16 Novembro, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Este sábado Lugo rendíulle un sentido homenaxe a Lois Diéguez. Neste acto de recoñemento social foron moitas as persoas que queixeron(mos) manifestarlle o noso afecto e o noso profundo respeto polo traballo de toda a súa vida, tanto no ámbito social como no político, no cultural, no literario,…
Foi un acto moi emotivo e tamén moi reivindicativo. Falouse de pasado, de presente e tamén de futuro. E neste presente e nese futuro Lois Diéguez ten aínda un papel moi importante que cumplir. Porque as súas achegas en todos os ámbitos nos que el actúa son sempre precisas e acertadas, co obxectivo claro de obter un beneficio colectivo. Porque a palabra “colectivo” guia sempre a actuación de Lois. E isto, que é unha virtude, non lle fai esquecer o valor do indivicual. Porque sempre ten a palabra oportuna, o xesto preciso para que, cando na vida persoal algo non anda ben, te sintas apoiado por el.
Lois vive agora nun barrio de Lugo que se chama A Coruña. Foron moitos e moitas os que utilizaron esta expresión que pon de manifesto que sigue aquí, traballando con nós no día a día, como sempre fixo.
12 Novembro, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Este sábado ás 5 da tarde no salón de actos da Deputación de Lugo vaise celebrar un acto público de recoñecemento ao traballo que o escritor Lois Diéguez realizou durante os 40 anos que vivíu en Lugo, xa que recentemente mudou a súa residencia á cidade da Coruña.
Como sempre me di, pasou de ver a muralla que é patrimonio da humanidade, a ver a Torre de Hércurles, quen tamén o é.
E polo patrimonio da humanidade que son a nosa cultura, o noso idioma e todos os nosos sinais de identidade loitou sempre, e vai seguir loitando mentres viva, este magnífico escritor e político.
Convídovos a todos e a todas a participar nesta xornada que leva por título “A historia que fixemos” porque estou ben segura de que vai resultar sumamente interesante e tamén emotiva para todos.
25 Xuño, 2009
Infraestruturas, Política municipal, Xeral
Non hai comentarios
O luns temos pleno, o último antes do verán, e levamos unha iniciativa novedosa nunha cidade coma Lugo. O compañeiro Antón Bao, que é Vicepresidente da Deputación, vai defender a creación de itinerarios escolares seguros para que os cativos acudan ao colexio a pé ou en bicicleta sen ter que arriscar a súa integridade física.
Onte presentamos a iniciativa publicamente, e puidemos comprobar como nos transformamos cando conducimos un coche. Deixámolo “un momento” no paso de peóns, na beira da rúa, sen darnos conta de que por alí pasan nenos e que o único que facemos é poñelos en perigo.
Queremos que eses itinerarios, que xa existen noutras cidades do Estado, se delimiten con sinais claros e inequívocos para que os meniños andes seguros. Espero que o luns non nos digan que non. Os nosos nenos e as nosas nenas non merecen unha negativa.




20 Abril, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Xa se celebraron as asembleas comarcais para a elección de delegados/as para asistir á Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de maio. Foron asembleas nas que se deu un profundo debate centrado no novo cenario político e na situación do nacionalismo galego.
Hai que felicitar a todo o BNG pola celebración dun proceso interno no que cada quen puido expoñer o seu punto de vista sobre a actual situación.
6 Abril, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Seica esta, en termos relixiosos, é a semana de paixón. Como eu non comungo con ningún precepto relixioso non vos podo contar que significa iso. Eu a paixón sempre a asocio con elementos positivos: paixón pola vida, pola liberdade das persoas, pola liberdade dos pobos, polo dereito a reivindicacións sociais, paixón por unha persoa, paixón por este país, paixón na defensa dos ideais que defendo e nos que creo firmemente… Creo que o meu concepto de paixón e o da igrexa católica non son o mesmo. A paixón pola vida e polos dereitos das persoas para eles é a negación do dereito das mulleres a abortar.
