27 Maio, 2007
Sen clasificar
Non hai comentarios

Hoxe é o día D. Hoxe decídese o goberno de Sanxenxo para os próximos catro anos. Como podedes comprobar eu xa exercín o meu dereito ao voto esta mañá. O resultado haberá que esperalo até a noite, a ver se reflicte as expectativas creadas o pasado venres no peche de campaña en Vilalonga. Catrocentas persoas se pasaron pola praza para escoitar o que tiñamos que dicir os do BNG. Catrocentas persoas que nos manifestaron o seu apoio. Unha auténtica sorpresa. E iso sen necesidade de anunciar nos carteis que iamos ter polvo ao remate. Para que logo digan que os tempos non están mudando. Agora toca agardar a ver que decidides vós: se me dades e razón e entón terei que cantar ese corrido mexicano, ou se pola contra, estaremos outros catro anos máis escoitando promesas baleiras.
24 Maio, 2007
Sen clasificar
2 Comentarios

Onte foi o meu aniversario: medio século de historia ás miñas costas (aínda que non o parece, eu síntome como un chaval de vinte anos). A miña muller e os meus compañeiros déronme unha pequena sorpresa despois do mitin (por certo, do que saín moi contento; normal, con Iria Aboi mitineando calquera non sae contento, os que a escoitastes algunha vez xa sabedes do que estou a falar). Ao rematar a faena no ruedo do Pazo Emilia Bazán fumos cear, o descanso do guerrero, que tamén nos corresponde, e nos postres agasalláronme cunha tarta que só traía unha vela. Que ilusión me fixo, non mo esperaba. Pero máis ilusión que a tarta fíxome o feito de que levase unha única vela, quizais non para celebrar os meus cincuenta anos, senón o meu primeiro aniño como alcalde de Sanxenxo…! Iso saberémolo o vindeiro domingo.
23 Maio, 2007
Sen clasificar
1 Comentario

Tremebundo! Botándolle un ollo á prensa de hoxe atopeime na portada dun xornal con esta aberración urbanística que se esparce pola costa do levante como unha epidemia. E como toda epidemia que non se controla a tempo, estase a converter nunha pandemia que ameza con infectar o territorio galego. Que nadie se sorprenda cando dentro duns anos, e non serán tantos, todo o litoral galego sexa un continuo de urbanizacións desligadas do seu contorno, sen conexións coa cultura na que se insiren, nin respecto polo medio. Leer o resto …
21 Maio, 2007
Sen clasificar
2 Comentarios
O meu fillo regresou esta tarde a Barcelona, onde está estudando, despois de pasar unha semana na casa. E vai en tren, porque, como a moita xente non lle gustan os avións. 16 interminábeis horas de traqueteo (”al compás del chachacá”, como cantaba El Consorcio) atravesando o norte da Península nun tren que poderiamos tildar de antediluviano: o “Estrella Galicia”. Pois se este é a estrela ferroviaria dos galegos, non quero pensar como serán as máquinas máis normaliñas… Leer o resto …
21 Maio, 2007
Eventos
Non hai comentarios
E como non podía ser doutro xeito esta noite teremos o peche de campaña na miña terriña. Mitin a partir das dez da noite na Praza de Vilalonga, con intervencións dos catro primeiros candidatos da lista e mais Montse Prado, a delegada provincial de Innovación e Industria, que nos acompañará neste último acto de campaña.
21 Maio, 2007
Eventos
Non hai comentarios
Hoxe estaremos de mitin en Portonovo, no Hotel Cachalote. Falaremos Albino Caneda, número sete da candidatura, Yoya e mais eu. Tamén intervirá o responsábel comarcal do BNG e membro do Consello Nacional, Duarte Correa.
21 Maio, 2007
Eventos
Non hai comentarios
Esta noite teremos o mitin central desta campaña ás municipais. O lugar: o Pazo Emilia Pardo Bazán. Interviremos Sandra e mais eu e ademais estarán connosco Iria Aboi, a secretaria xeral de Galiza Nova, e o senador e coordinador da Executiva Nacional do BNG, Francisco Jorquera. Non faltedes!
21 Maio, 2007
Eventos
Non hai comentarios
Hoxe toca visitar Arra. Ás nove e media mitin en Casa Zulema. Falaremos David Otero, Gloria González (Yoya) e eu.
21 Maio, 2007
Eventos
Non hai comentarios
Esta noite faremos un mitin no Hotel Peregrina, na Adina. Interviremos Sandra F. Agraso, Yoya e mais eu.
18 Maio, 2007
Sen clasificar
5 Comentarios
A realidade é como un espello no que cada un se ve como quere. Todos somos conscientes de que é un espello, pero o que nel se reflicte depende de quen o vexa. Pois ben, semella que algúns neste concello non son nin sequera capaces de recoñecer ese espello común, tan desviada está a súa perspectiva. E como non son quen de ver ese espello tampouco son quen de transmitir o que outros intentan proxectar nel. Escoitan palabras, pero non saben onde e transmítenas terxiversando completamente o seu significado, coa esperanza de confundir á opinión pública e transformar, sempre para mal, a imaxe que a xente ten das cousas. Pero eu confío plenamente na intelixencia dos veciños deste concello, e agardo que saiban diferenzar entre as visións deturpadas que algúns van espallando por aí, e a realidade común a todos nós.
E despois desta digresión filosofante, lembrarvos que esta noite toca debatir en TeleSalnés. Os seis candidatos á alcaldía de Sanxenxo presentaremos as nosas propostas e botarémonos os trastos á cabeza. Ben, isto último supoño que non pasará, aínda que hei de recoñecer que de acontecer seguro que batiríamos récords de audiencia.