27
Ago
2008
A voltas co Noitebús

A irresponsabilidade do goberno municipal de Sanxenxo, coas súas declaracións en contra do Noitebús, está chegando a cotas inadmisíbeis.

Como se pode comprobar, aproveitan unh vez mais a páxina web oficial do Concello para criticar á oposición.

Xa non é só o concelleiro de seguridade cidadá senón agora tamén é a propia alcaldesa, vina e escoiteina onte en Telesalnés, a que se manifesta en contra dun servizo que, sen ser a solución, axuda en grande maneira a coidar da seguridade nas estradas dos nosos mozos e mozas.

Dende o BNG temos que lembrarlle aos concelleiros do PP de Sanxenxo que este servizo foi iniciado no ano 2000 pola Xunta, gobernada polo seu partido, e foi presentado en Sanxenxo polo entón Conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña.

Esta medida era tomada, por aquel entón, para reducir os accidentes de tráfico e foi secundada pola totalidade dos concellos gobernados polo Partido Popular.

Os responsábeis do PP de O Grove pedían no ano 2006 a inclusión neste servizo e no mes de abril deste ano o Concello de Cambados, gobernado tamén polo PP, solicitou unha subvención para por en marcha o Noitebús.

Esta xente do PP que nos goberna (?) en Sanxenxo son tan incongruentes que o que pedían no ano 2003, agora dín que é prexudicial!

Dicir que o Noitebús é o culpábel de que os mozos e mozas consuman alcol non é só unha irresponsabilidade por parte dos actuais gobernantes de Sanxenxo senón que é simplemente mentira.

Calquera veciño ou veciña de Sanxenxo puido comprobar o pasado sábado (eu vino cos meus olliños) como da práctica totalidade dos coches aparcados diante da piscina de Portonovo baixaban bolsas cheas de botellas con alcol e atravesaban a rúa para consumilo, como sempre, no paseo da praia de Portonovo, a pesar de estar en vigor a ordenanza que o prohibe.

Que podemos agardar dunhas persoas de misa e procesión que logo convidan a pecar?  

Éche o que hai! E inda quedan 3 anos con este goberno!

Escrito por robertolores | Sen Comentarios »
25
Ago
2008
Solidariedade

Na negativa a modificar a lei electoral están dacordo tanto o PSOE coma o PP, inda que estes queiran ir agora de “salvadores” porque non están gobernando. Tempo tiveron dabondo para facelo e non o fixeron.

Na Galiza isto vese agravado polo “voto emigrante”, ante o rexeitamento do goberno a que as eleccións se fagan dun xeito democrático, con voto presencial en urna, evitando que poidan votar os mortos como ocorre agora!

Mais tratando só o censo de residentes, podemos comprobar as diferencias que, dentro do estado, teñen uns territorios con outros.

Así temos provincias que con menos habitantes elixen máis deputados e deputadas para as Cortes Xerais que outras con máis.

Vexamos algúns exemplos:

A Coruña cun censo de 949.000 votantes, elixiu 8 deputados/as.

 - Murcia con 951.000 votantes ….  10 deputados/as.

 - Cádiz con 939.000 votantes ……    9 deputados/as.

Pontevedra con 770.000 votantes, elixiu 7 deputados/as.

 - As Palmas con 745.000 votantes ….  8 deputados/as.

Estes datos nunca son tema de debate por parte dos partidos estatais. Tanto ao PP como ao PSOE non lles interesan. Así deixaron que Galiza pasara de elixir a 25 deputados nas eleccións xerais do ano 2001 aos 23 que se elixiron neste ano 2008.

E que mais lles da, total a única diferenza é que no ano 2001 a procesión dos “caladiños” era de 22 e agora é de 21!

Non lles interesa porque entón podería gañar mais forza  en Madrid o BNG. Si con 2 deputados fan preguntas para ter sabedores aos galegos e galegas do que se “coce na capital”, imaxinádevos que tiveran grupo parlamentar!

Estes días deron resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Francisco Jorquera, sobre os investimentos que fixeron dende Madrid en seguridade viaria nas nosas estradas e sobre a recadación da Xefatura de Tráfico por infraccións.

