Os cartos son de todos e todas

Política municipal Non hai comentarios

Onte asistimos á inauguración da rehabilitada escola de Santa Comba, unha obra na que se investiron case 250.000 € do Plan E e que quedou realmente ben.
Que nos convidou como BNG ao acto de inauguración foi a Asociación de Veciños existente na parroquia, e non o fixo só con nós senón con todos os grupos políticos, feito que os honra pois estou ben segura de que entre os máis de 100 asistentes ao acto había votantes do BNG, do PP e do PSOE.
Lástima que Orozco, como alcalde de Lugo, non soubese estar á altura das circunstancias. Primeiro el e o Subdelegado do Goberno fixéronlle esperar aos veciños 45 minutos e despois Orozco estivo totalmente desafortunado na súa intervención. Non se pode actuar cos cartos de todas e todos como se fosen del ou do PSOE. Non se pode chegar a un acto deste tipo e dar un mitin de máis de 10 minutos utilizando o seu posto de alcalde para atacar a quen alí estabamos.
Menos mal que os veciños e veciñas de Santa Comba teñen moito máis nivel persoal do que ten el e que a asociación de veciños estivo á altura das circunstancias convidando a todos os representantes políticos a este acto social. Moitas grazas por facelo.

E a Delegada de Urbanismo compareceu…

PXOM 1 Comentario

Compareceu, e non dixo nada: falou do inxente traballo feito, de correccións, de matices, de adaptacións,… e non falou do que realmente nos interesa aos lucenses: dos cambios que está a sufrir o Plan Xeral da man de PSOE e PP.
Se algo quedou claro no pleno deste luns é que a nivel urbanístico en Lugo é o mesmo o PSOE co PP. Dá o mesmo Orozco que Jaime. Defenderon exactamente o mesmo e non se sabe moi ben quen ten máis presa en aprobar definitivamente o PXOM.
A verdade é que a nosa cidade vai perder unha oportunidade única para definir outro urbanismo, de máis calidade, centrado nas persoas en non nos edificios nin nos coches. Un urbanismo para a xente e non para os construtores.

Comparecencia da Delegada de Urbanismo

PXOM Non hai comentarios

O luns 3 de maio temos pleno e o BNG pediu que compareza a Delegada de Urbanismo, María Novo, para que dea conta dos cambios que o PSOE e o PP lle están a introducir ao Plan Xeral de Lugo pola porta de atrás.
Resulta curioso, por non dicir ridículo, ver a Jaime Castiñeira, portavoz do PP no concello, dicindo que se o Ministro de Fomento non explica como se vai conectar a nova ponte coa cidade, que é posíbel que voten en contra do PXOM!!! Menudo papelón o do PP de Lugo. Calados coma mortos desde que o 23 de xaneiro de 2009 lle aprobaron o plan xeral a Orozco, e agora véñennnos con estas. cando foi el mesmo quen se reuniu co Conselleiro de Medio Ambiente e Territorio para que axilizaran a aprobación do novo plan de urbanismo de Lugo.
Hai que ter moita desfachatez e pouca vergoña para actuar desta maneira, dicindo hoxe A e mañá B. O PP aproboulle a Orozco este plan xeral porque teñen moitos intereses urbanísticos no asunto, e non son eu quen o dí, son os veciños e as veciñas de Lugo. E cando volva a pleno para aprobalo de novo, uns e outros, PP e PSOE terán toda unha campaña electoral para dar explicacións.

Perigo de incendio

Medio Rural, Política municipal 1 Comentario

Comeza o verán e no concello de Lugo tamén hai perigo de incendio. Por este motivo imos presentar unha iniciativa en pleno para demandar que o concello elebore un mapa de riscos forestais no noso concello, tanto na zona urbana como na rural.
Este mapa debe conter información sobre os predios non edificados na zona urbana, que en ocasións acumulan lixo e maleza, pero tamén e sobre todo daquelas zonas rurais onde as casas están rodeadas polas plantacións forestais (por certo, incumprindo a normativa vixente posta en marcha polo BNG no anterior goberno da Xunta).
O obxectivo que perseguimos é que sexa a propia patrulla verde, en colaboración cos servizos municipais de urbanismo e zona rural, as que elaboren ese mapa de zonas perigosas para obrigar aos propietarios a actuar nas súas fincas e manter estas limpas. Agardamos que o goberno municipal sexa receptivo a esta proposta porque, nunha cidade como Lugo con 54 parroquias rurais e máis de 300 núcleos de poboación, é moi importante controlar o perigo dos lumes agora que se achega o bon tempo.

