O querer quedar ben do PSOE

Sen categorizar 2 Comentarios

O PSOE anunciou a semana pasada que vai promover a aprobación dos orzamentos nos concellos nos que non gobernan co argumento de “non crear problemas en época de crise”. Manda truco coa súa teoría! Con esa teoría seica van aprobar orzamentos que aos que lles fagan advertencias os interventores/as dos concellos, orzamentos que incrementan o gasto innecesario e non invisten en servizos sociais, orzamentos que incluen obras absolutamente prescindíbeis, orzamentos, polo tanto, contrarios ao interese xeral. Pero eles van quedar de bos en todos os lados… ou non. Porque tamén poden quedar de interesados, de desentendidos da política municipal, de aproveitados que se soben a un carro que non vai a ningún lado,…
A actuación política, nin en época de crise nin nunca, non pode estar marcada polo “todo vale” ou polo “hai que deixar facer”. Eu creo que é todo o contrario. Non vale todo e non se lle pode deixar facer a moitos alcaldes que, á hora da verdade, están máis preocupados pola súa continuidade e o seu salario que polos problemas dos seus concellos. Exemplos hainos e moitos. Como se lle pode aprobar o orzamento a un alcalde que a estas alturas presenta o deste ano, non o do ano que vén? Como se lle pode aprobar o orzamento a un alcalde que destina máis cartos a dietas que a atención a domicilio? Como se lle pode aprobar o orzamento a un acalde que foi denunciado reiteradamente polas súas actitudes antidemocráticas? Pois o PSOE seica o vai facer.
Desde logo eu non comparto esa teoría, porque a crise non se combate así. Combátese con medidas concretas como as que o BNG está poñendo en marcha alí onde goberna, na Xunta, nas Deputacións e nos concellos. O resto é palabrería e querer quedar ben sen traballar.

Galiza versus Galicia

PSOE, Sen categorizar 1 Comentario

Estes días púxose de actualidade unha polémica ficticia sobre o uso do topónimo do noso país. Desde logo eu non vou renunciar a chamarlle a Galiza como sempre lle chamei: Galiza. O uso deste topónimo axústase estritamente á lei, á normativa lingüística, que permite referirse ao país como Galiza, por ser a forma maioritaria medieval e a esperábel desde o punto de vista filolóxico.
Resulta curioso ver ao PP e a algúns xornais que xamais utilizan o noso idioma nas súas informacións (que chegan incluso a traducir as declaracións que facemos nel) tan preocupados polo seu uso e polas supostas formas correctas.As actuais normas oficiais son resultado dun acordo entre a RAG e o Instituto da Lingua Galega. Estas normas conservan distintas variantes para unha mesma denominación, non só no caso de Galiza-Galicia, senón noutros como até/ata, amable/amábel, etc.
Non haberá cousas que facer en lugar de montar campañas que só pretenden desacreditar o consenso existente e prexudicar ao galego?

Un ano difícil para Lugo

Sen categorizar 1 Comentario

Xa pasou un ano das eleccións municipais e desde aquela Orozco desempeña e “ostenta” a alcaldía en solitario no Concello de Lugo. Pero que non chegase a acordos de goberno non quere dicir que non conte con claros apoios dunha parte da oposición muncipal.
No que vai de lexislatura, o Partido Popular permitiulle a Orozco e ao PSOE sacar adiante as liberacións dos seus concelleiros, o orzamento municipal e proximamente a privatización do servizo de augas. Quen sabe, os dous terán as súas razóns para facelo.
Pero para que lle sirve realmente a Orozco este apoio? Pois para seguir actuando da mesma maneira prepotente e autoritaria da etapa de maioría absoluta. Sérvelle para enfrontarse á Xunta polas galescolas e as normas do hábitat. Sérvelle para non demandar do Ministerio de Fomento que o enlace da nova ponte sobre o Miño coa cidade non estrague o parque Marcos Cela. Sérvelle para seguirnos mareando co Plan Xeral. Sérvelle para non dicir nada sobre a lentitude das obras da autovía a Santiago….
Como vedes sérvelle para que Lugo siga parado e non avance como avanzan outros concellos. E mentres, é Lugo e os/as lucenses quen sofren esta situación.

Dobre moral

PSOE, Sen categorizar Non hai comentarios

Moi calados están os alcaldes do PSOE ante a supresión do 1º ciclo da ESO de 7 concellos da provincia de Lugo. Moi calados están ante unha decisión da Consellería de Educación (do PSOE) que, sen diálogo nin contraste previo cos afectados, decide unilateralmente seguir adiante cun proxecto iniciado polo PP hai case 10 anos que determina que os cativos do rural galego non poden ter os mesmos servizos educativos que os da zona urbana e deben pasar máis de unha hora no autobús para ir a clase. Curioso tamén o silencio da FEGAMP (esa plataforma tan belixerante con outras actuacións seica non consensuadas) que non dixo nada deste feito. O BNG opúxose cando estaba na oposición a retirada do 1º ciclo da ESO deses concellos, e ségueo facendo agora que é goberno. Outros deberían explicar a súa dobre moral.

De que se vai falar esta semana no Concello?