Xa vedes, visións ben diferentes dunha mesma paixón. Eu quédome coa miña e vou seguir gozando das miñas paixóns…
26 Marzo, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Andan a igrexa e o PP revolucionados con isto da modificación da lei do aborto. A verdade é que a súa especialidade é mentir e engañar porque no Estado español a lei do aborto xa existe e esta práctica é perfectamente legal. O único que se pretende agora é ampliar os supostos e os prazos legais para a interrupción voluntaria do embarazo.
Eu defendo o dereito das mulleres (de todas as mulleres) a poder decidir sobre o noso propio corpo. Ninguén pode ter dereito a dicirme se eu podo ou non interrumpir o meu embarazo dentro dos prazos legais establecidos. Tampouco entendo que teña que andar contándolle a miña vida a ninguén para tomar unha decisión que, en último caso, só a min me corresponde tomar.
Non se pode mentir e engañar como fai a igrexa. Non se pode dicir que se vai abortar até os 9 meses. Non se pode manipular á opinión pública desa maneira. Pero aínda hai máis, non se pode permitir que a igrexa, coa súa falsa moral, nos pretenda impoñer a súa hipocresía a todos. As leis recoñecen dereitos, pero non obrigan a ninguén a asumir determinadas prácticas. Os avances sociais en materias como o aborto, os dereitos dos homosexuais, os dereitos das mulleres, etc., dannos o dereito a elexir e non nos impoñen nada. A lei do aborto dame dereito a decidir sobre o meu corpo pero non hai nada que me obrigue a facelo. Pero claro, a igrexa non entende de igualdade e de dereitos, sobre todo dos dereitos das mulleres.
9 Marzo, 2009
Xeral
Non hai comentarios
Pasou xa outro 8 de marzo e as mulleres seguimos dando pequenos pasos para ocupar o posto que nos corresponde na sociedade. Non é o tempo de crise unha boa época para os avances ou para manter estes, pero o que non podemos permitir é pasos atrás.
Hoxe todas as estadísticas din que esta crise se ceba coas mulleres, que xa son as que peores condicións laborais teñen. Precarízase aínda máis o traballo e as mulleres sufrímolo directamente. E sufrímolo fóra e dentro da casa. Porque hai cousas que pouco cambiaron e somos as que realmente nos ocupamos das tarefas domésticas e das familiares. Non hai muller que non teña cargas familiares, independentemente de se está casada, solteira, con parella ou sen ela. Moito nos queda por facer e moito por cambiar. Tamén en política, onde as mulleres seguimos sendo unha minoría. Como seguimos sendo unha minoría nos grandes consellos de administración, na dirección de todo tipo de entidas públicas e privadas… Non deixemos que esta crise ampare tamén retrocesos neste campo.
16 Decembro, 2008
Infraestruturas, Política Estatal, Política municipal, Xeral
Non hai comentarios
O PP acaba de anunciar que vai presentar unha moción no pleno do día 23 para demandar da Xunta a retirada do Plan Sectorial de Vivenda de Galiza.
Está claro cal é o obxectivo do PP, atacar a política de vivenda que o BNG está facendo desde esta Consellaría. Pero non o fai só por opoñerse ao BNG, faino tamén por unha cuestión claramente ideolóxica. O PP non cre na política social, non cre na vivenda protexida. O PP, como partido de dereitas, apoia ás clases sociais máis pudentes, con máis poder adquisitivo. O respaldo ás clases populares, aos que menos teñen, nunca formou parte da súa política, nin nos concellos, nin na Xunta nin no Estado.
Pero o BNG tén unha política ben diferente. Este plan sectorial de vivenda vaille permitir a moitos e moitas lucenses con poucos recursos adquirir unha vivenda de calidade igual que a que poden adquirir os desas clases sociais que defende o PP e que desde logo non andan faltos de medios.
