A volta

Sen clasificar 4 Comentarios

Despois duns meses de descanso, coido que merecido tras 4 intensos anos de actividade, decídome a continuar coa actualización do meu blog para ter un instrumento dende o que comunicarvos as miñas inquedanzas e traballo, así como as do grupo municipal do BNG, elixido o 27 de maio do pasado ano.

E para comezar esta nova andaina, nada mellor que comentar as novas da prensa de hoxe sobre a posíbel solución para levar a cabo o enlace do Parque Empresarial coa futura autovía do Salnés.Ao parecer as tres partes implicadas van facerlle caso ao BNG, como pedíamos na nosa nota do 10 de novembro pasado, e todos din que van chegar a un acordo e costeando o importe da construción a tres bandas.

Benvido sexa o consenso!

Agora  quédalles só explicar a cada un deles o seu troco no discurso e actitude. Os promotores presentaron en rolda de prensa un informe xurídico que os eximía de pagar o enlace mais eles, altruistamente, están dispostos a poñer a súa parte. A Sra. Alcaldesa sempre dixo que ese enlace non lle ía custar nada aos veciños de Sanxenxo. No pleno do 25 de setembro pasado dixo: “Sanxenxo é un concello rico que pode axudar, si, pero que os seus recursos non están para pagar entronques”. Algo debeu pasar porque agora xa pode. A conselleira de Política Territorial fartouse de dicir que o enlace tiñan que pagalo, por lei, os promotores e agora parece ser que tamén vai pagar. Debeu cambiar a lei e nos sen enterarnos!A postura dos promotores enténdese. O troco de postura dos representantes do Concello (PP) e da Consellaría de Política Territorial (PSOE), será porque nos atopamos ás portas dunhas eleccións?