Cidade “en ruinas”

Urbanismo Non hai comentarios

O número de edificios declarados en ruina no concello de Lugo vai a máis cada día. Se levantamos a vista podemos ver casas e edificios absolutamente deteriorados e aos que os seus lexítimos propietarios non lles fan caso ningún, pero dos que tampouco están dispostos a desprenderse a un prezo razonábel. A verdade é que esta situación repítese en certas zonas do casco histórico pero tamén nos barrios máis antiguos da cidade como poden ser o barrio Feixóo, a Milagrosa, A Ponte, Lamas de Prado,…
Unha vez abertos eses expedientes de ruina, aos propietarios dáselles un tempo determinado para facer as obras que se estimen oportunas no inmoble, pero o que acontece habitualmente é que seguen sen facelo, polo que o concello está optando pola imposición das denominadas multas cohercitivas, de entre 2.000 e 3.000 €, para obrigalos a actuar. Pero se siguen sen facelo, o concello vai ter que adoptar outro tipo de medidas, tamén legais, para evitar non só o deterioro do patrimonio senón tamén os riscos para os cidadáns.
Un dos exemplos máis claros témolo na Rúa Castelao, onde acontece o que acabo de describir. E o máis grave é que o concello instalou un valado de protección que obriga aos viandantes a baixar á calzada e que impide a circulación de cadeiras de rodas, carros de bebés, persoas anciáns,… porque remata directamente sobre o alcorque dunha das árbores coas que conta esta rúa.
Esta situación non é nova, pois leva xa moitos meses sen que o concello dea novos pasos. E así vemos como o edificio se deteriora cada día máis e como o valado impide a circulación.
Neste caso, e noutros semellantes, o concello debe levar a iniciativa e, ou ben desmontar os elementos que poden caer e repercutirlle o custe aos propietarios, sen deixar de impoñerlles as correspondentes sancións, ou incluso valorar a posibilidade de acometer a obra de rehabilitación do edificio (algo que pode facer Evislusa) dado que entre o valor do inmoble e o do predio ben se pode cubrir o da rehabilitación se os propietarios non atenden a razóns. O que non se pode é seguir así.

A voltas co peche do parque

Política municipal 1 Comentario

O goberno de Orozco está empeñado en pechar o parque Rosalía de Castro, e para iso vai gastar unha partida de máis de 459.000 €!!! Estamos falando, polo tanto, de investir moitos cartos de todos os lucenses para limitar o acceso a un parque que tamén é de todos os lucenses. Ultimamente esta é a moda do PSOE, poñer restriccións a todo o mundo para non ter que abordar realmente os problemas. Que hai quen ten unha actitude incívica, pois pechamos o parque para que non entre ningúen e xa está. Ou facemos unha ordenanza de civismo da que xa teño falado que o único que fai é convertir a rúa nunha cadea na que só os “ben vestidos” están libres de que vaia a policía facerlles unha visita.
Máis lle valía ao PSOE de Lugo pensar en gastar eses cartos do peche en mellorar as instalacións do parque, deixando que todos o todas poidamos seguir disfrutando delas. O Orozco máis retrógrado está actuando estes días por Lugo, e xa veremos que máis ideas deste tipo ten aínda.

Desprezo por Lugo

PXOM Non hai comentarios

As declaracións de onte do alcalde de Lugo despois de reunirse co Conselleiro de Medio Ambiente e Territorio nas que indica que este mesmo mes lle vai enviar o plan xeral adaptado ao informe da Xunta é unha absoluta falta de respeito aos cidadáns de Lugo.
O BNG leva dous meses reclamando que se celebre unha xuntanza para analisar os cambios que o PSOE e o PP lle están introducindo ao documento. O PSOE ten secuestrado o PXOM coa connivencia do PP. Uns e outros teñen moita presa por sacarse de diante un documento que é moi negativo para os veciños e veciñas de Lugo. E agora por riba estano cociñando de costas a todos nós. E o alcalde presume de que llo vai mandar este mes e comete un grave lapsus: antes ten que pasar polo pleno e desde logo o BNG non vai deixar que se lle mande de novo á Xunta sen que os lucenses saiban que é o que se lle cambiou ao PXOM e como lle vai afectar isto aos veciños e veciñas das rúas e parroquias de Lugo.

