31 Xaneiro, 2008
Política local
4 Comentarios
O 20 de agosto de 2007 comezou a funcionar a nova páxina web do concello de Sanxenxo. Por certo, só en castelán. O resto dos idiomas, incluído o galego, di que están “en construción”. Debe pasarlle como ás obras de O Revel. Terán algún requerimento da Xunta para a súa paralización?
Non se entende que non figure en galego, sobre todo porque a meirande parte do contido da páxina son documentos saídos do Concello que están redactados en galego e teñen que traducilos ao castelán. Así poden verse “perlas” na tradución como a que figura no apartado destinado ás Comisións Informativas que di: “Las comisiones informativas realizarán sus sesiones comunes cada dos meses, con el gallo de las sesiones plenarias de carácter común”.
Como ao/á redactor/a da páxina, “ordinarias” debía soarlle mal, decidiu pola súa conta poñer “comunes” que é máis fino. Iso si, o que non sei é o que pinta un “gallo” nas sesións plenarias!
En canto ao contido, aparte da sección de “propaganda” do grupo de goberno, podería mellorarse bastante. O que si é fiel a realidade é o apartado de Xestión Municipal. Das actas do Pleno están colgadas ata a nº 5, do mes de outubro de 2007. Ordenanzas Fiscais non hai; Orzamentos tampouco; Calendario de pagos, non teñen. En Plans e Proxectos figuran: Polígono Industrial (non era privado?), aparcadoiros de Sanxenxo e Portonovo, Cidade Deportiva Municipal, Complexo Socio-Educativo Municipal en Baltar e Gardería en Vilalonga. Todo isto non variou dende a data de inicio da páxina, claro que os proxectos… tampouco.
30 Xaneiro, 2008
Política local
3 Comentarios
Na tarde de onte celebrouse o Pleno Ordinario máis longo dos últimos 5 anos Sanxenxo. Comezou ás 20:30 e rematou ás 24:00, por imperativo legal, quedando sen tratar o último punto de rogos e preguntas.
Non foi longo polo puntos da orde do día, que só eran 10 e estaban rematados ás 22:00, senón polas mocións presentadas polos grupos da oposición.
O grupo municipal do BNG presentou 5 mocións, das que 4 foron aprobadas por unanimidade (correos, supresión da tarifa nocturna, apoio ao pobo saharaui e sinatura dun convenio coa Consellaría de Educación para o traslado do CEIP Cruceiro de Vilalonga á finca de O Revel) e foi rexeitada polo grupo de goberno do PP a moción para que o Concello formalizase a adhesión ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza.
Anteriormente tratáranse as 7 mocións do grupo mixto que, agás unha, foron todas rexeitadas polo grupo de goberno, e que ocuparon a meirande parte do tempo. Cabe salientar que unha moción deste grupo, para solicitar a mellora dos consultorios médicos de Vilalonga e Sanxenxo, contiña unha exposición de motivos de 5 folios.
Ao non tratarse o apartado de rogos e preguntas, quedaron sen resposta por parte da alcaldía as preguntas do BNG sobre o motivo da paralización das obras na finca municipal de O Revel.
Quedamos sen saber que explicación daría a Sra. Alcaldesa pola paralización das obras do Centro Socio-Cultural e da 3ª Idade, da Escola Infantil e do Campo de Fútbol, tan necesarias para Vilalonga. Os veciños e veciñas de Vilalonga poden agradecerlle esta falta de resposta ao portavoz do grupo mixto.
29 Xaneiro, 2008
Política local
Non hai comentarios
Estes días os veciños e veciñas de Sanxenxo están a soportar unha vez mais os atascos na rúa Progreso de Sanxenxo. Esta vez é por culpa do asfaltado da estrada. Canto tempo tardarán en volver a romper o asfalto para instalar outro servizo?
Xa instalaron “R” e Gas Natural, agora virá Telefónica, Unión-Fenosa ou calqueira outra compañía e desfará o feito. E os responsábeis do concello sen tomar ningún tipo de medida. Dirán que esa rúa non é competencia do Concello senón da Xunta de Galicia. A que esperarán para reclamar a súa titularidade?
