31 Marzo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Todos os gobernos do Partido Popular en Sanxenxo caracterizáronse pola desinformación aos veciños e veciñas.
O exemplo máis “sangrante”, que nos leva a facer esta afirmación, foi a elaboración e aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Isto fainos lembrar que o documento aprobado (PXOM), no que se contempla a construción de unhas 11.200 vivendas nos diversos polígonos de nova creación, Solos Urbanizábeis (S.U.), Polígonos de Execución Integral (P.E.I.) e Plans Especiais de Reforma Interior (P.E.R.I.), non deixou previsto a solución para dotar de auga e saneamento a estas vivendas.
Para arranxar esta situación, o goberno municipal do PP, aprobou a finais do ano 2.006 (3 anos e medio despois de aprobado o PXOM) un Plan Director de Saneamento e Abastecemento de auga para todo o concello.
Este Plan Director, valorado en 38.931.105,67 €, foi incluído nos orzamentos do Concello do pasado ano 2.007 que deben ser financiados polos promotores dos distintos polígonos de nova creación (S.U., P.E.I. e P.E.R.I.).
No apartado de saneamento, do devandito documento, hai un parágrafo que di o seguinte: “Por outra banda, hai unha zona que se separou e proponse que verta á futura EDAR de Raxó, que tense provisto construír no barrio do mesmo nome. A esta futura EDAR verterán os solos urbanizábeis SU-1 e SU-8. Os caudais de augas fecais aportados polo SU-1 e SU-8 son respectivamente 8,8 l/s e 6,4 l/s. O caudal total de fecais aportado á futura EDAR de Raxó no municipio de Sanxenxo será de 16,5 l/s.”.
Contoulle todo isto a Sra. Alcaldesa aos veciños e veciñas de Dorrón na asemblea do xoves pasado?
27 Marzo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Se non fora porque non temos quiosco para que toque a Banda Municipal, diríase que o bando escrito polo poeta Manuel María está dedicado a Sanxenxo.
Bando
Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar vágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
para que non fiquen baleiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra da Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dáse este bando en tal e cal
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Asinado, carimbado e rubricado.
26 Marzo, 2008
Política local
Non hai comentarios
Acostumados como estamos, dende que comezou este mandato en Sanxenxo, a que os Plenos Ordinarios rematen ás 12 da noite, por imperativo legal, onte levamos unha sorpresa ao dar por rematado o Pleno ás 12 menos cuarto.
A sesión comezou, como sempre, ás 20:30 h. e os 6 puntos, que conformaban a orde do día, estaban rematados antes de que deran as 21 h.
A continuación tratáronse as mocións, os rogos e preguntas que quedaran sen debater, por falta de tempo, no Pleno Ordinario do mes de xaneiro.
Entre estas estaban as preguntas formuladas polo BNG sobre os motivos da paralización das obras de O Revel en Vilalonga. Por suposto a resposta da Sra. Alcaldesa foi que “estaban paradas por culpa da Xunta“.
Canto tempo lle durará esta desculpa e ficará ao descuberto a verdadeira realidade de que si non se fan obras e infraestruturas en Sanxenxo é pola incompetencia dos gobernantes ou/e por falta de cartos?
Logo léronse as mocións deste Pleno entre as que se atopaban dúas do BNG que foron rexeitadas polo “rodillo” do PP.
Agora terán que darlle explicacións aos veciños e veciñas de Noalla e Portonovo, porque as mocións estaban feitas para beneficiar a eses veciños, non por capricho do BNG.
Aos que tamén terán que dar explicacións é aos veciños e veciñas de Vilalonga, por rexeitar unha moción que pedía o traslado da sub-estación de Fenosa.
Mais, non agardamos grandes explicacións dun grupo de goberno que está encabezado por unha Alcaldesa que tratou onte de “calaña” aos concelleiros e concelleiras da oposición!
25 Marzo, 2008
Política local
2 Comentarios
No anexo de investimentos correspondentes ao orzamento do Concello do ano 2006, figuraba a seguinte partida:
-Recuperación litoral da Ría de Arousa – 1ª fase ….. 600.000 euros.
No mesmo anexo de investimentos do orzamento para o ano 2007 había tamén a seguinte partida:
-Recuperación litoral da Ría de Arousa-2ª anualidade 2007 … 659.584,87 euros.
