 3 de decembro íase celebrar o pleno extraordinario para aprobar o Plan Xeral. Pero xa non vai ser así. Non vai ser así porque para poder facelo, este luns 17 teríannos que ter dado copia de toda a documentación e a nós non nos chegou nada… nin unha explicación. Será que como o PSOE xa tén ese semiacordo co PP para que llo aprobe sen máis, para que se van preocupar porque o BNG teña información e coñeza o plan. Todo o contrario, canto menos saibamos mellor, que así non podemos cuestionalos.
Cando dixemos que queríamos unha nova exposición pública era precisamente para que PP e PSOE non poidan actuar de costas aos cidadáns, para que dean contan das decisións que toman. O PSOE tivo que modificar o Plan porque Orozco perdeu a maioría absoluta, e o PP renuncia a introducir melloras, que seica para eles nas municipais eran irrenunciábeis, para que non haxa unha nova exposición pública. Vaia coherencia a súa!
No BNG témolo claro, o urbanismo de Lugo tén que cambiar e tén que beneficiar ás maiorías e non a unha única minoría.

Toca Plan Xeral

PSOE, PXOM Non hai comentarios

Despois das declaracións de onte de Orozco non podo deixar de falar do Plan Xeral. Teoricamente tería que ir a Pleno o día 3 de decembro, e para iso o vindeiro luns, 17 de novembro, teríamos que ter copia íntegra de toda a documentación. Non sei, pero todo soa a novo incrumprimento de datas. Orozco demostra que segue sen escoitar. Non escoita porque o BNG xa lle dixo por activa e por pasiva que a nosa decisión non depende de informes administrativos. A nosa postura co Plan Xeral sempre foi moi clara. Queremos melloras evidentes para os barrios, para o patrimonio, para a zona rural, e queremos que todo se faga de maneira que os veciños e veciñas de Lugo coñezan o Plan antes da súa aprobación definitiva e que podan opinar sobre el. Por iso queremos que se volva a expoñer ao público, independentemente do que digan os informes. A nosa é unha decisión política. A única decisión que se pode tomar se queremos que o PXOM non se aprobe de costas aos cidadáns.
O PP xa fai tempo que renunciou a introducir melloras. Non se sabe quen tén máis presa por aprobar o Plan Xeral, se o PSOE ou o PP. Está claro que neste caso os intereses urbanísticos pesan moito.

Declaracións de Paz Abraira: O BNG non renuncia a introducir melloras no PXOM antes da súa aprobación definitiva”

Orozco ignora se o plan de urbanismo poderá debaterse o 3 de decembro, como estaba previsto

Plan xeral e política de vivenda protexida

PXOM Non hai comentarios

Onte non puiden escribir nada que tivemos un día moi completo. Empezamos a mañá coa Comisión de Planeamento na que se nos deu conta dos informes emitidos polas distintas administracións sobre o Plan Xeral. Maioritariamente aceitáronse as consideracións feitas por todos os organismos, incluidas as Consellerías de Cultura, agás aquelas que entendíamos que invadían competencias municipais. Pero o gran conflito non veu por aí, senón polo Plan Sectorial de Vivenda que acaba de presentar a Consellaría e que establece como ámbitos para a construción de vivenda protexida en Lugo O Carme, Pousadela e os terreos que hai detrás do Colexio Médico dentro do casco histórico.

Como non podía ser menos o PP púxose bravo dicindo que o BNG quere mediatizar o urbanismo de Lugo e que é un despropósito construir tanta vivenda protexida. Na propia reunión xa lle aclarei un par de cousas ao sr. Castiñeira. Primeiro: a vivenda protexida é vivenda pública de prezo tasado á que pode ter acceso cerca do 75% da poboación do concello de Lugo, pois é para ingresos moi variados, pero sempre garantiza os dereitos de quen menos teñen e polo tanto de quen máis dificulatdes teñen para acceder a unha vivenda. Segundo: créase vivenda protexida no centro de Lugo e non só no extrarradio. Non lle preocupa ao PP que haxa dous sectores de solo urbanizábel entre Albeiros e As Gándaras que van destinados a vivenda protexida ao 100%. Aí non lles importa porque non lles afecta aos contratistas, aos especuladores,…, en definitiva, aos que levaron o prezo da vivenda a onde está actualmente. Terceiro: Delimítanse ámbitos de elevado valor arqueolóxio que deben ser protexidos, polo que a intervención pública é unha garantía de que vai ser así.
Non entendo por que está tan alporizado o PP. Non será que está máis interesado en defender os intereses de certas persoas que os de todos os cidadáns de Lugo?

