Fin de semana gastronómico

8:26 pm Sen clasificar

Esta fin de semana foi unha auténtica festa gastronómica. Para comezar o venres pola noite acompañei ao meu irmán na presentación da candidatura do BNG de Pontevedra. Eu, e outros cantos centos de persoas démonos cita no recinto feiral para transmitir o noso apoio ás accións que o goberno municipal desenvolveu nos últimos oito anos na cidade, e que, estamos convencidos, seguirán executando nos próximos catro anos. Seguindo coas presentacións, onte ao mediodía tamén asistín ao xantar que os compañeiros de Cambados celebraron para presentar a súa lista de cara ás vindeiras eleccións. 

Xa noutra liña, foi a cea do sábado en Santiago de Compostela. Como bo lector que son do desaparecido escritor, non podía menos que asistir á entrega do II Premio Manuel María á dignidade nacional, que este ano recaeu no semanario A Nosa Terra. En representación da publicación recolleu o galardón o seu director, Alfonso Eiré. Durante o acto, Miro Casavella fixo un pequeno recital de cancións musicando versos do gran Poeta Nacional, que se lidos son extraordinarios, cantados resultan prodixiosos.