30 Abril, 2008
Política local
Non hai comentarios
Eu gosto moito do refraneiro popular (xa vos decataríades) porque case sempre hai un dito axeitado para cada situación.
Algúns poden aplicarse a varios casos, se non o tomamos ao pé da letra.
Un destes é o que di: “Comer e rañar, todo o mal é empezar”.
Isto podemos aplicarllo aos gobernantes de Sanxenxo e dun xeito especial á Sra. Alcaldesa.
Oes, foi por o primeiro contencioso e collerlle gusto ao asunto!
Xa se comenta polo pobo:
“Sabedes cal é a política da Alcaldesa de Sanxenxo cando non sabe que facer para resolver un asunto?
Poñer un contencioso!”
Agora tocoulle a quenda ao proxecto de seguridade viaria da PO-504.
Eu, si ela me deixara, usaría outro refrán para darlle un consello: “vale mais un mal arranxo que un bo preito”.
Mais estou seguro que algúns usarían outro: “preitos teñas e os gañes!”.
29 Abril, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Onte non puiden escribir porque o portátil “cascou”. Non me estraña, o probe xa non da para máis!
Hoxe tiña dúbidas sobre o que escribir.
A primeira intención era comentar as queixas dos alcaldes e alcaldesas da comarca do Salnés polo retraso nas obras da Autovía, mais díxenme: lembra o que dicía túa sogra “do que todo o mundo ve, ti non fales”.
Tamén me axudou a desbotar ese comentario que xa noutros foros a cousa era vista como corresponde (vaia cara teñen algúns mandatarios!).
Hoxe vivín unha circunstancia persoal desas que che fan pensar que paga a pena facer o que fas e como o fas, que a meirande parte da cidadanía agradece o traballo que fan/facemos algúns e que os ruíns e mal pensados son unha insignificante minoría que non paga a pena telos en conta.
Rematou de convencerme a nova que publica hoxe un xornal.
O dito: hai días bos!
27 Abril, 2008
Política local
3 Comentarios
Hoxe, que é domingo, quero dedicarlle un poema de Manuel María ao grupo de goberno do PP de Sanxenxo.
Tendo en conta que son xente moi nova e que se atoparon cuns soldos mensuais aos que non estaban acostumados, coido que lles virá moi ben este manual!
Breve manual para deprender para señorito
Aínda que un non sexa moi bonito
non é difícil chegar a señorito.
Primeiro hai que odiar o comunismo
e pensar somentes en un mismo,
non facerlle moito caso aos pais,
tratar con certo desprecio aos demais.
Hai que ter en conta o que convén,
adequerir modales finos,
codearse só con “xente ben”,
aproveitados, cucos e cretinos,
ser socio de todos os casinos,
mercar sempre autos deportivos
e traxes e corbatas elegantes,
coñecer toda clás de aperitivos
saberse comportar nos restaurantes,
distinguir os wiskis ao cheiralos,
entender de bridge e de canasta,
de golf, de tenis e cabalos,
non alternar con xente doutra casta.
Tamén é comenente ter querida,
xantar e cear sempre as deshoras,
abusar o que se poida da bebida
e ser moi galante coas señoras.
Non falar galego endexamais
(é idioma do pobo, moi vulgar),
vivir do que súan os demais,
¡e denantes morrer que traballar!
26 Abril, 2008
Política local
2 Comentarios
Nas cidades, vilas e pobos que entregan distintivos de honra anualmente, cando é o Concello o que concede o galardón, normalmente constitúese unha comisión na que están representados todos os grupos políticos, ademais das asociacións relacionadas co evento.
Tamén se conta cun regulamento que define a quen se concede (persoas físicas, xurídicas, asociacións) e os méritos para facerse merecentes do galardón.
Esta práctica democrática fai que a distinción sexa consensuada e conte co respaldo dunha ampla maioría da poboación.
O Concello de Sanxenxo, que non celebra comisión nin conta con regulamento, outorga anualmente Raias e Cebolas de Ouro sen que, na meirande parte dos casos, se coñezan os méritos polos que se lle entrega o distintivo, sobre todo aos persoeiros de fora da localidade.
Este ano vaise a conceder a Raia de Ouro a un coñecido ”home do tempo” dunha televisión estatal.
Úlos méritos para merecer a Raia de Ouro?
Non hai moito que os hostaleiros locais queixábanse de como se trataban as informacións meteorolóxicas, no que atinxe ás Rias Baixas e nomeadamente a Sanxenxo, nos medios televisivos estatais, e agora o Concello agasalla a un deses informadores!
Eu non entendo nada!