O pasado venres (venres de dor) o goberno municipal “resucitou” o plan de recuperación do litoral da Ría de Arousa mais, para que non pareza o mesmo, chamáronlle “recuperación da costa entre A Fianteira e A Revolta”, ou sexa, o litoral da Ría de Arousa que baña o concello de Sanxenxo.
Polo que se deduce esta debe ser a 3ª fase. Volvo a lembrarme dos filmes de ciencia-ficción, por que será?
Inda que se lle facemos caso ao refraneiro (á terceira vai a vencida), desta vai!
Claro que o refraneiro tamén nos di que non hai dúas sen tres. Uf! xa estou liado!
O concelleiro de Medioambiente lembrou que esta actuación complementarase coa próxima apertura do centro As Telleiras (pero… non estaba aberto?).
Vou ter que facerlle caso a unha reflexión que facía miña tía-avoa Obdulia: “Si é verdade, pódese crer!”
22 Marzo, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Estes días estase a celebrar o 50º aniversario da formación do Parlamento Europeo.
Esta mañá vin/escoitei unha entrevista na televisión (La 2) a dous europarlamentarios, un do PP e outro do PSOE.
Escoitando o que dicían, como nacionalista, sentín escalofríos!
Non había grandes diferenzas no seu discurso (iso non é novidade para nos) e ámbolos dous gababan as “excelencias” do sistema.
Tamén coincidían no futuro que desexaban para “a gran” Europa que pretenden construír.
A min semellábaseme a un filme de ciencia-ficción no que o poder establecido, coma un “gran irmán”, controlaba a toda a poboación terrícola formada por clons.
Dixeron algunha que outra verdade como que a política económica de todos os países que compoñen a UE decidíase dende Bruxelas e concretaron que, por exemplo, pouco podían facer os estados ao respecto do prezo das hipotecas.
Eu lembreime da recente campaña ás eleccións xerais do estado español, na que eses mesmos partidos tiñan nese senso un discurso ben distinto.
Esa é outra das grandes diferenzas dos partidos estatais co BNG que mantén o mesmo discurso nos concellos, no Parlamento Galego, en Madrid, en Europa ou na China!
O remate foi cando loubaron as excelencias da Política Agraria Común “que tanto bién supuso para los españoles” sentenciou a xornalista que os entrevistaba.
Que llo pregunten aos gandeiros, leiteiros, viticultores e adegueiros galegos!
21 Marzo, 2008
Política local
1 Comentario

Agora comézanse a ver os resultados do “marabilloso” PXOM elaborado por Telmo Martín para Sanxenxo.
Para decatarse ben das consecuencias só hai que dar unha volta en barco pola ría de Pontevedra e ollar para a costa oeste.
Iso é o que fixen eu este xoves pola mañá, aproveitando o espléndido día (segundo as televisións estatais ía chover case todos os días de semana santa en Galiza).
Que peniña da ver como está (e como vai quedar) a nosa costa e iso que inda non comezaron as obras en Punta Festiñanzo!
Ao concello de Sanxenxo non debeu chegar a recesión ao sector da construción porque, sen fixarme demasiado, contei 40 guindastres de obra á beira da costa.
Se queredes ter unha idea do asunto, botádelle unha ollada á galería do blog. Leer o resto …
19 Marzo, 2008
Política local
1 Comentario

Ante as queixas do BNG polo perigo que supoñía a “piscina” da finca municipal do Revel en Vilalonga, por unha vez os gobernantes do concello de Sanxenxo fixéronnos caso!
Como podedes comprobar pola foto, retiraron o valado da obra que era moi feble e podía traspasarse sen problema e puxeron outro que si impide totalmente a entrada á finca.
Quen dixo que en Sanxenxo non se miraba pola seguridade cidadá?
Todo o mundo sabe que os rapaces que pasan por esa estrada para adestrar entenden que si hai unhas vallas do concello é porque non se pode pasar!
Teño que darlle os parabéns ao concelleiro responsábel, o que pasa é que teño un problema, non sei si darllos ao de infraestruturas, ao de seguridadé cidadá ou ao de urbanismo.
Como diria Forges: “país…”
18 Marzo, 2008
Política local
2 Comentarios
Donde verdadeiramente se ven as contas dun concello é cando se liquidan anualmente.
Os orzamentos poden dicir o que queiran os gobernantes de turno, mais a verdade emerxe cando se fan públicos os datos da liquidación anual.
No Concello de Sanxenxo esta práctica é habitual dende a chegada ao goberno de Telmo Martín.
