Mulleres mortas

Xeral Non hai comentarios

Onte, outra vez, un home asasinou á que fora a súa parella e nai da súa filla polo feito de ser muller. Cada vez que acontece pensas en que non chegan as concentracións, non chegan as ordes de afastamento, non chegan os xulgados específicos (que Lugo non ten) contra a violencia de xénero, non chegan as axudas nin as casas de acollida. E non van chegar nunca mentres non haxa un cambio social radical. Un cambio na mentalidade dos homes que pensan que as mulleres son da súa propiedade e un cambio na mentalidade das mulleres que pensan que é obrigatorio perdoar a quen as maltrata, a quen as humilla… a quen as mata. Porque lamentabelmente aínda está tan interiorizado que o home é quen manda, que despois destes sucesos case sempre se di que eran unha parella normal, que el era boa persoa, … algo introvertido pero máis nada. Xustifícase o inxustificábel! Non existe un rexeitamento real destes feitos e as administracións e a xustiza son excesivamente lentas para atallaren o problema antes de que chegue a morte.
Seguimos fallando no fundamental, na educación, e esta cuestión non logramos cambiala. Non logramos educar homes e mulleres libres, donos de si e do seu corpo, capaces de decidiren e plenamente respectuosos coa vida do outro/da outra. E como non educamos segue habendo mortes, e iso é algo que ningunha sociedade que se di civilizada pode permitir. Cando falamos de terrorrismo esquecemos que morren máis mulleres a mans dos homes, que homes e mulleres a mans do terrorrismo. Pero iso si, cando se produce un ataque terrorrista, todos nos lamentamos e daquela si que se aplican verdadeiras medidas preventivas. Contra a violencia de xénero, non. E o resultado é dramático: mulleres mortas, orfos e orfas, familias destrozadas, vidas truncadas…

Un barcelonés agride á súa parella en Vigo porque non lle deixaba beber viño

Para a xustiza as mulleres pouco importamos

Xeral Non hai comentarios

Está claro que as mulleres pouco importamos. O Ministro de Xustiza respondeu onte a unha pregunta do BNG na que se lle preguntaba se ian crear nas cidades de Lugo, Ourense e Ferrol xulgados específicos contra a violencia de xénero, tal e como establece a Lei Contra a Violencia de Xénero, e o sr. ministro díxolle que non porque non hai bastante demanda.
Se fose posíbel e non absolutamente improcedente ser demagóxica neste tema diría que necesitamos máis casos de agresións sexistas a mulleres para que teñamos dereito a ter un xulgado específico para tratar estes casos. No caso de Lugo é o xulgado de instrución nº3 o que se ocupa destes casos, e a demora na atención incrementouse nun 170%!!! E pretenden que as mulleres presentemos denuncias!!! Denuncias para que, se non sabemos cando as van atender. Que garantías temos de que se denunciamos ao noso agresor, ao noso maltratador, que a orde de alonxamento vai ser imediata e que non imos atopalo na casa cando volvamos para ela? Está claro que teorizar é moi fácil, pero efectivizar as medidas non o é tanto. E coma sempre Lugo segue por detrás… tamén neste tema.

O BNG insiste na necesidade de crear un xulgado contra a violencia de xénero

Compromisos

Xeral Non hai comentarios

Onte o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, interpelou ao Presidente do Goberno sobre o uso do galego na administración central, poñendo como exemplos a negativa de corpos como a Garda Civil e o Exército a aceitar certificados de estudos emitidos en galego, a ausencia total do seu uso por parte da xustiza, a deturpación da toponimía habitual en Correos, Renfe, Fomento…
A intervención do portavoz do BNG centrouse en esixir cambios reais e efectivos que impliquen o respeito polo noso idioma, que o igualen en dereitos ao español, e polo tanto que nos igualen en dereitos aos galegos cos cidadáns do resto do Estado. O tempo pasa e as cousas cambian pouco, sobre todo neste campo.

Jorquera denuncia ante Zapatero as vulneracións dos dereitos dos galegofalantes

O Goberno español non acepta certificacións de estudos presentadas en galego dos alumnos que opositan para Garda Civil

Cine en Lugo

Xeral Non hai comentarios

En Lugo cada día se ve peor cine. As salas que se manteñen abertas só emiten cine comercial, nada de cine social, nada de cine alternativo, nada de cine que non sexa americano. Por iso se agradece tanto a semana de cine de autor. Porque nos permite ver o cine que se fai noutros paises, cine dese que fai pensar, do que nos sorprende, do que nos impresiona… Ese cine que tanto botamos en falta ao longo de todo o ano.
O cine acércanos á realidade doutras persoas, á súa vida diária, aos seus temores, ás súas alegrías. Acércanos tamén unha visión de sociedades distintas da nosa, de relixións que aquí non se practican,…
Pero como só é unha semana, o resto do ano podemos recorrer á literatura, para viaxar e coñecer realidades distintas da que vivimos neste Lugo no que estamos, un Lugo algo caótico e bastante paralizado en moitos aspectos… Benvido sexa o cine que remove conciencias.

O 25 de xullo, día da Patria Galega

Xeral Non hai comentarios

Onte celebramos no Hotel Méndez Núñez (moi ligado ao nacionalismo pois foi nel onde se celebrou a primeira reunión da Asemblea Nacionalista fai agora 90 anos), un acto con motivo do 25 de xullo. Este día ten moita importancia para o nacionalismo galego. É un día de reivindicación e de festa.

E de reivindiación foi a tarde de onte. Falaron a compañeira Cristina Ferreiro e os compañeiros Francisco Jorquera e Anxo Quintana. Falaron os tres de País, de proxectos, de traballo feito e por facer, de competencias (máis competencias) para Galiza, de poñer sempre por diante o noso… Falaron de idioma, de cultura, de enerxía, de galescolas. Falaron de todas as cousas que nos preocupan aos lucenses.
Quintana aproveitou para lembrarlle a Orozco que a entrada no Consorcio de servizos sociais sería moi positiva para este concello. Mágoa que este alcalde non sexa capaz de pensar en clave de cidade e só pense en si mesmo.