A Sra. Alcaldesa manifesta que a PO-504 “é unha travesía de carácter urbano” e por iso reclama a súa titularidade para o concello, entón para ela, que carácter teñen a rúa Progreso ou a avenida Luis Rocafort?
28 Xaneiro, 2008
Política xeral
2 Comentarios
Hoxe levantámonos co anuncio de Zapataro de que pensa devolver 400 euros a todos os que facemos a declaración da renda si gaña as eleccións do 9 de marzo. A demagoxia do PSOE está chegando a extremos difíciles de comprender.
As medidas que din “sociais” comezaron co pago de 2.500 euros por fillo, sen distinguir niveis de renda, por certo, medida que provocou indirectamente o secuestro da revista “El Jueves”, cousa que nunca pasara dende que hai democracia no estado español e que nos lembrou tempos moi pasados.
Continuaron coas axudas ao aluguer, inxerindo competencias das autonomías. Mais, as promesas que esta a facer o PSOE nesta precampaña son todo menos medidas que sirvan para nivelar as diferenzas sociais que debería tomar un partido que se chama progresista.
A supresión do imposto sobre o patrimonio, que beneficia só a 4 ricos. A rebaixa no imposto de sociedades, que non implica por ningures que se vexan beneficiados os traballadores e traballadoras. E agora a devolución de 400 euros de xeito lineal, tanto para os que gañan 10.000 euros ao ano como para os que gañan 60.000.
Faltan 42 días para as eleccións, que tipo de promesas nos agardarán?
Quedamos á espera.
25 Xaneiro, 2008
Sen clasificar
2 Comentarios

Hoxe quero facer un recoñecemento ás mulleres deste país que sempre foron, e seguen a ser, a “alma mater” da inmensa maioría das familias galegas.
Mariscadoras a pé, traballadoras da conserva, redeiras, traballadoras do campo, maioría no sector da hostalería… e aparte nais (moitas veces tamén pais) e, agás en contadas parellas, responsábeis de todas as tarefas do fogar e sobre todo do control da economía familiar.
Faime graza cando algúns sesudos tertulianos, e moitos políticos, defenden teorías contrarias ao dereito de adopción das familias monoparentáis. Que lle pregunten ás mulleres galegas, que sufriron a maior lacra deste pais como foi, e inda por desgraza segue a ser, a emigración, como sacaron adiante aos seus cativos.
Ás mulleres galegas, por moito que se intente, nunca seremos capaces de agradecerlles o que fixeron e fan por este país.
24 Xaneiro, 2008
Política local
Non hai comentarios
Esta mañá asistín a varias Comisións Informativas no Concello. A Alcaldesa non asistíu a ningunha porque estaba exercendo de anfitriona dos alcaldes do Club das Vilas Mariñeiras. As comisións comezaron ás 10 e remataron pasadas a 1 da tarde.
Entre outros asuntos como a aprobación do Regulamento para os cemiterios municipais de Dorrón e Sanxenxo ou a cesión ao SERGAS dunha parcela en Vilalonga para a construción dun Centro de Saúde, tamén se tratou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e o O.R.A.L. para “o financiamento da asistencia técnica para a inspección da liquidación definitiva do imposto sobre construccións, instalacións e obras (I.C.I.O.) e a taxa pola expedición de licenzas do obras”.
Un convenio que ten un nome tan enrevesado non podía ser nada bo!
A ver se consigo explicar de que vai a cousa. Cando un particular ou promotor solicita unha licenza de construción no Concello, paga o imposto (I.C.I.O), que en Sanxenxo é o 4%, sobre o orzamento da obra a realizar. Ao remate das obras, o Concello ten que facer unha inspección e comprobar que o custo da obra foi igual, superior ou inferior ao que figuraba no orzamento cando solicitou a licenza. En caso de haber diferenza, hai que practicar unha liquidación definitiva e cobrar ou devolver esta diferenza co pagado ao solicitar a licenza.
No concello de Sanxenxo esta liquidación definitiva non se está practicando. Isto xa o denunciou o Consello de Contas na auditoría da xestión urbanística que fixo no ano 2003.