A resposta do “Gobierno de España” deixa ben ás claras como tratan ao noso País:

 - Recadado no ano 2007 …………..  32.071.731 Euros.

 - Investido no ano 2007  …………..   3.100.248 Euros.

Cantos deputados e deputadas do PP ou do PSOE deron a coñecer estes datos?

Temos as peores estradas, xa que logo temos mais accidentes, con máis mortos e feridos, polo que entón temos os seguros dos coches mais caros, e o estado inviste en seguridade viaria o 10% do que recada!

Esta é a solidariedade da que falan?

 

 

 

Escrito por robertolores | Sen Comentarios »
22
Ago
2008
Noitebús

Onte sorprendeunos o concelleiro de seguridade cidadá de Sanxenxo cunhas declaracións en Radio Voz nas que lle botaba a culpa dos botellóns que se fan na vila aos mozos e mozas que chegan no Noitebús.

Esas declaracións poderían achacárselle á súa falta de experiencia ou ignorancia, mais iso ficou aclarado cando dixo que por ese motivo non asinaran o convenio coa Xunta para ter o servizo, o que fai supor que é o pensamento de todo o goberno.

Non sei pensará destas declaracións o alcalde de Lalín, que tamén e do seu partido e pediulle axuda á Xunta para ampliar as liñas do Noitebús.

Ao parecer tampouco opinan igual que os gobernantes de Sanxenxo os da “canteira” do PP.

É verdadeiramente lamentábel que un concelleiro de seguridade cidadá critique a uns mozos e mozas que son os únicos que demostran ter sentidiño deixando os seus coches na casa e utilizan un servizo público que os salva de moitas desgrazas.

Por que non ficará caladiño!

Ou polo menos que faga honra ao seu nome!

Escrito por robertolores | 1 Comentario »
21
Ago
2008
Recollida de lixo

O grupo de goberno do Concello de Sanxenxo, quere aprobar un 4º modificado no contrato coa empresa concesionaria do servizo de limpeza, que se adxudicou mediante concurso no ano 2.000 por importe de 247.103,86 €/ano.
Este contrato inicial foi sufrindo modificados, baixo unha suposta mellora no servizo, nos anos 2.001, 2.002 e 2.004 chegando ao custe actual de 776.013,39 €/ano.
Temos que lembrar que, segundo a liquidación das contas do Concello do ano 2.007, este servizo presentou un déficit anual de máis de 346.000 euros.
Agora preténdese volver a modificar o contrato cunha suba de 33.950,00 euros ao ano, por incrementar a recollida, nos meses de xuño a setembro, no contorno do Porto Deportivo de Sanxenxo e en zonas de “alta utilización”.
Isto sen custo algún para os usuarios que se verán beneficiados, co conseguinte agravio para o resto dos veciños e veciñas do concello!
Por si era pouco isto, tamén pretenden adxudicar de xeito directo o servizo de mantemento, limpeza e baleirado de papeleiras á mesma empresa.
Este servizo fora adxudicado mediante concurso, no ano 2.006, a outra empresa. O contrato rematou o 16 de marzo deste ano 2.008, sen ser obxecto de prórroga.
A empresa adxudicataria deste servizo gañou o concurso presentando unha proposta de 66.903,15 €/ano.
Agora preténdese adxudicarlla a outra, sen concurso público, por un importe anual de 109.388,64 €. O que supón un incremento do 63,50%!
Os modificados dos contratos regulaméntanse polo establecido no Real Decreto 2/2.000 de 16 de xuño que, para xustificalos, no seu artigo 101 di:
- Debe tratarse de necesidades novas e imprevistas.
- O supoñer unha porcentaxe superior ao 10% débese engadir unha memoria xustificativa e xustificar a improcedencia dunha nova licitación.
Este aspecto é sinalado no informe da Intervención Xeral do Concello.
En conclusión:
- Preténdese mellorar dun xeito importante os ingresos da actual empresa concesionaria, sen concurso público e sen a xustificación necesaria que contempla a lei.
- Vaise incrementar o déficit do servizo de recollida de lixo en máis de 76.000 euros anuais.
- Os veciños do rural de Sanxenxo van pagar a mellora dun servizo que só beneficia a uns poucos.