25 Abril, 2008
Política local
Non hai comentarios
Hoxe despertámonos coa confirmación da nova, da que algúns xa tíñamos información dende hai tempo, de que o grupo de empresas Costas Galicia vai trasladar a súa sede ao concello veciño de O Grove.
Esta noticia ten moita máis importancia do que poder semellar a simple vista.
O Grupo Costas Galicia, con enderezo social en Aios (Noalla), é a empresa mais grande do concello de Sanxenxo, tanto por facturación (57,7 millóns de euros no ano 2007) como polo número de empregados (preto de 200).
Aparte é o turoperador máis importante do norte do estado.
Ante esta noticia, eu fágome as seguintes preguntas:
Que fixo o goberno municipal de Sanxenxo para evitar que a empresa se traslade de concello?
A inconsciencia do grupo de goberno permitiralles crer que non ten importancia esta perda?
Como podemos deixar marchar a maior empresa de turismo dun concello como o de Sanxenxo?
Terá algo que ver a marcha da empresa co retraso na posta en funcionamento do Parque Empresarial?
Mentres tanto a Sra. Alcaldesa e a concelleira do sector andan polo mundo adiante de “coña mariñeira”, perdón coas “Villas Marineras”.
Despois dun ano, dende que se fixo cargo do goberno municipal o actual grupo do PP, comézase a ver as consecuencias da súa ineficacia, como por desgraza algúns temíamos!
24 Abril, 2008
Política local
3 Comentarios
Asegúrovos que non teño poderes adiviñadeiros, nin teño liña directa con “Rappel”, nin nada semellante, o que pasa é que algúns políticos que temos son moi previsíbeis nas súas actuacións.
Digo isto porque o que publica hoxe o Diario de Arousa sobre o enlace do Parque Empresarial coa futura autovía do Salnés é mais ou menos o que dixen eu neste blog o pasado día 18.
Só me faltou por cifras.
Trabuqueime no motivo que darían para xustificar o acordo. Ao parecer ninguén rectifica (polo menos non se consideran sabios) senón que a desculpa é ter recuperado o “diálogo institucional”.
Benvido sexa o diálogo institucional!
Isto quere dicir que temos mais preto a solución aos problemas xurdidos pola falta de diálogo entre o Concello e as consellarías de Política Territorial e Medioambiente nas demais infraestruturas paralizadas… ou non?
Os que se mostran encantados son os promotores do Parque Empresarial: “500.000 euros sería unha cantidade asumible e razoable”.
Non van a estar!
En canto ao Concello, a ver si vai ter razón o “mal pensado” que puxo o comentario no post de onte!
Leer o resto …
23 Abril, 2008
Política local
2 Comentarios
Escribía eu o 14 de marzo pasado que o orzamento do Concello, para o ano 2008, xa non podía ser aprobado antes do mes de abril.
Ás alturas que estamos do mes de abril, xa teño que dicir que o orzamento non vai ser aprobado antes de finais do mes de maio.
Pero pregúntome eu: que tipo de contas estarán a facer para tardar tanto en presentar os orzamentos?
Eu vou a aventurarme a adiantar a cifra que van a presentar: 71 millóns de euros.
Ollo, isto non quere dicir que este sexa o orzamento real do Concello de Sanxenxo, eh!
E de onde saco eu estes datos, preguntaredes vos. Pois sinxelamente facendo as contas que fai o goberno:
22 millóns que son os que realmente se recadan por impostos, taxas e transferencias doutras administracións.
10 millóns que debe haber sen gastar dos recadados por ingresos urbanísticos.
E os outros 39 que faltan? Pois volverán a incluír o importe do Plan Director de Abastecemento e Saneamento que xa puxeran o ano pasado.
Por certo, falando do “famoso” Plan Director, xa se sabe que non está nin comezada a súa execución, pero o mais grave é que non se debeu cobrar nin un só euro aos promotores dos solos urbanizábeis (S.U.), P.E.I. e P.E.R.I.
Digo isto porque eu teño pedido por Rexistro no Concello (o 27 de marzo) unha certificación de canto se leva recadado ata agora por este concepto e a día de hoxe inda non teño noticias, o que me leva a pensar que non a dan porque non teñen datos que facilitar.
Se iso fose así estarían incumprindo, unha vez mais, un acordo plenario no que se dicía que os promotores tiñan que pagar a cota que lle correspondía, segundo os metros cadrados edificábeis, para financiar o devandito Plan Director de Abastecemento e Saneamento, como moi tarde ao aprobar o Proxecto de Urbanización.
A día de hoxe hai 18 Proxectos de Urbanización aprobados! Leer o resto …
22 Abril, 2008
Política local
4 Comentarios
Hoxe sae publicado que o vindeiro 15 de maio celebrarase a promoción do destino “Turismo de Sanxenxo” en Bilbao.