O goberno de Sanxenxo alega que non ten persoal suficiente para este cometido. Pois ben, esta “asistencia técnica”, contratada polo O.R.A.L., organismo dependente da Deputación, vai cobrar o 19% do recadado por estas liquidacións. A este 19% hai que engadirlle o 6% que cobra o O.R.A.L. pola emisión dos recibos.
En definitiva, o concello de Sanxenxo vai pagar un 25% a unha empresa externa por facer un traballo que tiña que facer a Xerencia de Urbanismo.
E o mais grave do convenio: non ten claúsula de duración!
23 Xaneiro, 2008
Política xeral
1 Comentario
Onte asistín a un acto do BNG en Vilagarcía, cun auditorio repleto, no que interviron o Teniente de Alcalde de Vilagarcía, o nacionalista Xosé Castro Ratón, a tamén concelleira e candidata nº 3 na lista do BNG pola provincia de Pontevedra ao Congreso dos Deputados, Rosa Abuín e a Conselleira de Cultura da Xunta de Galiza, a nacionalista Anxela Bugallo.
Os tres falaron da importancia que ten que o nacionalismo galego acade unha ampla representación nas Cortes Xerais o vindeiro 9 de marzo, porque os deputados e deputadas do BNG son os únicos que poñen a Galiza por diante en calquer negociación, mirando só por mellorar o benestar dos galegos e das galegas, como xa o demostraron na lexislatura que acaba de rematar os deputados do BNG, Francisco Rodríguez e Olaia Fernández Davila.
A Conselleira Anxela Bugallo dixo “nunha situación na que non vai haber maiorías absolutas, o BNG vai ser decisivo para a gobernabilidade do estado e para que se atendan os problemas de Galiza”.
Tamén se fixo mención a que ata o de agora foran os nacionalismos catalán e vasco os que decidiran os gobernos do estado e chogou a hora de que sexa o nacionalismo galego, o BNG, o que faga ese papel.
Vindo de volta no coche sentín un pouco de envexa escoitando na radio unhas declaracións do presidente de Endesa… falaba en catalán!
22 Xaneiro, 2008
Sen clasificar
4 Comentarios
Despois duns meses de descanso, coido que merecido tras 4 intensos anos de actividade, decídome a continuar coa actualización do meu blog para ter un instrumento dende o que comunicarvos as miñas inquedanzas e traballo, así como as do grupo municipal do BNG, elixido o 27 de maio do pasado ano.
E para comezar esta nova andaina, nada mellor que comentar as novas da prensa de hoxe sobre a posíbel solución para levar a cabo o enlace do Parque Empresarial coa futura autovía do Salnés.Ao parecer as tres partes implicadas van facerlle caso ao BNG, como pedíamos na nosa nota do 10 de novembro pasado, e todos din que van chegar a un acordo e costeando o importe da construción a tres bandas.
Benvido sexa o consenso!
Agora quédalles só explicar a cada un deles o seu troco no discurso e actitude. Os promotores presentaron en rolda de prensa un informe xurídico que os eximía de pagar o enlace mais eles, altruistamente, están dispostos a poñer a súa parte. A Sra. Alcaldesa sempre dixo que ese enlace non lle ía custar nada aos veciños de Sanxenxo. No pleno do 25 de setembro pasado dixo: “Sanxenxo é un concello rico que pode axudar, si, pero que os seus recursos non están para pagar entronques”. Algo debeu pasar porque agora xa pode. A conselleira de Política Territorial fartouse de dicir que o enlace tiñan que pagalo, por lei, os promotores e agora parece ser que tamén vai pagar. Debeu cambiar a lei e nos sen enterarnos!A postura dos promotores enténdese. O troco de postura dos representantes do Concello (PP) e da Consellaría de Política Territorial (PSOE), será porque nos atopamos ás portas dunhas eleccións?
21 Xaneiro, 2008
Eventos
Non hai comentarios
| 26 Xaneiro 2008 |
| 6:00 pm | to | 8:00 pm |
Celébrase no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, apartir das 18.00 horas.