- Nos tempos de crise que estamos a vivir, este goberno(?) en vez de axustar custes fai ao revés e incrementaos cada vez máis!

Escrito por robertolores | 1 Comentario »
6
Ago
2008
As praias e as fanecas

Estamos no mes de agosto, mes de vacacións, e o goberno local de Sanxenxo tamén debeu collelas. Ben, en realidade levan de vacacións (pagadas) 14 meses.

Como en vacacións non se xeran noticias e hai que xustificar porque se ten un gabinete de prensa ao que se lle paga todos os meses, escríbense noticias como a que publican hoxe.

Eu, despois de ler o artigo, non sei o que pretenden con el.

Ocórrenseme varios motivos, como informar de que:

- As praias de Sanxenxo teñen moitas fanecas. “1.848 picaduras de faneca”.

- Van denunciar ás fanecas. “As fanecas foron as responsábeis do 44% das intervencións…”

- Queren facer unha clasificación das praias por número de picaduras de faneca. “1ª Montalvo con 611 picaduras…”

- Na praia de Silgar hai moitos ourizos e insectos. “Silgar está ao fronte noutras incidencias como ourizos, picaduras de insectos…”

Estou seguro que estas non eran as súas pretensións, pero a min non se me ocorren outras.

Non me estrañaría nadiña que un día destes saquen outra noticia como:

“O día “tal” de agosto rachouse o record de permanencia no atasco de Portonovo a Sanxenxo. Un coche tardou 1 hora e 6 minutos en chegar desde Baltar ata A Florida. A anterior marca estaba en 59 minutos, conseguida por un coche conducido por un turista de Ourense, no día “cal” do mesmo mes de agosto do ano pasado”.

Todo o que se faga por mellorar a imaxe do concello é pouco!

Agora ben, que se boten a temblar as fanecas: está a fronte do operativo o concelleiro de seguridade cidadá!

Moito traballa este home! E con dedicación parcial! Iso si… cunha paga de 2.400 euros ao mes!

Escrito por robertolores | 1 Comentario »
5
Ago
2008
A culpa da crise

Onte dicía eu que a culpa da crise internacional non era dá alcaldesa de Sanxenxo. Home, para chegar a esa conclusión non fai falta escribir un blog, diredes vos e tendes razón.

Ogallá fora dela, porque entón tería unha solución doada, pero por desgraza non é así e a solución é moi difícil e vai para longo. Xa pode dicir “misa” o ministro Solbes.

Hoxe podíamos ler que o 10% da banca norteamericana declárase en banca rota.

Velaí o comezo do problema!

Eu non teño os coñecementos suficientes nin a capacidade didáctica para explicalo, pero o outro día atopei de casualidade un blog que o fai dun xeito moi sinxelo para que poidamos entendelo todos.

O blog é dun profesor que se chama Leopoldo Abadía e titula o post como: “Crise financeira NINJA”.

Aconséllovos a súa lectura. É un pouco extenso, pero ameno e moi interesante. Paga a pena lelo ata o final.

Escrito por robertolores | 1 Comentario »
4
Ago
2008
A alcaldesa non ten culpa da crise!

Por se lle pasou pola cabeza a alguén, ao ler o meu comentario anterior sobre o nivel de visitantes do mes de xullo dado o seu ton, que estou contento por estes datos, teño que dicirlle que todo o contrario: estou moi preocupado.

Estou preocupado pola teima que ten este goberno en tratar de agochar a realidade.

Sra. Alcaldesa e señores concelleiros do goberno: vostedes están a facelo rematadamente mal, pero tranquilos, non son vostedes tan importantes e a culpa da crise internacional non é súa!

Agora ben, en Sanxenxo notarase con mais forza esta crise (xa o expliquei o outro día) e iso si será culpa súa.

Cando en todos os destinos turísticos se queixan da baixada do negocio no sector, en Sanxenxo seguen empeñados en negalo.

Como ben sabedes, para poder solucionar un problema primeiro hai que recoñecer que se ten.

Preocúpense máis dos veciños e veciñas de Sanxenxo e da súa economía (da dos veciños digo, porque da de vostedes xa todos sabemos que se preocupan).