O prezo da vivenda e o Plan Xeral

PXOM 1 Comentario

Esta fin de semana un medio de comunicación publicaba unha entrevista co Presidente dos construtores lucenses na que afirmaba que a vivenda non vai baixar de prezo, senón que vai subir un 30%. El achaca esa hipotética subida ás Normas do Hábitat. Por suposto non fala da especulación do solo e do enriquecemento do sector. Non fala de que o módulo polo que se construe vivenda protexida permite facer vivendas de máis calidade que a vivenda libre e a menos prezo.

Na entrevista tamén di que Orozco asumiu o compromiso de aprobar o Plan Xeral en novembro e que el confía na súa palabra. Pois que confíe, que confíe… Debe ser a única persoa que o fai. Desde logo no BNG non confiamos nin nel, nin no seu grupo. Mañá temos outra vez Comisión de Planeamento, e nela vannos falar dos informes das distintas administracións. Xa sabemos o que nos van dicir. Que eles queren aprobar o Plan Xeral pero que claro, que o informe de Cultura o único que fai é poñerlles trabas e que eles xa non poden facer máis.
Como a reunión é a primeira hora da mañá escribirei sobre como foi. Espero estar equivocada, pero non o creo.

Cultura xa informou o Plan Xeral

PXOM Non hai comentarios

A Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura xa informou de novo o plan xeral. E o informe é desfavorábel porque o goberno municipal e as redactoras non modificaron aqueles aspectos que xa no 2006 lles dicían que había que cambiar. O traballo das redactoras é tan pouco rigoroso que enviaron fotos de elementos patrimoniais do ano 1993. Xa se ve o moito que traballaron!!!
Desde o BNG levamos moito tempo dicindo que a falta de rigor e seriedade na elaboración e tramitación deste plan xeral era máis que evidente, e que por iso é necesario sometelo de novo o exposición e agora non vale de nada lamentarse. Porque o goberno empezará de novo con iso de que lle poñen atrancos, que non lles deixan traballar, que se as competencias municipais,… a cantinela de sempre de Orozco.
O informe de Cultura é claro. Protexan o que hai que protexer e fágano adecuadamente e terán o informe favorabel. A nova Delegada de Urbanismo ten nas súas mans unha boa oportunidade. Veremos o que fai con ela…

Outra vez a voltas co Plan Xeral

PXOM Non hai comentarios

Teño que andar outra vez a voltas co Plan Xeral porque Orozco moito fichar a unha muller que non foi elexida concelleira para ocuparse do urbanismo pero nada máis. Segue coa súa política de imaxe cara a fóra pero sen resolver nada no concello. Hai un acordo dos 3 grupos polo cal a finais de outubro celebraremos o pleno de aprobación provisional do PXOM. Pero para ir a pleno teñen que entregarnos copia completa da documentación definitiva con 15 días de antelación. E como todos os lucenses sabemos contar, as datas non cadran. Non cadran porque ou non nos dan a documentación con eses 15 días de antelación ou non hai pleno en outubro. E eu a estas alturas xa dubido de todo. Dubido de todo porque non confío en Orozco e no seu goberno. E non confío neles porque nunca cumpren os acordos municipais. Pero xa atopará unha excusa para intentar cubrirse as costas. Que se as festas, que se o cambio de concelleiro, que se os informes das outras administracións, que se as alegacións, que se o BNG…. Xa me tarda escoitalo….