Todos os anos nos presentaron uns orzamentos “astronómicos” que sistematicamente baixaban á realidade ao presentar as contas anuais. (Lembrade o poema de Manuel María: “ …os números son xustos, mouros, xeados, abraiantes…”)
Ano Orzamento Liquidación
——– ——————— ———————–
2002 56.687.461 € 23.582.531 €
2003 29.921.500 € 20.154.912 €
2004 39.165.249 € 21.174.049 €
2005 38.611.908 € 20.834.295 €
2006 58.207.474 € 36.961.374 €
2007 114.662.348 € ????????
Si no ano 2006 lle sacamos os ingresos procedentes de urbanismo (cesións en metálico dos promotores polo desenvolvemento do PXOM) e o crédito de 5.420.000 €, quédanos que os orzamentos reais do Concello de Sanxenxo andan ao redor dos 20 millóns de euros, sendo xenerosos, cun marxe para investimentos de só 1 ou 2 millóns de euros.
Dos 114 millóns do ano 2007… non quero nin falar! Leer o resto …
17 Marzo, 2008
Política local
2 Comentarios
Estes días, previos á presentación dos orzamentos do Concello (supoño que non tardarán), vou facer unha serie de comentarios sobre os mesmos, para dar a coñecer certos datos que os veciños e veciñas teñen dereito a saber.
Hoxe falarei sobre o capítulo I de gastos, que se refire ao custo do persoal.
Para que se vexa o “despilfarro” que neste apartado ten o Concello de Sanxenxo, vou facer unha comparativa dende o ano 2.003.
Ano Gastos de Persoal Habitantes Euros/Habit.
——– ——————————– —————– ——————-
2003 3.938.875 Eur. (Liq.) 16.312 241,47
2004 5.050.799 Eur. (Liq.) 16.424 307,53
2005 5.931.123 Eur. (Liq.) 16.598 357,34
2006 6.564.960 Eur. (Liq.) 16.914 388,14
2007 8.352.529 Eur. (Orz.) 17.077 489,11
Como se pode comprobar, en 5 anos de gobernos do PP, o gasto de persoal multiplicouse por dous, mentres a poboación de Sanxenxo só aumentou en 665 persoas.
Chama poderosamente a atención o incremento de case 2 millóns de euros no primeiro ano de goberno da actual alcaldesa.
Alguén notou a diferenza en calidade de servizos, con respecto aos gobernos anteriores, que xustifiquen este incremento? Leer o resto …
14 Marzo, 2008
Política local
1 Comentario
Lei 39/1988, de 28 de decembro, Reguladora das Facendas Locais:
Artigo 150.2.-
“A aprobación definitiva do Orzamento Xeral polo Pleno da Corporación realizarase antes do día 31 de decembro do ano anterior ao exercicio no que deba aplicarse”.
Isto é o que di a lei. Para o goberno do Concello de Sanxenxo non deixa de ser algo mais ao que non facer caso.
Este hábito de non cumprir a lei, á hora de aprobar os orzamentos, é outra das cousas que aprendeu a actual alcaldes de Telmo Martin.
Vexamos as datas de aprobación dos orzamentos dos últimos 4 anos:
2.004.- 6 de maio de 2.004
2.005.- 9 de xuño de 2.005
2.006.- 24 de febreiro de 2.006
2.007.- 12 de marzo de 2.007
Os do ano 2.008 xa non poden ser aprobados antes do mes de abril.
Esta demora podería entenderse si o grupo de goberno estivese formado por unha coalición de partidos, que tivesen que negociar a súa distribución, ou si o goberno aceptase discutir propostas dos grupos da oposición. Mais este non é o caso en Sanxenxo.
Con amplas ou raspadas maiorías absolutas, o Partido Popular non é capaz de presentar os orzamentos en tempo e forma segundo contempla a lei.
Non sei porque lle dan tantas voltas, si ao final os orzamentos para eles son só un simple papel que non cumpren nin de lonxe.
Outro día falareivos dos números, eses números aos que cantou o Poeta da Terra, Manuel María:
“Señor Director: vostede sabe ben
que os números son xustos,
mouros, xeados, abraiantes,
son unha sociedade limitada
anónima, triste, mercantil
somentes os ceros son humanos:
tenros, redondos, ben feitiños.
¡Se vostede poidera –hoxe tan só-
trebellar cos ceros, como as nenas
-milagre dos milagres-
trebellan, inocentes, cos seus aros!”
« Entradas anteriores