Costas do Parque: o cinismo de Orozco

Urbanismo 1 Comentario

A postura do PSOE na reunión de onte sobre as costas do parque foi totalmente cínica. E digo isto porque Orozco pretendeu cargarnos a todos coas culpas que só eles teñen. Pretenderon que lle désemos un aval á súa política urbanística neste concello e que apoiásemos a legalidade dun proxecto urbanístico que está custionado nos tribunais.
Pois non vai ser o BNG quen o faga. Non vai ser o BNG quen acepte facer pequenos retoques nun proxecto que é claramente negativo para Lugo e, por riba, de dubidosa legalidade.
Os datos que aportou onte na reunión o representante do promotor poñen sobre a mesa o que son os grandes negocios urbanísticos en Lugo. Que un edificio que costa construilo menos de 2 millóns de euros poida venderse en máis de 8, ten un nome.
A especulación urbanística e a banca foron quen nos levaron ao actual estado de crise, e agora aínda pretenden que os lucenses lles paguemos 5 millóns de euros para retocar o inaceptábel! repito, co BNG que non conten para iso.

O descontrol da auga

Política municipal Non hai comentarios

No último pleno trataronse dúas mocións nas que se abordaba o estado da auga na cidade, unha do BNG e outra do PP. No caso da do BNG pedíamos que se trasladasen a unha única delegación, a de medio ambiente, todas as competencias neste tema. Estamos falando polo tanto de que a depuradora e a potabilizadora, os depósitos, a rede de subministración e o servizo de cobro se agrupen baixo a responsabilidade dunha única persoa para evitar despropósitos como os vividos fai 15 días cando tivemos que estar 2 días sen poder usar a auga da billa por unha cafrada do Sr. Piñeiro.
A verdade é que xa me esperaba a actuación do Sr. Orozco que, no seu papel de alcalde ofendido, nos acusou de querer espallar merda sobre a xestión do seu goberno neste asunto. E claro, tivemos que aclararlle que quen provocou esa situación foron os seus concelleiros. Eles foron os que tomaron unha decisión non contrastada tecnicamente e os que non avisaron con tempo aos veciños para poder facerlle fronte a unha situación absolutamente insólita, que o goberno municipal boicotee a propia rede de abastecemento de auga.
O alcalde debe ter algo máis de humildade e recoñer que, neste asunto, erraron de principio a fin. E que, coa súa actuación irrespondábel, deixaron sen auga apta para o consumo a 100.000 persoas. Se isto non é para criticar, xa me diredes que temos que facer!

O secuestro do Plan Xeral

PXOM Non hai comentarios

Onte dixen que o PSOE ten secuestrado o Plan Xeral. Pode parecer unha acusación moi grave, pero é absolutamente certa. Na comisión de urbanismo e por escrito a delegada, María Novo, confirmoume que o Goberno municipal non vai convocar ningunha reunión para analizar os cambios que están introducindo no documento. Cando o traian á Comisión de Planeamento, vai ser coa intención de que digamos “amén” sen máis, pois xa non imos poder participar en ningún proceso negociador nin imos poder introducir cambio ningún. Se isto non é telo secuestrado, xa me diredes que é!
Desde logo que non conten con nós para entregarlle Lugo aos especuladores, aos que sempre se enriqueceron á conta dos demais, aos que destrozan o patrimonio, o medio ambiente…
PP e PSOE están negociando unha modificación da Lei do Solo que só busca entregarlle o rural a quen practican un urbanismo salvaxe. E xa sabemos o que dá de si este urbanismo. O exemplo témolo na costa.
No caso de Lugo cociñan en segredo un documento que os dous votaron favorabelmente e que, se antes era negativo, agora pode resultar realmente prexudicial para os intereses de Lugo.

« Entradas anteriores Entradas Recentes »