Sempre dixeron que non podían negarlle a licenza ás grandes superficies que se instalaron en Sanxenxo pero iso non é de todo certo. Lembremos:

- Convenio con EROSKI (un non asina un convenio se non quere).

- Convenio con CHAMPION, agora Carrefour (por certo, onde irá o muíño que había alí?).

- Aprobación de licenza para a nave de DIA onde o PXOM só permitía a construción de vivenda unifamiliar.

- SUPERCOR instalarase nun solar que sempre foi un humidal e que se converteu en edificábel despois de varias operacións… dubidosas? Iso si, coa complicidade de Augas de Galicia!

Algunha culpa terán vostedes nestes asuntos, non si?

O sábado pasado, ás 4:30 da madrugada, había dous postos da “Feira de Artesanía”, que está instalada á entrada de Portonovo, abertos e despachando mercancía. Eran dúas panaderías. É de supoñer que o pan, os bocadillos, as pizzas e demais “manduca”, eran artesáns!

Tamén tiñan, ámbalas dúas, carteis que poñían: “HAI XEO”, “BEBIDAS FRÍAS”.

Isto levoume a facer varias preguntas:

- Que horario comercial teñen os da Feira de Artesanía?

- Para que sería o xeo? Non sería para o “botellón”? Non creo, iso xa está prohibido por un regulamento! (Por alí pasan moitos mozos e mozas camiño das discotecas e sempre pode haber algún que escorde un nocello e o xeo vai moi ben para baixar a inchazón).

- As bebidas frías, serían licor café e caña de herbas? (polo de artesán digo).

- Por que non protestaron este ano os de Entretendas (facíano todos os anos) pola instalación desta feira?

 

 

Escrito por robertolores | 1 Comentario »
4
Ago
2008
Visitantes do mes de xullo

Sempre me resultou curioso os datos que se manexan dende o Concello para calcular o nivel de visitantes nos meses de verán: a recollida de lixo e o consumo de auga. (Seguindo eses parámetros deberían medir tamén o índice de garrafas cheas na fonte do Vimbieiro (1)).

As conclusións que tira o goberno municipal é que, segundo eses datos, o nivel de ocupación do mes xullo foi semellante ao do ano pasado.

Eu, polo que me din algúns veciños relacionados co sector da hostalería, diría que a ocupación do mes de xullo foi considerabelmente menor que a do ano pasado, pero claro eu non teño datos para facer esta afirmación.

Logo dan outro dato (que non debe ter moito que ver co nivel de visitantes) que me resulta, sempre dende o meu punto de vista, contraditorio: as oficinas de turismo atenderon un 18,72% menos de consultas que no mes de xullo do ano pasado.

En base a isto podes pensar que os visitantes son case sempre os mesmos e xa non precisan consultar as oficinas de turismo, pero logo din que o 55,67% das consultas foron feitas por xente que viña a Sanxenxo por primeira vez. Non sei, como este índice non se ten en conta para  calcular o nivel de visitantes, non debe ter importancia.
Eso sí, “segundo nos comentan diversos comerciantes e hostaleiros, aínda que o número de visitantes a penas variou, si notan unha caída no consumo que se pode establecer nun 15 ou nun 20 por cento, dependendo do sector”, añadió Aguín Fernández.

Pero isto non é preocupante porque a baixada no consumo dos hostaleiros de Sanxenxo e directamente proporcional á suba do consumo nos establecementos de alimentación: Carrefour, Dia, Mercadona, Gadis, Froiz, Eko-Max e os que están por chegar: LIDL, Eroski e Supercor, quedando deste xeito o balance equilibrado. 

Non sei se pensarán o mesmo os veciños e veciñas de Sanxenxo propietarios de pequenos “super”, pero pode que si.

Tamén houbo algún hostaleiro que me dixo (eu creo que de xeito malintencionado) que era normal que se mantivera o volume na recollida de lixo porque no seu hotel tivera que aumentar o persoal de limpeza (compensado coa baixada en número de camareiros) dada a cantidade de restos de comida que sacaban todos os días das habitacións. 

O que non me soubo explicar este hostaleiro, para manter a súa teoría de que no mes de xullo visitounos menos xente que o ano pasado, foi o dato do consumo de auga.

Eu, para axudarlle, dinlle dúas opcións:

1ª.- Que ían mais á praia e traían mais area.