PXOM, Sen categorizar Non hai comentarios

Imos empezar unha semana na que, supostamente, non se vai falar nin do Plan Xeral nin da viaxe a China de Orozco, o que me leva a preguntarme, de que se vai falar no concello? O alcalde seica está moi preocupado por todo o que pasa en Lugo (supostamente), pero a realidade empéñase en darnos a razón a quen dicimos que o único que lle preocupa é a súa imaxe e afianzar ese goberno anti-Xunta-apoiado polo PP que ultimamente esgrime alí onde pode. O venres pasado cargou contra as galescolas (uníndose así á demagoxia desa asociación recén creada que di que en Galiza o galego é un idioma imposto!!!), contra as normas do hábitat (que pretenden que as nosas vivendas sexan exteriores, que nelas entre unha cadeira de rodas, que se poda instalar un ascensor, que teñamos unha hora como mínimo de sol no mes de decembro…) Que toleada a nosa! Como podemos esixir melloras na construción, se así quen van perder cartos son os “pobres construtores e promotores” que sempre pensan nos intereses dos compradores e nunca nos seus propios… A técnica do PSOE é ben clara: que os galegos e as galegas sigamos pensando que non podemos avanzar se outros non nos tutelan (enténdase goberno do Estado). Véxanse senón as últimas declaracións do Presidente sobre o modelo de financiamento, ou as de Espinosa sobre a transferencia das compentencias de salvamento marítimo… Quen sabe, esta semana aínda pode dar moito de si, supostamente.

Máis do mesmo

PXOM, Sen categorizar Non hai comentarios

Esta semana só se falou de dúas cousas no concello, do Plan Xeral e da viaxe do alcalde a China. Como podedes ver dous temas realmente relevantes para o futuro dos nosos cidadáns. Que se vai poder facer a nivel urbanístico no noso “territorio” e como imos expandirnos economicamente ao “territorio” dos chineses. A importancia destes dous asuntos capitais para o futuro de Lugo segue camiños diferentes. Por un lado a viaxe a China, onde o alcalde avanza e xa case está aló. E por outro lado o Plan xeral, onde o alcalde tropeza cada día máis, pretende enganar aos veciños e á oposición e pensa que imos tragar con calquera cousa. Se cadra, se lle dedicase o mesmo tempo aos dous temas irían un pouco máis parellos.

O conto de nunca acabar

PXOM, Sen categorizar 1 Comentario

O Plan Xeral de Lugo é o conto de nunca acabar. Esta semana tivemos reunións coas redactoras nas que tamén estiveron os técnicos municipais e nelas o único que me quedou claro foi que non houbo un traballo previo entre eles e que a tramitación deste PXOM está collendo visos de transformarse nun disparate. E digo isto porque os cidadáns de Lugo non creo que saiban o que realmente está pasando. Se escoitan a Orozco pensarán que as súas alegacións xa teñen resposta e que todo está consensuado e solucionado. E nada disto é verdade. Non pode haber acordo sobre algo que descoñecemos. Polo menos o BNG non actua así. Antes de posicionarnos estudamos as propostas que se nos fan e despois dicimos o que nos parecen, nunca á inversa. Non pode haber acordo cando non sabemos o que vai pasar coas alegacións dos veciños e das veciñas de Lugo… Ao Plan Xeral hai que poñerlle un punto e final, pero con seriedade.

Nova xuntanza coas redactoras do PXOM

Sen categorizar Non hai comentarios

Hoxe seguimos coas xuntanzas coas redactoras. Na de onte, o que quedou claro, entre outras cousas, foron as dúbidas dos técnicos municipais. Por máis que lle escoitemos ao Sr. Orozco e ao PSOE a súa enésima promesa de datas, o PXOM non se vai poder aprobar antes de final de ano, porque por exemplo, na reunión unicamente se trataron aspectos técnicos, pero non foron revisados os planos. Moitas das cuestións que revisamos onte xa deberían estar pechadas hai anos polo anterior responsable de Urbanismo de Lugo, o actual presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

A política municipal ponse quente

Sen categorizar 1 Comentario

Esta semana tivemos varias reunións sobre o PXOM e a que vén ímonos reunir coas redactoras do plan. Hoxe Orozco sae dicindo que non hai diferenzas entre os tres partidos, que o que hai son dúbidas e matices. Como sempre o alcalde confunde o desexo coa realidade. O BNG xa lles dixo moi claramente que existen claras diferenzas entre a súa política urbanística e a nosa, e desde logo non estamos dispostos a participar nunha nova ceremonia de confusión na que os veciños e as veciñas non teñan claro o que defende cada quen. Queremos ver toda a documentación e estudala en detalle. Queremos ver o informe das alegacións e saber que se lle di a quen as presentaron. Queremos un urbanismo que non permita que se repita o das costas do parque. Queremos un urbanismo que non lle tire as casas aos veciños se non é estrictamente necesario e en defensa dunha mellora pública evidente. En definitiva, queremos un concello para as persoas, tanto na zona urbana como na rural.

Hai segunda volta

Sen categorizar 1 Comentario

O que vai ser presidente non saiu elexido na primeira volta por maioría e ten que ir a unha segunda votación este venres. Os deputados do BNG abstivéronse porque Zapatero non asumiu compromisos concretos con Galiza. Non falou do sector lácteo, nin do naval, nin aclarou cando se vai reformar o do voto emigrante. Iso si, mans tendidas que o BNG vai intentar aproveitar durante a lexislatura en beneficio deste país.

« Entradas anteriores