Ata aquí todo ben. É necesaria a promoción do turismo.
O que xa non vexo tan ben é que se vaian gastar no evento 121.000 euros (20 millóns de pesetas). A min non me saen as contas!
Din que asistirán ao “coctel” uns 400 convidados. O acto terá lugar na sala Rock de Bilbao. Presentará o monologuista Manuel de la Cámara, sortearanse 15 ordenadores portátiles e agasallarase aos asistentes con dous cheques de 1.000 euros e outros dous de 500 euros.
Fagamos a “conta da vella”:
- Coctel ……………………………. 20.000 euros?
- Aluguer local ………………….. 12.000 euros?
- Monologuista …………………. 5.000 euros?
- 15 portátiles …………………. 15.000 euros?
- 4 cheques ……………………. 3.000 euros?
- TOTAL ……………………. 55.000 euros?
Vale, dacordo, as contas da vella xa sabemos todos que nunca dan! Engadámoslle 10.000 euros máis para estar tranquilos, ou senón mellor 15.000 para asegurarnos de todo.
Despois deses gastos quedarían 51.000 euros para o viaxe da Sra. Alcaldesa e demais acompañantes.
Un pouco moito, non vos parece?
21 Abril, 2008
Política xeral
Non hai comentarios
Cada vez as “precampañas” para calquera convocatoria electoral son máis longas. A das eleccións galegas do vindeiro ano xa comezou.
Andan xa os altos cargos do PSOE nerviosos a estas alturas, que por outra banda non me estraña.
Mentres eles se dedican a falar, descualificar e poñer contenciosos, o Vicepresidente e os Conselleiros e Conselleiras do BNG dedícanse a traballar.
Botémoslle unha ollada por enriba ao que levan feito as consellarías dirixidas polo BNG.
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar:
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Galescolas, Centros de Día, Centros “Quérote”, rede de locais de ensaio, etc.
Consellaría de Innovación e Industria:
Decreto Enerxía Eólica, Lei de Turismo de Galiza, Lei de horarios comerciais, Lei do Comercio Interior de Galiza, Lei do Consumo de Galiza, etc.
Consellaría do Medio Rural:
Banco de Terras de Galiza (Bantegal), Lei de Montes de Galiza, Mesa de Prezos do viño, etc.
Consellaría de Cultura e Deporte:
Posta en marcha da Rede de Bibliotecas de Galiza, Plan de Artes Escénicas, creación da Biblioteca e Arquivo Nacional, creación das seleccións nacionais, etc.
Consellaría de Vivenda e Solo:
Plan de vivenda 2005-2008, creación do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida, Rehabilitación de Conxuntos Históricos, Programa de Vivenda en Aluguer, Norma do Hábitat Galego, Plan Galiza Suma para creación de Solo Empresarial, etc.
Facede agora un percorrido polo resto das consellarías, dirixidas polo PSOE, a ver de cantas iniciativas vos lembrades.
Non me estraña que os do PSOE estean preocupados, e si a compañía do BNG no goberno parécelles unha “hipoteca”, que a vaian pagando para que non entren nas listas de morosos!
19 Abril, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
O que sempre máis admirei nas persoas, deixando a parte o clásico de honradez, fidelidade, capacidade de traballo, etc., é a iniciativa e a imaxinación.
Por iso téñolle un tremendo respecto aos compositores de calquera tipo, aos escritores, aos guionistas, e a todos/as que poñan a súa iniciativa e imaxinación en prol dos demais.
Quen non fixo algunha vez o seguinte comentario: “como non se me ocorrería a min?” ou o contrario: “isto a min nunca se me ocorrería”, cando ve algo novidoso, xa sexa no seu traballo, lendo unha novela ou ollando un anuncio publicitario?
Pola contra, téñolle verdadeiro arrepío aos que só se dedican a comentar as cousas que din/fan os demais.
Danme noxo os “tertulianos”, tanto os radiofónicos coma os televisivos, non tanto os que debaten sobre unha materia da que son coñecedores senón os que opinan e “apostolizan” sobre calquera cousa que se mova.
Teño dúbidas sobre os/as columnistas.
Neste gremio hai de todo: os que o fan como “tertulianos” e os que teñen mais madeira de escritores.
Aos primeiros definiunos dun xeito xenial o meu amigo Manuel Jabois: “aficionado a opinar de todo para non comprometerse con nada: un impostor, un falsario”.
Tamén hai outros que teñen un poder de observación que a min fanme pensar unha variante do que dixen mais arriba: “como non o diría eu antes?”.
Botádelle unha ollada a este artigo de José Luis Sucasas e despois facede unha viaxe mental polo rural de Sanxenxo.
« Entradas anteriores