Que pode ter de malo que no Carme, na Cheda ou dentro de murallas haxa vivenda protexida? Ou é que esta sempre tén que estar no extrarradio das cidades e das vilas? A nosa aposta é outra, e imos intentar que conte co apoio dos veciños e veciñas que necesitan esa vivenda protexida.



5 Decembro, 2008
Economía, Xeral
Non hai comentarios

Onte celebramos en Lugo un acto para falar das medidas que porpón o BNG para enfrontar a crise económica. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, analisou as alternativas que o BNG está a defender para paliar as súas consecuencias na sociedade galega.
Como nacionalistas galegos temos claro que a crise económica, que a crise do modelo capitalista, non pode implicar un recorte nos servizos públicos. O BNG ten claro que non debemos permitir que a situación de crise se use para recortar as prestacións sociais básicas, as prestacións por desemprego e os dereitos dos traballadores.
Como nacionalistas, temos claro, moi claro, que a actual situación económica non pode representar un paso atrás nos avances sociais conseguidos con esforzo e coa loita de anos da sociedade galega.
Os responsábeis desta crise son todos aqueles que viviron do beneficio e para o beneficio. Os que durante todos estes anos se enriqueceron á conta do esforzo do noso traballo. Eses mesmos que hoxe pretenden que sexan os poderes públicos, é dicir, que sexamos todos os cidadáns, os que lle fagamos fronte ás súas perdas e ás súas débedas. Aqueles que viviron exclusivamente para si mesmos os bos momentos e que agora queren colectivizar, socializar os malos.
O BNG fala moito de autogoberno porque moitas veces, as nosas actuacións vense limitadas ou impedidas polas reducidas competencias do Estatuot actual. Falamos moito da necesidade dun Estatuto de Nación porque estamos convencidos de que a mellor maneira de afrontar unha crise como a que vivimos, é incrementar a nosa capacidade de actuación, o noso poder de decisión. En definitiva, o que o BNG sempre defendeu: máis autogoberno.
13 Novembro, 2008
Xeral
Non hai comentarios
Onte, outra vez, un home asasinou á que fora a súa parella e nai da súa filla polo feito de ser muller. Cada vez que acontece pensas en que non chegan as concentracións, non chegan as ordes de afastamento, non chegan os xulgados específicos (que Lugo non ten) contra a violencia de xénero, non chegan as axudas nin as casas de acollida. E non van chegar nunca mentres non haxa un cambio social radical. Un cambio na mentalidade dos homes que pensan que as mulleres son da súa propiedade e un cambio na mentalidade das mulleres que pensan que é obrigatorio perdoar a quen as maltrata, a quen as humilla… a quen as mata. Porque lamentabelmente aínda está tan interiorizado que o home é quen manda, que despois destes sucesos case sempre se di que eran unha parella normal, que el era boa persoa, … algo introvertido pero máis nada. Xustifícase o inxustificábel! Non existe un rexeitamento real destes feitos e as administracións e a xustiza son excesivamente lentas para atallaren o problema antes de que chegue a morte.
Seguimos fallando no fundamental, na educación, e esta cuestión non logramos cambiala. Non logramos educar homes e mulleres libres, donos de si e do seu corpo, capaces de decidiren e plenamente respectuosos coa vida do outro/da outra. E como non educamos segue habendo mortes, e iso é algo que ningunha sociedade que se di civilizada pode permitir. Cando falamos de terrorrismo esquecemos que morren máis mulleres a mans dos homes, que homes e mulleres a mans do terrorrismo. Pero iso si, cando se produce un ataque terrorrista, todos nos lamentamos e daquela si que se aplican verdadeiras medidas preventivas. Contra a violencia de xénero, non. E o resultado é dramático: mulleres mortas, orfos e orfas, familias destrozadas, vidas truncadas…
Un barcelonés agride á súa parella en Vigo porque non lle deixaba beber viño
« Entradas anteriores