2ª.- Que eran menos pero mais limpos.

 (1) Ver solución para facer o cálculo. Ler o resto desta entrada »

Escrito por robertolores | 1 Comentario »
1
Ago
2008
Non hai nada que facer!

Mentres sigamos a vivir neste sistema capitalista, globalizado, neoliberal e todos os outros adxectivos que lle queirades por, non temos nada que facer para mellorar o benestar dos cidadáns e cidadás de a pe.

Dende o goberno do estado seguen a ”vendernos a burra” de que hai que apertar o cinto porque a crise é moi forte.

As medidas que nos propoñen son as de sempre: conxelar os salarios, pechar a billa da auga, trocar as bombillas tradicionais por outras de baixo consumo (como novidade parece ser que nos van agasallar con unha por familia), etc., etc.

Pola contra permiten que se suprima a tarifa nocturna ou que as eléctricas suban os seus recibos un 7%.

E que pasa coas empresas? Nada!

Que corren malos tempos para o sector inmobiliario… pois a investir no sector da enerxía!

E aos grandes empresarios que arriscan (?) o seu patrimonio? Nada!

Que un negocio non lle vai como quixera … pois a aprobar unhas  “stock options” e a vender á mellor poxa!

Para reducir o consumo das familias e non aumentar a inflación, soben os tipos de xuro. Claro que, como xa “semos europeos”, aquí o goberno non ten (din eles) moito que facer porque é cousa do Banco Central Europeo.

Pero entón, si baixa o consumo, os bancos non dan préstamos e perderán negocio e beneficios?

Tranquilos, non vos preocupedes polo sector financeiro que cunha operación, para “axudar” a que as grandes empresas non entren en crise, xa superan aos créditos que puideran pedir mais dun millón de familias,  traballadores autónomos ou pequenas empresas.

E todo iso en 24 horas!

A que vos tamén conseguides un préstamo de 6.000 euros en 24 horas?

 

Escrito por robertolores | Sen Comentarios »
31
Jul
2008
O futuro de Sanxenxo

Na miña intervención no Pleno de aprobación dos orzamentos dixen que o modelo de xestión que ten este Concello, iniciado por Telmo Martín e seguido pola actual alcaldesa, está esgotado porque basea os seus ingresos na xestión urbanística.

Unha vez rematada a puxanza do sector do “ladrillo”, ao estoupar a burbulla inmobiliaria, o Concello ficará sen eses ingresos “atípicos” pero o custo dos servizos e da plantilla de empregados será, no mellor dos casos, o mesmo.

Con esta situación económica e o modelo de xestión seguido polo PP de manter as súas redes clientelares a base de incrementar a plantilla ano a ano, a marxe que queda para investimentos é: “cero patatero”.

Canto nos imos lembrar da compra de Punta Vicaño!

Cun goberno que se dedica a facer oposición ás outras administracións en vez de negociar con elas para conseguir financiamento de novos proxectos, o futuro de Sanxenxo é bastante escuro, por non dicir negro coma un “chamizo”.

A xestión do goberno para conseguir que os veciños e veciñas de Sanxenxo non teñan que depender unicamente do sector servizos foi nula e imos a pagalo moi caro nos vindeiros anos.

Non hai mais que botarlle unha ollada aos datos do emprego en Sanxenxo por sectores:

                                     Ano 2.006                     Ano  2.007

                                persoas      %                   persoas       %

- Agro/pesca . . . . .         669     11,7                     652      10,6

- Industria  . . . . . . .        459       8,0                     502       8,1

- Construción  . . . .       1.337     23,4                   1.471     23,8

- Servizos  . . . . . . .      3.251     56,9                   3.555     57,5

Que vai pasar agora con todos os empregados do sector da construción?

Para que vos fagades unha idea do problema, sabede que no conxunto de Galiza o sector da construción emprega só a un 13% da poboación activa e na provincia de Pontevedra só representa o 12%.

E mentres tanto o Parque Empresarial sen empresas e polo momento (agardemos) sen enlace coa autovía.

Pois nada… todos a traballar na hostalería e, iso si, rezando para que non chova!

Escrito por robertolores | Sen Comentarios »