Estreas no concello

PXOM 1 Comentario

O pleno de onte foi o das estreas. Estreouse o novo concelleiro da zona rural e a nova delegada (que non concelleira) de urbanismo. A mágoa é que no pleno tivemos máis do mesmo: prepotencia, chulería, despotismo e poucas ganas de traballar por parte do alcalde e do seu equipo.
María Novo, a delegada de urbanismo, aprendeu rápido a lección da demagoxia e apunta maneiras. No debate da nosa moción sobre a nova exposición pública do PXOM dixo que as decisións políticas non podían condicionar os informes técnicos e que non era momento de falar dese tema. Por certo, tamén dixo que o BNG alarmaba aos cidadáns falando dos cambios do PXOM. Xa lle dixen que vai ter que aclararse sobre se houbo cambios importantes ou non. Porque se os cambios son importantes hai que volver expoñer o plan, e se non o son, este non é o plan que Lugo e os seus veciños necesitan. Eu téñoo claro. Prefiro uns meses máis sen el, antes da súa aprobación que un PXOM descoñecido por todos e negativo para o futuro deste concello. Onte quedoume claro que tanto PSOE como PP, o que queren é sacarse este morto de enriba canto antes e aprobalo sen máis… será que se senten presionados…

Non haberá nova exposición do PXOM de Lugo

O voto en contra do PSOE e a abstención do PP tombaron a proposta do BNG

O PSOE rexeitou onte no pleno expor por segunda vez o PXOM

Empezamos cun pleno

PXOM Non hai comentarios

Empezamos novo curso político con pleno no Concello. Esta tarde estréase a nova responsábel (concelleira non electa) de urbanismo, María Novo, quen lle vai ter que dicir aos cidadáns de Lugo se vai ser a voz do seu alcalde (até o momento non fixo outra cousa como delegada) ou vai ter algo de iniciativa propia. Ela que presume de estar sempre cerca dos cidadáns e de gustarlle o traballo coa xente vai ter que dicirlle a esa mesma “xente” se está disposta ou non a expoñer de novo ao público un plan xeral que leva tantos anos tramitándose para que todos poidan coñecelo. Por certo, que o pleno de hoxe xa se retrasmite en directo pola páxina web do concello.
Xa veremos que outras cousas dan de si os vindeiros meses. Ireivos falando de todas elas desde aquí.

Empezamos agosto como acabamos xullo

PXOM 2 Comentarios

Teoricamente hoxe empezo as miñas vacacións, pero tiven que empezar o mes igual que acabei xullo, falando do Plan Xeral e de urbanismo. E tiven que facelo porque a nova delegada desta materia quere que lle pasemos, nada máis e nada menos que por escrito, as irregularidades que detectamos no PXOM. A esta señora aínda non lle deberon explicar cal é o seu traballo e que debería estar revisando a documentación que hai no concello.
Pero hoxe empeza agosto e seguro que este mes tamén pasan cousas interesantes, aínda que non vos vou falar moito delas que hoxe comezo as miñas vacacións. Pero xa me incorporo a última semana de agosto para falar das novidades.

O esperpento do PXOM feito realidade

PXOM Non hai comentarios

Non teño outro calificativo para o que está pasando co Plan Xeral que non sexa o de esperpento. É un esperpento porque só nunha análise moi superficial da documentación que lle mandaron aos distintos organismos xa detectei erros, planos que non coinciden, propostas que non figuran, urbanizábeis que amplían a súa superficie,…. E isto só nunha visual rápida!!! Xa me dá medo pensar o que vou atopar cando baixe máis ao miudo.
Está claro que o PSOE e Orozco o único que queren é aprobalo canto antes e que o futuro de Lugo e dos seus veciños tanto lle ten. Por iso no BNG temos tan claro que é necesaria unha nova exposición pública do Plan Xeral. Transparencia. Mellor un novo retraso que un Plan negativo para Lugo, para os seus barrios e para as súas parroquias.
Desde logo este non é o Plan que quero para o meu concello.

« Entradas anteriores