Resultados electorais
Tras a resaca electoral, e despois dos múltiples comentarios escoitados hoxe quero compartir con vos algunhas reflexións. Primeiro, e como non pode ser doutro xeito, agradezo o esforzo de todas as compañeiras e compañeiros do BNG que traballaron a reo por afortalar o nacionalismo en Culleredo. Foron moitos momentos de repartos, de esforzos, e tamén houbo tempo para as risas e a ilusión, non debemos perder a perspectiva de que o noso proxecto nacionalista precisa do noso esforzo agora máis que nunca, así que moito ánimo!!!!
En segundo lugar grazas aos 2.368 veciños e veciñas de Culleredo que apoiaron ao BNG nestes comicios, pois foron o noso alento para seguir a traballar ainda con máis forza e ilusión, con responsabilidade e “sentidiño”, para mellorar o noso Concello e facer un País mellor.
Máis tamén quero agradecer a todos os veciños e veciñas que con chuva, fútbol e de seguro que algo de preguiza, fixeron o esforzo de achegarse ao Colexio Electoral e exercer o seu dereito ao voto, grazas aos 14.108 cullerdenses que falaron nas furnas.
Como supoño imaxinades non estou satisfeita cos resultados, penso que o BNG representa o mellor proxecto político para Galiza,a máis apegada a realidade, a xente, as necesidades do noso territorio. O goberno nacionalista na Xunta foi transformador, conseguiu dar un pulo importante ao noso País, máis non tivemos tempo a ter a perspectiva suficiente para poder aprecialo. O BNG na Xunta foi para Culleredo tamén fundamental, mirade as duas novas galescolas, o centro de día, a peonización de Hersa e Sanjurjo de Carricarte, a nova rede semafórica de baixo consumo e tantas outras cousas que xa coñecedes. Máis está ben claro que algo fixemos mal, e agora compre reflexionar, definir os erros e sobre todo correxilos, farémolo, pois así o demanda a cidadanía.
E no Concello seguiremos a traballar aínda con máis forza, agudizando o enxeño, e contado, como sempre, con vos, cos veciños e veciñas. Hoxe comeza unha nova etapa no noso País, e tamén no noso Concello o BNG estará sempre a frente das vosas demandas, aportando solucións e facendo de Galiza un País mellor.
