5 Xullo, 2010
Urbanismo
Non hai comentarios
A semana pasada unha muller sufriu importantes lesións nunha man pola caida dun cristal procedente dunha vivenda declarada en ruina que se atopa na Praza de Santo Domingo, e estas puideron ser moito peores pois tamén lle caeron vidros sobre a cabeza. Resulta ben triste ver como tantos edificios do casco histórico e de fóra deste se van deteriorando mentres se sigue construindo de maneira desproporcionada porque cada día hai máis vivendas baleiras. Xa sei que os procedementos administrativos para poder orbigar aos propietarios aactuar sobre unha vivenda declarada en ruina son longos e complexos, pero tamén teño moi claro que hai situacións que non se pdoen permitir. O deste edificio de Santo Domingo ou o da Rúa Castelao que leva meses cun ridículo balado que o goberno chama “de seguridade” non se pode permitir. Se se lle están impoñendo multas coercitivas aos propietarios, que eses cartos se destinen a realizar actuacións mínimas de seguridade para evitar situacións de risco absolutamente innecesarias. Non se pode seguir dicindo que non hai competencias ou capacidade, porque non é certo. Hai outras maneiras de actuar, o que falta é interese político en facelo.

Ver La Voz de Galicia.
6 Abril, 2010
Urbanismo
Non hai comentarios
O número de edificios declarados en ruina no concello de Lugo vai a máis cada día. Se levantamos a vista podemos ver casas e edificios absolutamente deteriorados e aos que os seus lexítimos propietarios non lles fan caso ningún, pero dos que tampouco están dispostos a desprenderse a un prezo razonábel. A verdade é que esta situación repítese en certas zonas do casco histórico pero tamén nos barrios máis antiguos da cidade como poden ser o barrio Feixóo, a Milagrosa, A Ponte, Lamas de Prado,…
Unha vez abertos eses expedientes de ruina, aos propietarios dáselles un tempo determinado para facer as obras que se estimen oportunas no inmoble, pero o que acontece habitualmente é que seguen sen facelo, polo que o concello está optando pola imposición das denominadas multas cohercitivas, de entre 2.000 e 3.000 €, para obrigalos a actuar. Pero se siguen sen facelo, o concello vai ter que adoptar outro tipo de medidas, tamén legais, para evitar non só o deterioro do patrimonio senón tamén os riscos para os cidadáns.
Un dos exemplos máis claros témolo na Rúa Castelao, onde acontece o que acabo de describir. E o máis grave é que o concello instalou un valado de protección que obriga aos viandantes a baixar á calzada e que impide a circulación de cadeiras de rodas, carros de bebés, persoas anciáns,… porque remata directamente sobre o alcorque dunha das árbores coas que conta esta rúa.
Esta situación non é nova, pois leva xa moitos meses sen que o concello dea novos pasos. E así vemos como o edificio se deteriora cada día máis e como o valado impide a circulación.
Neste caso, e noutros semellantes, o concello debe levar a iniciativa e, ou ben desmontar os elementos que poden caer e repercutirlle o custe aos propietarios, sen deixar de impoñerlles as correspondentes sancións, ou incluso valorar a posibilidade de acometer a obra de rehabilitación do edificio (algo que pode facer Evislusa) dado que entre o valor do inmoble e o do predio ben se pode cubrir o da rehabilitación se os propietarios non atenden a razóns. O que non se pode é seguir así.
5 Marzo, 2010
Urbanismo
1 Comentario
A postura do PSOE na reunión de onte sobre as costas do parque foi totalmente cínica. E digo isto porque Orozco pretendeu cargarnos a todos coas culpas que só eles teñen. Pretenderon que lle désemos un aval á súa política urbanística neste concello e que apoiásemos a legalidade dun proxecto urbanístico que está custionado nos tribunais.
Pois non vai ser o BNG quen o faga. Non vai ser o BNG quen acepte facer pequenos retoques nun proxecto que é claramente negativo para Lugo e, por riba, de dubidosa legalidade.
Os datos que aportou onte na reunión o representante do promotor poñen sobre a mesa o que son os grandes negocios urbanísticos en Lugo. Que un edificio que costa construilo menos de 2 millóns de euros poida venderse en máis de 8, ten un nome.
A especulación urbanística e a banca foron quen nos levaron ao actual estado de crise, e agora aínda pretenden que os lucenses lles paguemos 5 millóns de euros para retocar o inaceptábel! repito, co BNG que non conten para iso.
11 Xaneiro, 2010
Urbanismo
Non hai comentarios
O PP acaba de sacar adiante reformas urbanísticas de importante calado que teñen como finalidade que o territorio volva ás mans de quen levan anos e anos destrozándoo: os concellos e os construtores. A reforma da Lei do Solo e ás novas normas para o litoral poñen de manifesto unha vez máis quen quere o PP que manexe o urbanismo no noso país, que non son outros que os que seica agora están padecendo gravemente a crise.
Seguir destrozando a arquitectura, a paisaxe, a sociedade,… do rural galego parece ser un dos divertimentos do PP e dos seus adláteres. E para iso contan en moitos casos coa encomiábel axuda do PSOE. Vese ben en Lugo. Empezaron coas costas do parque, seguiron co Plan Xeral e agora celebran que o Carme e o casco histórico sigan sendo destino de vivendas para quen máis teñen porque xa se ocuparon de eliminar o plan de vivenda protexida que elaborara o BNG desde a Xunta para que as vivendas de quen menos teñen non sigan formando guetos nos barrios periféricos das cidades.
Veñen tempos difíciles, e non o digo pola climatoloxía…
27 Novembro, 2009
Urbanismo
1 Comentario
Estes días está saindo na prensa información sobre as ruínas urbanísticas e sobre as ordes de execución de obras que emite o concello para que se rehabiliten vivendas que están en mal estado. Ten todo isto bastante que ver co novo plan xeral, aínda que non o pareza. Este documento prevé a construción de máis de 35.000 novas vivendas, cando vemos como día a día boa parte do patrimonio do concello de Lugo está caendo por falta de atención e de medios económicos.
Hai propietarios que se queixan de trato discriminatorio con respecto a moitos construtores de Lugo que adquiren vivendas que despois se siguen deteriorando sen que se faga nada coa vana promesa de que van edificar alí.
Está claro que ante as ruínas urbanísticas hai que actuar, e que temos a obriga de preservar o noso patrimonio inmobiliario, pero o que non pode é haber distinto trato para uns e para outros, nin poden pasar anos sen que se faga nada.