Beneficios empresariais
28 Febreiro, 2008 Política xeral Non hai comentariosMentres os galegos e galegas estamos a falar do prexuízo que vai a ter para os nosos petos que o Ministerio de Industria suprima a Tarifa Nocturna, Unión Fenosa anuncia que o ano 2007 tivo uns beneficios de case 1.000 millóns de euros, un 55% máis que no ano 2006. Todo isto a costa de esnaquizar os nosos rios inzándoos de encoros e de sementar os nosos montes con muíños de vento.
Tamén Telefónica (de Essspaña, coño) anunciou hoxe que gañou no ano 2007 un 42,9% máis que no 2006, obtendo uns beneficios netos de 8.906 millóns de euros. Máis os usuarios seguemos a sufrir os peores e máis caros servizos de banda ampla de toda Europa. Lembremos que Telefónica, xunto con outras empresas (Endesa, Repsol, Tabacalera, etc.), foi privatizada polo primeiro goberno Aznar, conquerindo con estas vendas a bonanza económica da que presumiron e inda presumen.
Agora sairán os bancos mostrando uns beneficios astronómicos (as entidades financeiras sempre saen gañando, haxa bonanza ou recesión económica) e presumindo de que aumentaron as súas gañanzas en porcentaxes dun 20, 25 ou 30%. Mentres Rajoy e Pizarro din que están a descubrir aos “currantes”, Nuñez Feijoo dixo onte, no transcurso do debate, que para revitalizar a economía había que baixar o imposto de sociedades en 5 puntos. Pola boca morre o peixe!
Alguén dixo un día: “obreiros do mundo, xuntádevos!”



